Seara pregunta ao Goberno “qué fará” se a Audiencia Nacional o obriga a revoga-la orde que permite converte-lo castelo de Monterrei nun Parador

12/03/2015
By

A deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, rexistrou hoxe no Congreso dos Deputados unha iniciativa parlamentaria coa que pide ao Goberno central que dea “marcha atrás e revogue o acordo polo que se ampliaron os usos do castelo de Monterrei”.

Seara sinala que a Audiencia Nacional dictou un auto no que desestima as alegacións presentadas pola Avogacía do Estado á denuncia que no seu día interpuxera a Plataforma en Defensa do castelo de Monterrei. Porén, dito auto sinala que a defensa do patrimonio cultural si lexitima aos veciños neste proceso xudicial.

Por iso, a deputada advirte ao Goberno central que “a Audiencia Nacional podería dictar sentenza favorable á denuncia interposta pola Plataforma en Defensa do castelo de Monterrei, e obrigar ao Goberno a revoga-la orde de cambio de usos do castelo”. Xa que logo, Seara pídelle ao Goberno central que resposte acerca de “qué actuacións tería que levar a cabo o Goberno se esto ocorre”.

Seara xa denunciara no Congreso, en setembro do 2014, cunha Proposición Non de Lei, as nefastas consecuencias que estaban tendo para o castelo de Monterrei as obras realizadas para convertelo nun hotel de luxo. Xa entón, a deputada instou ao Goberno central a revoga-la Resolución de 1 de xullo do 2014, na que a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado acordara amplia-lo destino previsto na cesión á Xunta do castelo e o seu recinto amurallado. Do mesmo xeito, Seara solicitou que o Goberno central se dirixise á Xunta para paralizar inmediatamente as obras.

A deputada reproba que “aquela Resolución do Goberno do PP foi para satisface-lo capricho de Feijóo, que non é outro que o de construír un hotel de luxo no castelo, coa previsión de cedelo despois á Administración turística do Estado para a súa explotación a través da Axencia de Turismo de Galicia”. Para Seara “o investimento para converter o castelo nun hotel de luxo, é un absurdo desperdicio económico, cando xa existe un Parador a escasos metros da fortaleza de Monterrei, que ten que pechar catro meses ao ano por falla de demanda hoteleira”.

Ademais, Seara sinala que “a día de hoxe, as obras seguen o seu curso, o que pode supoñer un completo malgasto de cartos públicos, se finalmente a sentenza da Audiencia Nacional é favorábel á petición dos veciños”, polo que empraza ao Goberno central a “rectificar canto antes; non só en interese do monumento nacional e dos veciños de Monterrei, senón tamén por decencia, antes de que poida suceder que unha sentenza da Audiencia Nacional lle poda poñe-la cara colorada”.

Tags: , , , , , , ,