Seara reprocha ao Goberno central que non conteste no Congreso dos Deputados, pero vaia ao encoro d’As Conchas a “vender” actuacións “de atrezzo” que non solucionan o problema da súa contaminación

A deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, critica que “o PP case en pleno -delegado e subdelegado do Goberno, presidente da Deputación, delegado da Xunta, presidente da CHMS e alcaldes de Bande e Muíños- foi ao encoro d’As Conchas a facerse a foto e a ‘vender’ actuacións de atrezzo que non solucionan o problema de contaminación que sofre o encoro e o río Limia”.

Seara considera que “esta visita en masa de membros do PP ao encoro prodúcese trala denuncia que os socialistas fixemos no Congreso dos Deputados, hai apenas dúas semanas, sobre o problema de contaminación existente no val do Limia e a preocupación social por este asunto”, e critica que “vaian respondernos ao encoro d’As Conchas con atrezo, en lugar de facelo no Congreso” e que “as actuacións que o PP foi a ‘vender’ á zona -vestiarios, piscinas municipais e aparcadoiro- poden ser positivas como medidas turísticas e de ocio alternativas para o baño ante a contaminación no encoro, pero non solucionan o problema; e o verdadeiro problema é a contaminación difusa existente na bacía do Limia; unha contaminación que o propio Goberno recoñeceu en respostas parlamentarias pero á que non ofrece ningunha solución”.

Fronte a esa atitude, a deputada plantexa que “son necesarias actuacións urxentes de recuperación do sistema fluvial do río Limia, e non é suficiente coa instalación ‘dentro duns meses’ de tres illas vexetais no encoro, nin con dicir que as últimas análises non detectan cianobacterias”, xa que “as temperaturas baixas do inverno favorecen que non se vexan” as mesmas, pero estas “son acumulativas, e as altas temperaturas vindeiras poden provocar unha nova explosión” destes organismos, “como a xa sufrida na zona portuguesa do val no verán do ano pasado”.

Ente as actuacións necesarias, Seara sinala que o Goberno central “debe explicar cómo se resolverán os verquidos agrogandeiros”. Como solución, propón a posta en marcha de actuacións de boas prácticas agroambientais que apoien un equilibrio entre o desenvolvemento agrogandeiro e a sostibilidade ambiental. Así mesmo, a deputada defende que se habiliten subvencións aos produtores agrogandeiros da bisbarra, para que poidan adopta-las súas plantas e instalacións á sostibilidade ambiental.

Respecto da actuación anunciada polo PP sobre as piscinas municipais en Muíños, Seara pregunta ao Goberno central “se se realizarán con cargo ao proxecto de recuperación ambiental ‘Regenera Life’, cuxos fondos deben destinarse a soluciona-la contaminación, e non a ofrecer alternativas de baño”. Neste senso, a deputada engade que “ao PP lle gusta moito ir a anunciar inauguracións e obras, pero non ofrece solucións á contaminación no encoro e no río, e tampouco deixa claro aos veciños que non corren ningún perigo e que as augas están saneadas para uso agrícola, doméstico e de baño”. Seara resúmeo do seguinte xeito: “en ningún caso resolven a ameaza á saúde pública”.

Tags: , , , , , , , , , ,