Seara denuncia que en Ourense hai trescentas vintedúas vivendas baleiras propiedade da SAREB

11/03/2015
By

A deputada socialista no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara recibiu unha resposta do Goberno central na que este confirma que na nosa provincia existe un stock de trescentas vintedúas vivendas da Sociedade estatal de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB). A resposta sinala que, do total de 107 446 vivendas que a SAREB ten en stock en España, un 0,3% están na nosa provincia.

Seara critica que “nunha provincia como Ourense, cun alto grado de empobrecemento, un elevado índice de poboación envellecida, cunha das maiores porcentaxes de pensionistas, onde están as pensións máis baixas de toda España e onde xa hai ata desafiuzamentos, é absolutamente inadmisébel que existan vivendas baleiras”, e reproba que “as políticas do Goberno de Rajoy levaron a moitos cidadáns, a pensionistas e á clase traballadora, á asfíxia, con baixadas salariais e de pensións, con despedimentos, con máis impostos, con copagamentos, con menos prestacións sociais e tamén, a moitos, á condena de vivir nunha vivenda sen as mínimas condicións de habitabilidade ou, o que é peor, a vivir na rúa”.

Lembra Seara que os datos do último ano apuntan que na nosa provincia, “grazas ao PP e a Rajoy, 66 426 fogares teñen declarado que chegan con moita dificultade a fin de mes; o 34% dos fogares na provincia ten como único ingreso as prestacións, e o 15 % dos fogares pasa frío no inverno, como consecuencia de que o Goberno do PP lle retirara a 6094 ourensáns o bono social da luz”, e lamenta que, mentres tanto, “a política do Goberno Rajoy foi a de salvar aos bancos a costa de afundir aos cidadáns, ata con operacións nas que se perdeu diñeiro público, como é o caso da venda de NovaGaliciaBanco a Banesco, coa que o Goberno perdeu 8000 millóns de euros procedentes de impostos de todos os cidadáns”.

“É inasumíbel a existencia de trescentas vintedúas vivendas baleiras en Ourense, mentres hai xente que se vai quedando na rúa sen a súa vivenda porque non pode asumir as débedas que a afogan”, subliña a deputada, quen pide ao Goberno central “a urxente adopción de solucións”. Entre elas, reclama as propostas polo PSOE en materia de vivenda; nomeadamente: elimina-las cláusulas-chan da totalidade dos saldos vivos de préstamos hipotecarios, habilitar procedementos que faciliten que as familias que sufriron un proceso de desafiuzamento poidan usa-las vivendas baleiras propiedade das entidades financeiras que recibiron axudas públicas, impedi-la enaxenación en lotes de vivendas de promoción pública a fondos especulativos de investimento, que se garanta o uso social deste tipo de vivendas, construídas e financiadas para o devandito fin con fondos públicos, e restablece-lo dereito a percibi-la subsidiación de préstamos á vivenda.

Tags: , , , ,