Seara denuncia a “pírrica” execución do Ministerio nos proxectos medioambientais da provincia

Tras recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central, a nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denuncia que “o nulo grado de execución do Goberno central nas partidas aprobadas nos orzamentos do Estado para proxectos medioambientais na provincia de Ourense é intolerábel”.

Seara preguntou ao Goberno central polo grado de execución de cada un dos proxectos medioambientais con consignación nos orzamentos do Estado para Galicia e que afectan concretamente á provincia de Ourense.

Na súa resposta, o Goberno central confirma que a porcentaxe de execución na práctica totalidade de devanditos proxectos é do 0%. Este é o caso dos seguintes: Adecuación de camiños naturais, Adecuación ambiental, Estacións automáticas de calidade das augas, Conservación e mantemento de canles, Control de calidade de augas superficiais, Sistema automático de información hidráulica, Actuacións en infraestruturas hidráulicas, Xestión de riscos de inundacións, Plan Hidrolóxico de bacía e a Nova Sé Central da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A deputada socialista resalta así “a falta de compromiso do Goberno coas actuacións medioambientais de Ourense”. Especialmente graves considera as nulas execucións “do proxecto para a nova sé da Confederación Hidrográfica, que tiña dotación orzamentaria aprobada de 50 000 €” e da “elaboración do Plan Hidrolóxico de bacía, dotado con 87 000 €”. En canto ás obras da bacía hidrográfica Miño-Sil, proxecto dotado con 25 000 €, a deputada critica que a execución sexa de tan só o 7,3%.

Reproba Seara que “os mellores datos da resposta do Goberno sinalan un grado de execución que rolda tan só o 20%”. Como exemplo, sinala o proxecto de Defensa contra Avenidas “que tiña orzamentados 45 000 €, dos que o Goberno gastou só 8700, chegando así a execución ao 19,3%”. Do mesmo xeito, o grado de execución de diferentes actuacións de saneamento e depuración en Galicia, incluída a nosa provincia, é do 28,8%. “Estas actuacións tiñan unha dotación orzamentaria de 3,5 millóns de euros, e o Goberno executou só un millón”, protesta a deputada.

O único proxecto que se salva dun inexistente ou ínfimo grado de execución sería, segundo a resposta do Goberno central, o programa “Carisma”, cunha porcentaxe de execución do 161,17%.

“De pouco serve que o Goberno do PP engane aos cidadáns galegos e ourensáns ‘pintando’ nos orzamentos xerais do Estado partidas económicas que logo non executa”, denuncia Seara, quen tamén lembra que “isto é o que vén facendo ano tras ano o Goberno do PP de Rajoy co AVE a Galicia, cuxa porta de entrada é Ourense”; así “dende que goberna, Rajoy sempre inflou os orzamentos para Galicia e para Ourense coas partidas para o AVE, cuxa execución logo non alcanzou o 40%; agora comprobamos que o mesmo fai coas partidas para proxectos medioambientais da provincia”, lamenta.

Ademais, a deputada presentou hoxe unha nova iniciativa parlamentaria coa que esixe ao Goberno central “que explique as cifras” pois considera que “a resposta do Goberno fai unha ‘sopa de números’ cando despois afirma que a porcentaxe de execución de proxectos medioambientais na provincia de Ourense é do 67%”: “é imposíbel que, proxecto a proxecto, a execución sexa do 0% ou do 20%, e logo, no conxunto, a execución acade o 67%; as cifras non cadran”; e apunta á “incapacidade e nulidade dos responsables do Ministerio de Medio Ambiente para executa-las partidas aprobadas para Ourense e para Galicia”.

Onte mesmo, Seara pediu que comparezan no Congreso tanto a ministra de Medio Ambiente como o Secretario de Estado para que ofrezan explicacións sobre a contaminación do embalse das Conchas e o río Limia ( http://socialistasdeourense.org/?p=1112 ).

Tags: , , , , , , ,