Besteiro asegura que os ourensáns poderán elixir en maio “entre un alcalde socialista autónomo nas súas decisións e o candidato teledirixido do PP”

nuevo-3

O secretario xeral nacional, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe que os cidadáns da capital provincial poderán elixir, nas eleccións municipais de maio, “entre un alcalde do PSdeG autónomo nas súas decisións e o candidato teledirixido do PP”.

Besteiro asistiu esta tarde á presentación da candidatura do PSdeG na cidade, encabezada por José Ángel Vázquez Barquero. “Temos unha moi boa candidatura e un candidato que quere ser alcalde, mentres a outros lles impuxeron ser candidatos á alcaldía”, afirmou aquel.

O máximo representante dos socialistas galegos agradeceu o traballo do actual alcalde, Agustín Fernández, e apuntou que “o proxecto de Vázquez Barquero, a diferenza doutros, está pensado por e para Ourense e os seus cidadáns, e terá todo o apoio da Executiva galega”.

“Onte, no Debate sobre o Estado da Nación, quedou claro que hai outra forma de gobernar, xa que o PP prometeu emprego, riqueza, crecemento e menos débeda, pero o escenario é o peor que podiamos imaxinar, con moita máis desigualdade”, comentou Besteiro, engadindo que “Rajoy perdeu ademais onte a moderación e a corrección, vimos a un presidente desorientado e nervioso, polo que estamos nun momento importante para nós: os socialistas temos que afianza-la nosa alianza cos cidadáns e traballar pola igualdade de oportunidades”.

Así, no caso de Ourense, o secretario xeral nacional afirmou que, “tralo proceso competitivo e democrático das Primarias, eu o único que pido é o traballo e o esforzo da candidatura e de tódolos militantes; temos que explicarlles cara a cara aos cidadáns o noso proxecto, baseado na igualdade de oportunidades e na defensa dos servizos públicos”.

Pola súa banda, Vázquez Barquero manifestou que a candidatura “integra diferentes sensibilidades: temos un proxecto plural para gaña-las eleccións municipais e levar estabilidade á cidade, un proxecto socialista que é o que demandan os cidadáns”.

Tags: , , , , , ,