Seara pide a comparecencia da ministra de Medio Ambiente e do secretario de Estado pola situación do embalse das Conchas e o Río Limia

25/02/2015
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, pediu na Cámara Baixa que comparezan tanto a ministra de Agricultura como o secretario de Estado de Medio Ambiente pola situación de deterioro na que se atopa o embalse d’As Conchas e o Río Limia.

Seara denuncia a existencia de contaminación difusa en toda a bacía do Limia e apunta que “o propio Ministerio recoñeceu nas súas respostas parlamentarias que hai seria contaminación difusa na comarca d’A Limia; é máis recoñeceu que era un tema prioritario e respostoume que era necesario reduci-la presenza de nutrintes neste sistema fluvial, fundamentalmente de orixe gandeiro”.

Seara abunda no feito de que “tódalas reunións técnicas que se celebraron, recoñeceron a situación de contaminación do embalse d’As Conchas e do río Limia”, pero considera que “o problema vén de moi atrás”, xa que o 30 de abril do 2012, a Comisión de seguimento do embalse d’As Conchas abordou medidas preventivas para palia-los efectos das cianobacterias no mesmo. Unha contaminación nada natural, toda vez que o propio Goberno central apunto, segundo tamén lembra a deputada, que “no embalse d’As Conchas, as actividades antrópicas son as que deron lugar a unha contaminación difusa e global repartida por toda a bacía”.

Seara pon de relevo que “esta bacía se atopa nunha contorna de grande valor medioambiental (zona LIC, Parque Natural do Xurés, Rede Natura e zona ZEPA), e critica que “malia as máximas proteccións medioambientais, a bacía está nunha situación máis que preocupante, e o Limia é un dos ríos máis contaminados de Galicia”.

Por iso, a deputada, reproba “o manto de silencio” por parte do Goberno central verbo da “contaminación desta zona, sobre a que existe “unha grande preocupación cidadá e denuncias constantes”. Neste senso, reclama ao Ministerio que explique “cales son as actuacións” que ten en marcha para mellora-lo embalse d’As Conchas e a súa contorna co proxecto ‘Rexenera Life’, de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da contorna do embalse, xa que, reprocha se sacan “moitas fotos, pero existe un total escurantismo sobre as actuacións e, sobre todo, sobre a situación de contaminación do río e do embalse”.

Tags: , , , , , , ,