O Presidente de ADIF reprocha a Seara que exerza como deputada pola nosa provincia

21/02/2015
By

A deputada socialista por Ourense, Laura Seara, considera un “escándalo” a resposta recibida por parte do Presidente de ADIF, Ferre Moltó, na última Subcomisión de estudo e análise do sistema ferroviario español, que se creou no seo da Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados a raíz do accidente de Angrois.

Ferre Moltó reprochou a Seara “cun absoluto centralismo antidemocrático e antiparlamentario” que, tras preguntarlle por cuestións relativas á seguridade ferroviaria e ao accidente de Angrois, a deputada o cuestionase verbo da ralentización das obras do AVE a Galicia na provincia de Ourense, o proxecto da estación do AVE en Ourense e se o AVE a Galicia manterá características de alta velocidade con dobre vía. E o Presidente de ADIF respostou á deputada por Ourense que “hai grupos que son como máis locais, pero vostede que representa ao PSOE sorpréndeme que pregunte por Ourense”.

Seara lembrou, indignada, a Ferre Moltó que “non fai falta ser deputada nacionalista para defender os intereses” da provincia pola que se é elexido deputado, e o feito de ser deputada elexida por, e representando a, precisamente, Ourense. “Débome a tódolos cidadáns, pero especialmente aos que me elixiron para que defenda os seus intereses e traslade, por exemplo, a preocupación que existe en Galicia e na miña provincia sobre a chegada do AVE”. “Deputada de Ourense –lembrou tamén Seara– como os Sres. do PP Delgado e Collarte, e se eles non preguntan pola súa provincia, eu si pregunto“.

Por outra banda, a compañeira celebra que en dita Subcomisión “por fin o Goberno recoñece a paralización das obras do AVE a Galicia na provincia de Ourense”. Lembra Seara que “dende o Grupo Socialista, levamos denunciando esta paralización máis dun ano, e por fin agora o Goberno a recoñece, aínda que é porque non ten máis remedio, unha vez constatado e publicado polos medios de comunicación”.

Porén, a deputada mostra a súa preocupación, dados os informes recentemente emitidos que apuntan atrasos na chegada do AVE a Galicia, e o feito de que o propio Presidente de ADIF recoñeceu na citada Subcomisión paralizacións “por diferenzas nos contratos”. Seara extránase de que “Ferre Moltó se empeña en dicir que os atrasos son normais, pero tamén de que non quere explicar cales son esas ‘diferenzas’ que provocan os mesmos”.

Tags: , , , ,