Seara pide no Congreso a declaración do Entroido de Xinzo como Festa de Interese Turístico Internacional

12/02/2015
By

A deputada no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara rexistrou unha Proposición Non de Lei na Cámara Baixa que insta ao Goberno central a, que unha vez cumpridos os requisitos da pertinente Orde Ministerial, declare ao Entroido de Xinzo de Limia como Festa de Interese Turístico Internacional, coa colaboración das administracións implicadas. a Proposición Non de Lei inclúe a petición do apoio do Congreso dos Deputados para dita declaración.

Seara sinala na súa Proposición que en Xinzo se empezaron xa os trámites para que o seu Entroido sexa declarado de Interese Turístico Internacional, apunta que esta declaración, de carácter honorífico, daría un empuxón a unha das festas máis antigas e simbólicas de Galicia e sostén que dita declaración suporía un revulsivo socioeconómico nunha provincia que precisa de medidas de acción positiva en todos os ámbitos e sectores de desenvolvemento

Indica a deputada socialista que o Entroido de Xinzo é unha festa ancestral, popular, que se celebra basicamente na rúa, e que ten no traxe da “Pantalla” o seu símbolo máis recoñecido e importante. “Vistoso e bailarín este personaxe alegre componse dunha peculiar e única careta artesanal que é sen dúbida unha máscara rodeada de misterio, dona e señora do Entroido de Xinzo” que, “xunto ao Peliqueiro e o Cigarrón” representan o carnaval de Galicia.

Precisamente, respecto ao Entroido galego, Seara lembra que, receentemente, en sé parlamentaria, o Grupo Socialista puxo de relevo a importancia do coñecido como “Triángulo Maxico do Entroido” da nosa provincia, que engloba os entroidos de Laza, Verín e Xinzo, tres “dos máis antigos e famosos de España e do mundo”.

Naquel debate, a deputada conseguiu arrincarlle ao Ministro de Industria o compromiso de que o Goberno central apoiaría a declaración do Entroido de Laza como de Interese Turístico Nacional, aínda que recoñecía que o Goberno non recibira ningún documento por parte do Concello desa localidade, que é quen é competente para impulsar dita declaración.

O Entroido de Xinzo de Limia, lembra a deputada, xa posúe a Declaración de Interese Turístico Nacional e agora “está en condicións de recibi-la categoría de Interese Turístico Internacional”. Para iso, desta vez, o concello de Xinzo de Limia iniciou os trámites necesarios, que deben ser continuados por parte da Xunta, para que, finalmente, o Goberno Central outorgue dita Declaración.

Por iso, Seara agarda que a esta Proposición Non de Lei do Grupo Socialista serva para contribuír a que o Entroido de Xinzo teña o recoñecemento que merece.

Tags: , , , , , , , ,