Seara leva ao Congreso o inicio da rehabilitación da Praza de Abastos nº 1 da cidade

02/02/2015
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, vén de presentar na Cámara Baixa unha Proposición Non de Lei, que será debatida na súa comisión de Cultura, para que o Goberno central comece os trámites oportunos, en colaboración co Concello da cidade, para que a reforma e rehabilitación da súa Praza de Abastos nº 1 se cofinancie con cargo ao “1,5% cultural”, nos termos do acordo aprobado por tódolos grupos municipais con representación no Concello.

No texto da proposición, Seara destaca que se trata do mercado máis importante e visitado de Ourense, nun edificio construído en 1929, dunha singular arquitectura, completado exteriormente con casetas que se edificaron, posteriormente, logo dunhas inundacións a mediados do século pasado, sinalando a esta como “a parte máis deteriorada”.

A compañeira expresa o seu convencemento verbo de haber “motivos máis que suficientes, tanto dende o punto de vista comercial e económico, como dende o patrimonial e urbanístico, para que esa rehabilitación se faga urxentemente, e coa colaboración e implicación das distintas Administracións”, e de que cun proxecto rematado e o compromiso de financiamento da administración local, este recinto emblemático mudaría a faciana dunha parte importante da cidade.

A deputada, que tamén destacou o traballo desenvolvido ao respecto polo Concello da cidade e pola Asociación de Comerciantes da Praza, anunciou que xa ten solicitada por escrito unha xuntanza cos responsables dos ministerios de Cultura e Fomento para abordar esta actuación.

Ao fío desta proposta, Seara deu conta da resposta a unha das súas preguntas parlamentarias, na que o Goberno central lle informa que, dende o 1 de xaneiro do 2011 ata o 31 de decembro do 2013, as actuacións rematadas na nosa provincia con cargo ao daquela coñecido como “1% cultural”, foron: a Fase I da rehabilitación da fortaleza d’O Castro (O Barco de Valdeorras), o acondicionamento e rehabilitación da torre do Reloxo do Mosteiro de San Rosendo (Celanova), a reparación das cubertas e consolidación xeral do mosteiro de Santa María de Melón, e a rehabilitación das cubertas da ala Norte do claustro dos Cabaleiros e a reposición da formación de beirados na fachada Sur da Igrexa, ambos no mosteiro de Oseira (San Cristovo de Cea).

Tags: , , , , , , , ,