Seara leva ao Congreso o “calvario” sufrido por un ourensán accidentado na India para conseguir ser trasladado a España

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, levou á Cámara Baixa o caso dun ourensán que, tras sufrir un accidente no aeroporto de Madurai, no estado de Tamil Nado, na India, non conseguía ser repatriado a España malia contar no seu seguro de viaxe con esta cobertura.

Esta persoa ía acompañada nesa viaxe por unha muller, tamén ourensá, á que a Compañía de seguros tampouco lle pagaba a repatriación, e que estivo acompañando durante días ao ferido no Hospital “Apollo” de Madurai.

A compañeira denunciou ante o Goberno este caso, mediante unha iniciativa parlamentaria no Congreso, “dado que hai un cidadán español ferido, e que, segundo o parte médico do hospital indio xa podía viaxar a España en voo regular, pero que por razóns descoñecidas” permanecía ingresado na India logo de doce días, poñendo Seara de manifesto na súa iniciativa que, tanto o accidentado como a súaacompañante se puxeran en contacto coa Chancelaría española en Bombay, pero nada se resolveu.

Tras coñecer esta mesma mañá que por fin se realizara a repatriación, Seara incidiu en que, malia que a orixe do problema radica nunha compañía de seguros que os afectados contrataron, “a representación diplomática debe facer todo o que estea nas súas mans” para solventa-los incidentes deste tipo. Por elo, a deputada lle pediu ao Goberno central a súa resposta acerca das causas polas que, en casos coma este, a Chancelaría española non toma medidas máis drásticas e interpela ao Ministerio de Asuntos Exteriores sobre os protocolos que se seguen cando os mesmos se producen.

Tags: , , , , , ,