Seara pide a comparecencia de Pastor para que aclare os prazos e as condicións nas que chegará o AVE a Ourense, advertindo que xa non caben máis escusas nin mentiras

17/01/2015
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, pediu a comparecencia na Cámara Baixa da Ministra de Fomento para que aclare sen dilacións nin escusas, as condicións e o calendario da chegada do AVE a Ourense. É a terceira solicitude de comparecencia, con preto de cen preguntas, que presenta Seara nesta lexislatura sobre a entrada do AVE.

Seara sinalou que “Pastor sabe moito de visitas e declaracións electoralistas, pero pouco de execución e solución de problemas”, e manifestou a súa seria preocupación polas dilacións nos proxectos, e que sospeita que o Ministerio poida pactar unha declaración de impacto ambiental para que unha posíbel “provisional” solución co terceiro fío, sexa finalmente a definitiva. E isto, segundo a compañeira, “sería grave e tería repercusións moi negativas para o futuro e o desenvolvemento económico e social de Ourense”.

A deputada emplaza á ministra: “o luns, na súa visita a Ourense, ten unha ocasión formidábel para garantir que o AVE chegará no 2018 á cidade con dobre vía”, prazo que aseguraran ela e Feijóo. “ Se chegará nesa data, que o diga, e, se non, que o diga tamén”, pediu a compañeira, advertindo, porén: “iso si, que deixe de bailar coas cifras ao son da melodía da distracción”.

Seara denunciou as artimañas de Pastor, ao lembrar que o Goberno central estivo máis de tres anos “estudando” as solucións da entrada do AVE na cidade, “todo por un capricho do PP de Ourense, que se empeñou en atacar o proxecto que deixara listo o anterior Goberno socialista, facendo un espantoso ridículo que deixou en evidencia a montaxe sobre o soterramento das vías”.

Agora, de novo Pastor volta a tentar dilata-la chegada do AVE e a faltar á súa palabra e ao seu compromiso, expresado en múltiples ocasións, de que a mesma se produciría no 2018. “Cada anuncio do Ministerio soa a atraso”, recapitulou Seara.

A compañeira afirmou que os socialistas temos demasiadas evidencias sobre a desgana de Pastor, e contrapuxo as declaracións da ministra nun célebre xantar no que espetou que o proxecto do AVE en Ourense era moi caro “porque multiplicaba por dez o investimento previsto polos anteriores gobernos do PP”, co feito de que atrasase a infraestrutura en máis de dous anos coa excusa de estudar aquel soterramento, que necesariamente encarecería moito máis o proxecto.

Tags: , , , ,