Seara denuncia que en Ourense as bolsas para aprender un idioma estranxeiro diminuíron case un 84%

17/01/2015
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denuncia que o número de beneficiarios ourensáns das bolsas para a aprendizaxe de idiomas estranxeiros para ensinos post-obligatorios non universitarios, diminuíu de 43 no ano 2011 á “ridícula cantidade” de 7 bolseiros no 2013, o que supón unha redución do 83,73%.

Así o confirmou o Goberno central nunha resposta parlamentaria á deputada na que o aquel recoñece tamén que a contía media das bolsas deste tipo outorgadas en Ourense pasou de 1818,60€ no 2011 a tan só 695€ no 2013, o que supón unha baixada do 61,7%.

Esta mesma resposta reflicte tamén que, no tocante a Galicia, o número de bolsas para aprender un idioma estranxeiro reduciuse do 2011 ao 2013, en case un 91% nos ensinos postobligatorios non universitarios, e que a contía media destas bolsas diminuíu nun 61,60%, pasando de 1784,65€ no 2011 a 685,27€ no 2013.

Seara sinala que “con estes datos, confírmase o desastre que a política de retallos en Educación está a provocar en Galicia, e concretamente en Ourense”, lembrando que “como vimos denunciando os socialistas, o discurso do ministro Wert nunca se corresponde coa realidade dos feitos: de pouco valen as falsas palabras que sempre predica relativas á importancia dos idiomas, da necesaria internacionalización do alumnado, da relevancia de estudar e investigar a nivel internacional, cando as políticas reais que implanta este ministro supoñen unha redución das bolsas en máis dun 60%”.

A compañeira subliña que iso, ademáis, se produce “nun contexto no que a crise afoga ás familias, mentres as políticas do PP incrementan a desigualdade social, e cada vez hai máis alumnos e menos recursos”.

Tags: , , , , ,