Demandamos a fin da transformación do castelo de Monterrei nun establecemento hosteleiro, e o PP, a través dunha voceira, so é capaz de mentir vergoñentamente

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara defendeu esta tarde na Comisión de Cultura da Cámara Baixa unha Proposición Non de Lei coa que insta ao Goberno central a dirixirse á Xunta “para que paralice de xeito inmediato as obras de rehabilitación e adecuación para o acondicionamento como Parador do Castelo de Monterrei”, e a “poñer en marcha unha investigación sobre os danos que estas obras están a ocasionar no castelo”, trasladar a dita Cámara “os resultados de devandita investigación”, así como “a revoga-la Resolución do 1 de xullo do 2014 pola que a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado acordou amplia-lo destino previsto na cesión á Xunta do Castelo de Monterrei e do seu recinto amurallado”.

Durante a súa intervención, Seara denunciou que “estamos ante unha operación escura e aberrante, deseñada pola Xunta co Goberno central de consentidor; un atropelo feito de costas a un pobo, para satisface-los caprichos do seu señor: un Presidente, Feijóo, co cargo subido á cabeza”.

A compañeira explicou que o castelo de Monterrei, que é monumento nacional dende 1931, foi cedido polo Goberno central á Xunta no 2009, establecéndose que o debía destinarse a usos culturais. Con todo, en febreiro deste ano Feijóo anunciou a construción dun Parador de Turismo de luxo no Castelo, malia que a só trescentos metros xa existe un Parador, que permanece pechado ao público por falta de clientela e de investimentos.

Xa no mes de xullo, segundo lembrou a deputada, e “para cumpri-los caprichos de Feijóo, a Dirección Xeral de Patrimonio acordou amplia-lo destino previsto na cesión á Xunta do castelo de Monterrei, para poder así transformalo nun hotel de luxo”. Este cambio de usos é para Seara “unha vergoña”, xa que “supón o saqueo dun ben público, co que se imposibilitan as enormes posibilidades de uso público dunha fortaleza que é emblema dunha grande comarca como Monterrei, o que causa a indignación de todos os veciños e axentes culturais”. Pero ademais, lembra Seara, “é un dispendio, nunhas circunstancias económicas como as actuais; máis nunha provincia como Ourense”.

Pero aínda engade a compañeira que “o que cheira peor é que as obras de construción do novo hotel de luxo no castelo comezaron no 2013, moito antes do anuncio de Feijóo e do cambio de usos do castelo, que logo aprobou o PP a través de Patrimonio, e que devandito proxecto comezou pagándose con Fondos FEDER” habilitados para “rehabilita-lo castelo, e non para construír un hotel nun monumento público; esto é ilegal”, denunciou.

Pola súa banda, a expresidenta provincial de Nuevas Generaciones del PP, representando a ese partido, xustificou o seu voto negativo á nosa proposta, mentindo sen vergoña, pero con total descaro, ao dicir que a Xunta presidida por Emilio Pérez Touriño tería planeado instalar vivendas no castelo, indignidade que foi desmentida por Seara asegurando que elo é “absolutamente falso”, e unha “mentira descarada” no Congreso dos Deputados. “¿Como é posíble ser tan mentirosa e retorta”, preguntouse Seara, quen lembrou que o planificado entón deixaba claro “o uso publico do castelo”, para o que se deseñara “un museo de fortalezas militares que convertería a Monterrei nun centro de referencia sobre a historia da arquitectura militar e das construcións defensivas”, elemento dinamizador ao que acompañaba a promoción do viño da D.O. Monterrei e das augas minerais da zona. A pérfida manipulación da exalcaldesa de Bande usou con descaro o feito de que dito plan do anterior Goberno da Xunta, incluía a restauración de casas abandonadas nun poboado preto do Castelo, o que non ten nada que ver con ningunha actuación parecida na propia fortaleza.

“A este paso imos ter que pedir no Congreso Comisións da Verdade”, expresou Seara ante o descaro da expresidenta provincial de Nuevas Generaciones del PP, cuxa “defensa do indefendíbel” só pode explicarse, para a nosa deputada, como xeito de “oculta-lo “sometemento do PP a intereses privados” dictados por Feijóo.

Tags: , , , , , , , , , , , , ,