Esiximos a Baltar Blanco unha explicación inmediata á cidadanía sobre o presunto financiamento ilegal do PP de Ourense

Así o manifestou o noso Sº Xeral Provincial. Raúl Fernández explicou que “o auto xudicial que coñecimos recolle graves acusacións que afectan a cargos do PP e a responsables das principais institucións da nosa provincia, como a Deputación, o CHUO, a Subdelegación do Goberno ou o Concello” da cidade.

“Esixímoslle a José Manuel Baltar total transparencia e colaboración coa Xustiza, ademais de lembrarlle que non abonda con autoerexirse en adaíl da “transparencia”, facendo xusto o contrario cando aparece un caso desta gravidade, e limitándose a botar fóra do partido ao ex-xerente do PP durante vintesete anos”, manifestou Fernández.

Para o tamén deputado no Parlamento galego, “as afirmacións do expediente xudicial nas que se ven coincidencias entre as declaracións do ex-xerente do PP, e as investigacións da Unidade de Vixiancia Aduaneira, botan por terra a teoría da vinganza por un despedimento, e fan necesarias explicacións urxentes por parte de José Manuel Baltar”.

O compañeiro engadiu que “dende a presunción de inocencia, pero tamén dende a preocupación ante as graves acusacións, fanse indispensables e urxentes as explicacións por parte do PP de Ourense: non estamos a falar dunha xenreira persoal; o auto apunta a presuntos delictos de apropiación indebida, cofeito, tráfico de influencias e falsidade documental”.

Tags: , , , , , , , , , ,