A incapacidade do alcalde de Carballiño permite que a empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar continúe a xerar graves problemas alén do vencimento do contrato

O pasado 5 de Decembro rematou o contrato da concesión do servizo de axuda no fogar do Carballiño a unha empresa que deu sobradas mostras de ineficiencia á hora de xestiona-lo mesmo. Pero, unha vez máis, atopámonos cun novo incumprimento de Marnotes e, pasados xa días, seguimos sen ter noticias da redacción do novo prego de condicións nin de qué vai acontecer co servizo privatizado.

Namentres, a empresa segue levando a xestión da axuda a domicilio sen variar nin un ápice as súas habituais técnicas de presión laboral ás traballadoras. A día de hoxe, estas aínda non percibiron o seu salario e, como única explicación, voltaron a recebi-la mesma excusa por parte de “Galaurea”: que non se lles pode paga-la nómina porque aínda non cobraron o pago correspondente por parte do Concello. É dicir: o goberno municipal confía un servizo imprescindible a unha empresa que non demostra a solvencia necesaria para levalo a cabo, e tampouco é quen de manter ao dia os pagos coa mesma. E moitas das traballadoras están vivindo unha situación insostíbel, co seu horario laboral mermado por capricho e sen razóns claras e, por tanto, o seu salario tamén reducido.

Os socialistas non entendemos cales poden ser as razóns do PP en Carballiño para seguir prolongando no tempo esta agonía, supoñemos que as mesmas que os levaron a defender o indefendébel durante un ano, a pesares das denuncias de traballadoras, sindicatos, PSdeG e mesmo das sentencias xudiciais que evidenciaron o nefasto deste acordo.

Dende o PsdeG sempre defendemos, mediante presentación de mocións, múltiples preguntas e rogos ou manifestacións, a necesidade de que o contrato fora rescindido. Hai pouco tempo, o alcalde tivo que renderse ante a realidade e por fin nos deu a razón, anunciando que non se lle ía renovar e se ía proceder á redacción dun novo prego de condicións, no que se ía ter en conta aos representantes das traballadoras. Pero a data de hoxe continuamos agardando a que o goberno municipal de Carballiño se decida a facer esa nova redacción e remate con esta situación inaturábel.

Chegados a este punto, entendemos que alcalde e Concelleira de Benestar, responsables do servizo privatizado, non lles pode quedar a máis mínima dúbida de que, efectivamente, a situación non se pode aturar. Varias foron as sentenzas que así o corroboran, así coma o informe de Inspección de Traballo. Ser ir máis lonxe, o pasado mércores, recibimos a nova de que o Xulgado lle daba a razón ao sindicato, e anulaba por abusivos, os servizos mínimos na axuda a domicilio de Carballiño, incluso condenando ao Concello ás costas, e desmentindo a valoración no senso contrario que fixera a Concelleira nun Pleno.

Esiximos ao PP de Carballiño que remate dunha vez con esta situación surrealista e dolorosa, que non nos obrigue a costear entre todos os seus pulsos xudiciais, que se renda definitivamente á evidencia de que se equivocou de empresa, como xa se equivocou dende un inicio ao privatizar o servizo, e resolva, como non adoita facer, rápido e eficientemente este tema, asumindo a responsabilidade do Concello sobre o servizo municipal de Dependencia.

Unha vez máis, como no caso do Matadoiro, no da Incineradora ou no do PXOM, o alcalde de Carballiño non ten outra que darnos a razón, esta é a diferenza entre traballar e pórlle esforzo e ouvidos ás preocupacións da cidadanía, ou agardar a que pase a tempestade. E cando un goberna e se gaña a vida con elo, o mínimo é ser responsábel.

Tags: , , , , ,