Seara á Ministra Báñez: “vostede expulsa de España aos mozos que non queren irse e maltrata aos seus avós cando queren voltar”

 

Vídeo da pregunta: https://www.youtube.com/watch?v=6PZcfyRX3Kc

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, realizou hoxe no Pleno da Cámara Baixa unha pregunta oral á ministra de Emprego para denuncia-lo “inxusto trato por parte do Goberno do PP aos emigrantes retornados”.

Durante a súa intervención, Seara pediulle a Báñez “que se vire aos emigrantes retornados, lles fale con franqueza e lles explique por qué o Goberno do PP se empeñou en tratalos como cidadáns de segunda”.

A compañeira acusou á ministra de “desprezar de novo aos que tiveron que coller unha maleta e marcharse do noso país e agora voltaron, e que son os pais e avós dos centos de miles de mozos que agora tamén se ven obrigados a marchar”, pediulle a Báñez que “atenda aos nosos emigrantes retornados como se merecen”, e reprochoulle: “vostede expulsa de España aos mozos, malia que non queren irse, e maltrata aos seus avós cando queren voltar”.

Neste punto, a deputada citou o caso dalgúns emigrantes galegos “como Nelson, de Cangas, que voltou a España cunha pensión de incapacidade absoluta que o Goberno do PP se nega a recoñecerlle; ou como Beningo, de Ourense, que ten unha pensión de 12 000€ ao ano polo seu traballo en Alemaña e España, e que agora ten que pagar 500€ cando, con esta pensión, polo seu traballo en España, non tería obriga de declarar; ou como Francisca, de Muxía, que voltou de Suíza cunha minusvalía recoñecida do 100% que o Goberno do PP lle rebaixou ¡ao 6%!”.

“É posíbel que a vostede lle sobre Fe, Señora ministra, pero fáltalle sentido da Xustiza” afeoulle Seara a Báñez.

Tras esta pregunta en Pleno, Seara acudiu á manifestación dos emigrantes retornados que tivo lugar esta mañá en Madrid, e, ao seu remate á reunión que o Grupo Socialista mantivo no Congreso con representantes da Federación de Asociacións de Emigrantes retornados, na que estiveron presentes os demais deputados do PSdeG naquela Cámara.

 

IMG-20141210-WA0002

Tags: , , , , , ,