Seara reclama ante o Ministro de Industria e Turismo que o entroido de Laza sexa declarado de interese turístico nacional

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, realizou esta tarde na Comisión de Industria do da Cámara Baixa, unha pregunta oral ao Ministro José Manuel Soria, coa que reclamou que o entroido de Laza sexa declarado de Interese Turístico Nacional.

Seara lembrou que a nosa provincia “conta cun carnaval ancestral, mítico, tremendamente arraigado e de carácter popular, o ‘Entroido’, que cada ano atrae a miles de persoas de España e Europa“, e explicou que o Entroido “pivota en varias vilas e pobos da provincia, sendo o coñecido como ‘triángulo máxico’ o mellor expoñente”. Un triángulo que está formado polos entroidos de Xinzo (declarado de Interese Turístico Nacional en 1997) Verín (declarado así no 2009); e Laza, “que non conta con esta Declaración a día de hoxe”, tamén incidiu a deputada, e elo “malia ser un dos 10 máis antigos do mundo, e malia que haxa xa un ano que o concello aprobou de xeito unánime solicitar esta Declaración”.

Así mesmo, a compañeira defendeu que “esta declaración é necesaria non só en termos etnográficos e culturais senón tamén, en turísticos e socioeconómicos, para unha provincia como a nosa, que presenta un dos índices de despoboamento e envellecemento máis altos de Europa, e precisa de estímulos sobre elementos de desenvolvemento cos que xa conta, e entre os que destacan o termalismo, o medio ambiente e a cultura”.

Porén, Seara contrapuxo o caso do “proxecto do Museo Galego do Entroido en Xinzo de Limia, iniciado hai máis de catorce anos e que segue sen realizarse polo desleixo de Xunta e concello”, lembrando que ela mesma viu rexeitada polo PP unha emenda nese senso aos orzamentos xerais de Estado para o ano que vén.

O Ministro, malia recoñecer o “enorme valor turístico do Entroido de Laza” como “un dos máis famosos de Galicia e do mundo”, desvelou que “a data de hoxe non consta ningunha solicitude no Ministerio” e sostivo que “cando entre a solicitude, dende a Secretaría de Estado de Turismo se estudará e avaliará”.

Ante semellante resposta, Seara criticou que pasase “un ano dende que se aprobou, de xeito unánime polos distintos grupos políticos no Concello de Xinzo o solicitar esta declaración, e nin o alcalde nin a Xunta foron capaces aínda de remiti-lo expediente ao Ministerio”. Por iso, pediulle a Soria “a implicación do Ministerio para que os trámites non se eternicen”, e indicoulle que “iso si sería apoia-la cultura e as tradicións, e non o construír un Parador de Turismo a uns metros doutro que está pechado medio ano”, en referencia ao caso do Castelo de Monterrei, sobre o que lembrou que “os socialistas solicitamos a revogación da Resolución pola que Patrimonio acordou amplia-lo destino previsto na cesión á Xunta de Galicia do Castelo de Monterrei e o seu recinto amurallado para convertelo noutro parador”, xa que resulta “todo un dispendio esnaquiza-lo patrimonio histórico ben rehabilitado para dar capricho a algún mandatario galego”, acusando a Feijóo.

Tags: , , , , , , , , , ,