Seara reclama ao Goberno central “que cumpra o que aprobou” e inicie coa Xunta os contactos necesarios para incluí-la capela de San Miguel de Celanova na lista de patrimonio europeo

19/11/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, rexistrou na Cámara Baixa diversas iniciativas coas que solicita ao Goberno central que explique que actuacións puxo en marcha en relación coa capela mozárabe de San Miguel, en Celanova.

Seara lembra que o pasado mes de marzo, o Congreso dos Deputados aprobou unha Proposición Non de Lei do Grupo Socialista que instaba ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a implicarse coas comunidades autónomas, para iniciaren os trámites necesarios para acada-la inclusión da arte mozárabe dentro da Lista de Patrimonio Europeo, así como ao Goberno central a apoia-la presentación desta candidatura ante a Comisión Europea. E tamén lembra a deputada que dita Proposición “destaca expresamente a importancia do mosteiro e a capela de San Miguel, en Celanova, como elemento da arquitectura mozárabe, e tamén no Concello de Celanova se aprobou, por unanimidade, unha moción neste mesmo senso”.

A capela de San Miguel se atopa dentro do Mosteiro de Celanova. Foi no ano 940 cando se levantou este oratorio de San Miguel como pequena hospedaría de peregrinos e memoria de Froila, o irmán de San Rosendo, que fixera a primeira dotación do mosteiro. Trátase, segundo tamén incide a compañeira “dun dos edificios relixiosos máis singulares de España, que se declarou Monumento nacional en 1923”.

Porén, Seara sinala que, malia o aprobado no Congreso e no concello de Celanova, “o Goberno non fixo ren, e a Xunta de Galicia tampouco”.

Por iso, coas novas iniciativas parlamentarias que vén de rexistrar, a deputada reclama ao Goberno central “que cumpra co aprobado” (co voto afirmativo do PP), e que “inicie dunha vez os contactos necesarios coa Xunta de Galicia para inclui-la arte mozárabe, e nomeadamente a capela de San Miguel de Celanova, na Lista de Patrimonio Europeo”.

Tags: , , , , , , ,