Seara denuncia que o Ministerio do Interior non executou “nin o un por cento” dos orzamentos do 2014 para Galicia

14/11/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denunciou onte, na comparecencia do Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias, Ángel Yuste, na Comisión de Interior do Congreso dos Deputados, que o Goberno central “non executou nin un céntimo do pouco que orzamentou no 2014 para actuacións en Galicia” relacionadas con ámbito de Interior

Durante a súa intervención, Seara realizou un pormenorizado repaso da falta de execución orzamentaria por parte do Goberno central nas actuacións no eido do Ministerio do Interior en Galicia para o 2014, e sinalou que todo constitúe “un catálogo de promesas incumplidas”.

Así, a deputada sinalou que, segundo diversas respostas parlamentarias do Goberno central á propia Seara, o investimento do Goberno no 2014 para a Dirección Xeral da Policía consistía “nunha cantidade mínima”, 184 000€ para dez actuacións menores, e que “o propio Goberno central recoñece que non executaron, do orzamento do 2014, actuacións por 102 000€, e que tamén faltan por executar outras dezaseis actuacións previstas, para as que nin sequera sinalaron orzamento”. A este respecto, lembrou que “estamos en novembro e non fixeron nada”.

No que se refire ao orzamento para a Garda Civil, Seara incidiu en que “os datos ofrecidos polo Goberno central son opacos, pero o máis grave é que non fixeron ren, tampouco verbo dos 2,3 millóns de euros que orzamentaron para o 2014 en obras de mellora e mantemento”.

A compañeira proseguir a súa enumeración constatando que, “en canto a Institucións Penitenciarias tampouco fixeron ren: orzamentaron 93 000€ para actuacións en catro centros penitenciarios, e tiñan previstas outras actuacións sen sequera consignación” orzamentaria, e non hai executado “nada de nada”, excepto nalgúns cursos de formación.

En concreto, verbo do cárcere de Pereiro, a deputada preguntoulle a Yuste “¿u-los dous millóns de euros que anunciou vostede o ano pasado para o centro penitenciario de Pereiro de Aguiar?; o ano pasado vostede dixo que investían máis de dous millóns de euros para seguridade e salubridade nese centro e, a día de hoxe, mes de novembro, nin un céntimo gastaron nesta institución penitenciaria”, reprochoulle. “Seguen a se amortiza-las prazas de funcionarios, non hai reposición de mobiliario e ata hoxe nin sequera puxeron a calefacción; e casualmente foi hoxe ao mediodía, antes desta comparecencia do Secretario Xeral, cando encenderon a calefacción”.

Tamén se referiu Seara ao “serio problema de saúde pública respecto de os verquidos deste centro penitenciario”, reprobando que “malia que orzamentaron 600 000€ para unha nova Estación Depuradora de Augas Residuaus en Pereiro, e que o Goberno sostivera no 2013, en resposta parlamentaria” á propia deputada, que “o proxecto estaba redactado, a nova EDAR segue sen funcionar”.

A compañeira tamén demandou outras melloras moi necesarias no ámbito do Ministerio, entre elas as relacionadas con:

- o mal estado dos vehículos dos que dispoñen tanto Policía como Garda civil en Galicia.

- a “absoluta necesidade de novos cuarteis” en varias localidades galegas, entre elas Castro Caldelas

- a necesidade de Unidades de Prevención e Reacción (UPRs) na nosa provincia e nas de Pontevedra e Lugo

- o número de efectivos, xa que “en Galicia é un clamor popular o problema da falta de efectivos policiais pola insuficiencia na taxa de reposición das xubilacións, o cal contribúe ao aumento, por exemplo, dos roubos no campo, así como á diminución da seguridade, tanto dos cidadáns como dos propios funcionarios policiais”

E sobre a atitude do comparecente, Seara recriminoulle que “non respostase a nada”, limitándose a “vir a ler un papel; e para iso puido vir un Xefe de Sección”.

Tags: , , , , , , , , , , , ,