Deputadas socialistas de Ourense e Lugo piden no Congreso a posta en valor do Camiño de Santiago de Inverno

nuevo-1

As deputadas socialistas no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, e pola de Lugo, Margarita Pérez Herráiz, xunto co alcalde d’O Barco, Alfredo García, ofreceron o xoves nesta vila unha rolda de prensa para anuncia-la presentación na Cámara Baixa dunha Proposición non de Lei que insta ao Goberno central a “levar a cabo as accións necesarias de recoñecemento, posta en valor, divulgación e difusión do Camiño de Inverno do Camiño de Santiago”, así como a “apoia-la recuperación dos bens naturais, culturais e patrimoniais polos que discorre”.

Seara explicou que “documentos históricos proban a existencia do Camiño de Inverno como ruta do Camiño de Santiago”, e defendeu tamén razóns patrimoniais na Proposición, xa que a ruta cruza tanto o parque arqueolóxico das Médulas como a Ribeira Sacra, as primeiras declaradas como Patrimonio da Humanidade, e a segunda candidata a elo.

Tamén lembrou que “o Parlamento de Galicia aprobou o ano pasado, por unanimidade, unha iniciativa na que se acordou recoñecer oficialmente o Camiño de Inverno”, pero criticou que “a pesar que dende a Xunta se sostivo que ese recoñecemento se faría no presente ano, estamos en novembro e non fixo ren”. Do mesmo xeito, Seara censurou que esta semana o PP votase, no Congreso dos Deputados, contra dunha emenda do socialista para dotar orzamentariamente, con 12 000€, os traballos necesarios para o recoñecemento do Camiño de Inverno; sendo así que, tras este rexeitamento do PP, as propoñentes consideraron necesario que “o Camiño de Inverno viaxase de novo a Madrid con esta Proposición non de Lei, para busca-lo recoñecemento que merece”, ao consideraren que o Goberno central “debe contribuír ao recoñecemento oficial deste Camiño” e dos devanditos bens sinalados no texto da proposición.

Pola súa banda, Margarita Pérez Herráiz tras estimar que “esta Proposición non de Lei une de novo a dúas provincias, Lugo e Ourense, con numerosas similitudes en canto a paisaxes, xentes e problemas, como pode se-lo alto índice de envellecemento da poboación”, afirmou que “o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno contribuiría indubidablemente á necesaria dinamización da economía das zonas polas que discorre”. Por iso, sinalou a implicación do Grupo Socialista e da Deputación de Lugo, tanto neste obxectivo como no da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”.

Durante a súa intervención, o alcalde manifestou o apoio, dende Valdeorras, para o recoñecemento do Camiño de Inverno, que apuntou como “unha necesidade”, e sostivo que “a implicación do Concello d’O Barco é absoluta”.

Tags: , , , , ,