Alertamos de que a nosa é a provincia galega con maior índice de pobreza infantil, con cifras “insoportábeis”

03/11/2014
By

A deputada e o senador socialistas pola nosa provincia, Laura Seara e Miguel Fidaldo denunciaron a semana pasada, en roda de prensa, que “as cifras de pobreza infantil en Ourense e en España son insoportables” e defenderon que “vence-la pobreza infantil é unha necesidade non só como elemento de xustiza, senón como cuestión fundamental para a sostibilidade do País”. Xa que logo, reclamaron “un grande Pacto para a infancia” para dar solución a esa “tremenda situación”, na que case tres millóns de nenos son pobres, con un de cada catro en risco de pobreza, o que leva a España a se-lo terceiro Estado da OCDE con máis pobreza infantil tras Letonia e Grecia.

Neste contexto, Ourense é a provincia galega con maior índice de pobreza infantil, habendo 11 500 nenos entre menores de dezasete anos anos que se atopan en risco de pobreza ou exclusión social, e que 6500 nenos ourensáns viven en fogares en condicións de “infrahabitabilidade” (con goteiras, humidades, etc.). Deste xeito un 19% de fogares ourensáns presentan carencias materiais, e un 8,16% sofren carencias severas.

Seara afirmou que “fronte a estes datos“ o investimento “retallouse en case 800€ por neno”, de xeito que o Goberno central do PP “só investiu 1€ por neno en risco de pobreza”; recriminou que “os ricos son cada vez máis ricos, e os pobres máis pobres”, e apuntou que “os fogares con nenos con tódolos seus membros en paro aumentaron máis dun 200%, mentres que no último ano as vinte persoas máis ricas de España incrementaron a súa fortuna en 15 450 millóns de euros”. Así, “as tres persoas máis ricas en España teñen o dobre que o 20% da poboación máis pobre, e o 1% dos españois máis ricos posúe tanto como o 70% do resto dos españois”.

A deputada denunciou que “algúns soben aos púlpitos a predicar que xa non existe esquerda e dereita cando agora máis que nunca é evidente que o xeito de gobernar é absolutamente diferente: o ‘austericidio’ de Rajoy ten xa cara de neno”.

Miguel Fidalgo, mentres tanto, coida que as anteriores cifras se enmarcan “dentro do proceso de empobrecemento da sociedade española dende que o PP está no Goberno” e remarcou que “co PP, as diferenzas entre ricos e pobres son imparables porque, mentres que se inxecta diñeiro á banca e ás grandes eléctricas, e se amnistía aos defraudadores, Rajoy subiulle os impostos á poboación e retalloulle en Sanidade, Dependencia e Educación”. Así, considera que “o maior problema que ten España é a ruptura entre ricos e pobres”.

Seara informou dos datos dun estudo sobre o benestar das familias en Ourense, no que a provincia baixou do posto 28 en 1900 ao 45 no 2000, e sostivo que “mentres algúns celebran con champán os datos da EPA, vemos como na provincia de Ourense hai 21 650 demandantes de emprego que non reciben ningún tipo de prestación; un 14,4% máis que no 2011”.

Estes últimos datos proceden dunha resposta parlamentaria que a deputada recibiu do Goberno central, na que se reflicte, ademais, que:
-  10 271 ourensáns en paro dende hai máis dun ano non reciben prestación por desemprego, o que supón un 26% máis que no 2011.
-    Deles, 5789 teñen máis de corenta e cinco anos, intervalo de idade no que a ratio de ourensáns sen prestación sobe ao 32%.
-  29.318 demandantes de emprego en Ourense non reciben prestación por desemprego
-  11.200 fogares ourensáns teñen a tódolos seus membros no paro, un 38% máis que en 2010.

Ambos parlamentarios defenderon que “é necesario recupera-lo investimento social na infancia, por xustiza, para garanti-la cohesión social, para xerar competitividade, e por solidariedade interxeneracional”. Por iso, comprometéronse a “facer chega-la proposta socialista a tódolos axentes sociais, económicos, organizacións e institucións”.

Porén, xa trasladaron a súa proposta en forma de enmendas aos orzamentos xerais do Estado, como un Plan de Loita contra a pobreza infantil con 1000 millóns de euros, un subsidio de desemprego de 426 euros, máis 100 euros por fillo a cargo, para parados de máis dun ano, o aumento da prestación por fillo de 291 anuais a 600 euros, aumenta-lo límite de ingresos para recibir prestación de 11 500 euros a 14 000 euros, e o investimento de 50 millóns de euros para recupera-lo “Plan Educa3”.

Tags: , , , , , , ,