Seara considera “unha provocación á cidadanía” o nomeamento de Ángel Currás como novo director de Tragsa en Galicia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, rexistrou unha iniciativa parlamentaria na Cámara Baixa para denuncia-lo nomeamento de Ángel Currás como novo director de Tragsa en Galicia.

Para a deputada socialista este nomeamento “é un despropósito e unha provocación” pois considera que “unha persoa imputada nun procedemento xudicial non é o mellor candidato para dirixir esta empresa pública”.

Seara lembra que “o Sr. Currás está imputado por tráfico de infuencias no caso “Pokémon”, así como por prevaricación e acoso moral no do policía local José Antonio Carril”, e “en ningún caso é este un bo currículum para asumir unha xestión relacionada con obras públicas” e, xa que logo, a compañeira sostén que resulta “un escándalo absoluto que o Goberno poña a Currás á fronte dunha empresa pública, e cobrando diñeiro público; o PP quítase un problema de encima cos cartos de todos”, grazas a un nomeamento que valora como “unha mostra máis do xeito de gobernar do PP, baseado no trato de favores aos seus, mentres aplica políticas que empobrecen ao 90% dos cidadáns”.

Sobre este punto, a compañeira sinala a indignación dos traballadores da Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza, que consideran un “insulto” o nomeamento, e que denuncian que “poñen a un imputado no posto mentres patronal e empresa están en plena negociación para retallar salarios aos traballadores de Tragsa”.

A deputada pide neste asunto “un pouco de ‘pundonor’ e honestidade” polo PP, tanto por parte do Goberno central, como do da Xunta de Núñez Feijoo, e pregúntase “cales serán as razóns ocultas que levan ao PP de España e de Galicia a premiar ao Sr. Currás, malia a súa traxectoria, cun posto directivo que implica a xestión de millóns de euros”.

Tags: , , , , , , ,