Monthly Archives: July 2018

Os socialistas denuncian que o goberno de Leiro se nega a retirar o amianto tóxico das construcións do municipio

O PSdeG-PSOE denuncia que o alcalde do PP se nega a debater e votar esta necesaria iniciativa con escusas sen fundamento, e esquece a protección da saúde dos veciños e veciñas

O voceiro municipal, Manuel Rodríguez, demanda a implicación inmediata doutras administracións públicas para axudar na perigosa retirada deste material tan tóxico

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o vergoñento e perigoso desleixo do goberno local do PP coa protección da saúde da veciñanza deste municipio ourensán, logo de vetar o PP, durante o último pleno municipal, o debate dunha moción sobre a necesaria protección da veciñanza fronte ás construcións levantadas con amianto ou asbesto. O rexedor conservador negouse a aceptar a urxencia da iniciativa, porque a proposta de acordo dos socialistas demanda que, como é lóxico, se inste a outras institucións públicas a colaborar neste inaprazable e necesario compromiso coa saúde das persoas, e polo tanto, a proposta nin sequera chegou a ser debatida.

O portavoz municipal, Manuel Rodríguez, denuncia o “vergoñento e perigoso desleixo do PP cunha cuestión tan relevante como é a saúde pública, ante un material que, como é público e notorio, é moi nocivo para a saúde”. Rodríguez recorda que o amianto é prexudicial e está prohibido en toda a Unión Europea desde hai máis dunha década, polo que “é incomprensible que o alcalde non teña entre a súas prioridades a súa retirada das construcións de Leiro”. O voceiro do PSdeG-PSOE recorda que “ante a absoluta inacción do PP nas administracións públicas ó respecto deste tema fundamental, os socialistas si traballamos activamente para impulsar medidas a prol da protección da saúde e para a eliminación do amianto e doutros tóxicos”. “É misión fundamental do goberno local velar polas demandas e preocupacións veciñais e isto é unha desas preocupacións”, asevera.

Rodríguez considera “imprescindible e inaprazable” retirar o amianto das canalizacións de agua e das restantes edificacións, e cree “fundamental” informar á poboación dos seus riscos. “Debemos dar a coñecer o procedemento adecuado de detección do amianto e os problemas que comporta para a saúde, así como o risco que supón a manipulación inadecuada para evitar problemas durante o proceso de retirada dos seus residuos”, asegura. Os socialistas anuncian que insistirán nesta necesaria proposta a pesar da vergoñenta negativa do alcalde, e salientan que é moi importante a “implicación das administracións autonómica e provincial porque o tratamento e retirada destes materiais é custoso e complicado pola súa perigosidade para ser feito en soidade polos veciños e veciñas e, por iso, moita xente segue a convivir con tóxicos nas súas casas”.

O PSdeG-PSOE de Leiro critica o desleixo do goberno local do PP co patrimonio etnográfico ó negarse a recuperar fontes e lavadoiros públicos

A moción propón unha protección integral para estes elementos singulares, evitando actuacións puntuais en forma de parche como as materializadas ata o de agora que son manifestamente insuficientes

“A realidade é que o alcalde nega esta iniciativa para protexer o noso patrimonio etnográfico e cultural porque non se lle ocorreu a el”, denuncia o portavoz municipal, Manuel Rodríguez

O PSdeG-PSOE de Leiro critica o vergoñento desleixo e monumental desgana do goberno local do PP coa protección do patrimonio etnográfico deste concello ourensán, ó negarse a recuperar as abandonadas fontes e lavadoiros públicos, elementos singulares da cultura local que, para colmo, foron desprezados polo rexedor durante o último pleno municipal. Os socialistas critican o nulo interese dos conservadores por establecer e financiar unha protección integral para estes elementos tan singulares, evitando así actuacións puntuais en forma de parche como as materializadas ata o de agora, que son manifestamente insuficientes.

A moción socialista rexeitada demandaba a elaboración dun plan de rehabilitación de fontes e lavadoiros, habilitando as partidas orzamentarias necesarias para este fin, así como a elaboración dun catálogo actualizado no que se detalle a súa situación e o estado de uso e conservación. Tamén reclama a constitución dunha comisión de seguimento configurada por representantes veciñais, expertos e un concelleiro de cada grupo municipal que establecerá unha orde de prioridades. Por último, solicita unha sinalización adecuada de cara ó seu posible interese turístico, e que se dote de auga a aquelas fontes e lavadoiros que carecen de subministro na actualidade.

O portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Manuel Rodríguez, critica o “vergoñento desleixo do PP cun dos elementos máis destacados do patrimonio etnográfico e cultural como son estas fontes e lavadoiros públicos”. “O máis grave é que o alcalde desprezou o patrimonio de todos e todas ó asegurar despectivamente que ningunha das nosas fontes ten interese turístico algún, unha actitude que demostra a absoluta desidia do PP coa cultura e a tradición local, e a falla de visión turística pois, sen ir moi lonxe, outros concellos limítrofes coma Carballiño ou Boborás acaban de recuperar estes elementos patrimoniais para potencialos coma atractivo turístico e cultural”, explica o concelleiro. “A realidade é que o alcalde nega esta iniciativa porque non se lle ocorreu a el”, denuncia.

Rodríguez lamenta a actitude dos conservadores e detalla que “a moción realmente buscaba establecer unhas liñas xerais para a súa protección xa que, ata o de agora, a súa recuperación e conservación dependen en gran medida da importante labor desinteresada realizada por veciños e veciñas que agora, debido a súa avanzada idade, xa non poden facer”. Os socialistas de Leiro insisten en que é “indecente” que o as fontes e lavadoiros estean nun estado tan lamentable por culpa da innación do goberno local do PP e que é “desvergonzado” deixar unicamente nas mans veciñais a conservación do patrimonio público.