Monthly Archives: February 2018

Manifesto con motivo do día 22 de febreiro, Día Pola Igualdade Salarial

Con motivo do día 22 de Febreiro, Día pola Igualdade Salarial, o PSdeG-PSOE manifesta unha vez máis o seu compromiso político e programático para contribuír a erradicar a brecha salarial existente entre homes e mulleres, marcada pola histórica discriminación que as mulleres han ter e aínda seguen tendo no mundo laboral. A loita pola Igualdade Salarial foi e segue sendo unha das prioridades da nosa axenda política. Desde o PSdeG-PSOE defendemos a implicación dos gobernos en adoptar as medidas necesarias para eliminar a brecha salarial. Porque é obrigación dos gobernos e dos estados defender a igualdade de dereitos das mulleres e cumprir e facer cumprir as leis.

descarga

Porque un goberno non pode eludir a súa responsabilidade, nin un Presidente pode afirmar que “non nos metamos agora en iso” e recoñecer que se incumple a Constitución, o Estatuto dos Traballadores e as resolucións parlamentarias. As mulleres deste país necesitan políticas de igualdade que apoien os seus dereitos e sexan capaces de eliminar as discriminacións de xénero, así como Partidos e Gobernos que implementen con leis e medidas para remover todos os obstáculos que impiden a verdadeira igualdade, tal e como se recolle na nosa Constitución. Por iso, desde o PSdeG-PSOE apostamos porque a recuperación económica tamén sexa social e laboral, en especial para as mulleres. O obxectivo do PSdeG-PSOE neste aspecto é claro e firme.

Levamos 7 anos traballando politicamente nesta liña e por iso, o PSdeG-PSOE no marco do Pacto de Rendas que defendemos os e as socialistas, presentará unha Proposición de Lei para combater a brecha salarial, co fin de erradicar as discriminacións tanto directas como indirectas que provoca as desigualdades salariais. As mulleres deben ter as mesmas posibilidades de acceso ao emprego que os homes e de facer o seu camiño laboral, ademais de ter o mesmo salario por traballo de igual valor, porque corrixir estas desigualdades implica mellorar as pensións e protección social das mulleres.

É unha cuestión de “democracia, xustiza e igualdade” porque non podemos seguir falando de mellorar a democracia si non melloramos as condicións de vida das mulleres como cidadás e como traballadoras. A evidencia dos datos de emprego das mulleres e da brecha salarial esíxenos unha resposta política e institucional integral. Cambiar a realidade da discriminación salarial que viven as mulleres é urxente e prioritaria. As mulleres presentan unha taxa de actividade inferior á dos homes en case 12 puntos, xunto á maior taxa de paro (18,35%) fronte á dos homes (14,97%), á súa vez realizan cerca do 67% do emprego temporal a tempo parcial, sendo o 42% das mulleres as que teñen contrato indefinido a tempo completo fronte ao 58% dos homes.

O salario medio anual das mulleres no ano 2015 foi do 77%, representando un 23% inferior ao dos homes. En definitiva, a situación do emprego das mulleres caracterízase pola maior precarización do emprego, menor taxa de actividade, menor taxa de ocupación, maior taxa de paro, maior temporalidade, que está provocando “feminización da pobreza con contratos lixos” e por todo iso, unha contía menor nas pensións das mulleres. Para rematar, apuntar a importancia da interlocución social e a necesidade da participación das mulleres nos procesos de negociación colectiva, nas mesas de negociación das empresas, así como a presenza das mulleres nos órganos de decisión tanto nas empresas como nas organizacións sindicais e empresariais.

Xuventudes Socialistas e PSdeG-PSOE de Ourense inician as pescudas para recuperar a memoria das vítimas do franquismo na provincia

Os traballos pretenden dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido”, aseguran desde a secretaría de Memoria Histórica

MEMORIA

 

Ourense, 20 de febreiro de 2018. As Xuventudes Socialistas, en coordinación coa secretaría de Memoria Histórica do PSdeG-PSOE de Ourense, iniciaron hai uns días as pescudas para localizar ás vítimas e represaliados do franquismo e ás súas familias na provincia, co obxectivo de “dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política en partidos republicanos e sociedades obreiras de distintos signos”.

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que, en España, unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido, como tampouco o pode ser que permanezan ocultos ao gran público os atropelos cometidos polo réxime franquista contra os demócratas superviventes en forma de penas de cadea perpetua, traballos forzados, detencións e arrestos, expedientes de incautación de bens ou prohibición expresa para o exercicio da función ou cargo público”, explican desde a secretaría de Memoria Histórica, encabezada por Francisco Javier Quintas.

A práctica anulación de partidas orzamentarias por parte do goberno do PP á Lei de Memoria Histórica impulsada polo PSOE durante o goberno de Rodríguez Zapatero, impiden que o Estado cumpra coas débedas pendentes en materia de dereitos humanos e memoria histórica, tal e como o demandan Rights International Spain, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ou a ONU.

É, por iso, o Partido Socialista está a impulsar diferentes iniciativas neste senso encamiñadas a “reparar, protexer, recoñecer e facer xustiza á memoria das vítimas e represaliados, así como a denunciar a sistemática vulneración dos preceptos da vixente Lei de Memoria Histórica por parte dos gobernos do PP”.

 

PSdeG-PSOE de Ourense e UGT celebran o primeiro encontro previo ó Foro polo cambio social e coinciden na necesidade de realizar cambios urxentes na provincia

Rafael Rodríguez Villarino, Mario Franco e Óscar Vázquez intercambiaron os seus pareceres e conclusións nun clima de cordialidade durante máis de dúas horas

Os dirixentes sindicais subliñaron que a UGT desenvolve un amplo labor reivindicativo a través das súas federacións, que conta con persoal especializado

WhatsApp Image 2018-02-16 at 10.45.55

 

Ourense, 16 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense e UGT celebraron o primeiro encontro previo ó ‘Foro polo cambio social’, unha importante iniciativa política coa que os socialistas queren crear sen demora, unha fronte común para acabar co secuestro caciquil da provincia. Na reunión, o secretario provincial dos socialistas, Rafael Rodríguez Villarino; o secretario provincial de UGT, Mario Franco; e o secretario de organización de administración de UGT, Óscar Vázquez, intercambiaron análises e coincidiron na necesidade de realizar cambios urxentes na provincia.

A reunión estivo precedida dunha solicitude de entrevista realizada dende o Partido Socialista, e estendeuse nun clima de cordialidade durante máis de dúas horas. Ambas organizacións analizaron a preocupante situación provincial e coincidiron na necesidade de realizar cambios con urxencia. Neste senso, apuntáronse os problemas e as potenciais solucións do agro, da industria, dos servizos, do termalismo, do transporte metropolitano, da prevención e extinción de lumes, dos maiores, da demografía ou das oportunidades de futuro para a mocidade, entre outros.

Os dirixentes sindicais subliñaron que a UGT desenvolve un amplo labor reivindicativo a través das súas federacións, que conta con persoal especializado na capitalidade autonómica e que está disposta a formular propostas concretas que axuden a mudar as escuras perspectivas de futuro de Ourense. Sumar, formular solucións alternativas e actuar en positivo foron expresións que se repetiron ao longo das exposicións de Franco e Vázquez. A xuntanza rematou co agradecemento do secretario provincial do PSdeG pola aceptación da visita, polo frutuoso intercambio de ideas e pola disposición a abrir unha canle de colaboración co partido socialista e con outros axentes sociais que consolide un foro permanente orientado ó cambio social na provincia de Ourense.

O Foro polo cambio social organizado polo PSdeG-PSOE pretende unificar forzas con outras formacións políticas progresistas, entidades sociais, empresariais e culturais, co fin de solicitar fondos públicos para fomentar o desenvolvemento da provincia, antes de que Ourense se converta definitivamente nun buraco negro sen futuro.

 

Os e as socialistas de Ourense, frontalmente en contra do ataque ás pensións do PP

Os e as socialistas de Ourense –única provincia con máis pensionistas que traballadores– están frontalmente en contra do ataque ás pensións do goberno de Mariano Rajoy, executivo que segue encaramado á súa apisoadora de demolición das prestacións e servizos públicos. E, por iso, membros da executiva provincial do PSdeG-PSOE achegáronse hoxe á concentración convocada por UGT e CCOO ante a subdelegación do Goberno da capital, na que se reclamaron pensións e salarios dignos.

manifestacion pensions 01

A secretaria provincial de Política Social, Ofelia Puente, denuncia a “regresión” do sistema de pensións desde que o PP volveu á Moncloa e recorda que “unhas pensións dignas requiren de empregos dignos con salarios decentes”. “É fundamental impulsar unha revalorización anual das pensións acorde á evolución do custo da vida e non do 0’25 actual que o PP pretende impoñer pola forza, que nunha provincia como Ourense con máis pensionistas que traballadores, terá especial incidencia entre as persoas, unha vez máis, para empeorar todo” asegura, ademais de recordar a necesaria derrogación da nociva reforma laboral do ano 2011.

Hai que lembrar que o Congreso aprobou esta semana unha iniciativa socialista para crear un imposto sobre as transaccións financeiras, que serviría para reforzar o sistema público de pensións.

manifestacion pensions 02

O PSdeG-PSOE proporá a creación dun batallón da UME na provincia de Ourense que crearía un milleiro de postos de traballo estables

O secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, formulou esta proposta durante un encontro mantido co subdelegado de Defensa de Ourense, quen mostrou o seu apoio á iniciativa

O establecemento deste batallón da UME daría lugar a tres importantes funcionalidades: extinción de incendios, mellora do emprego e loita contra o despoboamento

WhatsApp Image 2018-02-14 at 16.36.09

 

Ourense, 14 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense proporá a creación dun batallón da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na cidade de Ourense, unha iniciativa que crearía en torno a un milleiro de postos de traballo. A proposta, que conta co respaldo da Subdelegación da Defensa da terceira cidade de Galicia, permitiría darlle un importante impulso á economía e a demografía de toda a provincia. O secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, formulou esta iniciativa durante un encontro mantido hoxe mércores co coronel, Gustavo Doncel Paredes, subdelegado de Defensa, quen amosou a súa coincidencia respecto da conveniencia desta nova estrutura militar para Ourense. Durante unha reunión cordial, subliñouse que o establecemento do batallón da UME daría lugar a tres importantes funcionalidades: extinción de incendios, mellora do emprego e loita contra o despoboamento.

A primeira delas relaciónase coa extinción de lumes na provincia máis castigada de España; unha provincia, ademais, que limita co norte de Portugal onde o problema é igualmente grave, e con quen España asinou recentemente unha addenda de colaboración en materia de incendios. Unha segunda utilidade pasaría polo fomento do emprego e o afrontamento do despoboamento nunha provincia sen grandes oportunidades laborais e que camiña cara a súa extinción sociodemográfica. A terceira funcionalidade práctica derívase da fixación no entorno da capital de Ourense dos 1.000 postos de traballo estables da UME, que xunto coas súas respectivas familias, inxectarían un grande balón de osíxeno ó comercio e á economía.

Os socialistas van traballar nas vindeiras semanas para seguir afondando neste necesario proxecto, co fin de determinar os terreos e inversións que se precisan. A iniciativa será trasladada dende o PSdeG-PSOE provincial ó Parlamento de Galicia, para que inste ó Goberno Central a realizar unha auténtica discriminación positiva de Ourense, que se xustifica en razóns de seguridade provincial, rexional e de cooperación con Portugal; necesidades de desenvolvemento; e impulso económico e demográfico.

O secretario provincial dos socialistas agradece o compromiso do coronel Doncel Paredes cunha provincia necesitada de proxectos que xeneren verdeiras expectativas de futuro para a súa xente. Ademais, abre unha liña de comunicación permanente con todos os axentes institucionais, organizativos e sociais de Ourense e a súa contorna.

O PSdeG-PSOE de Ourense crea unha secretaría de Memoria Histórica para reforzar a loita contra o fascismo que aínda quere sepultar a historia

Fortalecerase o traballo coas agrupacións locais, coas Xuventudes Socialistas e con asociacións irmáns que xa traballan neste ámbito para honrar ás vítimas e ás súas familias

O socialismo ourensán foi sempre moi activo neste eido, se ben a maior parte das accións nacían da iniciativa persoal que agora se verá reforzada desde a estrutura orgánica do partido

WhatsApp Image 2018-02-09 at 13.14.43 (1)

Ourense, 9 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense crea unha secretaría de Memoria Histórica para recoñecer ás vítimas e reforzar a loita contra o fascismo, que aínda quere sepultar a verdade sobre o secuestro da democracia española durante catro décadas. É unha obriga moral do partido render tributo ós homes e mulleres que sufriron, dun ou doutro modo, as consecuencias da barbarie fascista desde 1936. Debemos lembrar que na provincia foron asasinadas máis de 500 persoas por defender a democracia. En toda Galicia a cifra ascende a 4.000, pero moitas máis foron perseguidas, ocultadas ou expulsadas.

De feito, o PSdeG-PSOE ourensán foi sempre moi activo neste eido, se ben a maior parte das súas accións nacían da iniciativa persoal de militantes e cargos orgánicos ou electos –concelleiros e alcaldes fundamentalmente–comprometidos. Actos de rehabilitación da memoria de Manuel Suárez Castro, ou Castor Sánchez Martínez e a corporación republicana de Amoeiro e, incluso máis recentemente, a declaración a prol da honorabilidade da masonería aprobada polos concellos socialistas de Amoeiro, Barbadás, Carballiño e Coles, –únicos en toda Galicia en facelo– son algúns exemplos. Agora dáse un paso máis para reforzar esta importante labor.

O secretario xeral, Rodríguez Villarino, destacou a importancia da Lei de Memoria Histórica porque “a recuperación da memoria é de todos”. “É unha lei bloqueada polo PP. É vergoñento e por iso é hora de que actuemos ante o que foi vilipendiado e pisoteado”, denunciou xusto despois de recordar que se trata da segunda secretaría deste tipo que se crea na comunidade galega.

Francisco Javier Quintas, que é o novo secretario de Memoria Histórica dos socialistas de Ourense, destacou que queren “recoller testemuñas e dignificalas” e, para iso, van ir da man con “asociacións irmáns como a UXT, as Xuventudes Socialistas e a Fundación Luís Tilve, para crear sinerxias”. Quintas destacou que van traballar especialmente con Xuventudes e as agrupacións locais do partido “para chegar ás vítimas e ás familias, porque tralo golpe de estado, moitas quedaron na indixencia polo mero feito de defender a democracia”. “Creamos un blog [ourensesocialista.blogspot.com] para envorcar a información e darlle difusión. Será tamén un punto de unión e un canal de difusión dos logros do PSOE neste ámbito”, relatou antes de concluír que “podemos aprender moito e non debemos permitir esquecer o que sucedeu”.

Unha das ferramentas máis importantes será o blog, que funcionará como principal elemento difusor e como punto de encontro das persoas interesadas. Ademais das habituais entradas, o espazo web conta con outras seccións como efemérides socialistas, dicionario do socialismo ourensán, eventos ou lecturas recomendadas. A acción difusora verase reforzada cun perfil na máis importante rede social, así como no espazo web do PSdeG-PSOE provincial.

O secretario de Xuventudes Socialistas(XXSS), Adrián Borrajo, destacou que os máis novos do partido “estamos comprometidos porque é a mellor forma de construír o estado de dereito e debemos recoñecer ós que deron a vida pola democracia”. “Queda moito por facer porque, desde que chegou Rajoy á Moncloa, presumiu de ser un gran demócrata a pesar de deixar nas cunetas ás persoas que deron a vida pola democracia”, denunciou. XXSS defende a derrogación da Lei de Amnistía que impide xulgar ós responsables da ditadura, así como a penalización do enaltecemento do franquismo e o fascismo.

Por último, o xornalista Xosé Lois Carrión destacou que “non é momento de falar de bos e malos porque o que se pretende é chamar as cousas polo seu nome” e salientou que “non é ningunha vinganza” porque se pretende “saber a historia real da persecución”. Pola súa banda, David Simón, presidente de Amigos da República, aseverou que a súa asociación “leva traballando 20 anos en todo o que ten que ver coa recuperación da memoria histórica” con todo tipo de perfís e persoas, celebrou que os socialistas poñan en marcha esta nova etapa, e dixo que espera “unha época de colaboración e intercomunicación”.

O PSdeG-PSOE de Ourense apoia a folga indefinida na xustiza galega ante a bochornosa desvergoña da Xunta cos empregados e empregadas públicas

Membros da executiva provincial acudiron á concentración celebrada hoxe nos xulgados de Ourense, en solidariedade coas reivindicacións dun colectivo discriminado con respecto ao resto do Estado

Os socialistas din que: “é un paro nacido da dignidade dun sector que ve como se pisotean os seus dereitos e non se atenden as demandas de aumento de persoal que redundaría en beneficio de todas e todos”

WhatsApp Image 2018-02-09 at 13.14.35 (1)

 

Ourense, 9 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense apoia  e secunda a folga indefinida dos e das empregados e empregadas públicas da xustiza galega na súa loita contra os recortes que leva practicando o goberno de Núñez Feijóo desde hai 5 anos. Membros da executiva provincial do PSOE acudiron á concentración celebrada hoxe nos xulgados de Ourense, en solidariedade coas xustas reivindicacións dun colectivo discriminado con respecto ao resto do Estado. Os socialistas reclaman, ademais, que o goberno autonómico se sente a negociar e acabe coa folga para evitar que se produzan máis atrasos nos procedementos xudiciais.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que esta folga iniciada o pasado mércores 7 de febreiro “é un paro nacido da dignidade duns traballadores e traballadoras que ven como se conculcan os seus dereitos salariais e como non se atenden as súas demandas de aumento de persoal que redundaría en beneficio de todas e todos”. O malestar do colectivo de empregados e empregadas públicos da xustiza que xa provocara xornadas de protesta anteriores ven xustificado polo maltrato continuo que exerce o goberno da Xunta de Galicia sobre uns 2.500 funcionarios e funcionarias xudiciais, aplicando desde hai anos recortes que levaron a unha redución de salario dun 20%.

Os e as socialistas consideran que esta folga vai provocar aínda máis lentitude nuns xulgados ateigados de traballo e non entenden que provoca a pasividade da Xunta ante unhas reivindicacións que están sendo secundadas por unha media do 95% do persoal. Desde o PSOE consideran que o goberno de Feijóo, asemade, está sendo contraditorio coas propias consignas do Partido Popular posto que “se eles andan pregoando que xa chegou a recuperación económica non se entende que non se lles devolva o equivalente á redución que lles foi aplicada entre os anos 2013 e 2016”. “Ademais falamos da única comunidade do Estado español na que se aplicou este recorte salarial sobre o colectivo de traballadores/as xudiciais cuxo salario depende en parte do goberno autonómico”, destacan.

Por outra banda, os socialistas indican que os sindicatos falan de reclamacións de subas salariais do 16% co obxectivo de recuperar parte dos cartos perdidos cando se lles aplicaron as reducións. É dicir, están a reclamar unha suba que está 4 puntos por baixo da porcentaxe que se lles aplicou no seu momento. Ademais, coidan que sendo os e as empregados e empregadas da xustiza galega, os e as únicos en sufrir estes retallos que oscilaron entre os 10.000 e 3.500 euros por traballador, están a padecer unha clara discriminación e desvantaxe comparativa. Porén, este colectivo tamén reclama a actualización dos seus salarios, toda vez que levan desde 2010 sen facelo.

De todos xeitos, segundo denuncian os propios sindicatos dos e das traballadores e traballadoras, o presidente da Xunta non só fai caso omiso das reivindicacións senón que ata parece usar a prepotencia ante colectivo agraviado. No día de onte retou ás organizacións sindicais a que cuestionaran a súa oferta de suba salarial cando, coas cifras na man, o goberno autonómico oferta un aumento para aplicar aínda no ano 2021 que deixaría aos e ás empregados públicos xudiciais por debaixo da media do que se cobra no resto dos territorios estatais na actualidade, sen contar coas subas que se lles efectúen no resto do Estado. Desde o PSdeG-PSOE ourensán conclúen que Feijóo falta á súa responsabilidade como máximo gobernante deste país ao permitir que continúe unha folga que vai prexudicar ao conxunto de toda a sociedade, mentres el non atende as xustas reclamacións laborais e de mellora do servizo dun colectivo especialmente castigado polo goberno galego.

Manifesto con motivo do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

A Secretaría de Igualdade da Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense manifesta o seu rotundo rexeitamento a todo tipo de prácticas encamiñadas a agredir o corpo das mulleres e das nenas

Ourense, 6 de febreiro de 2018. Con motivo do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina, o 6 de Febreiro, desde o PSOE queremos manifestar un ano máis, o noso máis rotundo rexeitamento a este tipo de prácticas e agresións ao corpo das mulleres e das nenas, que non ten ningunha xustificación e que significa claramente unha auténtica aberración e violación dos dereitos humanos fundamentais e unha forma máis  de  violencia  exercida   sobre   as   mulleres,   adolescentes   e   nenas. A OMS véno reiterando, e Nacións Unidas insta aos Estados a velar porque a protección e a prestación de apoio ás mulleres e nenas sometidas ou en risco de ser sometidas á mutilación xenital feminina sexan unha parte esencial das políticas e os programas que combaten esta práctica e a proporcionar ás mulleres e as nenas mecanismos de prevención e resposta multisectoriais coordinados.

Así mesmo, o Parlamento Europeo na súa Resolución do ano 2014 sinala que as institucións internacionais, europeas e os Estados membros desempeñan un papel de primeira orde na prevención da mutilación xenital feminina, a protección das mulleres e nenas e a identificación das vítimas.

No noso país a práctica da MXF está prohibida e convén recordar que durante o mandato do Goberno socialista de Rodríguez Zapatero en xullo do ano 2005, aprobouse a Lei Orgánica 3/2005 de modificación da Lei Orgánica 6/1985 do Poder Xudicial, para perseguir extraterritorialmente a práctica da mutilación xenital feminina, cando a comisión do delito realizásese no estranxeiro, como sucede na maior parte dos casos, aproveitando viaxes ou estancias nos países de orixe de quen se atopan no noso país.

A posición do PSOE é clara e contundente, e a través do Grupo Parlamentario Socialista presentamos diferentes iniciativas parlamentarias co obxectivo de seguir esixindo e  reforzando  as  medidas  e  recursos  necesarios  para  eliminar radicalmente ditas prácticas. Por iso, no ano  2012  presentouse  unha Proposición Non de Lei relativa ao respaldo á  ONU  na  loita  contra  a  mutilación  xenital  feminina, e en febreiro do ano 2016, presentouse unha Proposición Non de Lei relativa ao Protocolo de actuación integral nesta materia co obxectivo de instar ao Goberno a desenvolver actuacións de sensibilización para avanzar na detección e prevención, así como o desenvolvemento dun protocolo de actuación integral para garantir unha maior protección cara ás mulleres e nenas.

As cifras da práctica da MXF son relevantes e preocupantes:

Segundo as diferentes organizacións que traballan neste ámbito, UNICEF sinala que máis de 200 millóns de nenas e mulleres no mundo sufriron a mutilación xenital feminina, e segundo ACNUR existen 3 millóns de nenas sometidas á ablación do clítoris cada ano, as menores de 15 anos son as principais vítimas da mutilación xenital e 20.000 delas piden asilo cada ano na Unión Europea para escapar desta.

Pola súa banda a OMS indica 30 países de África, Oriente Medio e Asia onde se concentra esta práctica, sendo na maioría dos casos practicada na infancia, entre a lactancia e os 15 anos e segundo os seus propios datos indican que 91,5 millóns de mulleres e nenas maiores de 9 anos en África padecen actualmente as consecuencias da mutilación xenital feminina. En África estímase que 3 millóns de nenas corren o risco de ser sometidas a estas prácticas cada ano.

En España segundo os datos da Fundación Wassu UAB a través do Mapa da MXF correspondente a 2016, hai 69.086 mulleres que proveñen de países onde se realizan estas prácticas, un 5,2% máis que en 2012. Delas, 18.396 son nenas entre 0 e 14 anos, representando o 16%.

Para rematar, o PSOE mantén o seu compromiso activo contra a práctica da MXF no noso país e no mundo,  sumándose  ás  diferentes  Resolucións  dos Organismos e Institucións Europeas e Internacionais, e esixindo ao Goberno da Nación que adopte as medidas e recursos necesarios fundamentalmente en materia de prevención, información, concienciación e sensibilización, xunto a accións de intervención cos profesionais e as familias das comunidades procedentes dos países que seguen realizando estas prácticas, co obxectivo de eliminar radicalmente a práctica da MXF da vida das mulleres, adolescentes e nenas.

Secretaría de Igualdade da Comisión Executiva Provincial do PSde-PSOE de Ourense

A executiva provincial do PSdeG-PSOE destaca o importante consenso acadado na elaboración da nova comisión executiva local da cidade de Ourense

Este acordo integrador de todas as sensibilidades políticas, sen dúbida, foi posible grazas ó favorecemento do consenso e ó fortalecemento interno que impulsa a nova directiva provincial

Unha reunión interparlamentaria con representantes do Congreso, Senado, Parlamento Galego e Deputación Provincial permitirá traballar de forma conxunta e unificada para mellorar Ourense

WhatsApp Image 2018-02-02 at 18.37.34

 

Ourense, 2 de febreiro de 2018. A executiva provincial do PSdeG-PSOE destaca o importante consenso acadado na formación da nova comisión executiva local da cidade de Ourense. Despois dun intenso proceso de diálogo e debate, as diferentes sensibilidades políticas que xa confluíran no III congreso provincial, foron quen de lograr un acordo que beneficiará ós socialistas e ós ourensáns. Este acordo, sen dúbida, foi posible grazas ó favorecemento do consenso e ó fortalecemento interno que impulsa a nova executiva socialista. Desde a directiva provincial recordan que no congreso sentáronse as bases dun novo tempo no socialismo na provincia –agora tamén reflectido na directiva local na terceira cidade de Galicia–, que se caracteriza polo acordo, a integración e o respecto. Desta forma, o PSdeG-PSOE de Ourense fortalécese e poderá retomar o seu papel como elemento clave na dinamización política, económica e social dunha provincia secuestrada polo clientelismo político do PP.

Neste mesmo senso de unificación e traballo conxunto, os socialistas mantiveron a primeira reunión interparlamentaria. Participaron o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Rocío de Frutos Madrazo; o senador no Senado, Luís García Mañá; a deputada no Parlamento de Galicia, Noela Blanco Rodríguez; o deputado na Deputación Provincial, Francisco Fraga Civeira, e outros membros da comisión executiva provincial.

A interparlamentaria permitiu fortalecer a cohesión e o coñecemento interno dos distintos cargos públicos; a posta en común dos perentorios problemas que afectan a Ourense; e establecer unha “folla de ruta” para coordinar accións conxuntas nas diferentes institucións parlamentarias nas que os socialistas teñen presenza. Estas reunións terá continuidade con encontros regulares nos vindeiros meses, para consolidar así unha liña de actuación neste novo tempo socialista, co fin de sacar a Ourense do buraco no que o PP o meteu desde hai tres décadas.

O PSdeG-PSOE de Ourense presenta o “Foro polo Cambio Social” para crear unha fronte común coa que tombar o secuestro caciquil da provincia

“Ou facemos algo de inmediato ou botamos o telón e dicimos que neste buraco estaba Ourense”, aseverou Rodríguez Villarino tras recordar os 31 anos de “inacción” e secuestro “caciquil” do PP

 

O portavoz na Deputación salientou a necesidade de “acabar cos repartos a dedo” de Baltar e o portavoz municipal na terceira cidade de Galicia denunciou que “o PP vaille moi ben con esta situación”

 

WhatsApp Image 2018-01-31 at 10.38.47

 

Ourense, 31 de xaneiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense presentou hoxe o ‘Foro social polo cambio’, unha importante iniciativa política coa que o partido quere crear sen demora, unha fronte común e unificada para acabar co secuestro caciquil da provincia. Este foro pretende unificar forzas con outras formacións políticas progresistas, entidades sociais, empresariais e culturais, co fin de solicitar fondos públicos para fomentar o desenvolvemento da provincia, antes de que Ourense se converta definitivamente nun buraco negro sen futuro, tráxica situación que so lle interesa ó PP.

O secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que “non somos unha provincia de interior; somos unha provincia inferior sen ningún plan de futuro, e os culpables son os que levan 31 anos de inactividade e caciquismo”. “Isto non pode seguir así e salvar Ourense é un imperativo ”, dixo antes de recordar que “perdemos unha media de nove habitantes por día”. O secretario xeral dos socialistas explicou que vai contactar “con todos e todas” para “explicar a proposta co fin de sacar á provincia do estado terminal no que se atopa”, e destacou que o plan do ‘Foro social polo cambio’ ten un calendario de inicio –hoxe mesmo– pero non unha data de fin, porque hai que traballar intensamente con todos os que se queiran sumar. “Ou facemos algo de inmediato ou botamos o telón e dicimos que neste buraco estaba Ourense”, aseverou Rodríguez Villarino.

Pola súa banda, o portavoz socialista na Deputación, Francisco Fraga Civeira, recordou que é “obvia” a necesidade de mudar esta situación “porque cada día somos máis vellos e máis dependentes” por culpa “do caciquismo que ten como fin único a súa propia supervivencia”. “Os socialistas queremos unha Deputación que axude ós concellos e que poña fin ó actual reparto clientelar que unicamente nos leva a desaparecer”, reclamou. Queremos rematar cos pagos para presumir de ser os máis transparentes ou os máis tuiteros, para poder presumir de que Ourense ten moito futuro”, salientou Fraga.

O portavoz municipal na terceira cidade de Galicia, José Ángel Vázquez Barquero, destacou que “nos últimos anos, a área urbana de Ourense, ó contrario do que debería ser, tamén perde poboación aínda que sexa de forma atenuada” e, segundo relatou, “isto ten causas económicas, pero sobre todo é pola falta de políticas activas por parte do PP, que pemitan construir futuro”. O voceiro municipal recordou que cando gobernaban os socialistas adicábanse tres millóns de euros a estas políticas activas de emprego. “Ó PP vaille moi ben con esta situación”, denunciou Vázquez Barquero tras recordar que iniciativa pública mediante proxectos que o PP quere pisotear, como a nova estación intermodal, son claves para vestir de futuro á provincia.