Monthly Archives: October 2017

O PP négase a tomar medidas para evitar que os nenos alaricanos teñan que ir a escolas infantís de fóra da vila

11/10/2017
By

A deputada pola nosa provincia e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, vén de lamentar o veto do PP a unha Proposición Non de Lei, proposta polos socialistas, que tiña por obxecto evitar que os pequenos de Allariz sen praza en escola pública teñan que ir a outros concellos.

Na proposición, reclamabamos incrementa-lo número de prazas na escola infantil local, integrada no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, “ata niveis en que se elimine a lista de agarda e non sexa preciso que os nenos nados neste Concello teñan que desprazarse a outros centros de municipios próximos, nin incrementa-los concertos con entidades privadas”.

Na última adxudicación de prazas, para o curso 2017-2018, nove familias do Concello ficaron en lista de agarda, “aos que hai que engadir aos nenos e nenas deste Concello que na actualidade xa acoden a centros situados noutros municipios”.

Blanco acusou á Xunta de converte-las solicitudes de prazas nas escolas infantís “nun boleto de lotería”, cando un 31% das familias quedan fóra nas primeiras listaxes de admitidos, e acusou a Feijóo de “vivir das rendas das 54 escolas infantís que deixou proxectadas o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño”.

A realidade, explicou a compañeira, é que o actual goberno tan só fixo oito centros públicos en oito anos”, a razón de un por ano, co que “ao ritmo actual, precisaríanse vintecinco anos para te-la rede de escolas infantís públicas que se precisa”.

Reclamámoslle á Xunta que asuma a xestión do Centro de Día de Pereiro de Aguiar e axilice a súa apertura

09/10/2017
By

A nosa deputada e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, presentou hoxe unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que asuma a xestión do Centro de Día d’Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, e axilice a súa posta en marcha, censurando que a “neglixencia” amosada pola Xunta e o Concello provocou que o centro tan só estivera aberto tres meses dende que fora comprometido en 2003.

Blanco lamentou que, “na actualidade, pasados catorce anos dende que aqueles dous gobernos do PP iniciaran as xestións para levantar unha residencia que prestase servizo aos maiores e dependentes deste Concello, o Centro de Día segue pechado”. Esta é a conclusión do proceso de construción dun servizo que foi un “cúmulo de despropósitos” por parte dos gobernos local e autonómico. Así, o Concello e a Xunta asinaron no 2003 un convenio para a construción, un proceso que rematou no 2008. Co inmoble rematado, o Concello negouse nun primeiro momento a recepcionalo alegando que o saneamento era incorrecto. Porén, no 2012, o xulgado estableceu que o edificio fora construído sobre chan que non era propio, devolvéndolle a titularidade das terras aos veciños.

O Centro foi aberto no 2013, pero logo da súa privatización e durante un breve lapso de tres meses, co que hoxe, despois de catroce, segue pechado.