Monthly Archives: July 2017

Provocar unha clara insuficiencia cuantitativa de medios tamén é atacar aos servizos públicos: Noela Blanco denuncia escasezas de prazas de Educación Infantil e de Puntos de Encontro Familiar

23/07/2017
By

En senllas iniciativas parlamentarias, a nosa deputada no Parlamento galego e voceira de Política Social do Grupo Parlamentario Socialista, Noela Blanco, denunciou as faltas de prazas públicas de Educación Infantil, e de Puntos de Encontro Familiar.

Verbo da primeira cuestión, defendeu unha Proposición Non de Lei que pedía á Xunta que aumentase o número de prazas públicas de Educación Infantil nesta lexislatura, para acabar coas listas de espera e coa incertidume de 3000 familias que este ano “non saben se lles tocará” esta “lotería”.

A deputada apuntou que 54 das escolas infantís abertas nos últimos anos foron proxectadas na etapa da Xunta progresista, mentres que Feijóo só abriu “oito en oito anos, unha por ano”, de xeito que, “ao ritmo actual”, a Xunta “necesitaría vintecinco anos” para cubri-la demanda existente.

A compañeira criticou que o goberno galego utilice o eufemismo de que “ningún neno quedará sen praza con apoio público” para agocha-lo “apoio público a centros privados” e “crearlle ás familias a necesidade de acabar recorrendo ao salvavidas que significa a privatización de servizos”.

A nosa iniciativa demandaba tamén a apertura de prazas públicas de Educación Infantil en tódolos polígonos industrias de Galicia nos vindeiros catro anos, e a cobertura de toda a demanda existente durante os meses de verán, nun “paso máis a prol da conciliación, para seguir loitando pola igualdade de oportunidades e evitar o desastre de tódolos anos”. O PP rexeitou a proposta socialista.

Blanco criticou ademais o aumento do prezo, de máis do 27% en cada praza, co goberno de Feijóo, así como o feito de que a Xunta asumise un compromiso de frea-la creación de escolas infantís públicas onde existen centros privados, segundo afirmou a Asociación de Escolas Privadas nun comunicado sen que a Xunta o desmentise. Tamén censurou que, no 2016, o goberno galego só cumprise a metade de prazas prometidas na memoria dos Orzamentos, polo que as 402 para 2017, “quedarán, con sorte, en duascentas”.

Por todo iso, a compañeira cualificou como “desastrosa” a política da Xunta coa rede de escolas infantís e pediu que “deixe de facer oposición ao pasado e empece a poñer solucións sobre a mesa”. Así mesmo, pediu emprega-los 14 millóns de euros que se adicarán en dous anos aos centros privados para crea-las prazas públicas necesarias, e lamentou que na intervención do goberno galego no pleno, non houbese “nin unha verba para as familias que non saben se o ano que vén poderán ter unha praza” nas escolas públicas.

Por outra banda, a deputada denunciou tamén a insuficiencia dos Puntos de Encontro Familiar en Galicia, que atribuíu á “falla de vontade política” do PP para incrementalos.

Blanco explicou que Galicia conta con apenas sete Puntos de Encontro Familiar, deles só un na nosa provincia (o que obriga a moitas familias a longos desprazamentos), e lembrou un informe da Valedora do Pobo, que sinala que os seus medios son “poucos e mal dotados”, polo que consideraba “necesario e ata imprescindíbel” reforzalos, para cumprir, correctamente e con seguridade, coas súas funcións (entrega e recollida de menores, visitas tuteladas por un profesional e visitas supervisadas nas que a tutela non é necesaria). Porén, a Xunta adica “cero orzamentos para novos Puntos de Encontro”, visitados por máis de dous milleiros de usuarios, sen contar nenos, durante o pasado ano.

A proposta socialista propoñía aumenta-lo número destes Puntos en “alomenos dous por provincia”, e “reforza-los seus medios humanos e materiais”, para que os nenos poidesen gozar, durante as visitas tuteladas e supervisadas “dunha contorna adecuada para relacionarse, con zonas ao aire libre e espazos de xogo”.

A postura do PP, rexeitando tamén estoutra proposta socialista, non só confirmou a nosa diagnose sobre o motivo de que o problema non se arranxe, senón que foi considerada pola nosa deputada como un voto “contra da calidade de vida de moitos nenos e nenas deste país”, e incluso como unha “ultraxe ás institucións”, ao “votar unha cousa nunha institución e a contraria noutra”, xa que o PP apoiara no Concello de Vilagarcía unha moción socialista para demanda-la posta en marcha dun Punto de Encontro na capital arousá (comarca, por certo, da deputada Marta Rodríguez Arias, que exerceu de voceira do PP neste debate no Parlamento).

Os socialistas da cidade estudan emprender accións xudiciais en relación coa tramitación do proxecto de estación para o AVE

02/07/2017
By

O pasado 31 de maio, o Grupo Municipal Socialista no Concello da cidade presentou catro alegacións relativas a tramitación do “Proxecto Integrador da Estación Intermodal de Ourense”, en cadansúa relación a:

- os sobrecustos das partidas de investimento para a adaptación da estación ferroviaria actual

- os sobrecustos das partidas de investimento da nova estación de autobuses

- as consecuencias xurídicas da recualificación de terreos da actual estación de autobuses para aproveitamentos lucrativos prevista no Proxecto Integrador

- o incumprimento, por parte do Ministerio de Fomento, do Protocolo asinado o 12 de abril do 2011 co Concello de Ourense para a integración do ferrocarril no seu territorio

Todas estas alegacións foron rexeitadas polo goberno municipal encabezado por Xesús Vázquez, claudicando novamente fronte os intereses do Ministerio de Fomento, do ADIF e, en definitiva, do PP.

Pero para os socialistas, ditas alegacións continúan a manter lexitimidade, sobre todo a partir da mobilización social que se está a desenvolver en contra do proxecto de estación intermodal imposto polo PP.

Ademáis, consideramos que o alcalde Xesús Vázquez asumiu lexitimamente competencias que son propias do Pleno do Concello, cando o 22 de xuño do 2016 asinou un Convenio-Marco de Colaboración co Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e ADIF, para o desenvolvemento dunha futura estación intermodal, convenio que é parte substantiva do Proxecto Integrador da Estación Intermodal de Ourense, pois dito acordo obrigaba ao Concello en compromisos urbanísticos e económicos para os que non está habilidado o alcalde, ao ser estas cuestións competencias exclusivas do Pleno.

Por todos estes motivos, o Grupo Municipal Socialista no Concello da cidade está a estudar accións xudiciais contra a tramitación do “Proxecto de Estación Intermodal” do AVE, co obxectivo de preservar os lexítimos intereses dos ourensáns.