Monthly Archives: June 2017

Reclamamos unha Comisión de Seguimento da ampliación do CHUO, coa participación da Xunta de Persoal

21/06/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de reclama-la posta en marcha dunha Comisión de Seguimento das obras de ampliación do CHUO que conte “coa participación da Xunta de Persoal”. Así o dixo nunha sesión de control á Xunta, na que censurou o “festival de datas” para a apertura comprometidas por Feijóo.

Blanco alertou contra unha “operación” semellante á do Hospital de Vigo, e subliñou que “non queremos ter que pagar 12€ por utiliza-lo aparcadoiro”, ou que pase “como no Hospital de Lugo, que cando hai un fenómeno tan estrano como a chuvia teñan que abri-los muros para desafogar”. Reclamou ademais que manteñan no CHUO a cociña co seu persoal e “non se limiten a poñer unha liña fría”.

Blanco criticou que o presidente da Xunta se enfronte ás campañas electorais “conxugando á perfección o verbo prometer” para que despois daquelas pase “a conxuga-lo verbo incumprir”, e cualificou de “esperpento” unha actuación que viu reducido o seu orzamento nun 28% entre a licitación e a execución, e que na que a mesma Xunta mesmo retrasa o recepcionamento “por problemas graves coa infraestrutura”.

Demandamos a reapertura do centro de menores de Montealegre con carácter “cen por cen público”

16/06/2017
By

A deputada pola nosa provincia e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, reclamou hoxe na Comisión de Política Social, a reapertura do Centro de Menores de Montealegre, pechado hai agora cinco anos de xeito “temporal mentres duraban as obras”.

A deputada reclamoulle á Xunta que reabra o centro con carácter “cen por cen público” logo dun peche “temporal, que orixinalmente duraría oito meses, e xa levamos sesenta e dous”, lembrou. Engadiu que se “está a facer unha chapuza, a base de modificacións sucesivas que teremos que costear tódolos galegos”.

Durante todo este tempo, advertiu a compañeira, os menores ingresados naquel centro con problemas de conduta, foron incorporados ao d’A Carballeira, onde están os que non teñen problemas dese tipo. A decisión supón, dixo, unha “irresponsabilidade que provoca o risco de sufrir graves problemas de seguridade”, xa que o centro no que están actualmente non está habilitado para tratar esa problemática que presentan específicamente estes rapaces.

Así o veñen advertindo a policía autonómica, a Fiscalía de Menores, os traballadores, os técnicos de menores e ata a propia Valedora do Pobo, que preguntou por segunda vez ao respecto no 2016. Blanco acusou á Xunta de “deixar de lado os criterios básicos de coherencia e sentido común” para levar adiante unha medida que “pon en risco aos menores e ao persoal que traballa no centro”.

Alertou a deputada, ademais, do “risco de que se privaticen os servizos, ou que se continúe reducindo aínda máis” o cadro de persoal, do que xa foron amortizadas dezaoito prazas. Esta situación foi analizada pola Oficina do Valedor xa no 2012, desaconsellando a decisión do goberno galego de trasladar aos menores, e instando a revisar unha situación “que non tiña apoio nin en consideracións de orde legal nin de xestión administrativa”.