Monthly Archives: May 2017

O PP segue a apoiar a Rogelio Martínez

25/05/2017
By

Ao ex-super-delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, a Xustiza abriulle xuízo oral por uso fraudulento dos cartos dos fondos europeos “Leader II”, con presuntos delictos de malversación, fraude e falsidade documental. Pero o PP segue a apoialo, tamén dende a Xunta.

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco preguntou en comisión parlamentaria polas medidas que puxera en marcha a Xunta para controla-la xestión dos fondos públicos europeos por parte de Martínez. A compañeira cuestionou “onde estaba a Xunta” ante as continuas denuncias que os socialistas fomos facendo das irregularidades que podían estar rodeando á xestión de Martínez; e criticou que “fixese oídos xordos” e non controlase o uso deses fondos.

Pero Blanco tamén destacou que, a día de hoxe, a Xunta “segue a protexelo”, e preguntouse “¿Que lle debe o señor Feijóo a Rogelio Martínez? Debe se algo bastante gordo”, supuxo. A deputada lembrou que, na súa etapa como alcalde de Arnoia, Martínez presidía un grupo de acción local e certificou unha planta de biomasa e a compra dunha maquinaria que nunca existiu, cuns fondos “importantísimos para o desenvolvemento rural”, destacando que Martínez tiña “prácticas de sobra coñecidas de cacique á antiga usanza e despotismo non ilustrado”, como utilizar membros da escola da mancomunidade d’O Ribeiro para sementar e recolectar nos seus terreos particulares, ou a súa relación con enchufes de familiares de persoas do PP.

“Aínda así, Feijóo considerouno unha persoa apta para ser delegado da Xunta en Ourense a partir do 2009, xa imputado tres anos, porque era o alter ego de Feijóo na provincia de Ourense” na “loita de bandas” entre “gorras e birretes”, sendo “o que Ignacio González a Esperanza Aguirre”, explicou a compañeira. Tamén lembrou a emotiva despedida que lle brindou Alfonso Rueda en Ourense, e que, trala súa dimisión, foi incluído como suplente nas listas do Senado, ademais de ser nomeado presidente do PP en Arnoia o pasado 21 de xaneiro, e vocal da Cámara de Comercio o pasado 15 de febreiro.

“É vergoñento que sigan respaldando non só a Rogelio, senón tamén a ese grupo de acción local imputado de arriba a abaixo”. “Qué papelón acaba de facer hoxe”, lamentou Blanco ante as escusas do PP. “Soplar e sorber non pode ser”. “Non poden presumir de loitar contra a corrupción e á vez meter no abrigo a unha persoa corrupta”, asegurou Blanco, quen lembrou que o PSdeG tivo que acudir directamente á Xustiza porque a Xunta fixo caso omiso das súas denuncias en tódalas cámaras de representación. “Inhibíronse de poñer en coñecemento da Oficina Europea de Loita contra a Fraude estes feitos, e agora non só gardan silencio, senón que saen na súa defensa”, concluíu.

Demandamos a reapertura do Centro de Menores de Montealegre, pechado dende hai un lustro disque “por obras”

16/05/2017
By

A nosa deputada e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, presentou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta a reapertura inmediata do centro de menores de Montealegre, cun carácter “cen por cen público”.

Blanco criticou o desleixo do goberno galego con este servizo, pechado “por obras” dende hai agora cinco anos, e mailo trato que prestou aos menores afectados, ingresados por problemas de conduta, e que foron incorporados ao centro d’A Carballeira, misturándoos con outros menores tutelados pola Xunta que non teñen problemas deste tipo.

A compañeira alertou do “risco de que se privaticen os servizos ou se continúe reducindo aínda máis o cadro de persoal, no que xa foron amortizadas dezaoito prazas”.

O problema xa fora analizado, no 2012, pola Oficina do Valedor do Pobo, que desaconsellou a decisión da Xunta de trasladar aos menores, e instou a revisar unha situación “que non tiña apoio nin en consideracións de orde legal, nin de xestión administrativa”.

A contumacia do PP negando cirurxía pediátrica permanente en Ourense supón maltrato aos nosos nenos

14/05/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, defendeu unha Proposición Non de Lei para que a Xunta restableza o servizo de cirurxía pediátrica as 24 horas e durante todo o ano no CHUO, unha iniciativa rexeitada polos votos do PP.

Blanco criticou o “maltrato” do goberno galego a un colectivo sensíbel como o dos nosos nenos. “A cidadanía vaise remover contra esta medida, e moitos profesionais están ‘que trinan’; a xente quere solucións, non literatura barata”, censurou a nosa deputada.

A compañeira destacou casos publicados nos Medios de Comunicación, como o dun neno que tivo que ir de Coles a Ourense e de Ourense foi desprazado a Vigo, polo que estivo máis de seis horas sen ser intervido dunha torsión testicular, “poñendo en perigo a súa saúde”; ou o dun pai que leva cinco meses esperando a que operen a súa filla dunha hernia inguinal e denuncia que o están empuxando a acudir á sanidade privada.

A deputada lembrou que, ata o 2013, había tres cirurxiáns pediátricos, e trala a xubilación dun deles e o traslado doutro, en lugar de repoñe-las prazas, optaron por suprimi-lo servizo e deixalo só de luns a venres pola mañá, trasladando o resto a Vigo, situación que deu pé a Blanco a exemplificar: “Feijóo é como Bush; se arden os montes, talamos as árbores”, aclarando que “isto non é unha fusión, é unha supresión”.

Blanco apuntou que hai noventa nenos en toda a provincia pendentes de ser operados, e denunciou os problemas de desprazamento, conciliación e gastos “ás veces case inasumíbeis” que a esta situación supón para os pais, que teñen que viaxar por varios días para a operación do seu fillo, percorrendo cen quilómetros ata Vigo se viven en Ourense cidade e “ata o dobre” se son d’O Barco.

A compañeira denunciuou que a Xunta está “encamiñada a que se desmantele totalmente este servizo, que funcionaba ben e que era fundamental” en Ourense, e que este desmantelamento “non é un caso aillado na provincia, da que Feijóo só se lembra en campaña para dicir que é dos Peares”, lamentou.

A discriminación de Ourense chega ao punto de a ratio de cirurxiáns pediátricos por cada coruñés é tres veces superior á que corresponde cada ourensán. “Que lle fixemos os ourensáns?”, preguntou Blanco.

No debate desta P.N.L. na Comisión de Sanidade do Parlamento, estaba presente a deputada ourensá Marta Rodríguez Vispo, pero non tomou a palabra e foi outra deputada non ourensá quen interveu en nome do PP. “Non me extraña que non haxa hoxe ningún deputado de Ourense defendendo aquí isto”, reprochoulles a nosa compañeira.

Noela Blanco critica o “pasotismo” do PP ante a desigualdade laboral entre mulleres e homes, “especialmente vergoñenta” en Ourense

05/05/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco, presentou onte unha Proposición non de Lei para instar á Xunta a poñer en marcha un Plan de Igualdade no emprego neste ano, para “promove-la inserción laboral efectiva das mulleres galegas”, e rematar coas “diferenzas significativas en termos de igualdade”.

Na Comisión parlamentaria de Facenda, Blanco criticou a existencia dun “teito de cemento armado” que provoca que “as mulleres non acaden postos de responsabilidade e cobren un 22% menos que os homes”, urxindo a “intensifica-los esforzos para corrixir esta inxustiza dende as institucións”.

Unha situación “especialmente vergoñenta” na nosa provincia, onde “o PP leva moitos anos gobernando”, e que “conta cos peores datos de desemprego de toda España, a pesar de ter unha fábrica de creación de emprego na Deputación”.

Así, afeou o “pasotismo” do PP, lamentando que “queda moito por facer neste ámbito, mentres o goberno de Feijóo non fai absolutamente ren, porque prefire defender ós machistas que ten nas súas filas”.

Un escenario que os socialistas consideramos “realmente preocupante”, polo que insistimos na necesidade de facer unha “diagnose previa” da situación laboral da muller en Galicia, e redactar un documento con “obxectivos, prazos, ferramentas, e orzamento”, que “supoña un verdadeiro avance, e non outro brinde ao sol”.

Asimesmo, a compañeira defendeu que este plan, no que sería “imprescindíbel a aportación das organizacións sindicais e empresariais”, incluiría “programas específicos” para aumenta-lá incorporación das mulleres ó mercado laboral, mellora-la súa calidade de emprego, e fomenta-lo seu autoemprendemento. “E, para logralo, é imprescindíbel aumenta-l presenza de mulleres en tódolos sectores, apoiar a aqueles cunha maior presenza feminina, e potencia-la conciliación da vida laboral e familiar” recalcou.

O PSOE denuncia que o goberno de Xinzo atrasa o urxente pleno sobre a tala masiva de árbores escudándose nunha obra innecesaria adxudicada a dedo a unha empresa do entorno do PP

04/05/2017
By

A voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lamadestaca que o debate sobre a reforma da avenida de Celanova “sí que é urxente e necesario porque ten a meirande parte da vila en pé”

 A moción conxunta impulsada por toda a oposición municipal esixe ó grupo de goberno que se posicione en contra da tala indiscriminada de árbores, debido á alarma social xerada

 reforma pleno xinzo

Proxecto da innecesaria reforma do salón de plenos de Xinzo

 

Ourense, 3 de maio de 2017. O goberno local de Xinzo de Limia aproveita unha obra totalmente innecesaria para porse de lado ante as clamorosas demandas dos veciños e veciñas da vila ó atrasar o urxente e necesario debate sobre o vergoñento proxecto arboricida que o PP pretende executar na avenida de Celanova. E o fai escudándose nunha obra –a reforma do salón de plenos da Casa do Concello– que, para colmo, adxudicou a dedo por mais de 38.000 euros a unha empresa do entorno do PP.

Os populares están encaprichados coa tala masiva a pesar de que a meirande parte dos veciños e veciñas da vila reclaman unha reforma que non afecte dunha forma tan perxudicial ó patrimonio natural mais relevante do concello. Sen embargo, o perentorio debate da moción conxunta presentada pola oposición, na que lle esixen ao grupo de goberno que se posicione en contra da tala indiscriminada, está a ser atrasado deliberadamente porque o goberno local inutilizou o salón de plenos cunhas obras de reforma innecesarias, que foron adxudicadas por 38.187 € mediante un procedemento negociado sen publicidade –e dicir, a dedo– á empresa ‘Anquín Torre SL’, do entorno do PP. Unha vez mais, todo queda na casa.

O pasado 27 de abril celebrouse un pleno extraordinario e urxente, na sala na que se convocan habitualmente as comisións, no que unicamente se tratou o plan económico-financieiro pola desviación da regra de gasto de 2016, xa que a alcaldía se negou a introducir na orde do día a moción sobre tala, que aínda non ten data para o seu debate. Mentres, a Xunta segue a traballar con presa e sen pausa para materializar o atentado contra o patrimonio natural.

voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama, destaca que o debate sobre a reforma da avenida de Celanova “sí que é urxente e necesario porque ten a meirande parte da vila en pé mentres que o salón de plenos foi remodelado hai 14 ou 15 anos con madeira nobre e na actualidade non precisa de cambio algún porque está en perfectas condicións”. “A vila volveu perder habitantes e nas próximas eleccións locais imos pasar de 17 a 13 concelleiros, así que non se necesita unha maior bancada para a corporación municipal, que é do que fundamentalmente trata a reforma do salón de plenos”, asegura.

Lama cree que “hai intereses escuros do alcalde” para atrasar o debate sobre un arboricidio que ninguén quere salvo o PP. “O alcalde desenténdese porque non a vai pagar pero está claro que el tivo que reclamar esa obra á Xunta de Galicia”, asevera. A concelleira e deputada provincial reclama o debate inmediato da moción conxunta presentada por todos os grupos da oposición, na que se esixe ó grupo de goberno que se posicione en contra da tala indiscriminada de árbores, debido á alarma social xerada.

A iniciativa que o goberno local quere evitar sinala que o proxecto de remodelación impulsado directamente pola consellería contempla a tala de 56 árbores, o que “a todas luces supón un atentado contra a humanización do entorno e contra o patrimonio común”. Lama insiste en que “non se trata de paralizar a remodelación, xa que dende os socialistas non estamos en contra de que se acometa esta reforma necesaria mais si que nos opoñemos a que a obra se a faga a costa de atacar sen sentido o medio natural mais singular”.

 

 

 

Os compañeiros d´O Bolo denuncian que o alcalde usa maquinaría da Deputación para estender compost polos seus viñedos

03/05/2017
By

 

O alcalde aproveita a compostaxe provinte dunha limpeza de cunetas para aboar as súas cepas, axudado por un camión e unha pala da institución provincial

 Os socialistas reclaman que tamén mande retirar os escombros da obra municipal que se verteron na cuneta da estrada que vai aos Lentellais

WhatsApp Image 2017-05-02 at 14.02.56

 Ourense, 4 de maio de 2017. Segundo denuncian os socialistas, o Alcalde do Bolo, Manuel Corzo, segue a dar sobradas mostras do seu uso personalista do poder. Pese a que os e as veciños-as do Bolo xa están maís que acostumados aos seus desmáns, desta volta, parece superarse a si mesmo ao usar recursos de todos en beneficio propio. Tal como relata o portavoz do PSOE no concello, Juan Ferreira,”hai cousa de dous meses que o alcalde mandou limpar unhas cunetas nalgúns pobos, por suposto, os da súa escolla; para, a continuación, deixar a terra amontoada na propia cuneta. Co paso do tempo, esta terra retirada, chea de nutrientes, converteuse en compostaxe natural”. Pese a que este feito xa é suficientemente escandaloso, posto que non se remata o comezado e, ademais, faise unha limpeza selectiva; o que veu despois raia o esperpento. Unha vez que a calidade da compostaxe era a desexada, unha pala e un camión da Deputación de Ourense, chegaron para recoller e cargar esta terra e levala cara a unhas propiedades do propio alcalde do Bolo. Máis tarde, os socialistas puideron comprobar, con total asombro, como a mesma pala procedeu a estender a compostaxe, con sumo coidado, entre os viñedos propiedade de Manuel Corzo.

É dicir, o rexedor do municipio, coa connivencia da institución provincial, emprega recursos de todos e todas para aproveitar restos dunha limpeza selectiva e mellorar os seus propios cultivos. O alcalde imputado nin sequera agochou as súas intencións e procedeu co “aproveitamento” á vista de calquera, tal o testemuñan as imaxes. Á restra de feitos denunciables e de dubidosa ética política cos que Manuel Corzo adorna a súa xestión, hai que sumar este uso impropio dos recursos provinciais para o que fixo gala dunha boa previsión en beneficio das súas cepas.

Sen embargo, o alcalde ten conciencia medioambiental cando se trata das súas propiedades pero non estende este pensamento verde á súa xestión pública. Nestes días estase a facer unha obra no centro do Bolo  e os escombros de dita intervención estanse vertendo na marxe dereita da estrada que une O Bolo co cruce dos Lentellais. Todo isto, segundo denuncian dende o PSOE, conta co permiso expreso de Manuel Corzo, aínda alcalde do municipio, quen está a converter un bo tramo de estrada nunha escombreira. Tal como indica Juan Ferreira: “agardamos que nese afán que ten o sr. Alcalde por aproveitar todos os residuos, teña a ben, tamén, levar para os seus viñedos ou para as súas propiedades, todo o lixo que alí se está depositando e non teñamos que tratar del entre todos os veciños”.

Os socialistas que xa van varias veces que se denuncia publicamente o pouco apego do alcalde polo ben común, destacando a súa negativa a arranxar o saneamento e acabar cun verquido, por unha manifesta animadversión cara aos veciños dese barrio. É de sobra coñecido como desgoberna o alcalde popular do Bolo, a golpe de preferencias e intereses persoais .