Monthly Archives: April 2017

Preocupante insuficiencia de prazas nos centros de día de Ourense

27/04/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de presentar unha batería de preguntas parlamentarias sobre a xestión dos centros de día na nosa provincia, amosando a súa preocupación sobre a “insuficiencia de prazas” neles, especialmente nas comarcas d’O Ribeiro e Carballiño, nas que “un 35% dos habitantes teñen máis de 65 anos”.

Blanco preguntou tamén “cando ten pensado” a Xunta abri-lo centro de día de Leiro, sendo descoñecido o motivo polo que aínda non se remataron as obras da súa construción, iniciadas no 2013. A compañeira constata que o edificio está rematado, incluso no acondicionamento dos exteriores, nos que faltan só “pequenos detalles”, mais “o centro segue pechado”, sinalou.

Nesta liña, a deputada interesouse por saber se a Xunta ten pensado xestionar este centro; se, para facelo, vai a firmar algún convenio de colaboración co Concello de Leiro, e se ten previsto construir máis centros durante esta lexislatura.

Blanco lembrou que “os centros de día son recursos sociais intermedios dirixidos a atender as necesidades específicas das persoas maiores”, e que cumpren “unha importante función de apoio ás familias”.

Os recentes incendios na nosa provincia, nova demostración da necesidade de ampliar a todo o ano o Plan de Prevención contra o Lume

19/04/2017
By

nuevo-1
A nosa deputada no Parlamento, Noela Blanco, alertou do “despropósito da improvisación continua” na xestión da prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, cun dispositivo que aínda non está ao cen por cen malia a vaga de lumes que está a rexistrar na nosa provincia Ourense.

Blanco anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias para “desestacionalizar” a contratación do persoal “de reforzo” do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), agora limitada a tempadas de alto risco. Os socialistas insistimos na necesidade dun Plan de Prevención contra o lume que se estenda aos 365 días do ano, para facer fronte ás numerosas incidencias nos meses de outono e inverno, antes da tempada de verán.

A compañeira reclama “que este persoal de reforzo deixe de ser tal”, e se amplíen as contratacións para permitir unha acaída resposta fronte aos lumes “máis aló de suspender todo tipo de queimas de restos agrícolas e forestais e de pedirlle á cidadanía que extreme as precaucións”.

A deputada sinala que os medios anunciados pola Xunta “ou son escasos, ou teñen pouca efectividade, ou ambas as cousas á vez, por falta de coordenación ou planificación”, e lembra que “o persoal segue reclamando estabilidade laboral, un mando único, a preponderancia do público sobre as empresas privadas do sector, e unha adaptación á desestacionalización do lume”.

Todo o cal consideramos os socialistas demostrado co feito de que, neste último inverno arderon, só en Ourense, 400 hectáreas de monte, sendo en xaneiro a media de catro lumes ao día, chegándose ao case de que, nunha soa fin de semana, en tres municipios da nosa provincia, rexistráronse lumes que sumaron máis de 150 hectáreas queimadas.

Os socialistas d’O Bolo lamentan que a Festa da Vitela non sirva para a promoción do traballo dos produtores de carne, e consideran que, tendo en conta o desleixo do alcalde na xestión de servizos aos veciños, dita “paparota” constitúe un dispendio que agrava a “calamitosa” situación económica do Concello

17/04/2017
By

Ademáis, os compañeiros sumaranse aos doutros concellos da provincia ao propoñeren ao pleno do seu Concello o establecemento dunha taxa ás empresas enerxéticas, o que contribuiría a mellorar ditas contas municipais

Como vén sendo habitual no Concello do Bolo, a celebración dunha nova edición da Festa da Vitela xera polémica polo dispendio que realiza o goberno do señor Corzo, en detrimento dos numerosos servizos que ten sen atender no municipio. Os socialistas, como veñen denunciando dende hai anos, lembran que esta festa está mal enfocada, sen que haxa unha proxección do labor que realizan os produtores de carne da zona e só se fai un festín que serve para maior gloria do alcalde e dos seus convidados. A pesar da fixación dun prezo público, o Grupo Municipal Socialista do Bolo ten demostrado, con datos obxectivos, o buraco negro que supón para as arcas municipais a fastuosa celebración deste evento nos termos nos que se realiza actualmente. O equipo de goberno do PP, con Manuel Corzo á cabeza, “está máis preocupado por quedar ben cos seus convidados ilustres que por atender servizos moi necesarios para os veciños e veciñas do Bolo”. O portavoz socialista no municipio, Juan Ferreira, considera que “mentres estas persoas celebran unha paparota por todo o alto, o pobo ten as fosas sépticas sen saneamento, cun alcalde que se desentende e despreza as demandas dos veciños e veciñas. A situación de desleixo e mala xestión é indignante e só lle dan pulo a proxectos que producen un desaxuste nas contas”.

Tendo en conta a calamitosa situación económica na que está o concello, o propio sería que o PP se preocupase por “procurar novas fontes de financiamento no canto de promocionar dispendios a conta dos cartos de todos e todas”. Xa que Manuel Corzo e o seu equipo son incapaces de xerar novos ingresos cos que atender todos os servizos, son os socialistas quen propoñen novas medidas que permitan aumentar a recadación.

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar unha moción para que se estableza unha ordenanza reguladora da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público local, por parte das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos. A iniciativa, que foi lanzada polo Partido Socialista a nivel provincial, parte das recentes sentenzas do Tribunal Supremo que afectan á situación das empresas que xestionan as redes de transporte de electricidade, gas, auga e hidrocarburo. Dado o especial aproveitamento que estas compañías fan, no que hai un afán de lucro polo servizo que ofertan, o Tribunal Supremo veu a ratificar o dereito das entidades locais a gravar o uso dun espazo que é de dominio público.

Tendo en conta, ademais, a situación de crise no financiamento dos concellos e a especial atención que deben por para cumprir co seu teito de gasto, a opción de establecer taxas a estas compañías, resulta de interese á hora de captar ingresos locais. Neste senso, os socialistas do Bolo instan ao equipo de goberno para que adopte esta medida e aumente a súa capacidade recadatoria. A este respecto, o portavoz socialista no Bolo, Juan Ferreira, afirma que “esperamos que o alcalde considere esta opción, a pesares da súa animadversión a todo o que veña dos socialistas, e pense no ben común por riba do seu propio interese ou o do seu partido. O establecemento dunha ordenanza reguladora destas taxas dirixidas a unhas empresas que reciben un claro beneficio polo uso dese dominio público, revertería no beneficio de todos os veciños e veciñas que, a día de hoxe, reciben uns servizos municipais deficitarios ou a súa ausencia”.

 

 

O PSdeG-PSOE d´O Bolo denuncia a desidia do alcalde do PP á hora de manter en óptimas condicións as vivendas de alugueiro social propiedade do concello

07/04/2017
By

O goberno do PP négase a manter as vivendas nunhas condicións dignas pese a contar con 23.000 euros nos orzamentos anuais para este propósito

 Os socialistas fanse eco das constantes queixas veciñais e van demandar información actualizada sobre a situación dos pisos no vindeiro pleno municipal

 

Ourense, 5 de abril de 2017. O Grupo Municipal Socialista no concello de O Bolo quere denunciar unha nova deixadez de funcións do goberno presidido polo popular Manuel Corzo. Nesta ocasión, os socialistas, fanse eco das queixas veciñais a respecto das vivendas de alugueiro social de titularidade municipal e, polo tanto, responsabilidade do concello. Os veciños e veciñas destas catro vivendas teñen que padecer a falta absoluta de mantemento e remodelación dos seus pisos mentres observan como os cartos destinados a patrimonio municipal nunca se emprega para mellorar as súas condicións. Juan Ferreira, portavoz socialista no Bolo, así o afirma: “Cada ano, o concello, destina uns 23.000 euros nos orzamentos municipais ao mantemento das propiedades de titularidade municipal (entre elas o castelo e varias vivendas) e levamos tempo observando que nunca se usan para mellorar, remodelar e manter estas vivendas de alugueiro social. Os veciños están abandonados á súa sorte”.

O deplorable estado destes pisos é doado de comprobar, denuncian dende o PSOE, sendo habituais os desconchóns en portas e paredes, a falta dunha man de pintura, as tubaxes á vista e sen rematar e instalacións obsoletas. A situación fai que vivir nestas vivendas sexa unha tarefa ardua, á que hai que sumar os numerosos meses que tiveron que agardar a que se baleirase o faiado e se procedera á súa limpeza. Para os veciños e veciñas non cabe dúbida que é, unicamente, responsabilidade do concello do Bolo e do seu alcalde termar destas vivendas e manter unhas mínimas condicións de habitabilidade que, hoxe por hoxe, non existen.

Fartos de agardar por un mantemento que nunca chega, tanto no que respecta á pintura como ás propias instalacións eléctricas, varios destes veciños e veciñas puxéronse en contacto con Juan Ferreira para amosar a súa preocupación e pedirlle que puxera o caso en coñecemento da opinión pública co obxectivo de que o alcalde faga caso das súas demandas.

Pola súa banda, o PSOE pretende preguntar no vindeiro pleno pola situación actual destas vivendas que foron postas en marcha, no seu día, para uso de diversos funcionarios e que hoxe serven para darlle unha solución habitacional a persoas con rendas baixas.  O PSOE esíxelle ao goberno do PP que deixe de facer da mala xestión a súa sinal de identidade e atenda ás súas responsabilidades. Para este vindeiro exercicio, recalcan os socialistas, debería consignarse unha partida específica para atender o mantemento destas vivendas ou, alomenos, empregar parte dos 23.000 euros e procurar que a xente teña unhas condicións de vida dignas.

O PSdeG-PSOE de Rairiz de Veiga denuncia que o goberno local do PP gasta máis en soldos de políticos que en inversións para os veciños e veciñas

07/04/2017
By

A única inversión real que os populares materializaron cos anteriores orzamentos municipais de 2016 foron uns flamantes columpios para nenos e nenas       

 Pablo Lorenzo esíxelle á alcaldesa que teña en conta propostas que favorecen o desenvolvemento do concello e deixe de atender ás necesidades de empresas privadas, coma a que xestiona a residencia

 

Ourense, 6 de abril de 2017. O PSOE de Rairiz critica a falta de orzamentos no concello a estas alturas de ano e reclama que os vindeiros en ser aprobados sexan máis inclusivos e pensando máis nos intereses da veciñanza. Oportavoz socialista en Rairiz de Veiga, Pablo Lorenzo, considera que os orzamentos do ano pasado están “obsoletos e non recolle as necesidades actuais do municipio e da súa cidadanía”. Ademais lembra que o capítulo de inversión nos orzamentos do 2016 recollía unha mellora nos camiños rurais de 68.473 euros, un grupo electróxeno para a residencia por 9.516 euros así coma a alta de subministración eléctrica por un importe de 11.322 €, do cal se deduce que “a única inversión real do concello de Rairiz foi nuns columpios infantís aos que se destinaron 5.570 euros”.

Lorenzo recalca este feito xa que “por unha banda, a mellora nos camiños viña subvencionada polo fondo AGADER e o resto de inversións ían destinadas a unha instalación, a residencia, xestionada por unha empresa privada”. Explicado isto, enténdese porque os socialistas denuncian que a inversión real aportada polo concello, dista moito da que venderon dende o goberno local mediante propaganda.

Sen embargo, as retribucións dos membros da corporación (alcaldesa e concelleira) con dedicacións parciais ascenden a 32.000 euros brutos anuais.                        Pablo Lorenzo sinala: “Dende o PSdeG-PSOE consideramos indecente que se destine mais diñeiro a pagar as retribucións da alcaldesa e da concelleira que a inversións reais nas aldeas de Rairiz”. Con estes antecedentes, os socialistas, urxen a aprobación dos orzamentos para o ano en curso cun capítulo de inversións que, de ningún xeito, sexa superado por as retribucións dos membros do grupo de goberno con dedicación.

Así mesmo, esixen que, dentro desas inversións, se destine expresamente unha partida para a promoción e fomento dun mercado artesanal en Congostro, moción que presentou o grupo socialista e que cos votos do grupo de goberno municipal serviron para deixala sobre a mesa ata o próximo pleno. O Grupo Municipal Socialista amosa a súa estupefacción ante feitos como este, no que se adían propostas novidosas e que axudan ao desenvolvemento do concello mentres se mira polos intereses de empresas privadas. Os socialistas denuncian a parálise á que somete o grupo de goberno, presidido por Asunción Morgade, ao concello de Rairiz, sendo incapaces de recoñecer unha boa proposta cando a teñen diante mentres eles non fan nada por mellorar a situación. Pablo Lorenzo reclámalle á alcaldesa que deixe de gobernar en función dos intereses doutros ou do partido que a acolleu e comece a xestionar o concello en base ao que demandan e precisan os veciños e veciñas do concello limiao.

 

A oposición de Xinzo esíxelle unanimemente ao alcalde que se posicione en contra da tala indiscriminada de árbores na Avenida de Celanova

05/04/2017
By

O PSdeG-PSOE, o grupo mixto-BNG e Xinzo Adiante (XA) veñen de rexistrar unha moción para que o goberno local rectifique un proxecto que contempla a destrucción de 56 árbores

A voceira e deputada socialista, Elvira Lama, recalca que a remodelación da avenida non é incompatible coa protección medioambiental e patrimonial do entorno

REGISTRO MOCION CONJUNTA XINZO

 Ourense, 4 de abril de 2017. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia vén de rexistrar un moción conxunta, cos grupos municipais de Xinzo Adiante (XA) e o BNG, na que lle esixen ao grupo de goberno que se posicione en contra da tala indiscriminada de árbores prevista na reforma da avenida de Celanova. Debido á alarma social xerada, da que xa se fixeron eco os socialistas hai días, os grupos da oposición presentan esta iniciativa destinada a rectificar o que consideran unha “agresión medioambiental sen precedentes”. No texto da iniciativa sinalan que o proxecto de remodelación da consellería contempla a tala de 56 árbores, o que “a todas luces supón un atentado contra o que chamamos humanización do entorno e contra o patrimonio común”.

portavoz socialista no pleno municipal de Xinzo, Elvira Lama, asegura que “non se trata de paralizar a remodelación da avenida, xa que non estamos en contra de que se acometa esta reforma, moi necesaria, e que se dote á vía de mellores servizos de abastecemento, saneamento, beirarrúas e unha nova pavimentación, pero si que nos opoñemos a que a obra se a faga a costa do noso medio natural mais señeiro”. Como sinala a moción, o proxecto de remodelación non ten porque contemplar a tala indiscriminada dunhas árbores que serven de barreira acústica, de filtros do ar contaminado e de barreira de seguridade natural. Os grupos da oposición esixen que “se rectifique nesta proposta e se contemple unha reforma da avenida sen acabar coa herdanza dos devanceiros”. “As árbores da avenida de Celanova foron prantadas para perdurar no tempo e non se atopa xustificación a rematar con esa planificación despois de case un século”, recordan.

As agresións ao medio ambiente son sempre inxustificadas pero no caso de Xinzo acada unhas “dimensións tráxicas”, posto que se trata dun concello devastado forestalmente pola concentración parcelaria ao redor da vila. Sendo conscientes desta situación, dende o PSdeG-PSOE non entenden como o goberno do PP acepta, sen cuestionar, un proxecto necesario que, sen embargo, plantexado así “atenta contra os intereses do pobo”. Por todo isto, os grupos da oposición esíxenlle unánimemente ó alcalde que faga uso da responsabilidade adquirida e “inicie as accións oportunas para que a consellería reforme o proxecto de mellora e acondicionamento da avenida, mantendo as árbores tal e como se atopan na actualidade”.

Os socialistas consideran que todos os grupos políticos lle deben, cando menos, “respecto e compromiso polo entorno” e, sobre todo, “garantir o dereito dos veciños e veciñas de Xinzo a contar cuns servizos humanizados e sostibles”. Sinalan a grande “incongruencia” do goberno de Xinzo xa que asina plans de concello sostible e, o mesmo tempo, é incapaz de frear un auténtico arborecidio. “O goberno presidido por Antonio Pérez ten a oportunidade de rectificar no vindeiro pleno do 27 de abril, mesmo antes, nas comisións que deben informar sobre a cuestión”, aseguran os socialistas de Xinzo. Elvira Lama recorda que “de non ser pola mobilización popular e polo noso labor á hora de solicitar o  polémico proxecto, estou convencida de que o alcalde e o seu equipo seguirían adiante con este atentado medioambiental, sen estudar posibles alternativas. Agora cómpre ver de lado de quen están, ou da veciñanza ou do que lles ordenan dende a Xunta”.

 

 

O PSdeG-PSOE de Maceda consegue aprobar no Pleno local varias das súas propostas en materia social fronte a parálise gubernamental do PP

04/04/2017
By

Os socialistas logran que o alcalde popular se comprometa a convocar axudas para material escolar para axudar aos pais e nais dos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos

Despois da importante alarma social xerada entre os veciños e veciñas, o grupo municipal socialista sacou adiante a iniciativa que eliminará o verquido de augas residuais en Casasoá

 

Ourense, 3 de abril de 2017. Tal como denunciaran os socialistas, o Concello de Maceda vive nun estado de “parálise permanente por culpa da deixadez do goberno do Partido Popular”. A pesares de gravar aos veciños e veciñas con numerosas taxas, o grupo de goberno é incapaz de sacar adiante uns orzamentos ou de presentar iniciativas nun concello que levaba catro meses sen celebrar un pleno. Sen embargo, os socialistas de Maceda entenden que, máis aló de denunciar a desidia, teñen que sacar adiante propostas que revertan no ben común da veciñanza e avanzar na consecución de servizos e recursos. Desta volta, o PSOE conseguiu no pleno que se aprobase unha das iniciativas polas que levan máis tempo pelexando: a das axudas para adquirir material escolar para o alumnado do ensino infantil (3 a 6 anos).

Esta proposta ten como fin ofrecer aos pais e nais unha axuda para afrontar os numerosos gastos que xera a etapa escolar e afondar no asentamento poboacional mediante a oferta de apoios por parte do propio concello. Xa hai abondo tempo que a portavoz socialista, Ana María Rodríguez, pon o acento en denunciar a falta de axudas e recursos á conciliación das familias e a ausencia de incentivos para que a xente quede a vivir en Maceda.

Por outra parte, o PSOE tamén conseguiu a unanimidade da corporación para solucionar un dos temas que máis alarma social leva causado nos últimos tempos: o verquido de augas residuais en Casasoá. Mediante este acordo impulsado polos socialistas, vaise lograr que se depuren estas augas e se deixe de atentar contra a salubridade e o medio ambiente do lugar, algo que tiña moi  preocupada á veciñanza. Pola súa banda, Rodríguez iniciou unha campaña informativa no pobo, anunciando o acordo e contactos con diversos veciños e veciñas coa fin de que, entre todos, non se baixe a garda e o proxecto sexa unha realidade, tantas veces reclamada.

Outro dos temas que conseguiron a aprobación e o compromiso do alcalde, grazas de novo a unha proposta socialista, foi a cuestión do reforzo e dragaxe da ponte sobre o río en Vilar. “Hoxe por hoxe xa sabemos que existen diversos informes, entre eles o da Confederación Hidrográfica, que indican a falta de seguridade da ponte e a necesidade do seu reforzo, así como que é competencia municipal executar esa reparación. Só agardamos que o Alcalde non se bote atrás no acordo acadado e que acometa con valentía este proxecto que pode garantir a seguridade de toda a veciñanza da zona”, afirma Ana María Rodríguez. Dende o PSOE aclaran que están “cansos de agardar a que o grupo de goberno acometa os acordos alcanzados e non van dubidar en voltar levar a pleno todas as cuestións que comprometan a seguridade dos veciños e  veciñas, coma neste caso ou que supoñan unha mellora para a cidadanía”.

Noutra orde de cousas, recalcan dende o PSOE de Maceda, as “incongruencias manifestas dun alcalde que non se aclara nin co seu propio partido”. O xoves, os socialistas levaron para a súa aprobación en sesión plenaria, a moción pola que se insta a redactar unha ordenanza sobre a taxa que grave o uso do dominio público por parte das compañías enerxéticas, entre outras, nembargante a iniciativa foi rexeitada. Cal non foi  a súa sorpresa cando, no día a seguir, se aproba na Deputación de Ourense unha proposta similar, por unanimidade dos grupos. Os socialistas van voltar a retomar esta cuestión para que o Partido Popular de Maceda aclare “se está en sintonía co que se aproba na institución provincial e que reclama a maioría ou se defende os intereses das compañías privadas”. Como xa denunciaron en varias ocasións, dende o PSOE de Maceda, o goberno local “perde moitas ocasións para porse de lado da veciñanza e defender os seus intereses”.