Monthly Archives: March 2017

O PSOE de Rairiz reclama a posta en marcha dun mercado artesanal na aldea de Congostro para favorecer a súa posta en valor

13/03/2017
By

Ante a falta de actividades socioculturais organizadas polo concello, Pablo Lorenzo propón a creación deste mercado co obxectivo de promocionar a riqueza patrimonial e paisaxística

A posta en marcha desta iniciativa tamén favorecería aos comerciantes locais, exentos de taxas e impulsaría a posta en valor dos seus productos

2017-03-07-PHOTO-00006403

Ourense, 12 de marzo de 2017. O PSOE de Rairiz vén de rexistrar unha moción instando ao goberno municipal para que poña en marcha un mercado artesanal na aldea de Congostro, co obxecto de valorizar o traballo de recuperación da mesma. Tal como comenta o voceiro dos socialistas en Rairiz de Veiga, Pablo Lorenzo, a aldea está nun entorno natural privilexiado e chama a atención dos visitantes polo esmero que se puxo na súa recuperación e posta en valor dos canastros do lugar. Para os socialistas é necesario que se adopte unha medida que dea un último pulo á promoción turística do pobo ao tempo que se oferta un medio para desenvolver unha actividade económica tan atractiva coma o comercio.

Tamén cómpre sinalar que a aldea de Congostro forma parte dun plan de valorización turística e patrimonial que está sen concluír por parte do goberno. Por unha parte, foran iniciados os traballos de soterramento do alumeado público, coa fin de mellorar esteticamente o entorno e aínda non foi rematado. Por outra, o Concello de Rairiz encargou, no 2011, a redacción dun proxecto arqueolóxico que incluíse un plan de actuación para a posta en valor a Vía Nova entre Congostro e A Saínza e que tivo un custo duns 12.000 euros. Nembargante, non se fixo un aproveitamento real desta inversión. De feito, non se están a aproveitar os recursos e potencialidades dun lugar coma Congostro do que parten 3 rutas de sendeirismo que percorren as zonas do concello mellor conservadas e de maior atractivo paisaxístico. Dáse a circunstancia, ademais, que Rairiz é o concello que conta con máis casas de turismo rural da comarca sen que este feito sexa realmente aproveitado.

Por todo isto, Pablo Lorenzo, considera que é hora de que o Concello de Rairiz poña en marcha actividades socioculturais, das que hoxe carece, que poña en valor o rico patrimonio e paisaxe do municipio.

No caso de Congostro, os socialistas de Rairiz coidan que hai que crear, fomentar e promocionar un mercado anual que sirva para dar a coñecer os produtos artesanais da zona. Así mesmo, e para que a iniciativa non quede en simples declaracións de intencións, o PSOE propón que se destine unha partida orzamentaria, neste ano, para a promoción e organización deste mercado que valorizaría o traballo de recuperación da aldea de Congostro, aparte de dar apoio aos artesáns e produtores locais. Neste senso, tamén se reclama a exención de taxas para estes comerciantes interesados en participar neste mercado.

 

Xinzo aproba a cesión da pista a Vilar de Barrio grazas á iniciativa impulsada polos socialistas e a pesares das reticencias do Alcalde

11/03/2017
By

A deputada e voceira, Elvira Lama, celebra a unanimidade e recorda que o principal obxectivo e mellorar a seguridade dos usuarios desta perigosa estrada que atravesa tres concellos

“Os índices de perigo de accidente son os mais altos de toda a provincia de Ourense”, concluíu un informe da Deputación trala reclamación do PSdeG-PSOE

Ourense, 10 de marzo de 2017. Un novo logro que repercutirá na mellora dos servizos prestados ós veciños e veciñas. Iso é o que acadaron novamente os socialistas, despois de que o pleno do Concello de Xinzo de Limia aprobase hoxe, co voto favorable do PSdeG-PSOE, PP e Xinzo Adiante, e a abstención do BNG, a integración da estrada OU-P-0000 na rede viaria dependente da Deputación de Ourense. Este traspaso de titularidade ó inventarioprovincial é fundamental para proceder a deseñar e executar as melloras urxentes de seguridade que require esta vía –ata o de agora en mans dos concellos de Xinzo, Sarreaus e Vilar de Barrio– de 10 quilómetros de lonxitude e que ten unha elevada sinistralidade. Nos últimos oito anos houbo 13 accidentes con cinco vítimas mortais e unha vintena de feridos.

deputada e voceira, Elvira Lama, recorda que se trata dunha pista “fundamental para as comunicacións destes tres concellos que, ademais, ten unha importante taxa de circulación de vehículos agrícolas e camións”. “Co traspaso á Deputación lograremos as reformas necesarias para facer reformas fundamentais e para implantar maiores medidas de seguridade”, recorda. “Atallar a elevada sinistralidade e mellorar a seguridade dos usuarios e usuarias é o noso principal obxectivo”, recorda a tamén voceira do grupo municipal socialista de Xinzo.

Lama explica que o pleno da Deputación asumiu o pasado mes de xaneiro a responsabilidade de facerse cargo da vía para regularizar a situación, despois de ter coñecemento dun informe da Xefatura de Tráfico no que se concluía a “urxencia” na mellora xeral da seguridade e na instalación de barreiras nas curvas e zonas mais perigosas. A moción tamén insta ós concellos a mellorar a sinalización das numerosas pistas que cruzan perpendicularmente a estrada.

 

Os socialistas rexeitan o enrocamento de Baltar e anuncian que non permitirán que unha persoa xulgada por presunto acoso sexual presida unha institución pública

10/03/2017
By

                                                                             

O PSdeG-PSOE defende que o mellor para a institución, para os cidadáns e para o propio procesado pola xustiza, é apartarse dos cargos para adicarse plenamente a súa defensa

Manuel Baltar debe ser coherente e cumprir o seu propio código ético para non prexudicar nin sequera minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense

Declaracións de Baltar en Telemiño

Ourense, 10 de marzo de 2017. O PSdeG-PSOE de Ourense rexeita con rotundidade o enrocamento de Manuel Baltar nos seus postos de presidente provincial do PP e da Deputación, no caso de que a maxistrada titular do xulgado de instrución número 3 da cidade de Ourense que o investiga por presunto acoso sexual e suborno, por supostamente ofrecer emprego a cambio de sexo, lle abra xuízo oral. Dende o PSdeG-PSOE respétase a presunción de inocencia de todas as persoas inmersas en procedementos xudiciais, mais anuncian que non se pode permitir que unha persoa xulgada por supostos delitos tan graves permaneza ó fronte dunha institución pública.

Baltar anunciou onte nunha entrevista en Telemiño –adxúntase un corte da súa intervención– que non dimitirá dos seus cargos se é xulgado, xa que achaca a denuncia que o mantén imputado, a unha invención e unha chantaxe de inimigos políticos para apartalo das súas responsabilidades políticas. O voceiro provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, rexeita frontalmente este anuncio xa que “o mellor para a institución provincial, para os cidadáns que representamos os deputados e para o propio procesado pola xustiza, é apartarse dos cargos para adicarse plenamente a súa defensa”. “Os socialistas abandeiramos a loita contra a desigualdade da muller e contra a violencia de xénero e, por iso  non imos permitir que un caso de presunto acoso sexual manche a imaxe da Deputación”, advirte.

“Se Baltar se enroca e non dimite cando lle abran xuízo oral e o PP de Galicia e España permiten esa rocambolesca situación, incumprindo as normas internas do partido e o propio código ético da Deputación de Ourense, Feijóo e Rajoy serán cómplices da sentenza que recaia sobre o caso e corresponsables de danar seriamente a imaxe pública da institución provincial”, asegura Fraga.

E que o código ético impulsado e aprobado por Manuel Baltar na Deputación esixe ós seus cargos eludir accións que perxudiquen a institución: “Ao ser o espello da institución no que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense e minar a confianza da cidadanía na institución”. Ademais, este código ético, detalla que “non debe utilizar en ningún caso a súa posición institucional a fin de obter vantaxes para si ou procurar vantaxes ou desvantaxes para calquera outra persoa ou entidade, salvo nos supostos de discriminación positiva recoñecidos legalmente”, unha norma totalmente incompatible cunha acusación por presunto suborno.

 

O PSdeG-PSOE e a corporación de Ramirás impulsan unha manifestación o 14 de marzo para reclamarlle a ABanca que manteña a oficina nas condicións actuais

10/03/2017
By

A voceira socialista, Isabel Gil, participou nunha xuntanza con directivos da entidade, na que seguen mantendo o recorte de días de atención ao público pese á movilización cidadá de rexeitamento

Dende a entidade indicaron que o vindeiro 17 de marzo porán en marcha a redución que afecta a un servizo fundamental para a veciñanza e negocios

 

2017-03-08-PHOTO-00000772 (1)

 

Ourense, 9 de marzo de 2017. O PSdeG-PSOE de Ramirás, coa súa portavoz á fronte, vén de participar nunha reunión cos directores provincial e de zona de Abanca, para tratar a cuestión da redución de apertura da súa oficina no municipio. Dita xuntanza foi unha das accións acordadas pola corporación de Ramirás co obxectivo de manter o servizo nas condicións actuais, despois da mobilización cidadá que provocou a celebración dun pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal Socialista, facéndose eco da alarma social xerada polo anuncio da entidade. Tanto nese pleno como no celebrado con posterioridade, acordouse que se ían facer todas as accións necesarias para asegurar que a oficina abra todos os días, tal como viña sendo ata agora.

Nembargante, tal como relata a voceira Isabel Gil, nin a recollida de sinaturas nin os contactos realizados logran deter as intencións de Abanca, posto que os seus responsables lle anunciaron onte que ían por en marcha o novo horario, coa apertura de tan só dous días á semana, o vindeiro 17 de marzo. Aos representantes da cidadanía de Ramirás non lle quedou outra que convocar unha manifestación o martes 14 de marzo, ás 11:30, en Villavidal, para reclamar o mantemento do servizo bancario.

Os socialistas de Ramirás entenden que á entidade bancaria “non lle importan as necesidades dos habitantes do concello e só pensan no seu beneficio empresarial, que pasa polo necesario recorte de persoal”. “O mantemento do servizo non é un capricho da xente de Ramirás; é apostar polo futuro do noso concello. As persoas, nun concello rural coma o noso, aproveitan o día que van facer as súas xestións bancarias para facer compras ou utilizar outros servizos”, recorda Gil. “As PEMES só terán opcións de seguir cos seus negocios se teñen un servizo bancario para os seus trámites”, advirte.

“Trátase de apostar polo desenvolvemento económico dun municipio discriminado respecto doutros da contorna, onde, nalgún caso, hai menos habitantes e sen embargo si que lle manteñen a apertura das sucursais”, relata Gil. A edil do PSdeG-psoe anuncioulle aos directivos do banco que están a “menosprezar” aos veciños e veciñas de Ramirás e que, dende o Grupo Municipal Socialista, van loitar para que se respecten os seus dereitos.

Ademais engade que a manifestación só é unha das accións programadas, posto que non van deixar que a entidade “se saia coa súa” e vanse cumprir todos os acordos plenarios, tales coma elevar a cuestión ao resto das administracións , ata que Abanca rectifique. Os socialistas son conscientes dos “métodos de persuasión” da entidade bancaria coas súas grandes contas pero non poden exercer esta discriminación sen que a veciñanza tome cartas no asunto. Dende o Grupo Municipal Socialista de Ramirás agardan unha numerosa asistencia á manifestación convocada e autorizada, onde se repartirán folletos informativos, posto que esta redución de horario está a causar unha grande preocupación entre a poboación do municipio.

 

O PSOE de Xinzo denuncia que a vila é a única, entre as meirandes da provincia, que non programou ningún acto que conmemorase o Día da Muller

09/03/2017
By

Elvira Lama considera indignante que o goberno da cabeceira de comarca non teña previsto ningún acto que honre ás mulleres limiás

O único acto que se realizou foi grazas á Asociación Limisi, de diversidade funcional

Xinzo de Limia, 8 de marzo de 2017. Estupor e indignación, estas foron as sensacións que produciron nos membros do Grupo Municipal Socialista coñecer os actos programados polo concello de Xinzo para conmemorar o Día Internacional da Muller: nada, cero. Tal como relata a Portavoz socialista, Elvira Lama, estiveron agardando algún tipo de comunicación por parte do concello, nomeadamente, por parte da Concelleira de Benestar e Igualdade, sen recibir nen a máis mínima información. Foi máis tarde cando membros da Asociación Limisi, de persoas con diversidade funcional da comarca da Limia, lle comentaron que alertados ante a falta de convocatoria por parte do concello, se puxeron en contacto co goberno para, efectivamente, comprobar que o único acto previsto era o que tiña programado a asociación.

“De feito, se non chega a ser pola asociación, relata Lama, non habería ningunha conmemoración nunha vila da entidade de Xinzo”. Segundo denuncian os socialistas de Xinzo, a desidia é tal que só unha concelleira do grupo socialista asistiu a este acto programado por Limisi na praza maior, sen que contasen co apoio do grupo de goberno do PP.

Dende o Grupo Municipal Socialista, consideran intolerable que a cabeceira dunha comarca que ten tantas e tan bravas mulleres incorporadas ao sector agrícola, teña un goberno que non é capaz nin de programar un acto que as honre a elas e ao seu labor. Após a posta en marcha dunha lei socialista, como foi a de desenvolvemento sostible do medio rural, que anima ás mulleres a asumir o liderado nos sectores produtivos primarios, é inaudito que un concello que vive da agricultura non celebre os fitos das mulleres que contribúen ao desenvolvemento económico.

Elvira Lama tamén sinala que, aparte da indignación que produce tal deixadez e falta de sensibilidade, este suceso vénse a sumar aos moitos que se producen no seu labor ao fronte da oposición en Xinzo, posto que é habitual que a Concelleira encargada de Comunicación e deputada provincial, Montse Lama, non comunique nin informe de nada. Sobra dicir que neste caso estaba case eximida de tal obriga ao non existir programación, declaración ou actividade algunha que puxera en valor ás mulleres limiás.

A dirección do PSdeG-PSOE de Ourense impulsa un plan para implicar á Deputación na loita pola igualdade das mulleres da provincia

08/03/2017
By

 

Unha moción nos plenos da Deputación e dos concellos reclamará a implicación estable da institución provincial e da Xunta no financiamento dos Centros de Información á Muller                                                                             

A cúpula do partido e cargos orgánicos e institucionais asistirán ós actos reivindicativos que se celebrán mañá mércores na Praza Maior e na Subdelegación do Goberno

 

dav

 Ourense, 7 de marzo de 2017. A dirección do PSdeG-PSOE de Ourense quere implicar a todas as institucións ourensanas na defensa da igualdade da muller e, por iso, hoxe, na véspera do Día Internacional da Muller, acordouse levar próximo pleno da Deputación unha iniciativa solicitando unha liña provincial de axudas que, de xeito estable e permanente, dote de recursos ós concellos de Ourense de menos de 20.000 habitantes, para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia machista. A iniciativa reclama igualmente que esas axudas sirvan para que os concellos conten cun plan de igualdade de oportunidades co obxectivo de incorporar a perspectiva de xénero na xestión municipal.

Nunha reunión celebrada na sede do partido, a que asistiron numerosos cargos públicos e orgánicos, debatiuse sobre a estratexia a seguir para adaptar as accións deste ámbito ás peculiaridades da provincia. Os socialistas están moi preocupados porque “o PP está instalado nunha falta de asunción de responsabilidades e competencias propias en materia de apoio á muller e contra as violencias machistas, que abraia incluso a moitas persoas dese partido”. “Galicia retrocedeu nos últimos anos co goberno do Partido Popular. Pasamos de ser vangarda en España en materia de igualdade a non ter nin unha consellería propia adicada a este asunto tan fundamental”, recordan.

Esta iniciativa do PSOE provincial tamén pon a lupa na Xunta de Galicia, que é a única administración responsable do mantemento dos Centros de Información á Muller, uns centros fundamentais para atallar o problema pola base. Os socialistas están “moi preocupados” porque os recortes e a desinterese do PP están a provocar situacións rocambolescas e, por iso, tamén se instará á Xunta a que configure unha rede autonómica de Centros de Información á Muller integral, permanente, equilibrada e, sobre todo, con dotación económica estable para o seu bo funcionamento. Actualmente, a financiación destes centros –14 na provincia de Ourense– faise a través de subvencións que varían cada ano o que imposibilita prestar un servizo permanente e de calidade.

Mais aló de titulares, de ristras de fotografías e de propaganda 2.0 coa que nos bombardea Baltar, a realidade da provincia é ben distinta da que o PP pretende vender. “A Deputación debe porse a traballar dunha vez. A Deputación, como goberno provincial que é, debe asumir responsabilidades nesta materia, destinando recursos para asistir ós concellos en materia de igualdade, abafados pola falta de axuda á que están sometidos polos gobernos do Partido Popular”, advirten dende o PSdeG-PSOE.

Os socialistas recordan que “as mulleres conseguimos saír do ámbito privado e formar parte do ámbito público, pero non é menos certo que o home, en moitos casos, non entrou no ámbito privado”. “Se a isto engadímoslle que, en Galicia, a conciliación é unha quimera, acabamos instalados nunha fina liña onde a crise foi durísima coas mulleres”, insisten. Tras esta análise, o partido concluiu que é “fundamental” a implicación da Deputación e dos concellos. Este plan de accións inmediatas tamén inclúe o traslado da moción os concellos da provincia con representación do PSdeG-PSOE.

 

O PP d´O Bolo fai méritos para gañar o premio ó goberno máis nugallán de Galicia tras enviar recibos de taxas de hai 4 anos ós veciños e veciñas

02/03/2017
By

O inoperante goberno local non ten as bases de datos do padrón municipal actualizadas o que provoca importantes desaxustes no cobro de taxas 

Os socialistas do Bolo inician unha campaña informativa porta por porta para informar ós veciños e veciñas dos seus dereitos e das posibles reclamacións

 

Ourense, 1 de marzo de 2017. O portavoz socialista no Concello de O Bolo, Juan Ferreira, ven de anunciar unha campaña informativa, entre a veciñanza, para suplir a inoperancia do goberno municipal do PP. Dada a alarma social xerada entre  veciños e veciñas, ao recibírense facturas polo saneamento da auga con ata 4 anos de atraso, os socialistas decidiron indagar nas causas para informar á cidadanía dos seus dereitos. O servizo de recadación –delegado na Deputación de Ourense– e de emisión de taxas municipais, faise en base dun padrón elaborado polo concello. No caso de O Bolo todo parece indicar que o censo está desactualizado e mal feito, sen atender aos cambios que se producen nos fogares.

A “desidia” do goberno presidido por Manuel Corzo chega ata o punto de non ter as bases de datos ao día, provocando desaxustes nos cobros de taxas, algo moi prexudicial para as economías familiares bolenses. “Os veciños e veciñas tiñan que estar, a estas alturas, informados dos recibos que teñen que pagar pola depuración das augas residuais e dos seus dereitos á hora de reclamar contra os que fosen emitidos de xeito inxusto”, recordan os socialistas do Bolo. O goberno non só da a calada por resposta, senón que se desentende de toda responsabilidade, delegando na Deputación.

Dáse a circunstancia, tal como sinala o portavoz socialista, que nestes casos de delegación da recadación, a institución provincial só pode actuar en base aos datos que lle proporcione o concello, polo que a responsabilidade última é do que goberna no municipio. No caso de O Bolo “as evidencias falan de desgoberno e pura desidia”, insiste Ferreira. Dende o Grupo Municipal Socialista cren que o alcalde pode estar demasiado ocupado atendendo á imputación por presunta prevaricación administrativa coma para centrarse nas necesidades da vila, polo que lle suxiren que “deixe paso a quen si queira ocuparse dos problemas que afectan á veciñanza”.

Por todo isto, Ferreira vai iniciar unha campaña informativa, porta a porta, para aclarar dúbidas sobre os recibos emitidos con carácter retroactivo e explicar así  os dereitos de posibles reclamacións ás que poden recorrer. “Ante o abandono aos que os somete o alcalde, o Partido Socialista ofrece asistencia e axuda ante posibles casos de cobros inxustos”, conclúe.