Monthly Archives: December 2016

Reclamamos a dimisión de Baltar Blanco, absolutamente incapaz de defenderse en sede parlamentaria dos feitos polos que foi imputado pola Xustiza

20/12/2016
By

Noela-Blanco-1

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe a dimisión do presidente da Deputación de Ourense polo seu “desprezo absoluto á institución que preside e a todos os ourensáns”. Así o dixo na presentación en Comisión parlamentaria dos orzamentos da institución provincial.

A compañeira tamén destacou o feito de que a Deputación de Ourense teña destinado 5 millóns de euros á implantación dunha “administración electrónica” que “custa 700 000 en Pontevedra”, repartindo 14 000€ a cada concello “independentemente do seu tamaño, cando hai pequenos municipios que cobren o servizo por 5 000”.

Blanco acusou ao presidente da Deputación de actuar como “o señor dun castelo medieval”, e instou aos responsables do PP e do goberno galego a tomar “decisións políticas” contra un cargo “imputado por un presunto caso de acoso sexual”. Lembrou que hai 411 días que coñeciamos “a denuncia dunha muller por ofrecerlle traballo na Deputación a cambio de sexo”.

A compañeira censurou as respostas tanto de Baltar Blanco como do propio presidente da Xunta, vitimizando ao presunto acosador e culpabilizando á vítima, cualificándoas de “preocupante e perigoso pola mensaxe que dá a tódalas mulleres que se atopen nesta situación”, co risco de que “poidan replantexarse as denuncias ante o medo e a incomprensión”.

A compañeira criticou tamén a xestión do ente provincial por parte do PP, que o converteu “na deputación galega con máis gasto en órganos de goberno”, logo de subir un 8,8% a partida orzamentaria de persoal, adicando a este fin o 60% dos seus fondos. A Deputación de Ourense supera en 30 puntos o gasto en persoal da d’A Coruña, e é a que menos destina a investimentos: un 23,4%, fronte ao 33,7% da de Lugo.

Ademais, é a Deputación que menos destina á protección e promoción social: un 7% fronte ao 12 da de Pontevedra ou ao 15 da de Lugo, mentres no último mes a nosa provincia vén de sumar 30 novos desempregados por día, ata acadar un total de 21 922.

A nosa deputada criticou ademais o gasto de 300 000€ na visita dunha delegación de empresarios norteamericanos recibidos cun dispendio de gaiteiros, boa comida e visitas a lugares emblemáticos, e comparou esta “actuación” de Baltar Blanco coa do “alcalde xordo do filme Benvido Mr. Marshall”, ante a profunda crise política e económica que o rodea .

Reclamamos no Parlamento o cese da Xerente do CHUO

14/12/2016
By

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe ao conselleiro de Sanidade, na sesión de control ao goberno galego, que “cese dunha vez por todas, e deixe de protexer, á xerente do CHUO”. Blanco tamén reclamou ao Conselleiro que mantivese un encontro coa xunta de Persoal do Complexo para analiza-la saturación das súas Urxencias, así como as súas eivas materiais e de persoal, ou os retrasos na súa ampliación.

A compañeira comparou á “incompetencia” da xerente do CHUO, Eloína Núñez, cunha “enfermidade que está a se cronificar” por canto “pilota todo pero non conduce absolutamente a nada”, ironizando coa expresión “prima de risco”, en alusión ao parentesco entre Núñez e o presidente da Xunta. O seu balance resúmese en “colapsos sanitarios, faltas ao dereito á intimidade de pacientes que son atendidos en corredores a quince centímetros doutros doentes, e pacientes ingresados en cardioloxía que rematan en Urxencias como práctica habitual”.

Blanco tamén responsabilizou á xerente do CHUO da “sobrecarga física e mental dos profesionais sometidos a contratos de dúas horas ou cambios de ubicación”.

A pregunta parlamentaria foi presentada pola deputada logo dos recentes episodios de saturación das Urxencias rexistradas no CHUO dende novembro, chegando a “abrir a Sala de Tránsito e a Unidade de Preingreso sen estar dotadas de infraestruturas nin medidas de hixiene acaídas, mentres manteñen pechadas unidades no Hospital ‘Santa María Nai’, así como a planta do Hospital de Piñor prevista teoricamente para picos de actividade e a ampliación” do edificio Cristal, cuxa apertura estaba prevista para hai dous anos, e que se continúa adiando.

O deputado autonómico por Ourense, Raúl Fernández, cualifica os orzamentos de Infraestruturas de “insolventes, incompetentes e inservibles para as necesidades dos galegos e galegas

12/12/2016
By

OS SOCIALISTAS ACUSAN A FEIJÓO DE “TRAIZÓN” POLO INCUMPRIMENTO DOS SEUS COMPROMISOS CO AVE A GALICIA E A TRANSFERENCIA DA AP-9

OURENSE. 17.01.2015. PSOE, R PRENSA RAUL FERNANDEZ.FOTO: MIGUEL ANGEL

 

Compostela, 09 de decembro de 16. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, acusou a Feijóo de “traizón ás súas propias promesas e a tódolos galegos e galegas” polo incumprimento dos seus compromisos co AVE e a transferencia da AP-9 a Galicia. Así o dixo no debate dos orzamentos da Consellería de Infraestruturas, hoxe na Comisión de Orzamentos do Parlamento.

O responsable socialista acusou ao presidente da Xunta de “demostrar que, en contra do que di a súa publicidade, é un militante do PP e non un militante de Galicia”. “Bastáronlle –dixo- un par de horas reunido co novo ministro de Fomento para capitular e aceptar un AVE adiado e de segunda para Galicia e ningunear o acordo unánime do Parlamento de Galicia ao renunciar á transferencia da xestión da AP-9”.

Fernández dirixiuse á conselleira de infraestruturas e Vivenda, a quen cualificou de “insolvente, incompetente e inservible para as necesidades dos galegos e das galegas”, que cambia a autocrítica e o recoñecemento dos seus evidentes incumprimentos por unha intervención “compracente, repetitiva e saturada de obviedades”.

Criticou o seu “conformismo” cunhas contas “lastradas en 2016 polos adiamentos de tódalas actuacións relevantes do goberno galego en coherencia coa súa obsesión con cumprir coas esixencias financeiras impostas polo goberno central”. Así sucede coas grandes obras de infraestruturas, paralizadas, adiadas e, no mellor dos casos, con partidas moi por debaixo das plurianualidades previstas polo propio goberno galego.

No apartado de mobilidade, sinalou, “a súa única actuación relevante foi a sentenza do Tribunal Supremo anulando as prórrogas ás concesións de transporte de toda Galicia, levando a incertidume ao sector, poñendo en risco o tecido empresarial, os postos de traballo e un servizo fundamental para a cidadanía”.

Criticou que a súa única actuación neste sentido para o próximo ano sexan “milongas” e a evidencia de que “tódalas grandes estacións intermodais previstas para as principais cidades galegas están desaparecidas dos orzamentos”.

Finalmente, en canto á política de Vivenda, lembrou a caída un 13 por cento no orzamento previsto para o Instituto Galego de Vivenda e Solo, cunha menor venda de solo do previsto, evidenciando “simple e llanamente unha mala planificación orzamentaria”.

Ademais, lembrou a caída no nivel de execución das partidas para rehabilitación de vivenda, apenas un 47,43 por cento, co que aos 117 millóns recortados nestas partidas dende 2009, deixaron outros 150 millóns sen executar.

Advertiu “obxectivos sociais pingües e cifras pouco realistas e enganosas” nun apartado no que “o único que fixeron foron anunciar falsos incrementos de investimento e apoio ás políticas de rehabilitación e fomento do aluguer, cando o que demostran cada ano é a súa incapacidade e nula intención para distribuír as axudas”.

 

Comunicación PSdeG-PSOE

Denunciamos o desleixo do goberno municipal de Leiro, exemplificado no atraso no asfaltado da estrada OU-307 e na perda polo Concello dunha subvención para a adquisición de desfibriladores

08/12/2016
By

Na súa calidade de deputado provincial pola comarca d’O Ribeiro, Nacho Gómez levou á Deputación a denuncia dos compañeiros do Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, verbo a ausencia de asfaltado, dende hai dous anos e medio, en tramos da estrada provincial OU-0307 que une Leiro e Berán.

Os compañeiros de Leiro explicaron que no lugar d’A Agra se procedera, no 2014, á ampliación dunhas curvas na devandita estrada, intervención que consistiu en amplia-lo radio das mesmas e na colocación de sábrego como firme. Pero dende entón, o tramo segue sen ser asfaltado, co conseguinte risco para a circulación e para a integridade dos veciños e de tódolos usuarios da estrada.

Por aquel entón, o Grupo Municipal Socialista en Leiro lle preguntou ao alcalde, en Pleno, cando se ía proceder ao asfaltado destas perigosas curvas, ao que o rexedor respostou que estaba “en negociacións coa Deputación”. Dende entón, nada se sabe destas e a vía segue en condicións de provisionalidade.

Fartos desta situación de desleixo, os socialistas de Leiro deron traslado ao Grupo Provincial Socialista. Nacho Gómez solicitou explicacións sobre o problema na institución provincial, que é competente no tema. A falta destas, Gómez opina: “esta cuestión non é máis que a evidencia do que veño denunciando en numerosas ocasións: a falta dun plan de estradas provincial rigoroso e serio”, abundando que “ano tras ano, fan pequenas obras e reformas nas estradas que, lonxe de solucionar, xeran problemas aínda meirandes”.

Xa que logo, os socialistas de Leiro piden ao alcalde que explique en qué consistiron as súas xestións coa Deputación para solucionar o problema e, a maiores, o Grupo Provincial Socialista demanda que se informe acerca de cándo está prevista solución dun problema que xera un grave risco para os usuarios da estrada.

Por outra banda, e sen saírmos de Leiro, o noso Grupo Municipal neste municipio tamén vén de informar acerca de que o Concello acaba de perde-la oportunidade de recibir unha axuda para adquirir desfibriladores para seren instalados en lugares públicos. Ao contrario que outros concellos da contorna, o alcalde desaproveitou esta oportunidade que brindaba a Deputación, e non solicitou unha axuda que supoña o financiamento de ata 50% do custo dos destes aparellos. Así, ao contrario que Ribadavia, Melón ou Carballiño, Leiro fica sen subvención para adquirir uns dispositivos que resultan de grande axuda á hora de salvar vidas.

O voceiro municipal socialista, Manuel Rodríguez, esíxelle ao alcalde que dea as razóns da perda desta axuda: se foi por por puro desleixo ou porque coida que o Concello estea tan sobrado de cartos que pense adquirilos sen axuda económica.

E no semella que probábel caso de que a causa da omisión sexa, como os propios socialistas de Leiro veñen advertindo dende hai tempo, a falta de persoal, o panorama sería aínda peor, pois Francisco J. Fernández estaría a ignorar completamente ditas advertencias por pura teima persoal: o alcalde estaría a perder vantaxes e servizos para o pobo, antes que recoñecer unha evidencia

Manuel Rodríguez só agarda que a perda desta subvención non leve aparexada, irremediábelmente, a falta de adquisición dos aparellos, a cal xa fora solicitada polo Grupo Municipal Socialista antes incluso de que se convocase a axuda da Deputación, respostando daquela o alcalde que se disporía dos dispositivos “cando houbera dispoñibilidade” orzamentaria.

WhatsApp Image 2016-12-05 at 18.39.33

Os socialistas de Cenlle, en desacordo coa xestión económica do Concello, propoñen alternativa

01/12/2016
By

Para os compañeiros, representados por José Rodríguez Veloso, os servizos que presta a Mancomunidade d’O Ribeiro en Cenlle resultan ineficientes, dado o seu custe, e ineficaces para o Concello. Tamén lamentan a falta de transparencia de dita entidade.

Por outra banda, o orzamento municipal para axudas sociais, diminuiu en máis de 30 000€ entre o 2012 e o 2015, ata ficar en só 3000€, o que de facto priva de axudas aos veciños.

Porén, o gasto en recollida de lixo nese periodo, contratado coa Mancomunidade, supera os 13 000€, cando a Deputación ofrece o mesmo servizo por moito menos.

O Grupo Municipal Socialista en Cenlle tamén lembra que a principios deste anos e denunciou a existencia dunha fuga no bombeo de auga da traída, que supón un gasto ao Concello de máis de 20 000€ ao ano, problema para que aínda non hai resposta convincente.

Sen embargo, e como quera que, segundo o convenio sobre o bombeo asinado polos concello cos de Punxín e San Amaro, e coa Deputación, dito coste pasaría a ser compartido cos mesmos, podería producirse un importante aforro para Cenlle. Que, sumado a outros posibles como os indicados anteriormente, fan pensar aos socialistas de Cenlle que o Concello podería dispoñer, se o alcalde tal se propuxera, de ata 48 000€, que os compañeiros adicarían a atender as devanditas prestacións sociais retalladas.