Monthly Archives: September 2016

Os socialistas de Xinzo denuncian o cobro de recibos do lixo con anos de retraso

29/09/2016
By

Elvira lama, voceira do Grupo Municipal Socialista no Concello de Xinzo e deputada provincial socialista, fíxose eco da indignación de numerosos veciños de Xinzo, tras seren notificados de novos recibos de lixo que se lles reclaman con anos de atraso.

Despois das consultas realizadas, confírmase a emisión de 1470 novas altas no catastro, o que está a provocar que numerosos veciños estean recibindo notificación da taxa do lixo do ano en curso e de anos anteriores. Moitos nin sequera foron notificados das novas altas levadas a cabo pola revisión do catastro no Concello de Xinzo, logo de que se producise unha nova inspección o ano pasado.

O recibo do lixo do Concello de Xinzo está regulado na ordenanza nº 8, aprobada no 2014 cunha cota de 54,04€ para o casco urbán da vila, e de 44,95€ no resto do concello; recibos que chegan multiplicados en función das novas altas que se fixeron, e polo IPC anual correspondente.

Os socialistas de Xinzo tamén denunciaron que están a ser gravadas construcións que non teñen a categoría de vivenda ou uso residencial, dándose casos nos que un mesmo inmoble está pagando dous recibos de lixo, e mesmo chegan recibos relativos a alpendres e palleiras; polo que a lóxica indignación dos veciños vai en aumento, máxime nos casos daqueles que se ven obrigados a ausentarse do seu posto de traballo para xestionar reclamacións.

Dende o Grupo Socialista de Xinzo demándase un maior control nos servizos de recadación, tanto no Concello como na Deputación xa que, aínda que esta última emite os recibos, estes están feitos en base aos datos que lle envía o Concello; e demándaselle ao Alcalde que solicite o servizo da Deputación á hora de asesorar aos veciños para faceren as súas reclamacións e xestiona-las exencións e bonificacións se procede, evitándolles o desprazamento á cidade para realizaren estes trámites.

Os Socialistas da comarca do Carballiño acoden á área afectada polo incendio que sacudiu ao Concello de Boborás, na semana pasada.

19/09/2016
By

Dende Brués, esixen un cambio inmediato na política forestal e de loita contra os incendios da Xunta, baseada na extinción e non na prevención.

A candidata ao Parlamento de Galicia, María Quintas, declarou que: “Galicia rexistra a metade dos incendios forestais do Estado e Ourense, en concreto, a metade dos de Galicia, namentres isto acontece, a Xunta segue sen desenvolver políticas activas de aproveitamento dos nosos montes”.

IMG_5830

O sábado pasado, pola tarde, os compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista de Boborás, convidaron ao resto dos compañeiros  da comarca do Carballiño así coma á candidata ao Parlamento de Galicia e S.O. provincial, María Quintas a realizar un recoñecemento da área afecta polo gran lume que afectou á zona de Brués, entre outros lugares do Concello de Boborás, na semana pasada. A desolación que produce a visión da zona arrasada polas lapas só é comparable ao pánico que experimentaron os veciños e veciñas da zona. O lume chegou a estar ao pé das casas e vivíronse escenas de verdadeiro perigo para a poboación. Tal como denunciaron dende a Agrupación Socialista de Boborás, os medios de extinción tardaron unhas 3 horas en chegar ao lugar do incendio, desbordados, nesa mesma tarde, por numerosos lumes ao longo da provincia de Ourense, no que supuxeron os peores días para o monte ourensán. De todos os xeitos, os socialistas de Boborás queren agradecer a todos os bombeiros forestais, brigadas e veciños/as que estiveron loitando contra o lume dende o primeiro minuto, no que pareceu un incendio claramente intencionado, á espera que se aclaren as causas. A desesperación foi absoluta e o risco moi alto para a integridade dos habitantes dos lugares afectados e para as vivendas e fincas da contorna. Como xa indicaron, dende o PSOE de Boborás, nos pasados días, non chega cun bando municipal que indique a necesidade de limpar o perímetro dos fogares, senón que se precisa unha política municipal máis activa que procure axuda alí onde os recursos propios non chegan e demande da Xunta asistencia na limpeza e roza da contorna, antes que chegue o período de alto risco de incendio. “A zona afectada causa un grande impacto e unha sensación absoluta de desolación e esiximos que se actúe dunha vez por todas e se adopten medidas de prevención e aproveitamento forestal dos nosos montes, no canto de lamentar as consecuencias”, indicou Francisco Fraga, deputado provincial presente onte pola tarde.

Pola súa banda, María Quintas, candidata ao Parlamento de Galicia por Ourense nestas vindeiras eleccións, declarou, baseada na súa experiencia como deputada autonómica, que: “A única política da Xunta de Galicia é a baseada na extinción. E, mesmo esta, está a sufrir unha fragmentación dende que Feijóo é Presidente, que a fai cada vez máis cara e inoperativa. Hoxe en día, no servizo de extinción traballan, o persoal da Xunta, SEAGA, Brigadas Municipais, GES e empresas privadas como INAER e NATURTECNIA. Trátase dun operativo totalmente ingobernable e carente de toda eficacia”. Tamén engadiu que a contratación de persoal de extinción de incendios perdeu a fin que debería ter e pasou a ser unha política de contratación pura e dura para os Concellos e para a Xunta. Estanse a empregar fondos europeos, destinados á prevención e á extinción, para, no mellor dos casos, ter patrullas de Protección Civil. Respecto da política de prevención, os socialistas manteñen que non existe coma tal, non hai nin unha planificación de cultivos forestais nin de ordenación do territorio. A Dirección Xeral gasta o seu orzamento en apagar os lumes, indican dende o PSOE, non en previlos nin en políticas sostibles, non se potencia a investigación nin se preocupan, dende a Xunta, en coñecer e detectar as causas para poder aportar solucións a un problema que acaba cos bens naturais da nosa terra.

Tal como explica María Quintas, Galicia rexistra a metade dos incendios forestais do Estado e Ourense, en concreto, a metade dos de Galicia, aumenta a superficie queimada e aumentan os incendios de máis de 500 Ha que son máis virulentos e perigosos para a poboación. Namentres esto acontece, o monte galego e, particularmente, o ourensán segue sen aproveitar e sen que os responsables políticos incentiven e favorezan este aproveitamento tan beneficioso para o medio ambiente e, tamén, para o desenvolvemento económico do nosos rural. A única política que fai este goberno de Feijóo é a da persecución mediática de incendiarios, mediática porque, na realidade, tampouco é efectiva. Galicia é unha das poucas Comunidades do Estado que nos últimos 5 anos baixa na súa superficie agraria útil, co que isto supón en termos de rendibilidade das explotacións e tamén para cobrar as axudas da PAC. A superficie das explotacións pechadas pasan ao abandono e non se transfiren as que quedan, posiblemente pola falta de incentivos e valorización do propio sector primario. Feijóo dixo, en numerosas ocasións, que este era o gran problema do país, nembargante, non puxo en marcha ningún tipo de medida para corrixilo.

En conclusión, os socialistas denuncian que, no eido dos lumes forestais, estase a confiar todo na extinción e, concretamente, nos medios aéreos privados, caros e cada vez menos operativos xa que co arborado e a altura do matorral, a auga que descargan non é, totalmente, efectiva. As pistas e camiños deberían estar limpos e con faixas auxiliares ás beiras pero están con matorral alto, o que produce que , en época de seca, actúen como verdadeiro combustible e lle dean continuidade ao lume. Os e as socialistas da comarca do Carballiño esixen un cambio na política forestal da Xunta, cada vez máis enfocada á privatización de medios de extinción e menos á prevención e aproveitamento da nosa superficie de monte. É intolerable, rematan, que ano tras ano se vivan sucesos coma o acontecido en Boborás e que afecten ao benestar dos veciños e veciñas, de nada serve lamentar senón se lle pon solución previa.

 

A Agrupación Socialista de Ramirás denuncia perante a Garda Civil que lle racharon as faixas de propaganda electoral que colocaron con motivo das eleccións autonómicas.

18/09/2016
By

2016-09-12-PHOTO-00000252

A Agrupación Socialista de Ramirás, vén de denunciar, no día de onte, perante a Garda Civil, uns feitos que atentan, segundo o seu criterio, contra a liberdade democrática. O pasado 12 de setembro, os membros da agrupación caeron na conta que as faixas que colocaran nas marxes da estrada OU-531, aproximadamente á altura dos quilómetros 35 e 37,5, estaban rachadas no que parece unha acción, claramente, intencionada. Así pois, en virtude da defensa dos seus dereitos democráticos e da liberdade á hora de pedir o voto para o Partido Socialista, dende a Agrupación de Ramirás consideran que se debe por en coñecemento das autoridades estes feitos deleznables. A denuncia foi interposta contra autor ou autores descoñecidos, confiando en que aparezan os culpables posto que o Concello é pequeno e non parece complicado que se saiba quen pode ter animadversión contra o Partido Socialista, que, puido gobernar o Concello nas pasadas municipais .

Os membros da Agrupación Socialista confían no labor das forzas da autoridade á hora de descubrir ao/aos culpables de tal desfeita que, ademais, dun custo económico de reposición, ten un custo moral para as persoas con ideoloxía socialista. Non é de recibo, relatan dende a Agrupación, que nestes tempos de democracia se lle falte ao respecto a unhas das liberdades que máis custou acadar na sociedade española: a de voto. Hai formas ben máis democráticas de confrontar as distintas ideas políticas que non sexa atentando contra os bens e a propaganda electoral dun partido legalmente constituído, con tantos anos de historia e que exerce o seu dereito a pedir voto en todos os recunchos da nosa provincia nos que queren facer chegar o seu ideario de xustiza social. Vindo da historia que vimos, como pobo, de 40 anos de represión fascista, é incrible que a día de hoxe, aínda exista xente que pretende amordazar as diferenzas ideolóxicas pola brava. En aras da defensa da liberdade de expresión e do dereito a pedir o voto, os socialistas de Ramirás confían en que este feo asunto se resolva e impida que ningunha forza política teña que sufrir a mesma agresión.

O PSOE de Os Blancos denuncia o corte no subministro de auga potable dende o pasado luns, sen que o Alcalde dera explicación algunha á veciñanza.

18/09/2016
By

Dáse a circunstancia, declara a Portavoz socialista, Emilia López, que esta fin de semana están en festas e a situación persiste sen que, dende o Concello, poñan remedio.

Emilia López Blanco, portavoz socialista no Concello de Os Blancos, faise eco das numerosas queixas dos veciños e veciñas que levan padecendo un corte no subministro da auga potable que xa dura dende o pasado luns 12 de setembro. Dáse a circunstancia, ademais, que dende o 15 deste mes, levan festexando a celebración da Virxe das Dores, cos atrancos que a falta de auga conleva para a hostalería e as familias que reciben aos seus convidados/as. De todos os xeitos, tal como denuncian dende o PSOE, a situación é o suficientemente grave xa no día a día, á marxe de celebracións, posto que os veciños e veciñas carecen de auga para beber, asearse e cociñar. Asemade, ao despropósito de levaren tantos días sen un servizo prioritario e fundamental, únese a total desidia por parte do Alcalde do Concello, quen non diu explicación algunha á cidadanía e ofrece a calada por resposta. Supónse, tal como relatan os socialistas, que hai unha avaría que impide o subministro da auga corrente pero non hai unha explicación oficial nin se publicou Bando de Alcaldía algún nin se anunciaron medidas.

Dende o Grupo socialista no Concello de Os Blancos coidan que se trata dunha deixadez absoluta de funcións por parte do Alcalde do PP. Están a estudar, de feito, a asunción de medidas legais en contra dunha actuación denigrante para co pobo que gobernan, deixando á cidadanía sen un dos servizos máis básicos. Non houbo, nin tan sequera, por parte do goberno municipal, un anuncio de restricción, onde se deixen unhas horas de subministro á veciñanza para poderen levar a cabo funcións básicas e, tampoco, houbo a intención de pedir axuda para paliar esta grave situación. É por isto que, o luns vindeiro, os socialistas van rexistrar un escrito perante o Concello esixíndolle que realice as xestións oportunas para reverter esta penosa situación e devolverlle o servizo de auga corrente ao pobo. Non é de recibo, declara Emilia López, que o Alcalde non pedira axuda á Xunta ou á Deputación para que mandasen un camión-cisterna que puidese aliviar a falta absoluta de auga potable.

 

A Agrupación Socialista de Boborás achega máis de 200 sinaturas, diante do Rexistro da Deputación, esixindo o remate inmediato das obras na OU-0415.

17/09/2016
By

OS SOCIALISTAS DE BOBORÁS, FANSE ECO DAS NUMEROSAS QUEIXAS VECIÑAIS, DE USUARIOS E AFECTADOS, ALERTADOS POLA ALTA PERIGOSIDADE DADO O ESTADO DE INSEGURIDADE NO QUE SE ATOPA A ESTRADA

2016-09-16-PHOTO-00000607

A Agrupación Socialista de Boborás cumpre co prometido hai uns días, cando anunciaron a recollida de sinaturas entre a veciñanza, usuarios/as e afectados/as para esixir o urxente remate total das obras na estrada provincial OU-415 entre Brués e Feás. Así pois, hoxe pola mañá, o SX da Agrupación, Javier Lamas, fixo entrega de máis de 200 sinaturas recollidas entre os veciños e veciñas, tanto de Boborás coma da comarca, xa que se trata dunha vía de uso prioritario. Deste xeito, o SX da Agrupación e o Secretario de Organización, Amador Pérez, acudiron ao Rexistro da Deputación provincial, titular da estrada, acompañados polo deputado provincial da zona, Francisco J. Fraga, quen xa leva meses denunciando a lamentable situación que lle trasladan os seus compañeiros de Boborás. No escrito presentado, os asinantes esixen da Deputación o remate inmediato das obras proxectadas e o arranxo total da estrada, nestes intres, insegura e perigosa para os usuarios/as.

Dáse a circunstancia que os veciños e veciñas de Boborás levan agardando máis de 20 anos ao remate dunhas obras que parecen o conto de nunca acabar e que dan moitos quebradeiros de cabeza a quen as transita. O anuncio recorrente dun remate que non chega nunca, fai que a estrada estea permanentemente en obras, que dificultan o tránsito e aminoran, sensiblemente, a seguridade da estrada. Xa hai 8 anos, no 2008, que se anunciaba que a reforma da estrada se ía finalizar tras 20 anos de obras (LR 14/03/2008) e pasado todo este tempo, os usuarios/as seguen agardando. Parece, como ben din dende a Agrupación Socialista, que estes anuncios coinciden sempre con citas electorais, polo que agardan que desta volta, tanto o Concello coma a Deputación, o tomen en realmente en serio e non pequen de oportunismo político.

Tal como destaca Francisco Fraga, trátase dunha vía principal, non só polo seu carácter provincial  do servizo tan amplo que dá a toda a zona, senón porque conecta aos usuarios de Ourense coa provincia de Pontevedra, sendo de vital importancia asegurar o menor risco para os mesmos, cousa que non se está a producir. A ou-415 é unha estrada vital para comunicar e artellar unha parte moi ampla do Concello de Boborás e, ademais, supón unha alternativa ao paso do Alto do Paraño; polo que non é de recibo que estea nas condicións actuais. A este respecto, Javier Lamas, engade que o estado permanente de obras favorece a sinistralidade, sendo varios os casos de accidente que se deron na zona nos derradeiros tempos.

A Agrupación Socialista de Boborás quere destacar que non só recolleron sinaturas para seren entregadas senón o malestar da xente que está farta de aturar esta rexeitable situación. Os afectados e afectadas merecen ser escoitados na institución provincial e, sobre todo, no Concello de Boborás. Tendo en conta as queixas recibidas, os socialistas, solicítanlle ao goberno do PP de Boborás que, dunha vez por todas, esixa á Deputación de Ourense que se remate, de xeito total e non parcial, coas infinitas obras que afectan á OU-415 e, sobre todo, ao benestar, seguridade e tranquilidade da veciñanza e usuarios/as.

Os socialistas sinalan que o fracaso da política forestal do PP está a por en risco aos veciños e veciñas da provincia de Ourense.

08/09/2016
By

Noela Blanco apunta á redución da distancia de seguridade entre as vivendas e a biomasa, a privatización e precarización dos operativos de extinción e a falla de medidas de revitalización do rural

Considera o anuncio dun parque acuático para Monterrei “unha broma de mal gusto á altura da foto da mangueiriña”

 

Noela Blanco

 

A cabeza de lista pola candidatura do PSdeG-PSOE para Ourense,  Noela Blanco, sinalou hoxe á xestión de Feijóo como principal responsable de que os lumes teñan queimado 6.100 hectáreas nunha semana, 3.250 en Ourense nun só día. Dixo que “dende logo que os incendiarios son os responsables directos, pero é simplista e reducionista que o presidente da Xunta queiran sinalalos como único factor para que Galicia arda cada ano”.

A responsable socialista ofreceu unha rolda de prensa monográfica sobre a situación que se está a vivir estes días no interior de Galicia, con vivendas ameazadas polas lapas e pobos desaloxados.

Sinalou que a redución da distancia de seguridade entre a biomasa e as vivendas dos 50 metros sinalados polo goberno de Touriño ata os 30 de Feijóo, xunto coa anulación da agrupación de terreos forestais ou a privatización, descoordinación e lamentable situación de precariedade dos operativos de extinción está a poñer “en risco” aos veciños e veciñas e aos operarios que loitan cointra as lapas.

Criticou duramente a falla de medidas para recuperar a poboación do rural e a crise demográfica das provincias dun interior que fica abandonado mentres o goberno galego hipoteca 100 millóns de euros cada ano en tarefas de extinción en lugar de afrontar o problema dende a súa raíz.

Broma de mal gusto

A responsable socialista considera “unha broma de mal gusto” que o presidente da Xunta, xunto co presidente da Deputación de Ourense, anunciaran precisamente onte un parque acuático para Monterrei. “Que nos veñan anunciar un tobogán e unha piscina mentres arde Ourense está ao nivel da foto de Feijóo apagando un lume cunha mangueiriña de xardín e os seus zapatos castellanos”, remachou.

Sinalou que o parque acuático “da a medida da irresponsabilidade e incompetencia dun presidente lesivo para o noso país, e ademais constitúe unha grave falta de respecto para os veciños e veciñas que ven en risco os seus fogares”.

Blanco reclamou a convocatoria do Consello Forestal para acordar medidas concretas que reduzan os lumes, así como a posta en marcha dunha política ambiciosa e eficaz de recuperación demográfica do rural a través da creación de emprego e o aumento das rendas de gandeiros, agricultores e silvicultores, construíndo ademais unha cultura forestal integrada no medio rural galego.

Ademais, esixiu a derrogación dos artigos da Lei 7/2012 de 28 de xuño, que volvían permitir recualificar os terreos queimados, e recuperar medidas de prevención das vivendas e edificacións como a distancia de seguridade de 50 metros.

 

A deputada provincial socialista, Isabel Gil, aproveita a visita de Eloína Núñez ao centro de saúde de Celanova, para esixirlle que adquira o compromiso de ampliación do PAC, pola que levan agardando 15 anos.

08/09/2016
By

A deputada provincial polo partido xudicial de Celanova e portavoz socialista en Ramirás, Isabel Gil, tivo a oportunidade, exercendo a súa profesión como médico de familia no Centro de Saúde de Celanova de reivindicar as carencias ante a Xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e Valdeorras, Eloína Núñez, na visita que está fixo ao ambulatorio da localidade, onte pola mañá. A curmá de Feijóo e máxima responsable do SERGAS na provincia de Ourense, acudiu ao centro de saúde de Celanova, nunha visita de claro corte electoralista, acompañada polo Alcalde do municipio e mais polo responsable de Recursos Económicos da Xerencia da Xestión Integrada de Ourense, Alberto Pedrera; nesta ocasión para, a escasos días do comezo da campaña electoral das autonómicas, dar os parabéns ás obras do teito que se están a realizar no centro.

Máis aló da clara intención de publicitar o traballo feito polo actual goberno da Xunta, do PP, nunha práctica cando menos sospeitosa pola acercamento da cita electoral; os e as sanitarios/as que desenvolven o seu labor no ambulatorio tiveron a ben achegarse a estes máximos responsables dos servizos de saúde en Ourense para facerlle chegar as súas xustas reclamacións de mellora do servizo que prestan e das instalacións nas que traballan.

Nesta ocasión, Isabel Gil, quen desempeña tarefas de medicina de familia así coma gardas e atención de urxencias, acompañou a varios compañeiros, que se achegaron a Eloína Núñez e lle fixeron saber que levan 15 anos agardando a que se solucione a precaria situación na que se atopa o PAC (Punto de Atención Continuada-urxencias) que atende a, nada menos, que 10 Concellos da contorna.

A doutora e deputada provincial explicoulle á xerente do SERGAS que acometen o seu labor nunhas condicións intolerables, sen salas de consultas habilitadas, tendo que atender aos enfermos que van a urxencias nas salas destinadas a raios X e a fisioterapia, sen que estean debidamente acondicionadas e habilitadas para elo. Os pacientes que acoden ao servizo de urxencias de Celanova teñen que soportar que se lles aplique un tratamento, como pode ser unha nebulización ou un soro, e agardar no corredor namentres os dous médicos e enfermeira do PAC, van atendendo a outros enfermos. Os sanitarios de Celanova din estar fartos desta embarazosa situación na que non se asegura a privacidade e intimidade do paciente ademais de non poder exercer o seu traballo nunhas mínimas condicións.

As consultas que empregan para urxencias non están dotadas nin do máis básico, como pode ser un lavabo ou un espazo de aplicación de tratamentos. Hai xa 15 anos que se reivindicou, por parte do persoal do centro de saúde, a ampliación do PAC e, neste tempo, o goberno galego non foi quen de cumprir con esta necesidade imperiosa. Isabel Gil, como afectada directa, fíxolle chegar esta petición a Eloína Núñez e instouna a que adquirira o compromiso dunha vez por todas. A deputada di que a xente está cansa de promesas baleiras e actos faltos de contido con intereses puramente electoralistas e que, na realidade, o partido que máis tempo leva ostentando o poder en Galicia e Ourense, o Partido Popular, non cumpra coas necesidades da cidadanía. Así mesmo, opina, que esta ampliación do PAC de Celanova, beneficiaría á propia xestión integrada de Ourense posto que, moitas veces, vense obrigados a derivar os casos a Ourense ante a ausencia de espazos habilitados para atender tratamentos e observacións. No caso de existiren estes espazos, dende Celanova, poderíase contribuír a desconxestionar o servizo de urxencias do CHUO, conclúe a deputada socialista.

Aproveitando a presenza do Alcalde e do xestor económico do SERGAS en Ourense, Isabel Gil tamén lles fixo chegar unha reivindicación histórica dos sanitarios que teñen que desempeñar o seu labor no centro de Celanova. Os médicos alí adscritos teñen que facer domicilios na vila e, moitas veces, deixan os aparcamentos libres e ao seu regreso xa están ocupados, obrigándoos a perder tempo procurando aparcamento. Así mesmo, cando van a atender nos fogares dos enfermos, teñen que deixar o vehículo mal aparcado ou en zonas non habilitadas e cargan coas conseguintes multas.

Tal como relata Isabel Gil, se tivesen unhas tarxetas de aparcamento, poderían desenvolver mellor o seu traballo sen preocuparse polo sitio ou as sancións. O labor que desempeñan nas atencións a domicilio é vital para a cidadanía e, polo tanto, as administracións local e autonómica deberían facilitar este traballo cos medios necesarios. O tema do aparcamento non só afecta aos doutores e doutoras senón a resto do persoal sanitario que traballa en Celanova e, nomeadamente, ao persoal das ambulancias. A falta de lugares e as propias características do centro, fan que teñan que aparcar os vehículos enriba da beirarrúa para poder atender, con prestancia, as emerxencias. O mesmo acontece cando acoden pacientes en cadeiras de rodas, tanto en vehículos privados coma nas ambulancias, ou ben os teñen que deixar na propia beirarrúa e ir procurar aparcamento ou teñen que subirse e facer un mal aparcamento.

Non é de recibo, reitera o persoal de Celanova, que se estean dando estas lamentables situacións e que os enfermos padezan as consecuencias, polo que demandan a habilitación inmediata de aparcamentos na zona, polo que reclaman o compromiso ineludible do Alcalde da localidade. Así mesmo, tal como lle trasladou a deputada provincial, é hora de que os servizos económicos do SERGAS teñan en conta as xustas reivindicacións dos médicos que fan domicilios e que precisan ver facilitados os seus desprazamentos.