Monthly Archives: June 2016

Noela Blanco reclama á Xunta o impulso da apicultura, incluindo controis de colmeas para evita-la picaresca

29/06/2016
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, presentou unha iniciativa parlamentaria para reclamarlle á Xunta unha batería de medidas para favorece-la apicultura, mellorando o control dos asentamentos e fomentando esta actividade entre os novos emprendedores.

A deputada denunciou a existencia reiterada de casos que vulneran a normativa que regula a distribución das colmeas cunha “picaresca” que resulta lesiva para os produtores galegos. Os socialistas reclamamos unha regulación estrita de distancias entre asentamentos, de mais de 1 quilómetro de radio excluíndo aos apiarios de autoconsumo. A normativa actual sitúa en tres quilómetros a distancia que deben garda-los apicultores trashumantes para evitar saturar os nosos montes con colmeas procedentes doutras partes do Estado. Porén, hai casos nos que “estas distancias non son respectadas”.

Blanco propón aplicar, en colaboración cos concellos, medidas dirixidas a favorece-la apicultura entre os veciños, de xeito que “só no caso de non haber interese na actividade polas persoas do lugar, se podan introducirse apicultores foráneos, dun xeito controlado e racional, e cumprindo coa normativa vixente”.

A nosa deputada lembra que, a través da polinización, se contribúe ao mantemento da biodiversidade, sendo aquela vital para a agricultura, e que esta actividade forma parte do patrimonio agrícola europeo e das tradicións nacionais. Tamén sinala que a maioría de comarcas produtoras se atopan en Ourense, en Valdeorras, Trives e o Val do Bibei, estendéndose nos últimos anos ás comarcas d’A Limia e Terras de Celanova.

A compañeira explica que a rica e diversa floración de interese apícola, fai de Ourense un enclave ideal para a práctica desta actividade, ocupando o segundo lugar a nivel galego en numero de apicultores, cun grande número de colmeas. Incluso esta actividade se converte na principal en moitos casos de explotacións do rural. Así, o censo apícola provincial ascendeu as 40 000 colmeas no 2015, fronte as 21 190 no 1998.

A Xunta do PP tenta agochar un posíbel “pelotazo” do sogro de Baltar Blanco na venda dun Pazo a Mario Conde

16/06/2016
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, acusou á Xunta de “intentar agochar un posíbel “pelotazo” do sogro de Baltar Blanco e ex alcalde d’A Mezquita, Gabriel Caldelas, coa rehabilitación e venda da antiga casa reitoral de Chaguazoso ao ex-banqueiro, actualmente detido por fraude fiscal, Mario Conde.

Así o sostivo a nosa compañeira logo da resposta da Xunta a unha pregunta parlamentaria, contestación na que o goberno galego admite as irregularidades nas axudas concedidas para a rehabilitación do inmoble en 1998, ter confirmado a inactividade da reitoral no 2013, e ter sancionando ao titular do establecemento, que deberá devolve-las axudas públicas obtidas, por incumpri-la obriga de adica-lo inmoble a turismo rural durante os quince anos posteriores a ter recibido ditas axudas. Blanco reclama saber se a sanción que agora anuncia a Xunta “pretende se-la maquillaxe coa que tapar un posíbel ‘pelotazo’ da familia de Baltar”.

A deputada cre que, en realidade, o establecemento non estaba sendo adicado ao turismo rural, por moito que figurara na oferta turística da Xunta, alomenos dende o intre en que foi adquirido por Conde; e quere que a Xunta clarifique se foi adicado a ese fin mentres era propiedade do sogro de Baltar Blanco.

A compañeira reclamará, ademais, as facturas que aclaren se as axudas que Caldelas percibiu, un total de 490 000€ procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural -incluíndo 120 000€ da Administración autonómica-, se corresponden con gastos reais de rehabilitación das instalacións; e esíxelle á Xunta que clarifique, ademais, se a obriga de devolve-las axudas afecta tamén ao beneficiario inicial das mesmas, -o sogro de Baltar Blanco-, se a mesma incluirá tamén á contía recibida da UE, e se se lle ten dado conta desta situación ás autoridades comunitarias encargadas de loitar contra a fraude e a corrupción.

Asemade, a nosa deputada censura o “escurantismo” co que a Xunta ten tratado esta fraude ás arcas públicas, que o goberno galego agochou ata que os socialistas presentamos unha pregunta parlamentaria ao respecto; e considera que o goberno galego “debe aclarar se houbo algunha cooperación pola súa banda para que este persoeiro ocultara responsabilidades polos delictos que lle imputa a Audiencia Nacional”.

A compañeira reclama, pois, á Xunta, que “despexe tódalas dúbidas” sobre “calquera tipo de relación triangular de cooperación entre Baltar Blanco, Feijóo e Mario Conde” no referente á dita casa rural.

Urximos á Xunta a axiliza-la declaración do Entroido de Xinzo como festa de interese turístico internacional

11/06/2016
By

As_pantallas_de_Xinzo_(3312263912)

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, esixiulle hoxe á Xunta, nunha pregunta oral, que acelere os trámites para declarar “canto antes” ao Entroido de Xinzo de Limia como Festa de Interese Turístico Internacional.

A compañeira informou que os problemas provocados pola descoordinación entre o Concello e a Administración Autonómica están a retrasa-la declaración definitiva e a prexudicar gravemente os intereses de toda a provincia: “a documentación presentada na Xunta de Galicia polo Concello non cumpre os requisitos esixidos”, e se lle tivo “que requirir nova documentación ata en dúas ocasións”.

Blanco lembrou que o Pleno municipal solicitou, xa o 20 de xuño do 2013, o inicio dos trámites para a declaración en cuestión, coa que xa contan outras festas semellantes en España (o de Cádiz e o de Santa Cruz de Tenerife). Esta petición foi obviada pola Xunta, que tamén incumpre a iniciativa socialista no mesmo senso, aprobada en febreiro de 2015.

A deputada sinalou a importancia do Entroido de Xinzo, que para os ourensáns “non é só unha festa calquera, senón un sentimento”; e que “esta declaración de carácter honorífico daría un pulo a unha das festas máis antigas e simbólicas de Galicia, á vez que supoñería un revulsivo socioeconómico para toda a provincia”.

Os socialistas de Leiro demandan información sobre o posíbel cambio de proxecto da nova pasarela sobre o río Avia

08/06/2016
By

Paseo_fluvial_río_Avia2,_concello_Leiro,_Ourense

Os socialistas de Leiro rexistraron no Concello, unha solicitude de informe técnico ao arquitecto municipal, para que informe sobre a redacción dun novo proxecto de pasarela no río Avia, e mailos seus verdadeiros motivos.

O Grupo Municipal Socialista de Leiro tiña coñecemento da redacción dun proxecto, pero a veciñanza informoulle dunha nova ubicación (concretamente, veciños ás que lle foi solicitada a cesión de terreos ao Concello na mesma) e, polo tanto, un novo proxecto.

Estes feitos, demostran a reiterada denuncia do voceiro socialista, Manuel Rodríguez, no senso de que o Alcalde e o seu grupo de goberno, actúan por impulsos, con falla absoluta de previsión, acuciados pola falla de ideas e de xestión.

Por outra banda, a través dese mesmo escrito, os socialistas de Leiro, pediron tamén estuda-los proxectos das obras nas rúas Eiján e Gabino Bugallal, xa nin estas comezaron nin se entende o motivo desta paralización. Obras que foran anunciadas a bombo e címbalos polo alcalde.

Por último, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, destaca que leva dezaoito días sen recibir resposta a un escrito que presentou o pasado 19 de maio, no que pedían as copias das facturas da Festa da Vendima e de certas obras realizadas durante a campaña das eleccións municipais do 2015. A demora en explica-los gastos que se produciron en ambos casos, poden provocar unha lóxica desconfianza sobre o seu contido.

O Portavoz do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, esixe responsabilidades a Pablo Pérez pola utilización do local da Mancomunidade Terras de Celanova, por parte da súa familia.

01/06/2016
By

NACHO GÓMEZ COIDA QUE A CIDADANÍA DE OURENSE DEBE SABER QUE GRAO DE IMPLICACIÓN TEN O DEPUTADO DO PP NA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS A UNHA ENTIDADE PRESIDIDA POLO SEU PROPIO PAI.

 

O ENTRAMADO FAMILIAR QUE CONFORMA A FAMILIA DO DEPUTADO PÉREZ, LEVANTA SOSPEITAS SOBRE O APROVEITAMENTO QUE FAN DOS RECURSOS PÚBLICOS.

 

O Portavoz do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, esixe que se coñeza o grao de implicación do deputado provincial, Pablo Pérez, na concesións de subvencións á Mancomunidade Terras de Celanova, que o seu pai preside. Así mesmo, considera que Pablo Pérez, en canto coordinador da cooperación con Concellos e Mancomunidades da Deputación de Ourense, debe asumir responsabilidades pola utilización privada que fixo a súa familia do Centro ocupacional da Fundación para a Protección dos Minusválidos Terras de Celanova, dirixido por seu irmán e que pertence á Mancomunidade que preside seu propio pai, Alcalde de Quintela de Leirado.

 

O Grupo Socialista na Deputación, considera imprescindible, xa que logo, que o Presidente investigado, José M. Baltar e mailo seu Deputado provincial, o señor Pérez, deben respostar inmediatamente ao grao de implicación que ten o propio Pablo Pérez, nos procedementos de concesión de subvencións á Mancomunidade Terras de Celanova. Tamén esixen coñecer a relación de subvencións que lle foron concedidas a esta Mancomunidade dende o 2009, posto que os socialistas, son coñecedores de que receben cartos a esgalla da Deputación, moi por enriba doutras entidades e que, agardan, estean plenamente xustificadas.

 

O clan familiar do deputado do PP, polo tanto, estende as súas ramificación en torno a todo o relacionado coa Mancomunidade  e así, aparte do feito que o pai sexa Presidente, o irmán de Pablo Pérez é director do centro ocupacional do que fixeron uso privado ademais de traballador da propia Deputación de Ourense. A pesares de que, por desgraza, a sociedade ourensá está afeita a estes entramados familiares, o Grupo Provincial Socialista, esixe coñecer se hai incompatibilidade entre o cargo de director do centro ocupacional e o seu traballo na institución provincial. Deste xeito, solicitaron copia da solicitude de compatibilidade para exercer ambos traballos.

 

Así mesmo, dáse a circunstancia que o propio Pablo Pérez, é coordinador da Cooperación coas Mancomunidades, polo tanto, responsable, en última instancia do uso que se faga dos recursos adscritos ás mesmas e, máxime, se é a súa propia familia quen fai un uso inapropiado.

 

“A utilización desa Mancomunidade por parte desa familia, excede ata as actuacións ás que estamos tristemente acostumados nesta provincia. Aparte de usar a Mancomunidade como unha empresa de colocación dos membros desa familia, agora sabemos que empregan os locais e espazos públicos para actividades privadas”, declara Nacho Gómez.

 

Nacho Gómez, considera que Pablo Pérez, debe dimitir se ten responsabilidade sobre a mala utilización de espazos e recursos públicos para actividades da súa propia familia. Así mesmo, coida que toda a provincia, en particular, os veciños/as da Comarca deben coñecer as actuacións do pai do Deputado, en tanto que Presidente da entidade e do irmán, en tanto que director do centro ocupacional pertencente a esa mesma entidade.