Monthly Archives: February 2016

O Grupo Socialista denuncia que a Deputación oculta a información relativa ás subvencións que concede a Cortegada

O Voceiro do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, denuncia o escurantismo da Deputación respecto á información referida ás diversas subvencións que se teñen concedido, durante o pasado ano, ó Concello de Cortegada.

O compañeiro vén de reiterar, mediante escritos rexistrados perante a Deputación, a súa demanda de que se lle facilite unha relación das axudas e subvencións que se lle concederan ao Concello de Cortegada durante o pasado ano, sen obter resposta algunha ata o momento.

O noso Voceiro socialista na Deputación considera que o Presidente da institución quere oculta-la utilización de fondos públicos para dar soporte á operación de transfuguismo máis indecorosa dos últimos anos, co cambio de partido do alcalde, Avelino de Francisco. Gómez lembra que, aínda máis grave, foi o “cambio de chaqueta” de concelleiros como Víctor González e Diego Álvarez, que buscaron tódalas artimañas para impedir que se presentara unha candidatura socialista. Por iso agora o PP procura premiar estes actos indecentes de transfuguismo con dádivas persoais propias do máis rancio caciquismo, que merecen a condena social.

O compañeiro Gómez insiste en que, tanto o alcalde de Cortegada coma os seus lugartenentes, queren evitar que os veciños de Cortegada coñezan cómo se xestionan os bens e servizos públicos, polo que realizan una intensa labor de ocultación ao respecto, impedindo seu coñecemento desa información e coaccionando aos representantes dos veciños que piden transparencia.

Ignacio Gómez afirma que o noso Grupo na Deputación prestará todo o apoio ao Grupo Municipal Socialista de Cortegada, para denunciar tóodalas falcatruadas dos devanditos “neocaciques” que manchan a vida pública, así coma para dar apoio á loita valente dos tres concelleiros socialistas, encabezados polo seu Voceiro, Alberto Dantas.

Demandamos no Parlamento dous plans, de creación de emprego e de cooperación sanitaria, co Norte de Portugal

Os Grupo Socialista no Parlamento galego demandou hoxe na cámara autonómica senllos plans de cooperación transfronteiriza, en materia de creación de emprego e de atención sanitaria, entre Galicia e o norte de Portugal, mediante a presentación de senllas proposicións, que foron rexeitadas polo PP.

A deputada pola nosa provincia Noela Blanco, manifestou, na presentación das dúas proposicións, o seu convencemento de que “as relacións co país luso deberían ser unha parte prioritaria na axenda de acción exterior deste goberno, mais nestes últimos anos é patente a falla de interese e de implicación amosada polo goberno de Feijóo en todo o referente a fortalece-las relacións co país veciño”, denunciando que “a posición do goberno galego en Europa é un paripé que se visualiza na ausencia do presidente da Xunta en Bruxelas, nun momento no que nas institucións europeas se están a tratar temas de especial relevancia para Galicia, como a situación na que se atopan os nosos sectores produtivos”.

Con relación á iniciativa sobre emprego, Blanco lembrou que a zona transfronteiriza, na que destaca o Sur da nosa provincia, “é a que sofre o maior incremento do desemprego en Galicia, máis do 70% dos vinteséis concellos superan a taxa media de paro”. Unha situación que comeza “a reverte-lo novo goberno socialista portugués en poucas semanas, ao que igual que ocorrera en España cando os socialistas cheguemos a presidencia do Goberno”.

Este plan de emprego debería de incidir de maneira urxente “na mocidade, onde se está a reproduci-lo fenómeno da emigración dos anos ‘70, na poboación con máis idade, presa en moitos casos dun desemprego de larga duración, e nas mulleres, xa que o paro feminino segue sendo superior ao masculino”. Xa que logo, para a nosa deputada, e tendo en conta “este marco de tremendas dificultades no mercado laboral, os socialistas consideramos que, de xeito urxente, se debe elaborar e poñer en marcha este plan, que deberá contar con dotación orzamentaria, para favorecer un mercado de traballo inclusivo na zona transfronteiriza, que axude a cohesión social e territorial da mesma”.

Con respecto á Sanidade, a iniciativa demandaba á Xunta “a elaboración, de maneira conxunta co Goberno portugués, e a presentación no Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación no prazo máximo de tres meses, dun plan estratéxico de cooperación transfronteiriza sanitaria, que terá, entre outros, como obxectivos, a eliminación das principais trabas burocráticas: a falta de transparencia e información sobre os procedementos e tratamentos en cada un dos Estados, a incerteza que existe sobre os pagos e reembolsos, e as dificultades no seguimento ou tratamentos posteriores”.

Caso de que tivera sido aprobado, este plan sería “pormenorizado”, contando “cun cronograma e identificación dous recursos financeiros e humanos”, onde se contemplaría a dotación orzamentaria que a Xunta destinaría ao mesmo, así como “as posibles axudas comunitarias”, informou Blanco.

María Quintas demanda á Xunta a posta en marcha o Plan de Dinamización Turística d’As Ermidas

2763176388_7f4ca0e9f4_b

Quintas vén  de presentar unha batería de iniciativas diante da Xunta para urxi-la inmediata posta en marcha do Plan de Dinamización turística do entorno d’As Ermidas (no Concello d’O Bolo). Este Plan, financiado pola Xunta, atópase no caixón do alcalde d’O Bolo, quen, segundo a propia deputada, demostra o inmobilismo do que é capaz o PP, que, en vésperas de eleccións, presenta iniciativas para logo perde-los cartos e abandoar á poboación en momentos de crise, facendo unha nula aposta pola reactivación económica en Ourense.

Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista n’O Bolo atópase extraordinariamente preocupado pola situación socio-económica do municipio, que leva anos sen xerar postos de traballo debido a ausencia de tecido industrial e comercial. Juan Ferreira, o seu voceiro, alerta da necesidade de adoptar medidas urxentes que valoricen os recursos cos que conta o concello: así, nos últimos dez, o despoboamento d’O Bolo é unha auténtica lacra, situándose no 30%, e, se a esto lle xuntamos a fuxida dos mozos e mozas, o futuro amósase moi complicado.

Ferreira considera que as consecuencias son devastadoras: a renta per cápita está por baixo dos 600€, o que, en moitos casos, provoca situacións familiares que rondan o umbral da pobreza. Se engadimos que a capacidade tributaria do Concello é insuficiente, o resultado son uns servizos deficitarios e que non chegan abondo.

Neste escenario, para os socialistas d’O Bolo, faise urxente adoptar medidas que poñan en valor os recursos endóxenos do concello para revitaliza-la economía. Non é entendible que, no marco do correspondente Xeodestino turístico, non se adopten medidas que impulsen a posta en valor dos recursos culturais e turísticos do concello. Tamén esixen que o Plan de Dinamización turística para a recuperación do entorno d’As Ermidas, se poña en funcionamento, xa que leva sete meses paralizado nun caixón do Concello, e faise urxente e imprescindíbel, que os cartos empregados na elaboración do proxecto sexan útiles ao Concello d’O Bolo.

Reclamamos un acordo de financiamento para garanti-la viabilidade dos conservatorios de música de Ourense

NoelaBlancoRodriguezA nosa deputada autonómica Noela Blanco, presentou unha iniciativa parlamentaria para reclamar un acordo de financiamento da Xunta cos concellos que teñan conservatorios de música e a Deputación, para garanti-la viabilidade destes servizos.

Blanco destaca que estes centros son sostidos polos concellos, cando atenden a alumnos de diferentes localidades da provincia, e advirte de que “as administracións non deben escudarse no puramente financeiro para abandonar aos conservatorios de música, moitos dos cales se atopan en situacións de precariedade de instalacións e medios”, lamentando que este criterio “pode botar por terra os esforzos de toda a comunidade educativa”.

A deputada sinala que algúns destes centros funcionan “dende hai décadas” a costa exclusivamente dos orzamentos de cada concello, co que actualmente se converten nunha carga “difícil de soportar”. Esta situación agrávase en casos como o de Xinzo, así como os de Carballiño, Ribadavia e O Barco, que reciben alumnado doutras vilas que non imparten nos seus centros o Grao profesional, o que acrecenta a carga destes concellos, polo Blanco reclama a participación das administracións supramunicipais, como a Deputación e a Xunta, para que participen e apoien aos conservatorios da nosa provincia.

Xuventudes Socialistas de Ourense celebrou Congreso provincial

20160207102715

A cita que, tivo lugar onte en Barbadás, serviu para elexir a Adrián Borrajo como o seu Coordenador, substituindo a Mario Tarrío. Borrajo, que contou co apoio unánime da militancia que participou no Congreso, agradeceu a labor realizada polo seu antecesor, que “se implicou en todo momento coa nosa Organización para tentar conseguir a participación de todas as Agrupacións da provincia e dos seus militantes, estando sempre ao noso carón cando o precisamos”.

O novo coordenador recoñeceu que “temos un reto fundamental que será chegar ao maior número de mozos e mozas da nosa provincia, unindo as forzas de toda a militancia a través dun traballo coordinado, tentando espalla-la noso xeito de facermos política, estando orgullosos de sermos socialistas”, chegando “a esa maioría da mocidade que ten ganas dun cambio efectivo na política, que ten que vir dende a esquerda, e que ten ideas de cambio, progresistas” con “valores galeguistas, para que traballen canda nós e poidamos completar o noso proxecto”.

Borrajo comprometeuse a seren “implacables” contra o xeito de facer política “do Partido Popular na nosa provincia, que durante o último ano non só foi esperpéntico, senón que lle sumou aos retallos sociais, a repugnancia dunha forma de entender a política coa que nós estamos radicalmente en contra, abundando en que “o presidente da Deputación, tralo escándalo que houbo, debería ter dimitido por respecto á cidadanía, pero non sendo suficiente con iso, nestes últimos días puidemos ver como este personaxe seguirá a se-lo representante do Partido Popular nesta provincia”. Fronte a esto, reivindicou que “non debe seguir nin un minuto máis no cargo; representa esa política vella que a cidadanía rexeita e lle apesta”, rematando coa afirmación de que “se o machista que teñen como presidente tivese un mínimo de dignidade, xa tivera presentado a súa dimisión en canto todos escoitamos o que escoitamos”.

O Congreso Provincial que foi clausurado polo secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, que tamén agradeceu a labor desempeñada por Mario Tarrío ao longo destes últimos anos nos que a actividade política foi moi convulsa, cousa que non lle impediu facer visible a labor das Xuventudes Socialistas en Ourense”. Bouza advertiu de que “non podemos mirar cara outro lado mentres nos arrebatan os nosos dereitos e as nosas esperanzas de poder ter unha vida digna”, manifestou a súa ledicia por ver “como temos recambio e moito futuro”, o seu orgullo por ver cómo en Ourense “hai persoas comprometidas que se achegan á nosa organización para cambia-la sociedade”, e concluíu delo que “temos un futuro prometedor polo que loitar; estou convencido de que entre todos e todas alcanzaremos os nosos soños traballando unidos”.

Os socialistas de Piñor cualifican de “cambiazo” as modificacións no PXOM

Os concelleiros do PSdeG en Piñor abstivéronse na recente votación no Concello sobre o proxecto de PXOM, debido á falta de información, ata dous días antes, sobre as modificacións introducidas polo alcalde, que cualifican de “cambiazo”, do que non queren ser “cómplices” ao sospeitaren que poden beneficiar a “intereses particulares do grupo de goberno”.

O voceiro socialista, Fran Fraga, tilda de “nin serio nin resonsábel” o comportamento do alcalde, tamén por convocar un pleno sen ter maioría suficiente para a aprobación, xa que faltaba o tenente de alcalde, socio do goberno municipal.

nuevo-2

Os socialistas de Xinzo propoñen un recoñecemento a Julio Villarino, mestre-artesán da “pantalla”

b1d0536560fa15000b65c65fcddd7b57 (2)

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Xinzo vén de rexistrar unha moción sobre  recoñecemento de Julio Villarino Rodríguez como artesán-trasmisor da “pantalla” do Entroido de da vila, co obxetivo de que o plenario  acepte a proposta de iniciar un expediente de recoñecemento e mención especial a Don Julio e a tódolos artesáns que, a día de hoxe, continúan a face-la máscara da “pantalla”, e adecuar un espazo de honra no recén estreado Museo Galego do Entroido, para a súa memoria e o seu legado.

No trinta aniversario do seu pasamento, os socialistas consideramos que é hora de recoñece-la labor de Villarino na transmisión do xeito de face-las “pantallas”.

Don Julio, pai da expresidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino, Rodríguez, foi un comerciante de Xinzo nado en 1913. Aprendeu do seu sogro a tradición da “pantalla”, os segredos e as formas tradicionais de moldealas, e a conciencia de toda a importancia e tradición do Entroido na cultura popular, mantendo viva a esencia dun traxe que cos anos gañou en importancia e elegancia, e dunhas máscaras emblemáticas.

Julio Villarino foi un home que fixo da mascara unha paixón, e da paixón un legado que foi ensinado con cariño, con esmero e paciencia, aos mais novos, para que a tradición non se esquecese e fose tamén revelada de xeración en xeración, ata perpetua-lo orgullo, co que moitos limianos visten o traxe de pantalla, sacralizando a súa máscara, que non só é só icona do Entroido, senón tamén sinal identitario de Xinzo.

Unha máscara con personalidade propia, actitude contudente e inconfundíbel, cuxos exemplares seguen a confeccionarse, a día de hoxe, de xeito artesán e con escrupuloso respecto á tradición, facendo uso dos mesmos materiais primarios.

De aí a importancia de recoñecer a todos aqueles que moldean coas súas mans cada ano, esta parte da cultura popular, entre os que Elvira Lama, voceira do Grupo Municipal Socialista, nomea o bo facer da Asociación cultural “A Pantalla” e dos obradoiros nos que transmite o bo saber, e o sentimento, herdados dos mestres como Don Julio.