Monthly Archives: February 2016

O despilfarro do PP en San Amaro pon ao Concello camiño da creba

29/02/2016
By

Concello_de_San_Amaro

No último pleno do Concello de San Amaro, os socialistas tivemos coñecemento, a través dun informe de Secretaría-Intervención, dalgo que viñamos sospeitando: a falta total de solvencia do propio Concello, debido á absoluta irresponsabilidade do Alcalde, Ernesto Pérez.

A gravidade da situación é tal que, nun futuro non moi lonxano, o Concello de San Amaro pode verse abocado a declararse en creba, posto que non cumpre coas súas obrigas de estabilidade financeira, segundo as normas do propio Ministerio de Hacienda.

A pasividade do alcalde perante esta grave situación é tal, que a propia Interventora do Concello de San Amaro fixo xa a súa terceira advertencia ao respecto ao pleno da Corporación, coidando que vai a ser difícil, por non dicir imposíbel, cumprir coas obrigas que establece a normativa no pago a proveedores do Concello (excedendo con moito os prazos que dicta a Lei 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostebilidade Financieira), xa que existe un déficit estrutural de tesourería, debido ao impago recorrente das facturas da auga á empresa GESECO, S.A., tal como vimos denunciando os socialistas.

A situación é tal que, ata dende os propios servizos económicos do Concello, advirten que, de proceder a pagar a esta empresa no prazo establecido pola Lei, impediría o pago ao resto de proveedores do Concello por falta de liquidez. O abuso ao que está a someter esta empresa ao Concello de San Amaro, execede con moito o sentido común e o Alcalde non fai nada por impedilo. A propia interventora, recomendoulle varias veces negociar á baixa con esta empresa, porque os importes facturados son de tal magnitude que impiden que o pouco que recuda o Concello, dea para atender este gasto, no tempo que dicta a normativa e, moito menos, outros gastos esenciais para o funcionamento da entidade local e dos servizos que se lle dan aos veciños.

No mencionado informe, advírtese de que o incumprimento do prazo de pago a proveedores no Concello de San Amaro, é unha cuestión que se repite trimestre a trimestre e que se manterá así debido á pasividade e á non toma de decisións do Alcalde. Tal e como denunciou en numerosas ocasións o Grupo Municipal Socialista por boca da súa voceira, María Jesús López Carrasco, o Alcalde non actúa ante as numerosas advertencias para que rebaixe o contrato abusivo que estableceu coa empresa que subministra a auga potable, entre outros derroches sen sentido nos que incorre mes tras mes. Todo elo leva a unha situación económica desastrosa da que han ser vítimas os propios veciños do San Amaro.

A todo este despilfarro e desatención, hai que engadi-lo rosario de débedas contraídas que, segundo o Informe da Interventora, ha rematar causando o colapso da tesourería municipal. Hai débedas contraídas coa Mancomunidade do Carballiño, con Unión Fenosa, etc. Todo esta débeda non ten correspondencia co que ingresa o Concello de San Amaro, e equivale ao 115% do orzamento en vigor para o ano 2016. É dicir: se o Concello quere cumprir coa Lei de estabilidade e coas súas obrigas, tería que usa-lo importe do total das partidas que pode gastar este ano, incluindo os servizos que se lle dan á veciñanza.

A situación está lonxe de ter visos de ser arranxada; e no Informe citado, reiteráselle ao Alcalde que é o responsábel de velar pola pola estabilidade financieira e pola xestión do desenvolvemento económico e do Concello, cousa que non fai. Pola contra, pese ás advertencias da Intervención para que conteña o gasto, o Alcalde foi xerando máis débeda coa Mancomunidade e, sobre todo, con GESECO, S.A., negándose a negociar condicións máis vantaxosas para o Concello e unha menor marxe de beneficio para a empresa, tal e como o Grupo Socialista lle ten advertido.

Os socialistas, xa que logo, queremos denunciar publicamente esta situación, e especialmente, consonte ao expresado no devandito informe, queremos pór en coñecemento dos veciños de San Amaro que a propia Interventora do Concello está advertindo ao Alcalde de que, de non reconduci-la súa actitude pasiva e inactiva con respecto ao gasto que está a realizar sen control, terá que asumi-las consecuencias. Por unha banda, o Concello de San Amaro imcumprirá o obxectivo da estabilidade orzamentaria e, por outra, o Alcalde, como responsábel público sometido aos criterios do bo goberno (Lei 19/2013 de 19 de Decembro) ten a responsabilidade patrimonial e contable esixible en casos tan graves coma este, de infraccións en materia de xestión económico-orzamentaria.

O PP empéñase: Ourense seguirá a se-la única provincia galega cun servizo provincial de incendios privatizado

27/02/2016
By

12744618_1693771350841260_1345356868328728422_n

O PP rexeitou unha moción que os socialistas presentamos no pleno da Deputación no senso de que esta asumise a xestión directa do servizo do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento. Foi o noso deputado provincial Francisco Fraga Civeira quen presentou a moción, que instaba a que a Deputación, en virtude do consorcio conformado pola propia institución provincial e a Xunta de Galicia, asumise a xestión directa do servizo, dada a eficiencia demostrada por este modelo de xestión.

Fraga Civeira explicou que a progresiva privatización da xestión dos parques comarcais de bombeiros, nos últimos dez anos, conlevou unha merma dos recursos públicos, facendo mais caro e mais precario un servizo básico e esencial. “Apostamos pola xestión pública e directa, posto que, ademais de ser máis eficiente e homoxeneiza-lo servizo en todo o territorio, é máis barata, como ben se pode comprobar en casos como o de Silleda”.

O deputado aclarou que urxía o traslado desta moción ao pleno da Deputación, posto que están a piques de vence-los contratos coas concesionarias. Porén, ante a negativa do grupo de goberno do PP, afirmou que “achegar propostas faise difícil cando se incumpren ata os prazos para celebra-las reunións do propio Consorcio”. “Os socialistas queremos o mellor para a cidadanía e cremos que o mellor para esta, respecto dun servizo tan esencial, é que sexa prestado como servizo público, para evitar ‘aforros’ que só beneficien ás empresas, e tamén para acadar que os profesionais actúen como axentes de autoridade nas labouras de salvamento”.

O compañeiro subliñou o feito de que, namentres o resto das provincias galegas terán un servizo público, os ourensáns seguiremos soportando que as empresas que nada teñen que ver co sector das emerxencias, como construtoras, consultoras, carroceiras de vehículos, de limpeza ou xestión de residuos…etc., fagan o seu particular agosto a conta do erario público, e mantendo redes clientelares.

Para o Grupo Provincial Socialista, é desexábel a consecución dun servizo de emerxencias público, eficiente, de calidade, con seguridade xurídica e con traballadores públicos. Por iso na moción presentada e rexeitada polo PP, defendemos, a xestión Directa do Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, a homoxeneización do servizo e das condicións laborais, así coma instar á Xunta a crea-lo Corpo de Bombeiros de Galicia, do que formen parte os empregados públicos que presten servizo nos diferentes parques comarcais.

Precisamente, membros deste corpo de bombeiros e do Consorcio de Ourense, tiveron a oportunidade de acudir ao pleno da Deputación e asistir ao rexeitamento, por parte do PP, dunhas medidas que este sector profesional considera prioritarias para poder desenvolve-lo seu importante labor.

Os socialistas lamentamos este rexeitamento. En palabras de Civeira, “é unha mágoa que o PP non pense na cidadanía e non opte por un servizo público eficiente”.

Pola nosa banda, seguiremos loitando para que esta xestión directa sexa asumida pola Deputación e apoiando as máis que xustas reivindicacións do colectivo dos bombeiros.

Cancela explica en Ourense os acordos para formar goberno estatal

27/02/2016
By

IMG_20160226_202119

Onte venres tivo lugar na sede provincial unha xuntanza informativa que contou coa presenza da Secretaria Nacional de Organización, Pilar Cancela, destinado a explicar á militancia as xestións e acordos feitos pola Executiva Federal para a formación de un goberno estatal progresista e reformista.

Trala exposición, os asistentes formularon as súas preguntas e comentarios.

Celebramos unha xornada informativa para explica-la Lei do solo de Galicia a alcaldes e voceiros socialistas na provincia

25/02/2016
By

IMG_3978

Secretarios Xerais das Agrupacións Municipais e voceiros municipais do noso Partido e provincia, participaron na xornada informativa celebrada esta tarde na nosa sede provincial, na que o ex-Alcalde de Santiago e deputado autonómico, Xosé Sánchez Bugallo, e noso o Secretario Xeral provincial e tamén parlamentario galego, Raúl Fernández, explicaron pormenorizadamente a nova lei do Solo de Galicia, e atenderon as dúbidas e consultas dos compañeiros.

Xosé S. Bugallo tamén é vogal na Comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, e poñente da propia Lei do Solo.

Consideramos fundamental que os mencionados destinatarios desta xornada, reciban a mellor e máis directa información sobre unha lei que tanto afecta ao devir diario da cidadanía da nosa provincia, para así, estean gobernando ou na oposición, poderen traslada-las súas dúbidas e consultas aos seus representantes autonómicos, de xeito que, posteriormente, podan achegar a mellor información á veciñanza de cadanseus concellos.

Sánchez Bugallo aproveitou para explica-la postura do PSdeG verbo da Lei de materias en proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese (aprobada para modificar a Lei do Solo antes da súa entrada en vigor), directamente relacionada coa suspensión do PXOM de Vigo.

A Deputación marxina a Berán

25/02/2016
By

San_Breixo_de_Berán,_Leiro

O noso voceiro na Deputación, Ignacio Gómez, denuncia a marxinación que se está a exercer coa Entidade Local Menor de Berán en varios programas da Deputación como de Cooperación en materia de Empregabilidade e o de Mocidade.

O Grupo Provincial Socialista tivo constancia de que as alegacións presentadas por parte do Presidente da Entidade Local Menor de Berán, para acollerse ao programa de Cooperación, foron rexeitadas por parte da xunta de goberno.

Este trato a Berán constitúe unha mostra máis da incoherencia de Baltar Blanco, quen se adicou, no pasado, a defende-la especial protección que merecía esta entidade local, dada a súa singularidade e especiais características. Porén, esta defensa se producía cando era o PP o que a Entidade Local Menor, e todo o contrario agora que o seu Presidente, democraticamente elexido, é o socialista Tomás Lorenzo.
Recomendamos a Baltar Blanco que sexa coherente, se deixe de andar de viaxes pretendidamente promocionais, e atenda aos asuntos que son verdadeiramente importantes para o futuro da provincia de Ourense, que é o seu cometido. Recomendámoslle, neste caso, que recapacite, posto que aínda está a tempo de acepta-las alegacións presentadas polo Presidente da Entidade Local Menor de Berán antes do pleno a celebrar mañá venres (día 26). Deste xeito, o Presidente da Deputación e o seu goberno serían quen demostrar unha coherencia que, ata o de agora, demostraron non ter.

A Entidade Local Menor de Berán é a única que existe na provincia deste tipo, que na lexislación de réxime local é considerada coma unha entidade da administración, coas súas obrigas e dereitos. Así, esta entidade ten que prestar determinados servizos públicos, polo que debería poderse acoller ás mesmas axudas públicas que o resto de entidades, aínda que fose nunha contía menor. Xa que logo, Gómez lembra que as funcións dunha Deputación transcenden a política partidista, e entres elas, está a de ofrecer asistencia e apoio para o desenvolvemento de tódolos entes locais da provincia. Deixar de atender esas alegacións significa deixar sen axudas aos mozos e persoas desempregadas de Berán; xa que, con esta actitude, o PP impide a posta en marcha de varios programas que ían a ser impulsados para crear emprego e mellora-la oferta termal de Berán.

O PP tenta desvia-la atención das responsabilidades de Baltar Blanco cun paripé verbo do acceso aos plenos

25/02/2016
By

O voceiro do noso Grupo na Deputación, Ignacio Gómez, fíxolle saber onte ao seu Presidente a posición socialista sobre a redacción dunha norma para o acceso ás sesións do Pleno da institución. Gómez considera que este proceso non é máis que unha manobra para tapa-la actitude de Baltar Blanco, consistente en ataca-lo dereito constitucional de acceso dos veciños aos plenos, nomeadamente o da sesión que se ía a debate-la súa implicación nun caso de posible contratación laboral a cambio de favores sexuais, que escandalizou á opinión pública a finais do ano pasado, e sobre o que seguen actuacións xudiciais.

O dereito a acceder ás sesións plenarias, por parte de cidadáns e colectivos, é un dereito fundamental que debe ser garantido por esta institución e, aínda máis, debe ser favorecido e facilitado, polo que os socialistas nos opoñemos a unha norma que tente evitar a presenza de colectivos ou persoas que queran coñecer en directo o papel dos seus representantes na Deputación.

O noso voceiro participoulle ao PP que nós “consideramos que se debe aprobar un Regulamento de Participación no que sexa factible crear novas formas de participación democrática, como pode se-la intervención de colectivos nas sesións plenarias, e a creación de consellos ou foros sectoriais, entre outras que estamos dispostos a concretar”.

Respecto do procedemento para o acceso de veciños e colectivos aos plenos, Gómez foi claro: “consideramos que non se poden utilizar mecanismos como apuntar de xeito ficticia aos seguidores e afíns ao goberno para evitar que o resto da cidadanía poida acceder ao salón de sesións”. Por iso os socialistas non admitimos que “se poida impedi-la asistencia en base a que o salón de sesións é de reducidas dimensións”, xa que, nos casos que se prevea un número de asistentes maior, “debe acondicionarse calquera outro espazo para celebra-las sesións con maior comodidade e seguridade para un maior número de asistentes, como pode ser o Centro Cultural, colindante co Pazo Provincial, o Teatro Principal ou outro espazo público”. Polo tanto, “se quere vir moita xente ao pleno, non hai que acomodar o dereito a asistir á capacidade da sala, senón máis ben acondicionar unha sala de maior capacidade que permita asistir ás persoas que así o desexen, e que permita o desenvolvemento do Pleno en condicións máis axeitadas”, abundou o compañeiro.

Ignacio Gómez critica que o Vicepresidente, a quen o Presidente, lle encomendou esta tarefa, xa dixese que o PP tiña unha proposta pechada, polo que tódalas reunións que se realicen neste proceso non serán máis que un paripé, para desvia-la atención da cuestión das responsabilidades do Presidente nun asunto tan turbio como aquel no que está implicado.

 

Propoñeremos na Deputación a apertura dunha liña de axuda para que os concellos da provincia recuperen e protexan os seus cascos históricos

23/02/2016
By

800px-Rúa_-_Vilanova_dos_Infantes_-_Celanova_-_Galiza_VI.05
O Grupo Provincial Socialista presentará perante o vindeiro pleno Ordinario da Deputación, a celebrar este venres, unha moción encamiñada á creación dunha liña de axudas con carácter provincial, que apoie as actuacións municipais en servizos e espazos públicos dos conxuntos e núcleos históricos. Esta novedosa iniciativa estará a destinada a actuacións municipais de recuperación nos conxuntos históricos de especial protección, dentro dunha estratexia de valorización patrimonial como fonte de desenvolvemento económico para a nosa provincia. O obxectivo é reverti-lo desmantelamento das axudas que se ofrecían a esta recuperación e protección do patrimonio, que foron fortemente retalladas polo PP.

Os socialistas consideramos que a posta en valor das zonas históricas, non só beneficia ao Concello no que se fai a actuación, senón que funciona como pulo ao desenvolvemento económico e turístico global de toda a provincia. A nosa é unha das provincias cun maior atractivo patrimonial de toda España, e débense contemplar, de xeito integrado, todas aquelas estratexias que sirvan de motor económico provincial.

Por iso, dende o Grupo Provincial Socialista, pretendemos someter a debate plenario o pulo que suporía unha liña de axudas aos Concellos e poboacións que contan con conxuntos e núcleos históricos que precisen de actuacións, para o cal as as propias entidades locais non teñen capacidade económica suficiente. Entendemos que, se queremos pór en valor as zonas históricas das nosas vilas e pobos, debemos considera-la súa conservación e rehabilitación como un servizo público.

Hai que ter en conta que se trata de zonas onde soen habitar persoas con rendas baixas, e que teñen o dereito de contar cos mesmos servizos que as demais noutras, asegurando o futuro destes núcleos históricos, para que non se deterioren e que non sufran abandono por falla de recursos. Cabe lembrar que estas zonas contan con protección patrimonial, e están suxeitas a unha normativa e unhas obrigas que supoñen un grande esforzo económico para os Concellos que, moitas veces, non é rendibilizado polos mesmos, senón, por exemplo, por zona limítrofes con maior dotación hostaleira.

Así, as infraestruturas que precisan, as pavimentacións das rúas en pedra, ou aspectos coma ao soterramento do cableado eléctrico, as peonalizacións ou calquera outro servizo público, teñen un custo meirande que outras intervencións, e precisan de respaldo financieiro para que poidan ser sufragadas polas entidades locais. Debido a que se trata de actuacións que implican a conservación do patrimonio, e teñen que ser executadas de xeito específico, o custo, xeralmente, supera os das intervencións que se fan fóra destes núcleos. A carga económica que deben soporta-las entidades locais, case en exclusiva, non se corresponde coas axudas que reciben, toda vez que, ademais, nos últimos tempos se viñeron retallando. Por unha banda, as axudas, que foron sometidas a recortes, financiaban as actuacións individuais e dos propietarios, e as poucas que ían destinadas ao sector público, coma os ARIs, foron mermadas na súas dotacións por parte do goberno do PP. Xa que logo, cómpre iniciar novas liñas de actuación económica ante o desmantelamento destas axudas.

Por outra banda, consideramos prioritario que esta proposta se concrete no presente semestre, nunha convocatoria pública que contemple: as actuacións a financiar, cadansúas porcentaxe e contía, así coma os criterios para a concesión.

Finalmente, queremos apelar ao esforzo colectivo que cómpre facer para acadar que os conxuntos históricos da provincia de Ourense ofrezan a súa mellor imaxen e poñan en valor a riqueza da nosa oferta turística. A aprobación desta proposta só reverterá no beneficio colectivo para toda a nosa provincia.

O PP permite a venda do mosteiro de Santa Comba de Naves incumprindo a lei de patrimonio

23/02/2016
By

2926591709_c23b221354_oA nosa deputada autonómica Noela Blanco acusou hoxe ao presidente da Xunta de “permitir e mesmo favorecer” a venta do Mosteiro de Santa Comba de Naves a un propietario privado, incumprindo a Lei de Patrimonio de Galicia. Blanco presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que a Xunta garanta o cumprimento da Lei e asegure o acceso da cidadanía ao monumento.
A deputada sinala que a venta do inmoble incumpre as garantías establecidas na norma, por canto se trata dun monumento suxeito a protección especial e é considerado Ben de Interese Cultural (BIC), de acordo coa Lei de Patrimonio estatal. A súa venta por parte do Bispado incumpre os artigos 27 e 28 da norma relativos ao tanteo e retracto, o que pon en dúbida a legalidade da operación.
Asemade, os veciños tiveron a primeira noticia desta operación o pasado 14 de xaneiro, cando os presidentes das asociacións de veciños e mulleres rurais de Palmés foron convocados de urxencia a unha reunión no Bispado para comunicarlles a operación; polo que, segundo Blanco, foron informados “unha vez rematado todo o proceso”, pois a venda se formalizou “o 22 de decembro de 2015, recoñecendo que o proceso culminara o 31 de decembro, para favorecer fiscalmente a un comprador residente no estranxeiro”. Porén, “en ningún momento se lles ofreceu aos veciños a posibilidade da compra” do inmoble, “nin lles foi comunicado que había ningún comprador interesado no mosteiro”.
A deputada critica que o propio presidente da Xunta “está máis interesado en dilapidar cartos públicos na Cidade da Cultura que en protexer espazos senlleiros da nosa provincia, que ten á maior parte do patrimonio cultural e histórico en ruínas debido ao seu desleixo”. Agora, engade, “vai un paso máis aló permitindo a venda dun ben incluído na lista vermella de patrimonio e impedindo aos veciños e veciñas o seu disfrute”.

A Executiva Provincial comeza unha rolda de reunións nas comarcas cunha mantida na de Carballiño

20/02/2016
By

20160220104652

A Executiva Provincial do PSdeG deu comezo a unha rolda de reunións comarcais enmarcadas nunha estratexia orientada a analizar aqueles temas que xeneran maior interese a nivel local para reforza-la acción política do partido a nivel territorial e potencia-la asistencia e apoio a tódalas as agrupacións e grupos municipais, de xeito coordenado con cadanseus coordenadores comarcais.

A primeira destas reunións, no que respecta ao presente ano, foi a correspondente á comarca de Carballiño; onde, aparte da presenza de membros da Executiva, estiveron os voceiros, secretarios xerais das Agrupacións Municipais, concelleiros, o deputado provincial da zona, Francisco Fraga, e o coordenador comarcal, Guillermo Fernández Dopazo.

Na reunión púxose especial énfase en tratar aqueles asuntos políticos de especial relevancia no ámbito local, de xeito que os asistentes lle poidan traslada-lo seu contido á veciñanza de cadanseus concellos. Nomeadamente, observouse como prioritario o trasladarmos toda a información dispoñíbel sobre a regularización catastral e a xestión do IBI, que afectan, progresivamente, a tódolos concellos.

Por outra banda, atendeuse a varios temas que suscitan interese ou dúbidas, por parte dos asistentes, no desenvolvemento diario da acción política nos grupos municipais socialistas, como a xestión de subvencións e axudas e a fiscalización das mesmas, o despoboamento, o aproveitamento forestal ou a xestión urbanística. En todo caso, buscouse acadar unha acción coordenada e a adecuada ao modelo de provincia que os socialistas queremos para Ourense.

Xa que logo, co esforzo colectivo de todos os militantes de cargos do PSdeG de Ourense, procuraremos as mellores solucións para as demandas que, día tras día, nos fai a cidadanía dos distintos concellos da provincia.

Denunciamos a repercusión que terá na economía rural a regularización catastral que se está a desenvolver por parte do Ministerio de Hacienda, e anunciamos medidas en tódolos ámbitos institucionais

20/02/2016
By

20160220104652

Hoxe sábado, áss 11:00h., tivo lugar na sede provincial do PSdeG unha reunión que contou coa presenza de voceiros, e concelleiros socialistas da Comarca de Ourense (incluindo o coordenador comarcal, Álvaro Vila), así como do noso senador e de deputados provinciais, autonómicos e estatal.

A Urxencia desta reunión vén dada pola repercusión que pode ter na economía rural a regularización catastral que se está a desenvolver por parte do Ministerio de Hacienda O procedemento de regularización catastral impulsado dende o Ministerio, co obxetivo de aumentar a recadación e intentar sanear as contas dos concellos, vai a ocasionar un impacto importante sobre os habitantes do medio rural en xeral, e sobre todo, sobre as explotacións agrarias e gandeiras.

A cantidade en cuestión vai a ter moito que ver coa vontade de cada concello. E aínda que a Xunta de Galicia non ten competencias propias neste proceso nin neste imposto, o seu papel, dada a importante incidencia que vai a ter no noso rural, non pode ser de pasividade, e debería ter unha posición de interlocución e negociación diante do Ministerio.

O que se pretende conquerir a través das distintas institucións é que o Ministerio de Hacienda dea unha moratoria para que este proceso non se desenvolva sen ter suficientemente valoradas as peculiaridades e a idiosincrasia dos distintos concellos.

Demandamos que as explotacións agrarias e gandeiras galegas sigan a te-las exencións máis amplas posible na súa tributación, e que se chegue a un acordo cos concellos e no seno da FeGaMP para que este proceso se desenvolva de xeito coordenado, e que non se lle imputen aos propietarios multas das que non son responsables na maioría dos casos polos atrasos dos exercicios anteriores.