Monthly Archives: April 2015

O PSdeG acusa ao alcalde de Carballiño de mentir trala remisión ao TSXG de máis de 1000 expedientes de contratos laborais no período no que Pachi Vázquez foi alcalde

18/04/2015
By

Os socialistas de Carballiño acusan ao alcalde, Argimiro Marnotes, de mentir unha vez máis no que respecta á documentación remitida dende o Concello ao TSXG en relación ao procedemento que se sigue contra Pachi Vázquez e outros concelleiros sobre a contratación de traballadores polo Concello hai máis de dez anos.

O Grupo Municipal Socialista da vila ten constancia de que nos últimos días se remitiron dende o Concello ao TSXG máis de 1000 expedientes daqueles contratos, co cal se demostra que no arquivo municipal había moita máis documentación da que se recoñecía por parte das autoridades municipais e da súa defensa neste procedemento.

Ao mesmo tempo, se corrobora que a documentación presentada pola defensa de Pachi Vázquez ante o TSXG realmente se atopaba no arquivo municipal, malia as declaracións do avogado do Concello e dos responsables municipais afirmando que non había expedientes dos contratos dos traballadores naquel período.

O voceiro do Grupo Municipal, Paco Fumega, e o concelleiro Adolfo Nogueira, explicaron en rolda de prensa que, polos medios de comunicación, “puidemos saber que o avogado que representa ao Concello de Carballiño declarou hai dous días que o Concello non tiña máis documentación sobre este asunto e que non remitira nada novo ao TSXG”. “Iso contradise co feito de que, moi recentemente, se enviaron máis de 1000 expedientes dende o concello ao TSXG”, sinalaron.

Fumega e Nogueira consideraron “gravísimo” e “lamentábel” este feito “porque se, efectivamente e como se demostra, había documentos dabondo no arquivo municipal sobre os procesos de contratos laborais do período da alcaldía de Pachi Vázquez, se estiveron ocultando durante máis de seis meses e incluso se negou ata agora a súa existencia”. “Incluso, pola información que ten este Grupo Municipal, o TSXG remitiu hai pouco tempo un requerimento ao concello de Carballiño para que se aportase a documentación aludida pola defensa de Pachi Vázquez, presentando incluso copias de moitos expedientes de contratos”, apuntaron.

Ante a manifesta falla de transparencia do goberno do PP, o Grupo Municipal do PSdeG esixe ao alcalde que facilite unha relación de toda a documentación remitida polo concello ao TSXG relativa a este procedemento, coas datas da súa remisión.

Reclama, ademais que facilite copia do rexistro do Concello no que figuran estes documentos e unha explicación sobre o ocultamento da existencia destes documentos no arquivo municipal.

Os socialistas demandan tamén explicacións sobre a tardanza na remisión destes documentos ao TSXG e esixen información sobre os requerimentos do TSXG para que se lle remitira documentación dos contratos laborais suxeitos a este procedemento, incluídas as datas na que foron requeridos.

Tendo en conta que os expedientes dos contratos laborais son pezas esenciais neste procedemento, xa que inclúen o modo de selección e as probas efectuadas, resulta, cando menos sospeitoso e unha irresponsabilidade ética e política, tratar de ocultar e retrasa-la súa posta ao servizo tanto da Xustiza como dos representantes da cidadanía no Concello, e incluso dos propios cidadáns.

Os socialistas lembraron que lamentábelmente “esta falla de transparencia e as mentiras aos cidadáns, veñen sendo a táctica habitual deste alcalde, aínda que neste caso cobra maior gravidade aínda” polo que lle advertiron a Marnotes que “non todo vale en política”.

“Se quere demostrar transparencia, agardamos por toda esta información canto antes, porque o alcalde está xogando co traballo de moitas persoas, coa imaxe dos cargos públicos afectados, e ademais coa imaxe do propio Concello, ao deixar en evidencia ao persoal e á propia institución”. “Ademais, débelle unha explicación á cidadanía sobre se, por erro ou intencionadamente, se está a ocultar información”.

Seara pide ao Goberno central “que se defina” sobre o Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia “e retome as obras”

15/04/2015
By

A deputada socialista no Congreso, Laura Seara, acaba de rexistrar na Cámara Baixa unha batería de iniciativas parlamentarias coas que lle pide ao Goberno central “que se defina e aclare cales son as súas previsións verbo do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, en Ourense”. Con estas iniciativas parlamentarias, Seara reclama ao Goberno central “que retome de xeito urxente as obras” do devandito Centro “e da Rede Natura 2000”, e lembra que se trata dun proxecto que puxo en marcha o Goberno socialista, e que o PP de Rajoy e de Feijoó paralizou”.

Para a deputada “é irónico que agora, en campaña electoral, veña” o candidato do PP á alcaldía da capital, Jesús Vázquez, a dicir que ese partido “poñerá en marcha” este proxecto, e que incluso apunte esta infraestrutura no seu programa electoral como un referente medioambiental de Galicia e de Ourense”. Por iso, Seara solicita que “se realmente o PP considera prioritario” o mesmo, “que o Goberno comece as súas obras de inmediato”.

Seara lembrou tamén que “o Centro de Interpretación púxose en marcha a través dun convenio subscrito polo Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta”, ambos socialistas, en xullo do 2008, iniciándose con iso as obras, e que “tras unha primeira paralización por parte do Goberno do PP, en novembro do 2012”, “subscribiuse un segundo convenio de colaboración para finaliza-lo Centro”. Porén, o certo é que, a día de hoxe, as obras levan tempo paralizadas, co edificio a medio construír e presentando “un estado de abandono que foi denunciado en múltiples ocasións polo propio Concello de Ourense e polo PSOE”. Pola súa banda, a Xunta, reprocha tamén a deputada “alega estar á espera de redactar novos documentos, pero as obras seguen bloqueadas”.

Seara subliña que “o proxecto iniciado no 2008 é unha novidosa posta en valor da inmensa riqueza natural de Galicia, particularmente da provincia de Ourense, cunha superficie de 3026m2, nos que se prevían funcións expositivas, museísticas e informativas”. Tamén destaca que daquela se establecía que o Centro fose “un referente de divulgación medioambiental, no que se organizasen cursos e congresos relacionados co medio ambiente”.

A deputada considera que “a postura que está adoptando o PP parece indicar que, tanto o Goberno de Rajoy como a Xunta, puideron cambiar de opinión respecto ao Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, e por iso o Goberno debe explicar con claridade cal é o desenvolvemento do convenio asinado” e “cando retomará as obras”.

Laura Seara afirma que “abri-lo debate sobre o AVE a Galicia é só apto para necios”

09/04/2015
By

A deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, reprocha que algúns partidos políticos como CiU, UPyD e Ciudadanos se “sumen ao carro dos detractores do AVE a Galicia”.

Para Seara “reabri-lo debate sobre a necesidade do AVE a Galicia só é apto para necios”, e sinala que se trata dunha infraestrutura que non ten marcha atrás”, un “proxecto irrenunciábel, malia os atrasos e as dilacións que sufriu por parte do Goberno do PP” e unha “infraestrutura absolutamente necesaria para a vertebración do País e para o desenvolvemento económico do territorio galego”; e “os galegos -engade a deputada- n non queremos ser cidadáns de segunda”.

Seara lamenta que “Albert Rivera, que si celebrou con xúbilo a chegada do AVE a Cataluña” se opoña agora á chegada do AVE a Galicia, unha infraestrutura que é tan estratéxica para Galicia como para o resto de España”, e móstrase convencida de que “se Rivera vivise en Galicia, e máis concretamente en Ourense, ou simplemente coñecese a realidade destes territorios, seguro que non plantearía semellante dislate no seu programa electoral”.

“Espero que os galegos fagan pagar nas urnas a todos aqueles partidos que se apuntan á demagoxia, ou que se disfrazan de nacionais” pero no fondo só defenden os intereses dos seus propios territorios.

Seara admite que lle chama a atención o feito de que coincidan nas críticas ao AVE galego tanto CIU -o partido co que o PP ten a día de hoxe mellor relación no Congreso dos Deputados- como Ciudadanos -ao que o PP pretende achegarse-. E “dende logo” a deputada espera que “o PP, na súa nova esta estratexia de achegamento a Ciudadanos, non se atreva a utiliza-lo AVE como moeda de cambio para suma-lo seu apoio”. Neste Senso, Seara anuncia que “os socialistas promoveremos no Congreso iniciativas para que tódolos partidos políticos, entre os que tamén inclúo ao PP, queden perfectamente retratados”.

O PSdeG de Carballiño pon en marcha unha nova canle de comunicación e participación coa cidadanía en Whatsapp

08/04/2015
By

O Grupo Municipal do PSdeG do Carballiño vén de poñer en marcha unha nova canle de comunicación coa cidadanía, para facilita-la súa participación mediante a aplicación para móbiles Whatsapp.

Esta nova ferramenta permitirá aos cidadáns achegarse máis ao partido, xa que poderán transmitir directamente as súas opinións, propostas ou necesidades de cara ás vindeiras eleccións municipais do 24 de maio.

O obxectivo do candidato á alcaldía, Paco Fumega, é estar preto dos cidadáns e coñece-las súas preocupacións e necesidades, para que as propostas dos socialistas da vila de cara ás vindeiras eleccións municipais sexan realistas e enfocadas a soluciona-los problemas daquela e a mellora-la calidade de vida dos veciños.

A fin de fomentar esta proximidade coa cidadanía, o PSdeG pon a disposición de tódolos veciños o número 693 061 103, para que poidan facer chegar mediante o Whatsapp, calquera suxestión, idea ou queixa.

En ano e medio, mil oitocentos ourensáns emigraron fóra de España

08/04/2015
By

A deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, recibiu unha resposta do Goberno central que confirma que, dende o 2012 ao primeiro semestre do 2014, houbo 11 604 galegos que emigraron fóra de España, dos que 1790 eran ourensáns.

A deputada manifestou que “esta situación se produciu como consecuencia da crise económica, pero estivo agravada polas políticas de retallo do PP, en Galicia e en Madrid, que condenaron aos cidadáns á asfíxia”. Así, como principais causas de que os galegos voltemos a emigrar en busca de oportunidades, Seara cita “a ausencia de emprego de calidade e a deficiente estrutura empresarial galega”, pero tamén “as erráticas políticas de emprego e os inasumíbeis retallos sociais levados a cabo polo Goberno de Rajoy, coa compracencia de Feijóo”. Especialmente grave considera que “esta fuga” se produza “sobre todo entre os máis novos e cualificados, o que agrava aínda máis o problema do envellecemento da poboación existente en Galicia, e fai aínda máis difíciles as perspectivas de sustentabilidade da economía galega”.

A deputada lamenta que “hoxe, do mesmo xeito que hai sesenta anos, os mozos teñen que colle-la súa maleta e marchar non só lonxe da súa cidade ou pobo, senón lonxe do seu país”. “Abandonan as súas cidades e pobos, abandonan Galicia e abandonan España”. “A emigración ao exterior estase convertendo nun mal endémico en Galicia”. “Trátase dunha sangría demográfica e económica, coa que se vai o talento, as persoas máis cualificadas, ante a falta de perspectivas de empeza-las súas vidas con empregos acordes ás súas expectativas e a súa preparación”, e reprocha que o Goberno central do PP “metres tanto, presume de que baixa o número de parados”, lembrando Seara que eses “mozos que emigran causan baixa nas listas do paro, polo que este drama axuda ao Goberno a maquilla-las cifras” de desemprego.

Seara destaca que, malia que en termos absolutos é maior o número de persoas das provincias d’A Coruña e Pontevedra que emigran ao estranxeiro debido á súa maior poboación, o peso relativo de ourensáns que o fan é maior na nosa provincia: “para Ourense, a provincia galega xunto con Lugo co índice de poboación máis envellecida, o saldo de persoas que foxen ao estranxeiro coa esperanza de mellora-las súas condicións de vida, é insoportábel: con estes datos, a Galicia interior afúndese aínda máis, pois en Ourense, ao éxodo de mozos tamén se suma a caída demográfica”. Neste senso, a deputada lembra que dende o PSdeG de Ourense denunciamos “centos de veces esta realidade; pero é unha realidade á que os socialistas nos negamos a resignarnos”.

Para a deputada “Ourense e Galicia teñen un potencial inmenso, pero nin se recoñece a dimensión do problema, nin se levan a cabo incentivos e medidas que asenten poboación”, xa que “o PP nunca ha ter nin estratexia, nin intención, de buscar solución ao que é xa o maior problema de Ourense”.

Seara lembra que non debe confundirse o dato do número de galegos que marchan fóra de España, co dato dos que residen no exterior segundo o Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (“PERE”, feito público en marzo deste ano). Neste senso, parécelle “lamentábel que a Xunta sostivese o pasado marzo que o PERE aumenta no 99% dos casos por un maior número de nacementos, cando a resposta parlamentaria do Goberno central (do mesmo PP), demostra que a cifra de galegos que deben de ir a buscar traballo ao estranxeiro é alarmante, estean ou non reflectidos no PERE”.