Monthly Archives: March 2015

O Grupo Socialista no Congreso reclama ao Goberno central que faga públicos os informes que levaron á venda de NovaGaliciaBanco a Banesco

O noso Grupo Parlamentario no Congreso dos Deputados rexistrou nesta Cámara unha Proposición Non de Lei na que reclama ao Goberno central que faga públicos os informes técnicos que levaron á venda de NovaGaliciaBanco ao grupo venezolano Banesco. Esta proposición foi presentada pola deputada pola nosa provincia, Laura Seara.

Trátase de que se dea traslado dos informes pertinentes á Comisión de Economía e Competitividade do Congreso, co fin de analizar e evalua-la situación económico-financeira das antigas caixas de aforros galegas, así como as causas e responsabilidades da súa actual situación, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex-directivos. Tamén se pide ao Goberno central que faga público o importe de adquisición de NovaGaliciaBanco por parte de Banesco, así como o investido ata o momento na entidade por este grupo financieiro.

Na exposición de motivos da iniciativa se afírma que a venda de NovaGaliciaBanco a unha entidade bancaria de capital venezolano, por 1003 millóns de euros, a pagar ata o 2018 resulta incomprensible para a cidadanía galega. “O Goberno perde nesta operación de venda, a través do FROB, un total de 8000 millóns de euros procedentes dos impostos de tódolos cidadáns”, precisa a deputada, quen tamén considera que o segredo do proceso fai imprescindíbel que o Goberno central renda contas ante os seus administrados: “O FROB escudouse, para proceder a esta venda con tanta rapidez” no coñecido como “ ‘informe McKinsey’, que aínda non se fixo público”, e que, “segundo o FROB, aseguraba que esperar podería erosiona-lo valor da entidade, e que canto antes se vendese máis se podería obter por ela”.

A Proposición Non de Lei non entende a urxencia da venda e cita ata ao New York Times, que criticou as présas do ministro de Economía por vende-la entidade galega. Así, no texto proposto, se afirma que “os axentes económicos que interviñeron no proceso foron varios, dende os bancos de investimento, (BNP Paribas), encargado da venda, ‘Nomura’, coautor do ‘informe McKinsey’, ‘PwC’, responsable da “due diligence” da entidade, e a auditora ‘Mazars’, para elaborar, ante as presións dos posibles compradores, un informe independente de posibles perdas”, para concluir que “neste contexto de gravísimas perdas para os fondos públicos e, segundo a Lei 19/2013, de 9 de decembro, de Transparencia e Acceso á Información Pública, o FROB está suxeito ás obrigas de dar a información que se lle requira, segundo os artigos 12 e 13”.