Monthly Archives: February 2015

Raúl Fernández e Laura Seara explicaron as nosas propostas no Debate sobre el estado de la Nación para unha recuperación xusta de Ourense

28/02/2015
By

O secretario xeral provincial, Raúl Fernández, e a deputada no Congreso, Laura Seara protagonizaron esta mañá unha rolda de prensa para valora-los resultados do “Debate sobre el estado de la Nación” deste ano.

Fernández, que mostrou a súa confianza en que tivera sido “o último de Rajoy como presidente” lembrou que este prometera acabar co paro e crear tres millóns de postos de traballo, e hoxe hai 548 000 empregos menos e 144 000 empresas pechadas máis; que prometera acabar co endebedamento público, e hoxe este ascende ao 100% do PIB, que prometera non retallar na Sanidade, a Educación nin nas pensións, e o que fixo foi introducir copagamentos, retalla-las bolsas e baixa-lo valor das pensións.

Pola súa banda, Laura Seara acusou ao PP de aplicar de novo o rolo parlamentario. Así, das cento vinte resolucións presentadas por tódolos grupos parlamentarios do Congreso, o PP só aprobou dezanove: as súas quince propias, tres de CiU, e unha de UPN.

Para Seara, “Rajoy ocultou os seus propósitos durante estes anos, e agora quere convencernos de que estas novas promesas si se cumprirán.; pero non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo”. Fronte a elo, sostivo que o PSOE “presentou unha axenda para unha recuperación xusta, unha alternativa completa ás políticas económicas, sociais e de rexeneración institucional e democrática do goberno do PP”, manifestando a súa convicción de que “o futuro debe ser unha esperanza, nunca unha ameaza; e fronte á resignación que ofrece a dereita, os socialistas queremos oportunidades que eviten que se cree unha nova xeración perdida de xóvenes que teñan que seguir emigrando en busca dun futuro mellor lonxe do seu país, e oportunidades que eviten que os maiores de corenta e cinco anos que perderon o seu emprego. se convertan nunha xeración esquecida”.

Ambos compañeiros criticaron que o PP votara en contra de propostas socialistas para que se subise o salario mínimo, se derrogase a reforma laboral, se suprimisen os copagamentos sanitarios e se revalorizaran as pensións. Tamén criticaron con dureza que o PP rexeitase un Plan contra a Pobreza e unha Lei de Segunda Oportunidade que free os desafiuzamentos. Así, Seara recriminou ao PP as súas mentiras respecto a esta última Lei, que o Goberno central anunciou, xa que “na proposta do Goberno non hai nin segunda oportunidade, nin dación en pago nin se quitan as cláusulas-chan, porque primeiro che quitan todo e despois fan unha exoneración temporal da débeda , pero cando xa perdiches todo”, explicou.

Entre outras resolucións presentadas polo PSOE e que o PP rexeitou, estaban: elaborar unha lei de igualdade salarial entre homes e mulleres, que non se modificase a lei do aborto, a prohibición de indultos por corrupción política, potencia-la universidade pública, derroga-la LOMCE e frea-las carreiras de tres anos, e a que pedía que se remitise ao Congreso dos Deputados un proxecto de Lei de Tarifas Eléctricas de Regadíos que regulase, entre outras cuestións, un IVE reducido para as Comunidades de Regantes, e o establecemento de contratos de tempada.
,

Seara denuncia a “pírrica” execución do Ministerio nos proxectos medioambientais da provincia

26/02/2015
By

Tras recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central, a nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denuncia que “o nulo grado de execución do Goberno central nas partidas aprobadas nos orzamentos do Estado para proxectos medioambientais na provincia de Ourense é intolerábel”.

Seara preguntou ao Goberno central polo grado de execución de cada un dos proxectos medioambientais con consignación nos orzamentos do Estado para Galicia e que afectan concretamente á provincia de Ourense.

Na súa resposta, o Goberno central confirma que a porcentaxe de execución na práctica totalidade de devanditos proxectos é do 0%. Este é o caso dos seguintes: Adecuación de camiños naturais, Adecuación ambiental, Estacións automáticas de calidade das augas, Conservación e mantemento de canles, Control de calidade de augas superficiais, Sistema automático de información hidráulica, Actuacións en infraestruturas hidráulicas, Xestión de riscos de inundacións, Plan Hidrolóxico de bacía e a Nova Sé Central da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A deputada socialista resalta así “a falta de compromiso do Goberno coas actuacións medioambientais de Ourense”. Especialmente graves considera as nulas execucións “do proxecto para a nova sé da Confederación Hidrográfica, que tiña dotación orzamentaria aprobada de 50 000 €” e da “elaboración do Plan Hidrolóxico de bacía, dotado con 87 000 €”. En canto ás obras da bacía hidrográfica Miño-Sil, proxecto dotado con 25 000 €, a deputada critica que a execución sexa de tan só o 7,3%.

Reproba Seara que “os mellores datos da resposta do Goberno sinalan un grado de execución que rolda tan só o 20%”. Como exemplo, sinala o proxecto de Defensa contra Avenidas “que tiña orzamentados 45 000 €, dos que o Goberno gastou só 8700, chegando así a execución ao 19,3%”. Do mesmo xeito, o grado de execución de diferentes actuacións de saneamento e depuración en Galicia, incluída a nosa provincia, é do 28,8%. “Estas actuacións tiñan unha dotación orzamentaria de 3,5 millóns de euros, e o Goberno executou só un millón”, protesta a deputada.

O único proxecto que se salva dun inexistente ou ínfimo grado de execución sería, segundo a resposta do Goberno central, o programa “Carisma”, cunha porcentaxe de execución do 161,17%.

“De pouco serve que o Goberno do PP engane aos cidadáns galegos e ourensáns ‘pintando’ nos orzamentos xerais do Estado partidas económicas que logo non executa”, denuncia Seara, quen tamén lembra que “isto é o que vén facendo ano tras ano o Goberno do PP de Rajoy co AVE a Galicia, cuxa porta de entrada é Ourense”; así “dende que goberna, Rajoy sempre inflou os orzamentos para Galicia e para Ourense coas partidas para o AVE, cuxa execución logo non alcanzou o 40%; agora comprobamos que o mesmo fai coas partidas para proxectos medioambientais da provincia”, lamenta.

Ademais, a deputada presentou hoxe unha nova iniciativa parlamentaria coa que esixe ao Goberno central “que explique as cifras” pois considera que “a resposta do Goberno fai unha ‘sopa de números’ cando despois afirma que a porcentaxe de execución de proxectos medioambientais na provincia de Ourense é do 67%”: “é imposíbel que, proxecto a proxecto, a execución sexa do 0% ou do 20%, e logo, no conxunto, a execución acade o 67%; as cifras non cadran”; e apunta á “incapacidade e nulidade dos responsables do Ministerio de Medio Ambiente para executa-las partidas aprobadas para Ourense e para Galicia”.

Onte mesmo, Seara pediu que comparezan no Congreso tanto a ministra de Medio Ambiente como o Secretario de Estado para que ofrezan explicacións sobre a contaminación do embalse das Conchas e o río Limia ( http://socialistasdeourense.org/?p=1112 ).

Besteiro asegura que os ourensáns poderán elixir en maio “entre un alcalde socialista autónomo nas súas decisións e o candidato teledirixido do PP”

25/02/2015
By

nuevo-3

O secretario xeral nacional, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe que os cidadáns da capital provincial poderán elixir, nas eleccións municipais de maio, “entre un alcalde do PSdeG autónomo nas súas decisións e o candidato teledirixido do PP”.

Besteiro asistiu esta tarde á presentación da candidatura do PSdeG na cidade, encabezada por José Ángel Vázquez Barquero. “Temos unha moi boa candidatura e un candidato que quere ser alcalde, mentres a outros lles impuxeron ser candidatos á alcaldía”, afirmou aquel.

O máximo representante dos socialistas galegos agradeceu o traballo do actual alcalde, Agustín Fernández, e apuntou que “o proxecto de Vázquez Barquero, a diferenza doutros, está pensado por e para Ourense e os seus cidadáns, e terá todo o apoio da Executiva galega”.

“Onte, no Debate sobre o Estado da Nación, quedou claro que hai outra forma de gobernar, xa que o PP prometeu emprego, riqueza, crecemento e menos débeda, pero o escenario é o peor que podiamos imaxinar, con moita máis desigualdade”, comentou Besteiro, engadindo que “Rajoy perdeu ademais onte a moderación e a corrección, vimos a un presidente desorientado e nervioso, polo que estamos nun momento importante para nós: os socialistas temos que afianza-la nosa alianza cos cidadáns e traballar pola igualdade de oportunidades”.

Así, no caso de Ourense, o secretario xeral nacional afirmou que, “tralo proceso competitivo e democrático das Primarias, eu o único que pido é o traballo e o esforzo da candidatura e de tódolos militantes; temos que explicarlles cara a cara aos cidadáns o noso proxecto, baseado na igualdade de oportunidades e na defensa dos servizos públicos”.

Pola súa banda, Vázquez Barquero manifestou que a candidatura “integra diferentes sensibilidades: temos un proxecto plural para gaña-las eleccións municipais e levar estabilidade á cidade, un proxecto socialista que é o que demandan os cidadáns”.

Seara pide a comparecencia da ministra de Medio Ambiente e do secretario de Estado pola situación do embalse das Conchas e o Río Limia

25/02/2015
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, pediu na Cámara Baixa que comparezan tanto a ministra de Agricultura como o secretario de Estado de Medio Ambiente pola situación de deterioro na que se atopa o embalse d’As Conchas e o Río Limia.

Seara denuncia a existencia de contaminación difusa en toda a bacía do Limia e apunta que “o propio Ministerio recoñeceu nas súas respostas parlamentarias que hai seria contaminación difusa na comarca d’A Limia; é máis recoñeceu que era un tema prioritario e respostoume que era necesario reduci-la presenza de nutrintes neste sistema fluvial, fundamentalmente de orixe gandeiro”.

Seara abunda no feito de que “tódalas reunións técnicas que se celebraron, recoñeceron a situación de contaminación do embalse d’As Conchas e do río Limia”, pero considera que “o problema vén de moi atrás”, xa que o 30 de abril do 2012, a Comisión de seguimento do embalse d’As Conchas abordou medidas preventivas para palia-los efectos das cianobacterias no mesmo. Unha contaminación nada natural, toda vez que o propio Goberno central apunto, segundo tamén lembra a deputada, que “no embalse d’As Conchas, as actividades antrópicas son as que deron lugar a unha contaminación difusa e global repartida por toda a bacía”.

Seara pon de relevo que “esta bacía se atopa nunha contorna de grande valor medioambiental (zona LIC, Parque Natural do Xurés, Rede Natura e zona ZEPA), e critica que “malia as máximas proteccións medioambientais, a bacía está nunha situación máis que preocupante, e o Limia é un dos ríos máis contaminados de Galicia”.

Por iso, a deputada, reproba “o manto de silencio” por parte do Goberno central verbo da “contaminación desta zona, sobre a que existe “unha grande preocupación cidadá e denuncias constantes”. Neste senso, reclama ao Ministerio que explique “cales son as actuacións” que ten en marcha para mellora-lo embalse d’As Conchas e a súa contorna co proxecto ‘Rexenera Life’, de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da contorna do embalse, xa que, reprocha se sacan “moitas fotos, pero existe un total escurantismo sobre as actuacións e, sobre todo, sobre a situación de contaminación do río e do embalse”.

O Presidente de ADIF reprocha a Seara que exerza como deputada pola nosa provincia

21/02/2015
By

A deputada socialista por Ourense, Laura Seara, considera un “escándalo” a resposta recibida por parte do Presidente de ADIF, Ferre Moltó, na última Subcomisión de estudo e análise do sistema ferroviario español, que se creou no seo da Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados a raíz do accidente de Angrois.

Ferre Moltó reprochou a Seara “cun absoluto centralismo antidemocrático e antiparlamentario” que, tras preguntarlle por cuestións relativas á seguridade ferroviaria e ao accidente de Angrois, a deputada o cuestionase verbo da ralentización das obras do AVE a Galicia na provincia de Ourense, o proxecto da estación do AVE en Ourense e se o AVE a Galicia manterá características de alta velocidade con dobre vía. E o Presidente de ADIF respostou á deputada por Ourense que “hai grupos que son como máis locais, pero vostede que representa ao PSOE sorpréndeme que pregunte por Ourense”.

Seara lembrou, indignada, a Ferre Moltó que “non fai falta ser deputada nacionalista para defender os intereses” da provincia pola que se é elexido deputado, e o feito de ser deputada elexida por, e representando a, precisamente, Ourense. “Débome a tódolos cidadáns, pero especialmente aos que me elixiron para que defenda os seus intereses e traslade, por exemplo, a preocupación que existe en Galicia e na miña provincia sobre a chegada do AVE”. “Deputada de Ourense –lembrou tamén Seara– como os Sres. do PP Delgado e Collarte, e se eles non preguntan pola súa provincia, eu si pregunto“.

Por outra banda, a compañeira celebra que en dita Subcomisión “por fin o Goberno recoñece a paralización das obras do AVE a Galicia na provincia de Ourense”. Lembra Seara que “dende o Grupo Socialista, levamos denunciando esta paralización máis dun ano, e por fin agora o Goberno a recoñece, aínda que é porque non ten máis remedio, unha vez constatado e publicado polos medios de comunicación”.

Porén, a deputada mostra a súa preocupación, dados os informes recentemente emitidos que apuntan atrasos na chegada do AVE a Galicia, e o feito de que o propio Presidente de ADIF recoñeceu na citada Subcomisión paralizacións “por diferenzas nos contratos”. Seara extránase de que “Ferre Moltó se empeña en dicir que os atrasos son normais, pero tamén de que non quere explicar cales son esas ‘diferenzas’ que provocan os mesmos”.

Seara pide no Congreso a declaración do Entroido de Xinzo como Festa de Interese Turístico Internacional

12/02/2015
By

A deputada no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara rexistrou unha Proposición Non de Lei na Cámara Baixa que insta ao Goberno central a, que unha vez cumpridos os requisitos da pertinente Orde Ministerial, declare ao Entroido de Xinzo de Limia como Festa de Interese Turístico Internacional, coa colaboración das administracións implicadas. a Proposición Non de Lei inclúe a petición do apoio do Congreso dos Deputados para dita declaración.

Seara sinala na súa Proposición que en Xinzo se empezaron xa os trámites para que o seu Entroido sexa declarado de Interese Turístico Internacional, apunta que esta declaración, de carácter honorífico, daría un empuxón a unha das festas máis antigas e simbólicas de Galicia e sostén que dita declaración suporía un revulsivo socioeconómico nunha provincia que precisa de medidas de acción positiva en todos os ámbitos e sectores de desenvolvemento

Indica a deputada socialista que o Entroido de Xinzo é unha festa ancestral, popular, que se celebra basicamente na rúa, e que ten no traxe da “Pantalla” o seu símbolo máis recoñecido e importante. “Vistoso e bailarín este personaxe alegre componse dunha peculiar e única careta artesanal que é sen dúbida unha máscara rodeada de misterio, dona e señora do Entroido de Xinzo” que, “xunto ao Peliqueiro e o Cigarrón” representan o carnaval de Galicia.

Precisamente, respecto ao Entroido galego, Seara lembra que, receentemente, en sé parlamentaria, o Grupo Socialista puxo de relevo a importancia do coñecido como “Triángulo Maxico do Entroido” da nosa provincia, que engloba os entroidos de Laza, Verín e Xinzo, tres “dos máis antigos e famosos de España e do mundo”.

Naquel debate, a deputada conseguiu arrincarlle ao Ministro de Industria o compromiso de que o Goberno central apoiaría a declaración do Entroido de Laza como de Interese Turístico Nacional, aínda que recoñecía que o Goberno non recibira ningún documento por parte do Concello desa localidade, que é quen é competente para impulsar dita declaración.

O Entroido de Xinzo de Limia, lembra a deputada, xa posúe a Declaración de Interese Turístico Nacional e agora “está en condicións de recibi-la categoría de Interese Turístico Internacional”. Para iso, desta vez, o concello de Xinzo de Limia iniciou os trámites necesarios, que deben ser continuados por parte da Xunta, para que, finalmente, o Goberno Central outorgue dita Declaración.

Por iso, Seara agarda que a esta Proposición Non de Lei do Grupo Socialista serva para contribuír a que o Entroido de Xinzo teña o recoñecemento que merece.

Seara e Blanco, contra a conversión do interior de Galicia nunha “reserva xeriátrica”

08/02/2015
By

FOTO REUNION LAURA SEARA Y JOSE BLANCO

A deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, reuniuse en Bruxelas co eurodiputado socialista José Blanco -membro da Comisión de Asuntos Rexionais da UE- para analiza-la problemática da despoboamento en Europa, que afecta moi directamente a Galicia.

Durante a reunión, ambos reflexionaron verbo da conveniencia de mellora-la eficacia da Política de Cohesión da UE, e concluíron que é necesario establecer na Unión un Plan Estratéxico que permita impulsa-lo re-poboamento da UE. Así, consideran que entre as perspectivas financeiras da UE, debe contemplarse primar con recursos económicos a aqueles países e rexións da Unión que teñen un grave problema de despoboamento.

A este respecto, Seara sinala que en Galicia existe un alto índice de despoboamento e un alto grado de envellecemento da poboación, cuxa combinación leva a “unha crise demográfica que afecta seriamente á cohesión social e territorial, así como á propia supervivencia do estado social”.

Seara fixo fincapé en que “o problema demográfico existente en Galicia é especialmente cru nas provincias de Ourense e Lugo”. Por iso presentou aos orzamentos xerais do Estado par ao 2015 unha emenda para dotar con dez millóns de euros unh Plan Demográfico Específico para Ourense e Lugo. “Lamentábelmente o PP e o Goberno de Rajoy non deixaron que este Plan saíse adiante”. A deputada tamén lembra que os datos publicados por “Eurostat”, no seu último anuario rexional, constatan que, das 1351 rexións en que o organismo estatístico da UE divide a Unión, Ourense, Lugo e Zamora forman parte do “Top-10” comunitario das máis envellecidas.

Neste senso, Seara apunta que “se o comportamento demográfico en provincias como Ourense e Lugo non se revirte, o sistema será insostíbel”, defendendo que “non se pode permitir que o interior de Galicia se poida converter, nun futuro non moi afastado, nunha reserva xeriátrica”; por iso, recalca que “é esencial que o problema demográfico se aborde con rigor no seo da UE, para a consecución de medidas que contribúan a solucións eficaces”, e sinala como “moi positivo” o traballo que neste ámbito realizan os socialistas en Europa, como a Declaración do Parlamento Europeo sobre o Futuro Demográfico de Europa, da que José Blanco foi impulsor.

Seara leva ao Congreso o inicio da rehabilitación da Praza de Abastos nº 1 da cidade

02/02/2015
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, vén de presentar na Cámara Baixa unha Proposición Non de Lei, que será debatida na súa comisión de Cultura, para que o Goberno central comece os trámites oportunos, en colaboración co Concello da cidade, para que a reforma e rehabilitación da súa Praza de Abastos nº 1 se cofinancie con cargo ao “1,5% cultural”, nos termos do acordo aprobado por tódolos grupos municipais con representación no Concello.

No texto da proposición, Seara destaca que se trata do mercado máis importante e visitado de Ourense, nun edificio construído en 1929, dunha singular arquitectura, completado exteriormente con casetas que se edificaron, posteriormente, logo dunhas inundacións a mediados do século pasado, sinalando a esta como “a parte máis deteriorada”.

A compañeira expresa o seu convencemento verbo de haber “motivos máis que suficientes, tanto dende o punto de vista comercial e económico, como dende o patrimonial e urbanístico, para que esa rehabilitación se faga urxentemente, e coa colaboración e implicación das distintas Administracións”, e de que cun proxecto rematado e o compromiso de financiamento da administración local, este recinto emblemático mudaría a faciana dunha parte importante da cidade.

A deputada, que tamén destacou o traballo desenvolvido ao respecto polo Concello da cidade e pola Asociación de Comerciantes da Praza, anunciou que xa ten solicitada por escrito unha xuntanza cos responsables dos ministerios de Cultura e Fomento para abordar esta actuación.

Ao fío desta proposta, Seara deu conta da resposta a unha das súas preguntas parlamentarias, na que o Goberno central lle informa que, dende o 1 de xaneiro do 2011 ata o 31 de decembro do 2013, as actuacións rematadas na nosa provincia con cargo ao daquela coñecido como “1% cultural”, foron: a Fase I da rehabilitación da fortaleza d’O Castro (O Barco de Valdeorras), o acondicionamento e rehabilitación da torre do Reloxo do Mosteiro de San Rosendo (Celanova), a reparación das cubertas e consolidación xeral do mosteiro de Santa María de Melón, e a rehabilitación das cubertas da ala Norte do claustro dos Cabaleiros e a reposición da formación de beirados na fachada Sur da Igrexa, ambos no mosteiro de Oseira (San Cristovo de Cea).