Monthly Archives: December 2014

Demandamos a fin da transformación do castelo de Monterrei nun establecemento hosteleiro, e o PP, a través dunha voceira, so é capaz de mentir vergoñentamente

17/12/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara defendeu esta tarde na Comisión de Cultura da Cámara Baixa unha Proposición Non de Lei coa que insta ao Goberno central a dirixirse á Xunta “para que paralice de xeito inmediato as obras de rehabilitación e adecuación para o acondicionamento como Parador do Castelo de Monterrei”, e a “poñer en marcha unha investigación sobre os danos que estas obras están a ocasionar no castelo”, trasladar a dita Cámara “os resultados de devandita investigación”, así como “a revoga-la Resolución do 1 de xullo do 2014 pola que a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado acordou amplia-lo destino previsto na cesión á Xunta do Castelo de Monterrei e do seu recinto amurallado”.

Durante a súa intervención, Seara denunciou que “estamos ante unha operación escura e aberrante, deseñada pola Xunta co Goberno central de consentidor; un atropelo feito de costas a un pobo, para satisface-los caprichos do seu señor: un Presidente, Feijóo, co cargo subido á cabeza”.

A compañeira explicou que o castelo de Monterrei, que é monumento nacional dende 1931, foi cedido polo Goberno central á Xunta no 2009, establecéndose que o debía destinarse a usos culturais. Con todo, en febreiro deste ano Feijóo anunciou a construción dun Parador de Turismo de luxo no Castelo, malia que a só trescentos metros xa existe un Parador, que permanece pechado ao público por falta de clientela e de investimentos.

Xa no mes de xullo, segundo lembrou a deputada, e “para cumpri-los caprichos de Feijóo, a Dirección Xeral de Patrimonio acordou amplia-lo destino previsto na cesión á Xunta do castelo de Monterrei, para poder así transformalo nun hotel de luxo”. Este cambio de usos é para Seara “unha vergoña”, xa que “supón o saqueo dun ben público, co que se imposibilitan as enormes posibilidades de uso público dunha fortaleza que é emblema dunha grande comarca como Monterrei, o que causa a indignación de todos os veciños e axentes culturais”. Pero ademais, lembra Seara, “é un dispendio, nunhas circunstancias económicas como as actuais; máis nunha provincia como Ourense”.

Pero aínda engade a compañeira que “o que cheira peor é que as obras de construción do novo hotel de luxo no castelo comezaron no 2013, moito antes do anuncio de Feijóo e do cambio de usos do castelo, que logo aprobou o PP a través de Patrimonio, e que devandito proxecto comezou pagándose con Fondos FEDER” habilitados para “rehabilita-lo castelo, e non para construír un hotel nun monumento público; esto é ilegal”, denunciou.

Pola súa banda, a expresidenta provincial de Nuevas Generaciones del PP, representando a ese partido, xustificou o seu voto negativo á nosa proposta, mentindo sen vergoña, pero con total descaro, ao dicir que a Xunta presidida por Emilio Pérez Touriño tería planeado instalar vivendas no castelo, indignidade que foi desmentida por Seara asegurando que elo é “absolutamente falso”, e unha “mentira descarada” no Congreso dos Deputados. “¿Como é posíble ser tan mentirosa e retorta”, preguntouse Seara, quen lembrou que o planificado entón deixaba claro “o uso publico do castelo”, para o que se deseñara “un museo de fortalezas militares que convertería a Monterrei nun centro de referencia sobre a historia da arquitectura militar e das construcións defensivas”, elemento dinamizador ao que acompañaba a promoción do viño da D.O. Monterrei e das augas minerais da zona. A pérfida manipulación da exalcaldesa de Bande usou con descaro o feito de que dito plan do anterior Goberno da Xunta, incluía a restauración de casas abandonadas nun poboado preto do Castelo, o que non ten nada que ver con ningunha actuación parecida na propia fortaleza.

“A este paso imos ter que pedir no Congreso Comisións da Verdade”, expresou Seara ante o descaro da expresidenta provincial de Nuevas Generaciones del PP, cuxa “defensa do indefendíbel” só pode explicarse, para a nosa deputada, como xeito de “oculta-lo “sometemento do PP a intereses privados” dictados por Feijóo.

Esiximos a Baltar Blanco unha explicación inmediata á cidadanía sobre o presunto financiamento ilegal do PP de Ourense

16/12/2014
By

Así o manifestou o noso Sº Xeral Provincial. Raúl Fernández explicou que “o auto xudicial que coñecimos recolle graves acusacións que afectan a cargos do PP e a responsables das principais institucións da nosa provincia, como a Deputación, o CHUO, a Subdelegación do Goberno ou o Concello” da cidade.

“Esixímoslle a José Manuel Baltar total transparencia e colaboración coa Xustiza, ademais de lembrarlle que non abonda con autoerexirse en adaíl da “transparencia”, facendo xusto o contrario cando aparece un caso desta gravidade, e limitándose a botar fóra do partido ao ex-xerente do PP durante vintesete anos”, manifestou Fernández.

Para o tamén deputado no Parlamento galego, “as afirmacións do expediente xudicial nas que se ven coincidencias entre as declaracións do ex-xerente do PP, e as investigacións da Unidade de Vixiancia Aduaneira, botan por terra a teoría da vinganza por un despedimento, e fan necesarias explicacións urxentes por parte de José Manuel Baltar”.

O compañeiro engadiu que “dende a presunción de inocencia, pero tamén dende a preocupación ante as graves acusacións, fanse indispensables e urxentes as explicacións por parte do PP de Ourense: non estamos a falar dunha xenreira persoal; o auto apunta a presuntos delictos de apropiación indebida, cofeito, tráfico de influencias e falsidade documental”.

A incapacidade do alcalde de Carballiño permite que a empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar continúe a xerar graves problemas alén do vencimento do contrato

13/12/2014
By

O pasado 5 de Decembro rematou o contrato da concesión do servizo de axuda no fogar do Carballiño a unha empresa que deu sobradas mostras de ineficiencia á hora de xestiona-lo mesmo. Pero, unha vez máis, atopámonos cun novo incumprimento de Marnotes e, pasados xa días, seguimos sen ter noticias da redacción do novo prego de condicións nin de qué vai acontecer co servizo privatizado.

Namentres, a empresa segue levando a xestión da axuda a domicilio sen variar nin un ápice as súas habituais técnicas de presión laboral ás traballadoras. A día de hoxe, estas aínda non percibiron o seu salario e, como única explicación, voltaron a recebi-la mesma excusa por parte de “Galaurea”: que non se lles pode paga-la nómina porque aínda non cobraron o pago correspondente por parte do Concello. É dicir: o goberno municipal confía un servizo imprescindible a unha empresa que non demostra a solvencia necesaria para levalo a cabo, e tampouco é quen de manter ao dia os pagos coa mesma. E moitas das traballadoras están vivindo unha situación insostíbel, co seu horario laboral mermado por capricho e sen razóns claras e, por tanto, o seu salario tamén reducido.

Os socialistas non entendemos cales poden ser as razóns do PP en Carballiño para seguir prolongando no tempo esta agonía, supoñemos que as mesmas que os levaron a defender o indefendébel durante un ano, a pesares das denuncias de traballadoras, sindicatos, PSdeG e mesmo das sentencias xudiciais que evidenciaron o nefasto deste acordo.

Dende o PsdeG sempre defendemos, mediante presentación de mocións, múltiples preguntas e rogos ou manifestacións, a necesidade de que o contrato fora rescindido. Hai pouco tempo, o alcalde tivo que renderse ante a realidade e por fin nos deu a razón, anunciando que non se lle ía renovar e se ía proceder á redacción dun novo prego de condicións, no que se ía ter en conta aos representantes das traballadoras. Pero a data de hoxe continuamos agardando a que o goberno municipal de Carballiño se decida a facer esa nova redacción e remate con esta situación inaturábel.

Chegados a este punto, entendemos que alcalde e Concelleira de Benestar, responsables do servizo privatizado, non lles pode quedar a máis mínima dúbida de que, efectivamente, a situación non se pode aturar. Varias foron as sentenzas que así o corroboran, así coma o informe de Inspección de Traballo. Ser ir máis lonxe, o pasado mércores, recibimos a nova de que o Xulgado lle daba a razón ao sindicato, e anulaba por abusivos, os servizos mínimos na axuda a domicilio de Carballiño, incluso condenando ao Concello ás costas, e desmentindo a valoración no senso contrario que fixera a Concelleira nun Pleno.

Esiximos ao PP de Carballiño que remate dunha vez con esta situación surrealista e dolorosa, que non nos obrigue a costear entre todos os seus pulsos xudiciais, que se renda definitivamente á evidencia de que se equivocou de empresa, como xa se equivocou dende un inicio ao privatizar o servizo, e resolva, como non adoita facer, rápido e eficientemente este tema, asumindo a responsabilidade do Concello sobre o servizo municipal de Dependencia.

Unha vez máis, como no caso do Matadoiro, no da Incineradora ou no do PXOM, o alcalde de Carballiño non ten outra que darnos a razón, esta é a diferenza entre traballar e pórlle esforzo e ouvidos ás preocupacións da cidadanía, ou agardar a que pase a tempestade. E cando un goberna e se gaña a vida con elo, o mínimo é ser responsábel.

Seara á Ministra Báñez: “vostede expulsa de España aos mozos que non queren irse e maltrata aos seus avós cando queren voltar”

10/12/2014
By

 

Vídeo da pregunta: https://www.youtube.com/watch?v=6PZcfyRX3Kc

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, realizou hoxe no Pleno da Cámara Baixa unha pregunta oral á ministra de Emprego para denuncia-lo “inxusto trato por parte do Goberno do PP aos emigrantes retornados”.

Durante a súa intervención, Seara pediulle a Báñez “que se vire aos emigrantes retornados, lles fale con franqueza e lles explique por qué o Goberno do PP se empeñou en tratalos como cidadáns de segunda”.

A compañeira acusou á ministra de “desprezar de novo aos que tiveron que coller unha maleta e marcharse do noso país e agora voltaron, e que son os pais e avós dos centos de miles de mozos que agora tamén se ven obrigados a marchar”, pediulle a Báñez que “atenda aos nosos emigrantes retornados como se merecen”, e reprochoulle: “vostede expulsa de España aos mozos, malia que non queren irse, e maltrata aos seus avós cando queren voltar”.

Neste punto, a deputada citou o caso dalgúns emigrantes galegos “como Nelson, de Cangas, que voltou a España cunha pensión de incapacidade absoluta que o Goberno do PP se nega a recoñecerlle; ou como Beningo, de Ourense, que ten unha pensión de 12 000€ ao ano polo seu traballo en Alemaña e España, e que agora ten que pagar 500€ cando, con esta pensión, polo seu traballo en España, non tería obriga de declarar; ou como Francisca, de Muxía, que voltou de Suíza cunha minusvalía recoñecida do 100% que o Goberno do PP lle rebaixou ¡ao 6%!”.

“É posíbel que a vostede lle sobre Fe, Señora ministra, pero fáltalle sentido da Xustiza” afeoulle Seara a Báñez.

Tras esta pregunta en Pleno, Seara acudiu á manifestación dos emigrantes retornados que tivo lugar esta mañá en Madrid, e, ao seu remate á reunión que o Grupo Socialista mantivo no Congreso con representantes da Federación de Asociacións de Emigrantes retornados, na que estiveron presentes os demais deputados do PSdeG naquela Cámara.

 

IMG-20141210-WA0002

Seara acusa ao Goberno central de “ser cómplice coa Deputación de Ourense, que cometeu fraude con fondos públicos”

10/12/2014
By

Vídeo do debate (a partires do minuto 0:58:56): http://www.congreso.es/wc/wc/audiovisualEmisionSemiDirecto?codOrgano=311&codSesion=30

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara interpelou de forma oral na Comisión de Facenda e Adminisraciones Públicas da Cámara Baixa ao Secretario de Estado Antonio Beteta, en relación aos “presuntos” casos de fraude da Deputación coas depuradoras “Daredo” e “Deputrans”.

Durante a súa intervención, Seara sostivo que se trata dun caso “vergoñento” e pediulle ao Goberno central “que faga luz dunha vez sobre este caso, pois se trata de que haberá que devolver á UE dez millóns de euros polo mal uso de fondos públicos por parte da Deputación de Ourense”.

Neste senso, a deputada reprochoulle a Beteta que se referira nalgunha ocasión anterior á Deputación como unha “Deputación exemplar”. “En ningún caso se trata dunha Deputación exemplar” remarcou Seara, que lembrou que “chove sobre mollado no caso da Deputación de Ourense”.

A este respecto, Seara lembrou que “os casos de Daredo e Deputrans, dos que a OLAF recoñece no seu informe que houbo fraude, producíronse baixo a presidencia na Deputación de Baltar e a vicepresidencia de Rogelio Martínez, e este último, que ademais continúa sendo actualmente o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, foi condenado xa por fraude na súa etapa de alcalde por un caso no seu comarca”, mostrando a compañeira a súa incredulidade ante o mantemento desta persoa en semellante cargo.

Na súa resposta, o Secretario de Estado sinalou que o TSXG admitiu a trámite o pasado mes de outubro a solicitude realizada pola Deputación de impugnación da devolución dos fondos europeos, e que en novembro ese Tribunal suspendeu cautelarmente a execución para a devolución dos devanditos fondos, en tanto adopta unha resolución sobre se procede ou non a impugnación.

Tras esta resposta, Seara mostrou o seu temor á posibilidade de que os conservadores vaian “dilatando o proceso con alegacións”, tras ter “xogado todo o tempo a pasarse a pelota”, pero sen deixar de taparse nesta “porcallada” para escorre-lo vulto e para acalar que na Deputación provincial de Ourense se cometeu fraude con fondos europeos”.

“Deixen de ser cómplices cunha Deputación que en absoluto é exemplo de nada” pediu a nosa compañeira ao representante do Goberno Central.