Monthly Archives: May 2014

Seara advirte de que “parece confirmarse que Ourense terá que devolver dez millóns de euros pola presunta fraude da Deputación” coas depuradoras

21/05/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, realizou esta mañá, na comisión de Facenda e Administracións Públicas do Cámara baixa, unha pregunta oral á Secretaria Xeral de Coordinación Autonómica e Local do Goberno Central, á que esixiu resposta sobre “se o Goberno levou a cabo mecanismos para repoñer á UE os fondos FEDER” que habería que devolver pola suposta fraude cometida pola Deputación Provincial de Ourense nos proxectos “Daredo” e “Deputrans”, segundo o informe da Oficina comunitaria de Loita contra a Fraude (OLAF).

Seara tamén preguntou á Secretaria Xeral “se o Goberno está dacordo coas conclusións do informe da OLAF respecto á presunta fraude cometida pola Deputación, ou se, pola contra, o Ministerio se mostra favorábel ás conclusións da comisión de investigación da Deputación, que tratan de desacreditar” á devandita Oficina Europea de Loita contra a Fraude. “En dita comisión non houbo nin un só partido da oposición”, subliñou.

Durante a súa intervención, Seara lembrou que o ministro Montoro, hai poucos meses, recoñeceu, a unha pregunta oral da propia deputada no Pleno do Congreso, que o informe da OLAF concluía que os procedementos de contratación das plantas depuradoras eran irregulares, así como que a Deputación incorreu en contratacións irregulares nos contratos de asistencia técnica. Montoro sostivo entón ante a compañeira que o Ministerio iniciara os expedientes de reintegro dos fondos e que, dado que o informe da OLAF concluía que podía tratarse de feitos constitutivos de ilícitos penais, o propio Ministerio enviaría o informe ao Fiscal Xeral do Estado.

Por iso, Seara preguntou hoxe á Secretaria Xeral se o Ministerio finalmente remitiu o informe da OLAF á Fiscalía, se xa coñece os resultados da investigación, e cal é o estado no que se atopa o expediente de devolución dos fondos.

A deputada sinalou que “o Ministerio debe velar polo bo uso dos fondos europeos”, e incidiu nas “posibles responsabilidades políticas e administrativas por parte dos órganos políticos que autorizaron as contratacións irregulares”. Así mesmo, afirmou, referíndose ao Secretario de Estado de Administraciones Públicas que “é sorprendente que Beteta poña como exemplo á Deputación de Ourense como exemplo de boa xestión”.

Seara pediu ao Goberno que non mirase “cara outro lado”, e que dixese “claramente se apoia o informe da OLAF ou as conclusións da Deputación, porque estamos ante un tema tremendamente serio que mancha o nome da provincia e das institucións, e que condena a un territorio xa de seu castigado, como é Ourense, a devolver máis de 10 millóns de euros”.

Na súa resposta, a Secretaria Xeral recoñeceu as conclusións do informe da OLAF, incluída a posibilidade de existencia de delito, e elidiu avala-las conclusións da comisión de investigación da Deputación. Tamén confirmou que o Goberno iniciou, en setembro do 2013, o expediente de reintegro dos fondos, que o informe da OLAF se atopa na Fiscalía para a súa investigación, e que a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios resolverá en breve prazo respecto das alegacións presentadas pola Deputación. Xa que logo, Seara lamentou que “todo parece indicar que se confirmarán os peores augurios, e Ourense terá que devolve-los máis de 10 millóns de euros”.

Blanco demandará en Europa un IVE cultural reducido

18/05/2014
By

IMG-20140518-WA0000

O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo, José Blanco, anunciou hoxe que traballará no Parlamento Europeo para que exista en Europa un IVE cultural reducido. Asegurou que impulsará iniciativas a prol da nosa cultura e “para que as nosas industrias culturais poidan medrar e crear emprego, e sexan un motor económico e de desenvolvemento”.

Blanco realizou esta mañá unha visita a Celanova, acompañado de Pachi Vázquez e cargos Partido. Na terra de Curros e de Celso Emilio Ferreiro demandou un “novo ceo”, evocando a Díaz Castro, que deixe atrás os retallos, a austeridade e o sufrimento.

No Día das Letras Galegas, dende a Torre de San Salvador de Celanova, restaurada con fondos do 1% cultural aportados na etapa do Goberno Socialista, asegurou que a “cultura e o patrimonio deben ocupar un lugar estratéxico” para Galicia, e afirmou que debemos “promover e reivindica-la nosa língua como vehículo de cultura”

Tamén tivo palabras para o candidato popular, Miguel Arias Cañete, ao avogar por “desterra-la cultura machista” que hai en España, e “nalgúns sectores”, pois a actitude mantida estes días por Arias Cañete “é a dun mal perdedor, que perdeu os papeis”. Demandoulle que rectifique e que pida desculpas “e senón o fai, as mulleres deben de rectificalo o 25 de maio”.

Blanco: “quero decirlle a Rajoy que imos a gañar estas eleccións por toda a xente que o esta pasando mal”

15/05/2014
By

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo José Blanco envioulle hoxe unha mensaxe a Mariano Rajoy, de visita na nosa terra: “quero decirlle que imos a gañar estas eleccións por toda esa xente que o está pasando mal”.

No mítin celebrado en Carballiño, acompañado de Pachi Vázquez e Francisco Fumega, asegurou que, en tempo crise, o responsábel é facer que paguen os causantes, e non as vítimas. Por iso se comprometeu a traballar no Parlamento Europeo para acabar “cos paraísos fiscais, aprobando un imposto á riqueza e combatendo a fraude fiscal; non como este Goberno, co que por primeira vez baixou a recadación neste ano”, dixo.

Blanco aludiu tamén a Feijóo e cualificouno “como o capitán dun barco que  está levando o barco a pique. Só un político insensíbel pode facer a política que fai o PP”.

Segundo expuxo, “non hai xustiza social sen xustiza fiscal”, amosando o seu convencemento de que, a partir do 25 de maio, co voto progresista “imos a devolver as persoas ao centro das preocupacións e ao centro da política”.

Tamén defendeu que “quen non provocou a crise, non pode pagar as facturas da mesma”, e demandou dar un xiro na economía, ao considerar que “é hora de poñe-lo emprego, e non os retallos, no centro das prioridades; triplica-los fondos para emprego xuvenil; combate-lo paro de longa duración”.

Blanco emprazou á cidadanía a vota-lo 25 de maio, xa que “os dereitos sociais non se recuperan ficando na casa; o benestar non se conquista sen mobilización, e o investimento e o emprego non se xeran sen cambio”.

O exministro defendeu que “non podemos dar un cheque en branco a quen está destruíndo a xustiza social e a igualdade de oportunidades”, contrapuxo “a política de crecemento e inversión do PSOE” fronte aos retallos PP”.

Ante as nosas denuncias, O Secretario Xeral de infraestruturas do Goberno central non desbota unha nova información pública para o tramo d’A Peroxa da autovía a Ponferrada

15/05/2014
By

A nosa deputada no Congreso realizou na Comisión de Fomento desa Cámara  Congreso unha pregunta oral ao Secretario Xeral de Infraestruturas, do Goberno central, na que denunciou que o Ministerio de Fomento elixiu para o tramo d’A Peroxa da autovía A-76 “un trazado diferente aos previstos, que non someteu a alegacións nin a información pública”.

Seara lembrou que “o que se someteu a información pública no 2008 foron oito alternativas, e ningunha delas se corresponde co trazado elixido agora” polo Ministerio, que, segundo se pode comprobar na publicación do estudo informativo do 14 de agosto do 2013, denominan “alternativa 9”, e que sería unha mestura das alternativas “2” e “4”.

Este feito, considera a deputada, “deixa en absoluta indefensión aos cidadáns afectados”, e por iso, pediu ao Secretario Xeral de Infraestruturas “a apertura dun espazo de alegacións para o tramo d’A Peroxa sen que iso produza a paralización do resto de licitacións”.

Ante a denuncia e a petición da deputada socialista, o Secretario Xeral negouse a recoñecer abertamente que o trazado elixido polo Ministerio é unha alternativa diferente pero, con todo, si recoñeceu textualmente que “cando avancemos na redacción dos proxectos nese tramo non descartamos unha nova información pública”.

A compañeira lembrou que, hai apenas dúas semanas, o Ministerio “mentiu descaradamente sobre este asunto” nunha nota informativa distribuída o 28 de abril pola Subdelegación de Goberno en Ourense, na que este “pretendía que ‘coase’ que o trazado elixido era un dos sometidos a información pública no 2008, e iso é absolutamente falso”.

Durante a súa intervención, Seara apuntou ao ocultismo de Fomento, de xeito que “nin sequera o alcalde d’A Peroxa, do PP, sabía que a A-76 pasaría polo seu concello”, lembrando que foi o portavoz socialista aló, Antonio González Fiuza quen, no pleno municipal do 18 de setembro do 2013 advertiu ao alcalde de que a A-76 pasaría polo concello. Posteriormente, nun pleno municipal do 28 de novembro de 2013, o alcalde sostivo que o actual Presidente da Comisión de Fomento do Congreso e deputado do PP, Celso Delgado, lle confirmara que non se variaría o trazado da A-76 e esta non pasaría polo concello d’A Peroxa. Para a compañeira, esto resulta “incríbel”, e por iso solicitou ao Secretario Xeral que esclarecese “este disparate” na devandita Comisión.

Con todo, Seara celebra que “por fin, o Goberno, a través do Secretario Xeral de Infraestruturas, recoñeza que existe a necesidade desa nova información pública”, e confía en que a resposta do Secretario Xeral de Infraestruturas “non sexa só para saír do paso e efectivamente así o fagan e deixen de mentir sobre este trazado”, lembrando tamén que “os socialistas sempre defendemos a necesidade da A-76 e, de feito, impulsámola”.

A deputada ten pedida a comparecencia no Congreso da ministra Ana Pastor para que explique o novo trazado elixido por Fomento, e rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que esixe respostas sobre os motivos polos que o Ministerio decidiu non facer enlace en ningún punto do concello da Peroxa coa A-76, e qué criterios técnicos prevaleceron para determinar que dita autovía pase polo devandito concello.

A través de multitude de iniciativas parlamentarias, Seara vén reclamando, dende o 2012, a licitación urxente da A-76, trasladando incluso ao Ministerio, no 2013, as demandas realizadas polos alcaldes das comarcas de Valdeorras, Lemos e o Bierzo en relación coa mesma. “A licitación desta autovía é prioritaria, pero nada xustifica que o Ministerio non someta a información pública o trazado elixido, e imposibilite que os posibles prexudicados aleguen aquilo que consideren necesario”.

Área metropolitana e pobreza, temas tratados na nosa campaña hoxe en Barbadás

11/05/2014
By

IMG-20140511-WA006

Os socialistas de Barbadás, xunto cos deputados autonómicos Pachi Vazquez e María Quintas, e a Deputada no Congreso Laura Seara, reivindicaron ante a cidadanía d’A Valenzá, na visita que fixeron esta mañá, a importancia de Europa á hora de dar resposta ás áreas metropolitanas para que unifiquen servizos, transportes e que faciliten a calidade de vida da cidadanía. Barbadás é un claro exemplo no que os socialistas teñen reclamado a posta en marcha de esta área metropolitana que o PP rexeita sistemáticamente.

Ademáis, os compañeiros reflexionaron acerca dos graves problemas que xenera o nivel de desigualdade que hoxendía soportamos.

Para eles, a loita contra a desigualdade resulta crucial no só por razóns éticas, senón tamén porque garante a sustentabilidade do crecemento económico: está demostrado que a desigualdade dificulta a recuperación económica e a creación de emprego, nunha espiral perversa de empobrecemento xeneralizado.

Lembraron que o 24% da poboación total da Unión Europea (uns 120 millóns de persoas) está en risco de pobreza ou exclusión social, incluíndo o 27% nenos, o 20,5% dos maiores de 65 años e un 9% de persoas que, aínda tendo emprego, non poden cubrir gastos. E España é agora o segundo país da Unión Europea con maior desigualdade, e tamén o segundo con maior índice de pobreza infantil.

Neste senso, lembraron que o vindeiro 25 de maio decidimos se Europa continúa o camiño cara á desigualdade entre personas e países, cun crecente empobrecemento das clases medias, ou se dá un xiro para recupera-las políticas que cohesionan á sociedade e redistribúen riqueza.

Séguenos durante a campaña das eleccións ao Parlamento Europeo do día 25

09/05/2014
By

IMG_20140506_LOGOCAMP

Durante a campaña electoral que acaba de comezar, poderás estar ao corrente das principais actividades do PSdeG na nosa provincia mediante os nosos espazos en Twitter ( https://twitter.com/PSdeG_Ourense ) e Facebook ( https://www.facebook.com/psdeg.ourenseprovincia ).

Lembramos que o contido de ambos é directamente visíbel sen necesidade de ter conta aberta na rede social respectiva.

E elo sen perxuízo da publicación nesta web de novas especialmente relevantes, que tamén serán enlazadas nos devanditos espazos nas redes sociais, como xa sucede fóra de campañas electorais.

Blanco afirma que “coa abstención non se cambian as cousas” e demanda “rebelarse contra a resignación e o conformismo de Rajoy e Feijóo”

04/05/2014
By

nuevo-1

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, José Blanco afirmou esta mañá en Ribadavia que “coa abstención non se cambian as cousas”, porque iso significa “que decidan por ti outros”, polo que demandou á cidadanía “rebelarse contra a resignación e o conformismo de Rajoy e Feijóo”, xa que “se o PP segue recortando, recortará ata o aire que respiramos”.

Blanco visitou esta mañá a Feira do Viño do Ribeiro acompañado do alcalde da vila, compañeiro Marcos Blanco, e deputados e cargos provinciais. Alí subliñou que o sector do viño é un dos principais xeradores de economía e emprego en moitas zonas de Galicia, por iso demandou “incentivos e axudas, e non lastres”.

Afirmou que traballará para forzar ao Goberno a que rexeite de plano a proposta da súa Comisión de Expertos de establecer un imposto para o viño. Denunciou que “Rajoy xa subiu cincuenta impostos”, e replicou “basta xa”, destacando que unha suba de impostos “faría cae-lo consumo de viño en España e dificultaría as exportacións”.

Blanco denunciou que “grazas” á xestión de Arias Cañete “os agricultores e gandeiros galegos van a recibir 140 millóns de euros menos ata o 2020 pola nefasta negociación que fixo da Política Agraria Común en Europa, e polos criterios de reparto de axudas que impuxo en España”. Nese senso, o compañeiro defendeu que é necesario “cambia-la politica agraria común que vén de aproba-la UE e Arias Cañate, xa que é prexudicial para os gandeiros galegos”, e sostivo que moitas das axudas que aproba a UE “son concedidas a grandes terranentes que nin traballan e nin viven do campo”.

Por iso anunciou que traballará no Parlamento Europeo “co fin de cambia-los criterios, que son un lastre para o desenvolvemento do noso sector primario”, lembrando que o sector do viño é un dos principais xeradores de economía e emprego en moitas zonas de Galicia, e para o que sostivo que “o que necesita son incentivos e axudas, non lastres”.

Blanco demandou un “lobby” galego para defende-los intereses de Galicia en Europa, pero criticou que Feijóo só quera “dividir”; “non quere sumar para traballar por este pais”, insistiu.

O candidato afirmou “o meu compromiso é ser altofalante das necesidades e demandas dos nosos sectores produtivos no Parlamento Europeo, e, por suposto, do sector do viño; un sector que aporta valor engadido, calidade e imaxe de marca a Galicia”.

O Goberno central recoñece que existe unha relación directa entre a lei de taxas e a diminución da litixiosidade xudicial

03/05/2014
By

O Goberno central vén de recoñecer, en dúas respostas parlamentarias por escrito á nosa deputada no Congreso, Laura Seara, que “a conxuntura económica e outras reformas, como a Lei de Taxas poden ser circunstancias a ter en conta para valora-lo descenso da litixiosidade” xudicial durante o ano pasado.

Respecto de Ourense, os datos aportados polo Goberno a Seara, amosan que a caída da litixiosidade no 2013 respecto ao ano anterior, cunha baixada de case o 20%, ten lugar principalmente na orde contencioso-administrativa. Tamén diminuíron nun 1,5% os asuntos xudiciais na orde social mentres que na orde civil produciuse un aumento da litixiosidade do 13,3%, e na penal subiu un 5,6%.

A compañeira apunta que “estes datos son exactamente a radiografía de cómo deixou o Goberno do PP o sistema xudicial”, e sinala que a importante diminución dos contenciosos administrativos “débese, sobre todo, á imposibilidade que agora mesmo teñen os cidadáns para recorre-las sentenzas da Administración polo aumento das taxas xudiciais”. Porén, considera que “o aumento dos asuntos xudiciais en materia civil ten moito que ver coas preferentes” e que “a subida dos asuntos penais ten relación co aumento da criminalidade”.

Seara critica que, na súa resposta, o Goberno pretenda xustificar dalgún modo a baixada da litixiosidade no 2013 ao sinalar que tamén baixaron os contenciosos-administrativos en 2012 respecto de 2011, ao que a deputada resposta que “aínda que é certo que a crise por si mesma provoca unha baixada da litixiosidade, a Lei de Taxas do Goberno do PP puxo a guinda para que os cidadáns non poidan acceder á Xustiza por motivos económicos”, lembrando que “o taxazo xudicial” acabou co dereito dos cidadáns de acceso á Xustiza, provocando tamén nesta materia unha “profunda división de dereitos entre os cidadáns que os poden pagar e os que non”.

Neste senso, lembra que o Grupo Socialista no Congreso dos Deputados defendeu recentemente no pleno desa Cámara unha enmenda á totalidade do proxecto de lei de asistencia xurídica gratuíta, texto que será “unha lei máis restritiva, máis complexa e máis burocrática que a actual, ademais de posibelmente inconstitucional”, en todo caso, “outro ataque máis do Goberno ao dereito dos cidadáns á tutela xudicial efectiva”.

A compañeira criticou, ademais, o feito de que o Goberno do PP “vincula o financiamento da xustiza gratuíta cos ingresos que se obteñan polas taxas xudiciais; con todo no 2013 se recadaron 316 millóns polas taxas, e o Goberno presupostou este ano para xustiza gratuíta tan só 34 millóns de euros”.

Ante semellante contradición, a conclusión de Seara é clara: “a política do PP é sempre a mesma: recadar sempre a costa dos que non teñen, e retallar dereitos a quen non os poden custear, con mentiras se é necesario”.

Esiximos á Xunta que paralice a adxudicación integral de espazos no CHUO como ordenou Hacienda, pero o SERGAS asegura que recorrerá a decisión ante o TSXG

03/05/2014
By

O PSdeG esixiu na comisión de Economía do Parlamento galego ao SERGAS que acate a decisión do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, dependente do Ministerio de Hacienda, co que a Xunta ten asinado un convenio de colaboración, e que ordenou desmembrar a complexa licitación da xestión integral de espazos no CHOU.

Porén o Director Xeral de Recursos Económicos do SERGAS anunciou que a Xunta vai a recorre-la paralización ante o TSXG.

O contrato, por quice anos e 225 millóns de euros, dos servizos de limpeza, seguridade, mantemento e consumo enerxético, para unha mesma empresa, que, ao mesmo tempo asumiría o pago de 14 millóns de euros para a construción do Plan Director do CHUO, deixaría fóra ás empresas galegas, incapaces de asumir unha oferta tan completa.

Hai que lembrar que o Goberno central deu a razón ás denuncias socialistas ao paraliza-la adxudicación integral ao grupo Ferrovial, obrigando ao SERGAS ao despece da mesma en tres novos concursos.

O Tribunal de Recursos Contractuais sostén que non se poden mesturar servizos tan diferenciados, e que a licitación incumpre ata dez artigos da Lei de Contratos, esixindo 100 000€ de garantía provisional, 7,5 millóns de garantía definitiva e outorgando o Sergas á beneficiaria un contrato de quince anos e un mes.
Esiximos no Parlamento ao representante do SERGAS “honradez, transparencia, sentido común e que deixe de lado inventos estranos, que só serven para o saqueo da Sanidade Pública, e preguntámonos de que serve que a Xunta colabore co Tribunal de Recursos Contratuais, se despois non cumpre as súas decisións.

Seara acusa ao Ministerio de Fomento de “mentir” sobre o trazado da A-76, no tramo d’A Peroxa

03/05/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denunciou que o Ministerio de Fomento, “minte descaradamente” nunha nota informativa distribuída pola Subdelegación do Goberno en Ourense verbo do trazado do proxecto de Autovía a Ponferrada (A-76) entre Os Peares e a cidade.

Seara afirma que “no tramo d’A Peroxa, Fomento elixiu un trazado diferente, que non someteu a alegacións nin a información pública”, polo que acusa ao Ministerio de “someter aos cidadáns afectados a unha absoluta indefensión”, e lembra que “o que se someteu a información pública no ano 2008 foron oito alternativas, e ningunha delas se corresponde co trazado elixido agora” polo Ministerio, que é o que “segundo se pode comprobar na publicación do estudo informativo do 14 de agosto do 2013, denominan ‘alternativa 9’, e que sería unha mestura das alternativas ‘2’ e ‘4’ ”, sendo que “a alternativa elixida agora por Fomento é diferente, e deixa sen enlace ao concello d’A Peroxa”, polo que é necesario un novo período de alegacións para evita-lo desamparo dos afectados por este novo trazado da A-76, que a ministra Ana Pastor pretende coar pola porta de atrás”.

A situación resúmese, na práctica, en que, dende o Ministerio, “cunha nota informativa, pretenden agora facer coar que o trazado elixido é un dos sometidos a información pública no 2008; e isto é incerto”. A deputada engade tamén, como “proba deste ocultismo de Fomento” o feito de que “nin sequera o alcalde d’A Peroxa, que é do PP, coñecía os cambios do trazado da A-76, e estivo meses negando no pleno municipal que esta infraestrutura percorrese o municipio”.

Seara lembra que “os socialistas defendemos a necesidade da A-76; tanto que fomos quen a impulsamos”. Porén, “o que reclamamos ao Goberno do PP é que faga as cousas ben, que non deixe sen enlace ao concello da Peroxa, que dea información aos concellos afectados e, sobre todo, que cumpra coa posibilidade establecida de que os afectados poidan realizar alegacións”, como xa solicitaran no seu momento, a propia Seara o voceiro socialista no concello d’A Peroxa, Antonio González Fiuza.

A compañeira pediu a comparecencia no Congreso da ministra para que explique este novo trazado, e rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que esixe resposta sobre os motivos polos que o Ministerio decidiu non facer enlace, en ningún punto do concello d’A Peroxa, coa futura A-76, e qué criterios técnicos prevaleceron para determinar que dita autovía atravese o devandito concello.

A través de multitude de iniciativas parlamentarias, Seara vén reclamando dende o 2012 a licitación urxente da A-76, trasladando incluso ao Ministerio, no 2013, as demandas realizadas polos alcaldes das comarcas de Valdeorras, Lemos e o Bierzo en relación coa autovía. A compañeira aclara, xa que logo, que “a licitación desta autovía é prioritaria, pero nada xustifica que o Ministerio non someta a información pública o trazado elixido, e imposibilite que os posibles prexudicados aleguen aquilo que consideren necesario”.