Monthly Archives: April 2014

Blanco afirma en Ourense que é o momento de impulsar unha auténtica axenda contra a desigualdade en Europa

24/04/2014
By

Blanquito

O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo José Blanco emprazou esta mañá á cidadanía a dar un xiro social en Europa, “porque se non, continuará a depresión económica e social en Galicia e en España”. E insistiu “é a hora de impulsar unha auténtica Axenda contra a Desigualdade en Europa porque, ou Europa devolve a esperanza á xente, ou a xente perderá a esperanza en Europa”.

Nun encontro na cidade con axentes económicos e sociais, en compañía do alcalde, Agustin Fernández, o candidato asegurou que Galicia “non pode resignarse” a ter preto de 300 000 persoas no paro, ou a que máis de 130 000 mozos e mozas emigraran nos últimos cinco anos por falta de oportunidades na nosa terra, 13 000 deles ourensáns: “Galicia non pode resignarse a que 8000 empresas desapareceran sen seren reemprazadas por outras”, insistiu.

O exministro de Fomento fixo balance ao asegurar que, “tras dous anos de goberno de Rajoy e cinco de Feijóo, non hai un só indicador que mellorara”, e indicou que a importancia das vindeiras eleccións do 25 de maio radica en que Europa, España e Galicia “deben elixir entre a esquerda do emprego e a defensa dos dereitos sociais, ou a dereita da austeridade e os retallos ao ditado dos mercados”.

O candidato denunciou, ademais, que coa reforma decidida polo Goberno central, os pensionistas galegos van a sufrir un recorte de 5000 millóns de euros nos vindeiros oito anos, 7000€ por persoa. Por iso anunciou que o Grupo Socialista no Parlamento Europeo porá freo aos ataques da dereita e impulsará medidas para garantir pensións públicas suficientes, que permitan manter unhas condicións de vida dignas ás persoas maiores.

Aludiu támen á lei da dependencia que “a dereita esta deixando morrer, e que fixo desaparecer das lista de espera a 30 000 dependentes que xa tiñan recoñecida o dereito a percibila”.

Ademais, anunciou tamén que Grupo Socialista impulsará un Pacto Europeo polo Emprego e o Progreso Social, que incluirá medidas como triplica-los fondos para emprego xuvenil, e combate-lo desemprego de longa duración, aumentando as axudas para parados maiores de 45 anos e desbloquea-lo financiamento para as PeMEs.

Por último, Blanco aludiu ao retallo de fondos de desenvolvemento rural para a provincia, que impulsou Arias Cañete, e por iso demandou un cambio en políticas como a Política Agraria Común, “para que a xente do mundo rural, a que vive directamente del, que crea emprego nel, sexa a beneficiaria real das axudas europeas, e non os rentistas, como impuxo Cañete, coa baixada de cabeza da Xunta de Feijóo”.

Censuramos o desleixo da Xunta cara os veciños de Punxín que esixen unha solución á contaminación por arsénico da auga da traída

24/04/2014
By

A nosa deputada no Parlamento galego María Quintas, censurou onte, nunha pregunta en Pleno ao Goberno galego, “o abandono dos veciños de Punxín” por parte, tanto do conselleiro de Medio Ambiente, como do presidente da Xunta ou do da Deputación, logo da aparición de altas concentracións de arsénico na auga da traída dese Concello dende 2010, pois só accederon a que os recibira o Vicepresidente da Deputación e o Delegado provincial da Xunta, “que de depuradoras debe saber moito”, apostillou Quintas.

A parlamentaria recriminou a Agustín Hernández que só lle fixeran caso a este pequeno municipio duns oitocentos habitantes logo das presións dos veciños e o seu peche na casa do Concello, e adiantándolles unha solución para cando menos o 2016.

A deputada recriminou ao Goberno galego que, pese ás consecuencias para a saúde das concentracións de arsénico na auga por riba dos 10 microgramos, a Consellería de Sanidade non actuara ata 2014, cando se coñecía o problema dende catro anos antes.

En opinión da compañeira, existe un desprezo por parte de Feijóo a esta situación, ao afectar a unha poboación pequena. Tamén recriminou ao conselleiro que se escude na procura de responsabilidades no ámbito local, e de eludir responsabilidades aludindo á titularidade das competencias.

Os veciños de Punxín topáronse cun desorbitado incremento do 300% no recibo da auga trala toma de posesión do actual alcalde, Manuel Vázquez, do PP, en xullo do 2011. Encargaron varias analíticas para comproba-la calidade da auga, e descubriron que non era potábel, porque se incorpora arsénico aos acuíferos. A Organización Mundial da Saúde establece o límite desa sustancia en dez microgramos por litro, e na aldea de Ourantes descubriron que había vintetrés. Polo menos catro aldeas do municipio bebían auga contaminada.

A OMS destaca nos seus informes que o consumo prolongado de arsénico pode causar enfermidades na pel, vómitos ou cancro. De feito, nunha desas aldeas, as sete mortes que se produciron nos últimos anos foron todas por cancro ou derivadas de cancro.

En setembro, o concello optou por repartir un día á semana garrafas de 19 litros, que compra a tres euros a unidade a outra empresa que non é Aquagest, a concesionaria do servizo. Nas fontes públicas hai carteis que alertan de que verquen “auga sen garantía sanitaria”.

Os veciños denunciaron o caso ante a Consellería de Sanidade, que abriu unha investigación. Prohibiuse o consumo da auga da traída o 24 de agosto de 2012. Un día despois o alcalde emitiu un bando acatando a orde, a pesares de coñece-la situación dende había medio ano a través dos propios veciños, que tamén enviaron escritos ao presidente da Xunta, e falaron por teléfono coa súa secretaria ata en cinco ocasións durante maio do 2013.

O presidente da Deputación de Ourense reuniuse con eles en febreiro de 2013 tras varios intentos e escritos que non foron respostados. Logo derivou o caso ao seu xefe de Medio Ambiente, Javier Bobe, que en varias ocasións vetou a presenza de afectados nas reunións.

O alcalde nunca respostou ás reunións solicitadas polos veciños, que as pediron ata en sete ocasións. Limitouse a falar nos plenos e a obstruí-lo acceso á documentación que os veciños pedían. Ninguén respostou ás súas demandas, a pesares de que, a día de hoxe, lles seguen enviando facturas, nas que lles cobran auga contaminada que non poden beber.

A empresa Aquagest acordou rescindi-lo contrato co Concello, pero será a empresa de augas da deputación a que asumirá agora o servizo empresa, casualmente, participada ao 66 % por Aquagest.

O PSdeG defende que a política agraria comunitaria priorice as súas axudas aos produtores

15/04/2014
By

Esta tarde se celebrou na sede socialista en Ribadavia un acto organizado polo Comité Electoral Provincial do PSdeG, presidido polo noso Secretario Provincial, Raúl Fernández, no que tamén interviron outros cargos, como varios dos nosos deputados autonómicos e ao que asistiron alcaldes, concelleiros e cargos orgánicos do PSdeG da comarca d’O Ribeiro, así como representantes do movemento asociativo da mesma.

Na reunión se explicitou que unha das máximas prioridades do PSdeG con respecto á Política Agraria Común da Unión Europea é que as axudas comunitarias, a nivel vitivinícola, se centren nos colleiteiros e non nos terratenentes; que as axudas se dirixan á produción, en detrimento da superficie xa que, neste caso, se produce unha grande inxustiza coa produción vinícola das Denominacións de Orixe da nosa provincia, e en xeral, de toda a produción agraria galega.

Na situación actual, os produtores de viño de Ourense e de Galicia perciben a cuarta parte das axudas que obteñen os estremeños, e unha quinta da que reciben os de Castela-A Mancha, o cal supón un agravio comparativo para os nosos viticultores. Así, mentres os produtores d’O Ribeiro reciben uns 2 200 €, os estremeños perciben 8 000€, e os casteláns-manchegos 10 000€. Unha situación que -concluiuse na cita- hai que cambiar; para o que cómpre un cambio de rumbo cara a esquerda do Parlamento e da Comisión europeos.
Para o PSdeG de Ourense, as eleccións europeas do 25 de maio son capitais para o futuro da comarca d’O Ribeiro e de toda a nosa provincia, por canto está en xogo o destino dos fondos comunitarios para os vindeiros cinco anos.

Seara sinala que a desaparición dos partidos xudiciais foi a “crónica anunciada do golpe mortal á Xustiza”

09/04/2014
By

Spanish_gavel

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta que hoxe sexa xa realidade, nun anteproxecto de Lei, a desaparición dos partidos xudiciais. Este feito, unido ao “taxazo” xudicial, valóraos como unha “patada definitiva ao dereito dos cidadáns a tutélaa xudicial efectiva e a un acceso igual á Xustiza”.

Seara lembra que se trata “dunha crónica anunciada do golpe mortal á Xustiza”. Neste senso, incide en que “os socialistas xa advertimos hai dous anos” das intencións do Goberno central de “suprimi-los partidos xudiciais existentes para crear un único partido xudicial por provincia”. Porén, “o Goberno intentou realizar esta manobra, que atenta de novo contra os dereitos dos cidadáns, de forma velada; pero os socialistas levamos dende o 2012 avisando das verdadeiras intencións do PP, que lamentablemente por fin viron a luz”.

Lembra a compañeira que, tanto ela como outros deputados socialistas viñeron presentando no Congreso, desde hai dous anos, multitude de iniciativas parlamentarias solicitando ao Goberno central explicación sobre a desaparición dos partidos xudiciais. En tódalas respostas parlamentarias, “o Goberno escorreu o vulto, dicindo que só se trataba dun informe e non dunha proposta en firme”. Xa que logo, censura que mentiron e que hoxe a decisión xa estea no anteproxecto de Lei.

A deputada sinala que en varias cabeceiras de partidos xudiciais como Celanova, Ribadavia e Xinzo se fixeron mobilizacións por parte dos funcionarios, outros colectivos e cidadáns de a pé, contra a supresión de devanditos partidos, pero o Goberno central “negouno todo e esperou a agora asesta-lo golpe mortal”.

Seara explica que o anteproxecto do Goberno liquida os partidos xudiciais coa creación dos tribunais “provinciais de instancia”, que serán os que asumirán as competencias actuais dos xulgados e en todos os órganos xurisdiccionais. “O ámbito territorial deses novos tribunais será provincial, desaparecendo así a práctica totalidade dos partidos xudiciais e, con iso, decenas de órganos xudiciais”. Esta situación “provocará situacións paradoxais, como as de Santiago, que sendo a capital de Galicia podería quedar desposuída de órganos xudiciais que agora teñen sé nesa cidade, ou a da de Vigo, que non tería a sé” da súa provincia.

Resalta tamén a compañeira que, respecto de Galicia, e especialmente a Ourense, polas súas especiais características de ruralidade, e dispersión e envellecemento poboacionais, a supresión dos partidos xudiciais supoñerá un total afastamento dos cidadáns á Xustiza, que só a verán “de lonxe”.

“Trátase dun ataque brutal, outro máis, por parte do Goberno do PP, a dereitos fundamentais dos cidadáns, neste caso á Xustiza, que ven como perden o dereito a unha Educación publica gratuíta e de calidade, dereitos en Sanidade, o dereito ao emprego e, en moitos casos ata a unha vivenda digna, e tamén o dereito á Xustiza; un retallo continuo de dereitos e liberdades que é o sinal de identidade do Goberno do PP de Rajoy”, lamenta.

Reclamamos responsabilidades á Xunta logo de que Hacienda obrigase ao SERGAS a despeza-la xestión do CHUO en tres concursos

08/04/2014
By

A deputada pola nosa provincia no Parlamento galego, e voceira de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, salientou que o Goberno do Estado “vén de contradicir a Feijóo e de da-la razón ás denuncias socialistas, ao paraliza-la adxudicación integral de espazos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, e obrigar ao SERGAS ao despece da mesma en tres novos concursos”. “Está claro que algo lles cheiraba mal”, como advertira o PSdeG-PSOE.

Acuña explicou que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, dependente do Ministerio de Hacienda, ordenou ao SERGAS a paraliza-lo proceso de concesión da xestión integral de espazos para o CHUO, e a desmembrar esta licitación en tres concursos diferenciados para a limpeza, a seguridade e o mantemento.

A deputada lembrou que o seu grupo tiña “posto a lupa” sobre esta contratación que sumaba a privatización, por quince anos e 225 millóns de euros, dos servizos de limpeza, seguridade, mantemento e consumo enerxético nunha mesma empresa que, ao mesmo tempo asumía o pago de 14 millóns de euros para a construción do Plan Director. “Esta modalidade, que agrupa todos os servizos nunha soa licitación, deixaba fora ás empresas galegas, incapaces de asumir unha oferta tan completa”, explicou Acuña.

“En Ourense todos sospeitábamos que Ferrovial sería a adxudicataria”, confesou a compañeira. Unha empresa na que traballa o xerente de CESPA, empresa do Grupo, recentemente imputado na instrución da “Operación Patos” e que fora xerente do CHUO na época de Fraga e impulsor do Plan Director.

Un plan director que, por outra banda, resulta imprescindíbel realizar para poder acometer, a continuación, a modernización tecnolóxica dos Plans “Innova Saúde” e “Hospital 2050”, que estaba previsto cubrir con fondos europeos. Neste senso, Acuña advirte de que o prazo deses fondos xa venceu en 2013 e só cabe acollerse a unha prórroga de dous anos, ata 2015, vinculada ao remate das obras “cuxos constantes atrasos poñen en cuestión”, advertiu.

O Plan Director leva aprobado dende abril do 2009. Coa chegada do PP á Xunta paralizouse. “Logo viñeron os anuncios en Expourense, os fondos europeos para o Hospital 2050 e finalmente as privatizacións, que lles quedaron desertas”, lembrou. Tampouco funcionou o procedemento negociado, polo que se optou por “dulcificar con prazos a entrega dos catorce millóns que se requirían para o Plan Director, e apareceu Ferrovial”. Logo de todo isto, “non dimite, nin cesa, ninguén”, protesta a deputada, que se pregunta cómo vai acadar a empresa adxudicataria os catorce millóns de euros, “se non é a través do encarecemento dos servizos”, e cómo pode saír máis barato o servizo de mantemento ou o subministro privatizado, xa que a empresa terá que gañar algo e recupera-los 14 millóns con intereses, aínda que admitiu con retranca que “estamos acostumados á ‘creatividade’ do PP para os contratos, como se viu na Gürtell”.

A parlamentaria manifestou a fonda preocupación dos socialistas pola situación da Sanidade Pública, na que se chegou ao punto de que a “nin dimitida nin cesada” conselleira pode “visita-los centros sanitarios, inmobles onde os profesionais e usuarios lle trasladan o seu enfado”, e esixiu a Feijóo “honradez, transparencia, senso común e que deixe de lado inventos estraños que só serven para o saqueo da Sanidade Pública”, recriminándolle que teña que “se-lo ministro de Hacienda quen veña defender o tecido empresarial galego”, sorprendendolle o feito de que “mesmo Montoro amose máis sentido común que Feijóo, e lle paralice e obrigue a cambia-lo sistema de contratación”, que previamente xa puxeran en cuestión profesionais, usuarios e o propio PSdeG.