Monthly Archives: February 2014

O PSdeG-PSOE de Ourense condena as accións indignas e presuntamente delictuosas do alcalde de Vilardevós, e expresa o seu apoio ao militante Paco González, acosado e perseguido por aquel

27/02/2014
By

Francisco González é militante do PsdeG-PSOE, representante sindical da UGT e traballador do Concello de Vilardevós desde o día 1 de outubro de 1991 a tempo completo como persoal laboral fixo con categoría profesional de oficial de 2ª.

Dende de xullo do 2011, momento no que se produce o cambio do goberno local, o Alcalde-Presidente do Concello de Vilardevós, Manuel Cardoso Pérez e os demais compoñentes da agrupación, sinaladamente Ignacio Vivián González, perségueno acósano e véxano por motivos ideolóxicos, vulnerando os seus dereitos fundamentais como traballador.

Durante a campaña das últimas eleccións municipais, Manuel Cardoso e Ignacio Vivián anunciaban en mítines que ían facer “limpeza” no Concello e, referíndose a Francisco González. Ata se publicaron panfletos de mofa e de humillación dirixidos contra a súa persoa.

Os actuais Alcalde e o Tenente de Alcalde, cando chegaron á alcaldía, cumpriron coas súas promesas electorais de acoso laboral, indignas dun representante público.

Francisco González, nunca voltou a desenvolve-las funcións que ata ese momento viña realizando, as que eran da súa competencia. Tras requerimento xudicial, dotóuselle dun ordenador e unha mesa nas dependencias municipais, pero non realiza funcións de atención ao público e, en troques de inicia-la súa xornada laboral no Concello, élle ordenado que se dirixa un almacén ou similar.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense sempre entendimos que Francisco González estaba sendo sometido a unha persecución ideolóxica e sendo represaliado por ser militante socialista e representante dos traballadores no Concello de Vilardevós.

O PSdeG-PSOE quere apuntar que tódalas accións xudiciais interpostas por Francisco González, así como os procedementos laborais, viñeron a darlle a razón. É máis: a ilegalidade non só se circunscribe ao ámbito laboral, senón que as accións do Alcalde son indicativas de presuntos delictos, como así constata a admisión a trámite da querela.

A retirada das funcións deste traballador non estaba relacionada coas necesidades da producción ou do Concello, senón que obedece a un atentado flagrante aos seus dereitos fundamentais, é dicir: débese a unha discriminación por ideas políticas; situación que é buscada á mantenta polo actual alcalde, levando a cabo un uso desviado das súas atribucións para exhibir ante os electores unha alienación de do afectado ante el; o que implica que a conducta do Alcalde sexa nula desde o punto de vista laboral, ademais de delictuosa. E así o dispón a sentenza dictada polo Xulgado do Social N º 4 de Ourense, con data 9 de marzo do 2012, que estima a demanda do traballador, declarando que a reducción das súas funcións operada dende xullo de 2011 é nula por discriminación, e condena ao Concello de Vilardevós, e ao seu Alcalde Manuel Cardoso Pérez, ao cese inmediato da atitude discriminatoria e á reposición das funcións do actor. Esta sentenza é firme, ao ser inadmitido polo Tribunal Supremo o recurso de Unificación de Doutrina presentado polo Concello de Vilardevós

Sorprendentemente, a conducta do Alcalde non cesou malia a sentenza. Neste senso, chegaron a dictarse requerimentos por parte do devandito xulgado, como o que consta no Auto de 30 de marzo do2012, dirixidos ao Concello e ao Alcalde, para que cumprisen o resolto polo propio Xulgado.

Coincidindo coa ratificación e confirmación desa sentenza por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o alcalde abre ao traballador un expediente disciplinario, no que é instrutor o querelado Ignacio Vivián, e que é resolto polo tamén querelado Manuel Cardoso, co fin de seguiren atentando contra o representante sindical, e polos mesmos motivos políticos e ideolóxicos e discriminatorios constatados.

Malia os escritos presentados o Secretario do Concello, o alcalde asina un decreto, con data 25 de febreiro de 2013, no que se acorda proceder ao despedimento disciplinario do traballador con data de efectos 26 de febreiro de 2013. Contra este despedimento, o Xulgado do Social 2 de Ourense falla, con data de 21 de maio (sentenza 253/2013) estimando a demanda interposta por Francisco González Fernández contra o Concello, declarando a nulidade do despedimento, por vulneración de dereitos fundamentais e condenando ao Concello á readmisión inmediata do afectado nas mesmas condicións que rexían con anterioridade, e co abono dos salarios deixados de percibir. Estoutra sentenza tamén é firme, en virtude doutra do TSXG do 8 de novembro do 2013, en virtude da cal se desestima o recurso do Concello e do alcalde, confirmando a sentenza do Xulgado do Social nº 2, impoñendo as costas aos condenados, e razonando, textualemente, que “non existe (…) ningunha causa debidamente acreditada que puidese, razonabelmente, determinar á empregadora demandada” (Concello de Vilardevós) “a acudir á vixilancia do traballador demandante a través de detectives profesionais, co cal toma forma a idea de que se lle someteu a esa vixilancia especial coa finalidade de atopar algún presunto incumprimento que amparase o despedimento dun traballador incómodo”.

Por estes feitos, Francisco González presenta querela contra o alcalde e o tenente de alcalde de Vilardevós, que foi admitida polo Xulgado de Instrución de Verín, acordando a citación do alcalde e do tenente de alcalde para que declaren o vindeiro 12 de marzo en calidade de imputados.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense condenamos estas conductas, que, vindo dun responsábel público, son (presuntamente) ilegais, e adolecen da ética necesaria para que os seus protagonistas representen á cidadanía, xa eu un alcalde o é de tódolos seus veciños; e cando ampara e practica persecucións e vexacións por causas ideolóxicas, non debería ostentar representación.

Seara defende que os agricultores poidan votar para elixir aos seus representantes agrarios

24/02/2014
By

Esta tarde, na Comisión de Agricultura do Congreso dos Deputados, comeza a tramitación parlamentaria do Proxecto de Lei polo que se regula o procedemento para a determinación da representatividade das organizacións profesionais agrarias e se crea o Consello Agrario estatal.

A deputada pola nosa provincia, Laura Seara, que será relatora desta Lei durante todo o seu trámite parlamentario, sinala que a mesma “vai poñerllo moi difícil a todos aqueles agricultores que non estean en zonas de grande concentración agraria” (como sucede cos ourensáns), sendo, xa que logo, “unha lei moi contestada polas propias organizacións”, xa que “establece unhas eleccións para medir a representatividade agraria” nas que a compañeira defende que “deberían vota-los profesionais do sector”, malia que semella que o Ministerio de Agricultura busca “que este proceso sexa unha mera consulta para evitar a lei xeral electoral e as garantías que esta ofrece”, xa que tal e como se elaborou o borrador desta Lei, “poderían votar persoas que non son agricultores realmente”, dado que o o Goberno central pretende incluír a tódolos que cobren máis de 3000€ da PAC” (Política Agraria Común).

A compañeira, porén, sostén “a importancia deste proceso, porque servirá para medi-la representatividade das organizacións profesionais, conformar órganos de interlocución como o Consello Agrario”, e distribuír recursos públicos e o patrimonio destas organizacións.

Seara declarou que, para o PSOE, resulta “fundamental que esta lei conte co consenso de todas as organizacións agrarias”, o cal “agora non se produce”, e por iso “os socialistas esperamos que, durante o trámite parlamentario, esta Lei mellore, pero ademais cambie substancialmente” o seu “espírito”.

Seara denuncia a gravidade da desxudicialización dos Rexistros Civís

22/02/2014
By

FOTO SEARA Y CAMACHO CON UGT-REGISTROS CIVILES

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara reuniuse co sindicato UXT para trata-la gravidade dos pasos dados polo Goberno central para desxudicializa-los Rexistros Civís que pasarían a ser levados polos rexistradores da propiedade.

Para Seara “o Goberno dá un paso máis na súa carreira privatizadora e de destrución dos servizos públicos”, neste caso “toca, outra vez, recortes nos dereitos dos cidadáns de acceso á Xustiza”.

A compañeira lembrou que “ás taxas xudiciais impostas polo Goberno do PP, que impiden a moitos cidadáns, sempre aos máis débiles, acceder á Xustiza, sumarase agora a práctica privatización dos servizos dos Rexistros Civís, ata agora públicos”, e que “este camiño privatizador dos Rexistros Civís non é novo, porque o Goberno de Rajoy hai tempo que xa derivara as tarefas relacionadas cos expedientes de nacionalidade”. Porén, “ata agora os servizos prestados polos Rexistros Civís foron servizos públicos prestados por funcionarios públicos”, facendo fincapé en que “a desxudicialización dos Rexistros Civís podería incidir negativamente dende a perspectiva da protección de datos dos cidadáns”.

Seara rexistrou unha batería de preguntas no Congreso dos Deputados coas que lle esixe ao Goberno central “que aclare se é firme a súa postura respecto de que os Rexistradores da Propiedade e Mercantís se vaian a facer cargo dos Rexistros Civís”, e que “explique cómo pretende mante-los Rexistros Civís como un servizo público”. Tamén reclama “que o Goberno explique os datos do concurso público polo que se adxudicou a unha empresa o programa informático para que as e os Rexistradores tramiten e resolvan os expedientes de nacionalidade”. Ademais, pregunta ao Goberno central se se reuniu cos representantes do corpo de Rexistradores da Propiedade e Mercantís para coñecer se desexan xestiona-los Rexistros Civís, e advirte ao Executivo de que “nin os propios rexistradores están dacordo”.

A deputada avanzou que os socialistas seguiremos mantendo reunións cos sindicatos e os colectivos afectados por esta medida.

Seara demanda ao PP que deixe de tratar aos pensionistas emigrantes retornados “coma se fosen delincuentes”

20/02/2014
By

O PP volveu a rexeitar hoxe no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei do PSOE que foi defendida pola deputada socialista por Ourense, Laura Seara, para que o Goberno central regularizase “a situación dos pensionistas emigrantes retornados, sen consideralos como defraudadores fiscais” e que contemplaba medidas como períodos de pago máis longos e a exención do pago de sancións e intereses de demora.

A deputada lamenta que, “de xeito sistemático, o PP rexeita en Madrid as iniciativas que lle presentamos desde a oposición para dar unha solución xusta ao colectivo de pensionistas emigrantes que voltaron ao noso país, en moitos casos tras un exilio económico ou político, e que non merecen este trato por parte do Goberno”

O PP xa rexeitou no Pleno do Congreso outra Proposición non de Lei do PSOE na que os socialistas pedíamos medidas para a regularización fiscal deste colectivo, entre as que se incluía a pechadura dos expedientes sancionadores e o establecemento de liñas de financiamento ICO. Ademais, tanto os deputados no Congreso como os senadores socialistas galegos, teñen planteadas ao Goberno central baterías de preguntas orais en Pleno, interpelacións e moción, para que o Goberno habilite unha solución.

Con todo, a deputada socialista sinalou hoxe, durante a súa intervención no debate, que “o PP en Galicia votou recentemente a favor dunha iniciativa similar ás que nos rexeitan aquí”. Por iso, pediu ao PP que se aclare “dunha vez, e deixen de votar unha cousa en Galicia e outra en Madrid”, que “rematen cos dobres discursos e as mascaradas”, e que o Goberno central “cese con esta ofensiva e estratexia planificada de persecución aos máis débiles, mentres se ten amnistiado a verdadeiros defraudadores fiscais”.

Neste senso, Seara incidiu en que nunca se informou a este colectivo de que tiñan o deber de tributar polas pensións recibidas no estranxeiro, e agora, no canto de informarlles, “ábrenlles directamente un expediente, ata no caso de pensións percibidas en países cos que se manteñen convenios bilaterais dende os anos ‘60 e ‘70”, cando “estas pensións nin sequera aparecían para tributar nos borradores de declaración que recibían de Facenda”, segundo remarcou.

A compañeira explicou aos deputados que se trata, en moitos casos, e “sobre todo en Galicia, de pensións moi baixas e de persoas que non son defraudadores”. Porén, lamentou que estean a recibir requerimentos “ata familiares de emigrantes falecidos ou persoas con pensións de invalidez ou incapacidade”; asegurando que “por parte destas persoas, non hai culpa, non hai dolo e nin sequera hai neglixencia, e o que se atopan é co afán recadatorio e a mala fe do Goberno”.

Tódolos grupos políticos, agás o PP, apoiaron a iniciativa socialista. “Unha vez máis, o PP quédase só, impoñendo a súa maioría e gobernando contra todos”,reprobou Seara.

Seara pide ao Goberno central medidas para para-la escalada da tarifa eléctrica para os regantes d’A Limia

08/02/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, pediu hoxe ao Goberno central “que paralice inmediatamente a escalada da tarifa eléctrica de regadío, que está a causar inmensas dificultades aos regantes d’A Limia”, solicitando “medidas para establecer tarifas de acceso eléctricas nas explotacións de regadío d’A Limia que se axusten á peculiaridade do seu consumo estacional e que sexan máis baratas que as actuais”.

Seara denuncia que só a subida dos custos regulados, fixados na orde IET/1491/2013, de 1 de agosto, supuxo un aumento do término de potencia dun 112% para os custos fixos do regadío. Iso, sumado ás subas anteriores, vai a supoñer para moitas zonas regables, un incremento superior ao 1000% por este concepto de custo regulado, que debe paga-lo agricultor, utilice ou non os motores.

A compañeira mostra a súa “enorme preocupación ante a presión do incremento de custos de produción deste sector”, situación que vén de ser denunciada tamén polas organizacións profesionais agrarias e polas entidades representativas das comunidades regantes. Xa que logo, reclama que o Goberno central adopte “medidas inmediatas para evita-la perda de competitividade da agricultura de regadío, moito máis nunha comarca como A Limia, que é un dos eixos agrícolas máis importantes de Galicia”. Nese senso, engade que “é necesaria a implicación do Goberno para evita-la permanente perda de competitividade e o abandono de explotacións”.

A deputada sinala que “unha hectárea de regadío xera ata cincuenta veces máis emprego, produce seis veces máis, e xera unha renda catro veces maior, ca unha de secano”. Isto supón que “a transformación en regadío de toda ou parte da súa explotación é a única saída rendible para miles de agricultores”.

Seara lembra tamén que o PSOE rexistrou unha Proposición non de Lei para o seu debate en comisión, na que se pide aplicar un IVE reducido ás Comunidades de regantes “na mesma liña que a establecida en Italia para as instalacións de rego e drenaxe”. Os socialistas tamén propoñemos medidas como que se fomente o establecemento dos contratos de tempada, eliminando as penalizacións actuais; e que se aprobe un plan de fomento para que as comunidades de regantes e explotacións de regadío poidan consumir a enerxía eléctrica que elas mesmas produzan.

Pola súa banda, Seara tamén solicitou, na correspondente iniciativas parlamentaria, que a Confederación Hidrogáfica Miño-Sil realice os oportunos labores de limpeza tralos recentes temporais, que afectaron tamén á comarca d’A Limia, polos escombros e arrastres producidos, que están causando danos ás explotacións agrarias.

Aclaracións sobre a situación urbanística de certos inmobles na cidade

05/02/2014
By

Fronte á campaña alarmista distribuída polo PP entre parte dos habitantes da capital, con técnicas de propaganda impropias dun partido político coma ese, que da por certas esaxeradas suposicións sobre as consecuencias do estatus urbanístico de “Fóra de ordenación” para algunhas das plantas superiores de determinados edificios da cidade, o Grupo Municipal Socialista presentará, para evitar futuras operacións de confusionismo semellantes (como a tamén levada a cabo polo PP no seu día na cidade d’A Coruña), unha moción no senso de que, na nova Lei do Solo de Galicia, actualmente en tramitación, se recolla unha definición clarificadora para a devandita clasificación urbanística, semellante á doutras Comunidades Autónomas, e que comprenda só aos inmobles para os que estea prevista a súa desaparición dun determinado prazo, sen misturalos con aqueles para os que só se pretende impedir, no caso dunha futura re-edificación no mesmo solar, que se lle dese ao novo edificio, máis alturas das que, segundo o seu entorno, lle corresponden.

Tamén se aclara dende o Grupo Socialista no Concello da capital:

-   Que os responsables urbanísticos da Xunta están amosando neste tema unha atitude responsábel moi distinta á do Grupo do PP.

- Que a solución non pode ser a de permitir que, nos solares nos que nalgún momento se chegou a construir un edificio con alturas desatinadas, se poidan re-construir, no seu reemprazo, e polos séculos dos séculos, novos edificios con semellante incoherencia urbanística, pois, entre outras cousas, esa desordenación xeneraría unha avalancha de recursos lexítimos de cidadáns terceiros, que poderían levar a unha nova, e non menos calamitosa, anulación da ordenación urbanística da cidade.

- Que, en contra do insinuado polo voceiro do PP ( http://www.laregion.es/opinion/19869/258/ ) en ningún caso a limitación de obras ás de conservación, afecta aos inmobles en chan rústico.

- Que, a título ilustrativo, no PXOM anterior, aprobado polo PP, tamén había certo número de inmobles coa mesma caracterización, como é normal, sen que ninguén se excitase por tan moderada caución urbanística:

Cabezas