Monthly Archives: January 2014

Seara denuncia que no último curso se denegaron en Ourense máis do dobre de bolsas que no anterior

30/01/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, recibiu unha resposta parlamentaria na que o Goberno central recoñece que o curso escolar pasado denegou na provincia máis do dobre de bolsas para estudios non universitarios que no anterior.

Así, no 2011/2012 o Goberno denegou en Ourense 654 bolsas non universitarias, dato que se duplicou con fartura no curso 2012/2013, ata alcanza-las 1408 bolsas denegadas.

A deputada incide en que “a educación é un dereito esencial para os cidadáns, e por iso o Estado debe garantir o acceso á mesma en condicións de igualdade de oportunidades”, co que, sinala “as bolsas non son un premio á excelencia académica, senón un instrumento para facer efectivo o dereito á igualdade no acceso á educación que establece a Constitución”, polo que lamenta “a nefasta política educativa do Goberno do PP”, que “impuxo unha lei ideolóxica e segregadora que impón barreiras económicas que converten a educación nunha mera mercadoría que só obterá quen poida pagala”.

A compañeira lembra que “en dous anos no goberno, o PP está a esnaquiza-lo sistema educativo público, de calidade, universal e gratuíto, defendido polos Gobernos do PSOE e que alcanzaramos en España co esforzo de todos”.

Así, critica que, só neste curso, o PP retallou o orzamento para educación nun 21%, o que se engade ao recorte do curso anterior, de xeito que, dende que o PP goberna o Estado, o orzamento en educación reduciuse en máis de 5200 millóns de euros.

Voltando ás bolsas, a deputada denuncia tamén o retallo realizado polo PP a nivel estatal (reduciu o orzamento para este curso nun 14% en relación ao que deixamos os socialistas no 2011). A iso engádese -indica Seara-, o retallo de profesores, de xeito que hai 30 000 menos no ensino público dende que o PP goberna o Estado. “O que si fixo Rajoy“ -di a compañeira- foi subir do 4% ao 21% o IVE do material escolar, e endurece-los requisitos para ter unha bolsa, que deixou de ser un dereito”.

A deputada defendeu, ademais, a necesidade dun Plan de apoio á escola rural, pois considera que “é a que fai posíbel o dereito á educación en gran parte do territorio”.

Respecto aos datos sobre bolsas para mobilidadou, Seara sinala “a escasa fiabilidade do Goberno e do Ministro Wert respecto das bolsas Erasmus, que levou ata a que a UE desmentise oficialmente o enorme engano do Goberno do PP sobre a suposta diminución do diñeiro que a mesma destina a España”.

O PSdeG na Deputación de Ourense espera que se dean máis pasos nas imputacións no caso DAREDO/DEPUTRANS

25/01/2014
By

O voceiro socialista na Deputación Provincial, Ignacio Gómez, congratúlase de que dito caso se reabra, logo de ter acudido o Grupo Provincial Socialista ao xulgado para facer entrega de toda a documentación ao respecto da que dispoñía.

Dende o respecto total a Xustiza, e aos pasos que esta dea sobre o caso DAREDO/DEPUTRANS, o voceiro do Grupo Socialista na Deputación agarda que as imputacións que se realicen non fiquen só no ámbito técnico, senón que se vaia máis aló, e afecten a todos aqueles foron actores neste proceso.

Estes expedientes contaron sempre co respaldo político dos que eran Presidente e Vicepresidente da Deputación naqueles intres: José Luis Baltar e Rogelio Martínez. Estes feitos quedan demostrados polas sinaturas que aparecen en toda a documentación, que no seu momento os socialistas aportamos ó xulgado e a Fiscalía, e pola xestións realizadas polos mesmos ante os concellos para que fosen instaladas as depuradoras.

O Grupo Socialista leva dez anos denunciando politicamente estes feitos, e cre que a responsabilidade desta nefasta xestión dos fondos europeos ten uns responsables, que son os políticos que estiveron ó fronte de ditos Plans.

Sen pretender inmiscuirnos no proceso xudicial que está dando comezo, logo da nosa denuncia, esperamos que este non sexa máis que un primeiro paso para que pasen a declara-los responsables políticos: Jose Luis Baltar e Rogelio Martínez.

Seara lamenta que xa hai na provincia máis de 4700 persoas afectadas polos EREs nos dous últimos anos

25/01/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, acaba de recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central na que se contempla que os EREs levados a cabo na provincia no 2012 e ata agosto do 2013 afectaron a 4700 traballadores.

Destes afectados, cáseque 3300 perderon o seu emprego por suspensión de contrato, e outros case cincocentos sufriron un despedimento colectivo. O resto, uns novecentos, viron reducida a súa xornada.

A resposta recolle, ademais, que nestes dous últimos anos son xa 314 empresas na provincia que se viron afectadas por expedientes de regulación de emprego.

Seara lamenta estas cifras e critica que “esto non é senón o resultado da nefasta política laboral do Goberno do PP de Mariano Rajoy”.

Así, apunta que dende que goberna o PP destruíronse no Estado Español un millón de empregos, e os cotizantes á Seguridade Social caeron en máis de novecentos mil. A ministra Báñez vén de presentar no Congreso, segundo lembrou a compañeira, un Real Decreto-Lei que supón “a terceira reforma laboral” do Goberno central, que non é máis que “outra nova volta de ozca contra os dereitos dos traballadores” nas “erróneas reformas laborais” dese Goberno, que provocaron, en verbas da deputada, “unha continua sangría no emprego, a precarización do mercado laboral e unha depreciación salarial sen precedentes”, cunha “destrución de emprego masiva: máis do 25% da poboación activa está en paro, nin máis nin menos que preto de 6 millóns de persoas”.

Así mesmo, Seara critica que “o Goberno acompañou as súas dañiñas reformas laborais con retallos sociais que deixan nunha total indefensión aos cidadáns que quedan en paro”. Así, segundo lembra a compañeira, “de seis millóns de parados, máis de tres non teñen ningún tipo de protección, e a cobertura ao desemprego apenas acada o 60% dos parados rexistrados; o desemprego de longa duración incrementouse do 19% ao 50% e os mozos sofren taxas de paro superiores ao 55%”.

Seara esixe ao Goberno central unha resposta inmediata ante o incremento de máis do 50% nos roubos no rural ourensán

22/01/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara esixe ao Goberno central que ofreza, de xeito inmediato, unha solución ante o importante incremento dos roubos nas explotacións agrícolas e gandeiras da nosa provincia.

Así, sinala que, nos últimos catro anos, o número de roubos e furtos no medio rural da provincia, aumentou de 27 a 68, o que a nivel porcentual supón máis dun 50%.

Apunta, ademáis, que “se está a producir unha situación descoñecida ata o de agora, e é que se rouba de todo: produción agrícola, animais vivos, material de rego, gasóleo, e ata ferramentas”, creando unha situación que cualifica de “grave” e que provoca “indignación, ata medo, nas persoas que desenvolven a súa actividade no medio rural ourensán”

Para a deputada, “este é un grave problema de seguridade, e un problema económico que está poñendo en risco a economía de moitas explotacións agrícolas e gandeiras”. Ademais, incide en que “tamén é un problema de seguridade alimentaria que hai que atender, porque a produción que se rouba está sendo vendida en mercados e feiras, en moitos casos sen estar sometida a control”.

A compañeira constata que o Goberno do PP, malia estar “moi obsesionado coa orde pública”, é “moi pouco traballador coa seguridade cidadá; que son cousas moi diferentes”.

Asemade, denuncia que “o PP ten absolutamente abandonado o medio rural: eliminou todos os créditos para o desenvolvemento rural, está poñendo en risco o financiamento europeo para programas de desenvolvemento específico, e está a eliminar servizos básicos esenciais, como médicos, mestres e transporte”.

Seara engade que “o PP ten que deixar de ver ao medio rural como un simple celeiro de votos e habilitar solucións”.

Neste senso, lembra que o PSOE ten presentada no Congreso unha Proposición non de Lei coa que os socialistas pedimos máis gardas civís e máis servizo público de seguridade no medio rural, á vez que suscitamos un novo sistema e un novo plan de seguridade para o medio rural, participativo e aberto aos implicados. Tamén temos solicitado vixilancia específica, cun plan de intervencións periódicas de inspección para comproba-la venda de produtos do campo e material, así como incluí-lo risco de roubos en explotacións agrarias no Plan Nacional de Seguros Agrarios, para que as mesmas poidan ter acceso aos seguros subvencionados polo Ministerio.

Seara denuncia ante Montoro o castigo a Ourense e Lugo na reasignación de fondos do Programa Leader Galicia

11/01/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, rexistrou na Cámara Baixa diferentes iniciativas coas que denuncia a discriminación á que queda sometida a Galicia interior, especialmente a provincia de Ourense, coa reasignación de fondos do Programa “Leader Galicia”, aprobada o 30 de decembro pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Seara solicita ao Goberno central que explique no Congreso este “inxusto” e “vergoñento” novo reparto de fondos.

Dita reasignación produciuse debido a que os fondos do programa Leader Galicia 2007-2013 quedaron sen executar durante os dous primeiros anos do mesmo, e tívose que estender o período de execución do 2015

A deputada critica que “os criterios utilizados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o novo reparto financeiro son incomprensibles e confusos” e sinala que, “o interior de Galicia, e moi particularmente a provincia de Ourense”, é a máis prexudicada neste novo reparto. malia que o programa Leader está destinado a territorios rurais.

“En absoluto se prima na nova distribución de fondos a ruralidade, a dispersión ou a boa xestión de fondos nos trinta e un grupos de desenvolvemento rural” “reproba a compañeira, quen sinala que “casualmente”, os grupos máis beneficiados teñen maiorías son afines ao PP”.

Dos oito grupos de desenvolvemento rural da provincia de Ourense, sete reciben a mínima asignación, mentres que o único que non foi así penalizado é, “casualmente”, o que ten como presidente ao alcalde de Leiro e senador do PP e cuxo xerente é o mesmo que xa o fora no grupo que presidira Rogelio Martínez nun “Leader” anterior, e polo que ambos están imputados pola súa mala xestión.

Para Seara é ademais incomprensíbel que “os grandes beneficiados desta reasignación son, na súa maioría os grupos afincados na costa galega, que xa reciben fondos europeos dos grupos de acción costeira, mentres que os grupos dos territorios máis rurais, que son a razón de ser do programa Leader, fican penalizados”. Así, dos oito grupos de desenvolvemento rural da provincia de Lugo, seis deles reciben tamén a mínima asignación.

A deputada lembra que o programa “Leader Galicia” é un programa cofinanciado polo Estado e, de feito, é o Estado o encargado da distribución destes fondos que proveñen da UE. Por iso, pídelle ao Ministro de Hacienda “que explique” este novo pau ao “reequilibrio territorial e á loita contra o despoboamento” e que “diga con claridade se o Goberno vai a permitir un reparto que pervierte o obxectivo final do programa Leader, que son os territorios rurais, e que ademais está realizado en función da cor política que prima” en cadanseu grupo de desenvolvemento rural.