Monthly Archives: December 2013

O incendio do Xurés evidencia a ausencia de planificación territorial e a inoperatividade da Xunta na loita contra o lume, incluso en inverno

13/12/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta o novo incendio producido no Parque Natural do Xurés, e pide “que o Goberno Central e a Xunta de Galicia aborden dunha vez un Plan de Recuperación Integral deste Parque, que está declarado como Lugar de Interese Comunitario” (LIC).

A deputada xa rexistrou en xuño do pasado ano no Congreso unha Proposición non de Lei neste senso, coincidindo con outro incendio que entón xa arrasara os montes do Parque Natural así como espazos do mesmo de gran interese paisaxístico e alto valor medioambiental.

Na devandita Proposición non de Lei, Seara solicitou “que o Goberno, de acordo coa Xunta de Galicia, dispoña dos medios técnicos, humanos e económicos necesarios para aborda-la recuperación integral do Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés”. Así mesmo, a Seara tamén presentou dende entón unha enmenda aos sucesivos Orzamentos Xerais do Estado para dotar económicamente con 350 000€ esta actuación; enmenda que foi rexeitada sistemáticamente polo PP.

Ante este novo incendio, a deputada ourensá apunta que “este Parque Natural, situado na provincia de Ourense, leva décadas sufrindo o lume e os efectos que este provoca, cada ano no inverno e no verán, deixando a estampa dun desastre ecolóxico cuxas consecuencias son graves tanto para o propio Parque Natural como para os homes e mulleres que o habitan”.

Por iso, incide en que “é absolutamente necesaria a urxente implicación do Goberno Central e da Xunta de Galicia nunha actuación de recuperación integral deste espazo natural, na que tamén deben colabora-los concellos implicados”

Así mesmo, a deputada critica o feito de que o goberno non lle respostase a diversas parlamentarias que ela realizou respecto ao convenio asinado entre Feijóo e Cañete no mes de maio do 2012, baixo a Lei 45/2007 para o Desenvolvemento Sostíbel do Medio Rural, que estableceu un calendario de tres anos co obxectivo de investir 170 millóns de euros en zonas depriminadas ou pouco desenvolvidas. “Unha das accións contempladas no devandito convenio é a de investimentos nos municipios da zona integrados na Reserva Mundial da Biosfera Xurés-Gerês (Lobios, Entrimo, Muiños, Lobeira, Calvos de Randín e Bande), por un total de 1 500 000 euros”, hembra Seara para engadir que o Goberno debe respostar sobre qué actuacións se desenvolveron con cargo a esta partida.

Apunta a compañeira que “o do Xurés non é castigo dos deuses; arde cada ano porque se cometen os mesmos erros cada ano: non se fan tarefas de prevención e non se apoian nin se desenvolven as accións previstas para o Parque e para as poboacións que están dentro do Parque”. “O Goberno non pode mirar para outro lado ante un Parque Natural que é reserva da biosfera transfronteriza xunto ao Parque Nacional Peneda Gerês” portugués, reclama.

Pola súa banda, o voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Pablo García, ven de afirmar que as máis de 300 hectáreas queimadas no Xurés” (un dos espacios considerados como unha das xoias medio ambientais de Galicia), “corrobora a imposibilidade de atallar de forma efectiva a lacra dos incendios forestais e a actividade incendiaria, sen unha verdadeira política de prevención e de xestión do noso territorio”.

O parlamentario socialista esperaba que, “cando menos, naquelas áreas que, de forma teórica, contan con unha protección especial como é o Parque do Xurés”, se contaría con medios. Porén, vemos cómo as condicións de protección do Parque Natural son vulneradas reiteradamente na práctica sen que se tome ningún tipo de medida especial que o evite.

A situación de frío intenso e ausencia de humidade, a actividade incendiaria sempre perseguíbel, o forte vento… “non deberían ser argumentos suficientes para que, no mes de decembro, cun índice de incendios moi pequeno, poidan queimarse 300 hectáreas dun parque natural” denuncia o parlamentario socialista.

A razón de tal feito atopouna García na “concepción de Parque Natural que ten esta Xunta, que é a de que, por ser Parque Natural, non temos que facer ningún tipo de xestión, non temos nin sequera que voltar por aló ata que dentro de catro ou cinco anos lle toque volver a arder”.

Reitera García que a responsabilidade do Goberno non é a de que se inicie un incendio, “pero si debe asumir responsabilidades  de non ser capaz de atallalo nun tempo razoábel”. Pablo García vai máis aló do número de efectivos que se poidan desprazar (“que parece que neste caso foron escasos nos primeiros momentos”, tal como corroboran os alcaldes da zona), e fai fincapé en que os efectivos non son operativos sen unha mínima xestión do terreo”.

Censura o compañeiro as palabras dos responsables da Xunta de Galicia desprazados á zona, xa que a única explicación que deron aos veciños que, unha vez máis, tiveron que defender as súas aldeas coas súas mans e cos seus  medios, era que “vixíen e denuncien”.

O deputado anunciou que PSdeG solicitará a comparecencia da Conselleira de Medio Rural no Parlamento para que dea unha explicación dos feitos acontecidos, así como do traballo que se desenvolve no operativo de Prevención e de Extinción de Incendios nos meses de inverno.

Denunciamos o estado de abandono e a perigosidade de varias estradas provinciais, nomeadamente a OU-0307, en en Berán

11/12/2013
By

82464f3699b9d7dfbf660d56bd3b1cc5

Mentres ao Presidente da Deputación se lle enche a boca anunciando a bombo e prato que este ano a Entidade menor de Berán contará cunha partida de 20 000 € de fondos da institución provincial, a estrada que pasa o seu carón vaise abaixo.

A estrada OU-0307, propiedade da Deputación, presenta grandes buratos no entorno do Balneario de Berán, con grave risco para a circulación. A vía se atopa neste estado dende hai máis de dous meses, sen que o Presidente da Deputación faga nada ao respecto.

Ignacio Gómez, voceiro do noso Grupo na Deputación, cre que non é de recibo facer anuncios grandilocuentes sobre inversións en Leiro e Berán, cando nin tan sequera se mira pola súa estrada principal.

O Grupo Socialista na Deputación destaca o risco que supón que esta vía se atope neste estado deplorábel, e chama ao arranxo do desperfecto antes de que suceda unha desgraza, porque o desprendemento na estrada é moi perigoso por atoparse nunha curva.

Ademais, result curioso, que a “solución”, durante dous meses, a este desprendemento da estrada sexa unha sinal e máis un choto de carballo con cinta da Deputación. Preguntámonos se dito sistema de sinais está homologado por Tráfico.

Baltar ten que atender ás deficiencias das estradas propiedade da Deputación, poñerse a traballar en mante-lo patrimonio provincial, facerse menos fotos e dar menos roldas de prensa. Semella que ao Presidente da institución só se lle ve para comparecer ante os Medios para dar conta de estudios dos que xa todos sabemos os datos, pero foxe á hora de resolve-los problemas.

Convidámolo a que dea unha volta polas estradas da provincia, e vexa en que estado se atopan. Dende o noso Grupo na Deputación, estamos a facer un seguimento das deficiencias das vías provinciais, e observamos que o estado das mesmas é lamentábel. E exemplos hai moitos. Hai poucos días Ignacio Gómez denunciaba o escandaloso estado no que se atopa a estrada de Vilamartín de Valdeorras que conduce a San Vicente, e tamén nos temos feito eco, por medio da deputada Victoria Morenza, da perigosidade da estrada de Piñor onde se teñen producido múltiples accidentes.

Ourense é sede dunha xuntanza dos socialistas galegos con entidades adicadas ao apoio aos/ás discapacitados/as

02/12/2013
By

A deputada pola nosa provincia e voceira de Discapacidade no Congreso, Laura Seara, e a Secretaria de Dependencia da Executiva Nacional, Irene Dacal, reuníronse esta mañá en Ourense cunha trintena de representantes de asociacións e agrupacións do sector, na véspera do Día Internacional da Discapacidade.
As compañeirascriticaron “a baixada dun 37% nos Orzamentos do Estado en política social” e “os cero euros para o Plan de Discapacidade”, cifras “moi graves”, nun problema que afecta a máis do 9% da poboación galega, 222.597 persoas, con “cáseque 14 500 persoas con discapacidade demandantes de emprego” na comunidade, segundo datos do inicio de ano. Ante estes datos, piden que o Goberno central “intensifique o esforzo para a integración laboral”, despois de ter realizado “un dobre recorte” neste eido, cun 56% menos de axudas e coa cobertura de só o 50% do salario mínimo destes traballadores fronte ao 75% sufragado ata agora.

Seara reclamou “a igualdade como un principio esencial” e estableceu como “unha prioridade asegurar a tódolos cidadáns, unhas condicións de vida dignas, para sermos unha sociedade decente”.

Nunha mesa na que a acompañaban Aitor Bouza, Secretario Xeral de XSG, e as Secretaria-Coordenadora da Área de Benestar e Secretaria de Sanidade da Executiva Provincial, María Devesa e Cándida Pérez, respectivamente, Seara sostivo tamén que os “recortes do PP en políticas sociais, coa crise como excusa, levan a que a dereita quera impoñer un modelo de sociedade que normaliza a desigualdade e elimina as oportunidades de integración”, ademais de “impedirnos” aproveita-lo “potencial” dos/as discapacitados/as para o desenvolvemento social e económico do noso país, o que “converte a sociedade galega en máis inxusta, desigual e empobrecida”.

A compañeira tamén lembrou que o socialistas sempre estivemos á vangarda europea na loita contra as discriminacións, e presentou ante os colectivos presentes varias Proposicións Non de Lei que levaremos ao Congreso dos Deputados para muda-la actual situación, informando tamén da nosa intención de retoma-lo proxecto de Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación, impulsado no 2011, e do noso compromiso co desenvolvemento da Lei de adaptación normativa á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, e co da lei que recoñece e regula as línguas de signos.

Asemade, Seara tamén informou de que os socialistas pedimos “a posta en marcha dun verdadeiro plan integral de atención ás persoas con discapacidade e as súas familias, cun enfoque transversal”, reivindicamos o “dereito a unha educación inclusiva e especializada” e poñemos o acento na necesidade de “garanti-la empregabilidade das persoas con discapacidade”. Neste senso, reclamanmos a posta en marcha dunha lei de emprego para este colectivo, porque “é cauce fundamental para acada-la súa plena integración”.

A deputada lembrou os múltiples avances acadados polo PSOE neste eido, sostendo que “agora están en perigo”, denunciando “un dobre recorte á inserción laboral dos discapacitados” nos Orzamentos do ano pasado, xa que “por un lado, retállase o 56% das axudas destinadas a encontrarlles un traballo, e por outro, o Goberno só pagará o 50% dos seus salarios”, cando ata agora cubría o 75%. A compañeira contrapuxo a realidade actual ás políticas do goberno socialista, co que o emprego das persoas con discapacidade aumentou un 10%, e houbo máis de 200 000 contratacións en España, contando o 5% das prazas reservadas no ámbito da Administración pública, grazas á Estratexia Global 2008-2012.

Censuramos que Núñez Feijóo tentase tapar o ineficaz e neglixente traslado das cirurxías pediátricas do CHUO a Vigo poñendo en dúbida a profesionalidade dun facultativo

01/12/2013
By

A voceira de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego, e deputada ourensá, Carmen Acuña vén de cualificar de “desfortunadas e preocupantes” as declaracións feitas onte polo presidente da Xunta sobre o caso recentemente publicado dun menor atendido en urxencias en Ourense e trasladado con posterioridade ao Hospital de Vigo.

Feijóo anunciou que se investigarían as responsabilidades do urólogo que atendeu en primeira instancia ao neno (a quen se diagnosticou unha torsión testicular), e a deputada considera desafortunada tal posta en dúbida da actuación dos facultativos, e acusa ao xefe do Executivo galego de ameazar a un profesional cunha investigación para tapa-la “supresión descontrolada” do servizo de cirurxía pediátrica na nosa provincia.

A realidade do sucedido, insiste Acuña, é que houbo unha mala xestión da Xunta, que foi incapaz de dar solucións á falta de facultativos especializados e, actuando de xeito “neglixente e ineficaz”, deixou esmorecer este problema e crear outro, “levando as gardas pediátricas para Vigo”.

Acuña considera preocupantes as declaracións de Feijóo porque “optou pola cerimonia da confusión e a ameaza ante a primeira mostra dos problemas que os socialistas e os colectivos de profesionais da sanidade lle tiñan adiantado que ían suceder”.

A deputada lembrou que, tal e como manifestaron os profesionais da sanidade pública, “mentres funcionou o servizo Cirurxía Pediátrica do CHUO, mantiña uns ratios de eficacia e eficiencia contrastados” e moito mellores que outros de Galicia, en tempos de espera, resolución de problemas, altas pos-cirúrxicas, etc.

Por todo elo, os socialistas esiximos a Feijóo que explique aos cidadáns as razóns polas que agora hai que trasladar aos nosos nenos necesitados de atención urxente a un Hospital que ten listas de espera, e exhortámolo a reflexionar sobre a decisión tomada, para que, antes de que se produzan meirandes complicacións, volten a dotar á plantilla do CHUO do suficiente número de facultativos para dar cobertura á cirurxía e ás urxencias pediátricas dende Ourense.