Monthly Archives: November 2013

Denunciamos que a xerente do CHUO quitou camas da área médica para crear unha zona onde as urxencias poden esperar varios días o seu ingreso

29/11/2013
By

A voceira de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego de deputada pola nosa provincia, Carmen Acuña, vén de denunciar que o CHUO procedeu a adicar 21 das camas das que dispón a área médica para uso do servizo de Urxencias.

Detrás desta decisión, indica a compañeira, agóchase o afán da xerencia do Complexo Hospitalario da cidade por cadra-los números e rebaixa-la porcentaxe de ingresos hospitalarios, xa que este “hospitaliño” dentro da área médica, permite manter varios días en observación aos doentes de urxencias.

A deputada fíxose eco do malestar dos facultativos de Medicina Interna, xa que, precisamente no inverno precísanse máis camas para o ingreso de doentes crónicos, nomeadamente os que padecen complicacións respiratorias e se desestabilizan polos rigores desta época do ano.

Tampouco están adaptadas estas habitacións para o tratamento e vixilancia dos enfermos agudos ou subagudos, nin se reforzou o persoal para a atención a estes doentes, que comparten o Servizo de Enfermería cos de planta, mentres que os médicos de urxencia soben a planta ocasionalmente para o seu seguimento.

A parlamentaria do PSdeG reprochou tamén ao Goberno galego razóns de nepotismo para a creación desta Unidade de Atención Precoz, que foi tomada a pesar da oposición dos profesionais e da comisión de centro, e que nace dirixida pola parella da propia xerente do CHUO. “Cadra os números, e contenta o seu marido ,todo perfecto”, ironizou Acuña.

A resposta do Director Xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, negando estes extremos foi á súa vez rebatida pola nosa deputada lendo unha carta do responsábel de Medicina Interna do CHUO aos médicos de familia da provincia. Dita misiva amosaba a súa preocupación polas baixas de facultativos non cubertas, advertía de que afectarían aos doentes clasificados como de prioridade “1” (pasando a súa espera de 4 a 40 días), e contiña o rexeitamento dos facultativos de Medicina Interna á creación da Unidade de Atención Precoz, que podería provocar escaseza de camas en épocas de maiores ingresos.

Acuña insistiu en coñecer do responsábel de Sanidade cómo van solucionar esta falta de camas. Esixiu a Rubial que “deixen de mirar cara outro lado” coas decisións da área sanitaria e da xerencia do CHUO. Consecuencia das mesmas foi a desaparición da Cirurxía Pediátrica, trasladada a Vigo. Lamentablemente –insistiu- “xa apareceu un caso dos que falábamos” que poderían elevar o risco para o paciente, dixo Acuña en referencia ao caso da complicación dunha torsión testicular nun neno difundida na prensa recentemente.

Aproveitou tamén a deputada a súa pregunta parlamentaria para denuncia-la “vergoñenta venda” que Feijóo fixo do Plan Estratéxico para o Hospital de Ourense. Os Orzamentos do 2014 levan para tal fin cinco millóns de euros, en recursos condicionados, polo que os socialistas tememos que, como ocorreu o ano anterior, o Plan quede sen financiamento, ao depender de terceiros que, finalmente, non invisten.

Mentras isto sucede, a calidade das infraestruturas do CHUO é “terceiromundista”, con habitacións para tres pacientes e baños para cada dúas habitacións.

Seara advirte a Montoro de que coa Deputación ten “un novo caso Fabra”

27/11/2013
By

A nosa no Congreso, Laura Seara, realizou esta mañá no Pleno da Cámara baixa unha pregunta oral ao Ministro de Facenda, coa que pediu a Montoro que “mire a Ourense e á súa Deputación provincial” porque, segundo lle advertiue, “teñen alí un novo caso Fabra”.

A compañeira explicoulle ao ministro: “os protagonistas son José Luís Baltar e Rogelio Martínez: ao ‘barón’ Baltar coñéceo vostede ben porque eu vinlle pasear con él”, e lembroulle tamén a Montoro que “o vindeiro mes de xuño, Baltar será xulgado por prevaricación, por outra cuestión distinta”. Sobre Rogelio Martínez, Seara lembrou que “foi vicepresidente da Deputación Provincial con Baltar, agora é o Delegado da Xunta de Galicia en Ourense, o ‘home forte’ de Feijóo, e en breve tamén será xulgado por unha posible fraude anterior, que tamén denuncia a Oficina de Loita contra a Fraude da U.E. (OLAF), pola mala utilización de fondos europeos na zona na que Martínez foi alcalde” (O Ribeiro), “todo un veterano” -engadiu Seara xunto co feito de que os delitos imputados ao ‘superdelegado’ da Xunta, que non dimitiu dese cargo, son “prevaricación, malversación, fraude e falsidade”.

Por iso, a deputada afirmou que “os socialistas xa pedimos responsabilidades”, pero recriminou a Montoro que “vostedes lles seguen apoiando e encubrindo, e sabemos por qué, porque encubríndoos a eles encóbrense vostedes; porque Bárcenas é o PP de Génova, Frabra o PP de Castellón, e Baltar e Martínez o PP de Ourense e o PP de Galicia”

Seara conminou ao ministro a aforrar aos cidadáns semellante “bochorno”, apelando a que tal fixese “pola súa honestidade, pola marca España no exterior ou por Rajoy; evítelle a Rajoy o ridículo de ter que explicar de novo por qué o agarimo é distancia cando os seus amigos son pillados cos carriños dos xelados; e aquí hai moitos carriños, e moitos xelados”.

Montoro recoñeceu ante a deputada socialista que o informe final da OLAF conclúe “que os procedementos de contratación da planta depuradora resultaron irregulares por diferentes razóns”, e que “respecto dos contratos de asistencia técnica, a Deputación incorreu en procedementos irregulares de contratación”, o que o levou a respostar á iniciativa de Seara anunciando que o Goberno central “iniciou os expedientes de reintegro dos fondos” e, “ao considera-lo informe da OLAF que os feitos poderían ser constitutivos de ilícitos penais”, remitindo o devandito informe “ao Fiscal Xeral do Estado, para a súa consideración”.

O PP rexeitou tódalas enmendas socialistas para a nosa provincia

13/11/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta que “un ano máis, o PP rexeite tódalas enmendas para Ourense do Grupo Socialista, deixando así fóra dos Orzamentos do Estado proxectos que son prioritarios para a provincia”.

Seara sinala que “as enmendas dos socialistas para Ourense pretendían palia-la marxinación á que o PP somete sistematicamente á provincia, e conseguir un maior equilibrio territorial da mesma, dotándoa de servizos e infraestruturas que son esenciais”. As corenta e dúas aportacións do noso Partido para a provincia, presentadas por Laura Seara, pedían un aumento do orzamento estatal para a provincia de máis de 45 millóns de euros, para proxectos que consideramos prioritarios.

Así, coas súas enmendas Seara pediu, por exemplo millón e medio de euros para a estación intermodal da cidade, seis millóns para a conexión de Alta Velocidade Ourense-Vigo, dous para a conexión de AVE Ourense-Lugo, un para o tramo Ourense-Monforte da autovía A-76, cincocentos mil euros para o tramo Ourense-Enlace de Cambeo na A-56, outros tantos para a circunvalación Norte de Ourense, e un millón de euros para a mellora da seguridade vial da N-525, o que, segundo apunta a compañeita, “é un verdadeiro clamor na provincia”.

Ademais, a deputada solicitou incrementa-las contas estatais para a provincia en medio millón de euros para o cambio de titularidade da N-120 no tramo do Boulevard Termal, trescentos mil euros para reactiva-lo Plan Estratéxico Termal de Ourense, máis de dous millóns setecentos mil euros para a recuperación dos ríos Miño, Támega e Limia, e un millón trescentos mil euros para a modernización dos regadíos da comarca da Limia.

Verbo da modernización de regadíos da Limia, Seara denunciou que o Goberno do PP eliminou os vintesete millóns de euros que presupostara no seu día o Goberno do PSOE.

No que se refire a proxectos culturais, a deputada reclamou maior consignación para, entre outros proxectos, a rehabilitación dos castelos de Monterrei e Ribadavia, e a restauración da catedral de Ourense e de diversos mosteiros da provincia.

A compañeira defende que “a aprobación destas enmendas é necesaria para impulsa-lo desenvolvemento económico e social da provincia e, xa que logo, deben sen ser asumibles polo PP e o Goberno”. Porén, constatou que “nin as enmendas de infraestruturas, nin as de vivenda, nin as agricultura e Medio Ambiente, nin as de cultura, para Ourense, nin tampouco para Galicia, atoparon o apoio do PP”.

Especialmente grave, considera Seara o rexeitamento do PP á nosa proposta de investir vinte millóns de euros nun Plan de prevención de incendios e rexeneración forestal para Galicia, do que se beneficiaría en gran parte a provincia de Ourense, xa que “para Galicia, e especialmente para Ourense, é necesaria unha política integral de prevención de incendios, cunha partida económica específica do Estado”.

Seara lembra que xa “hai tempo que os ourensáns só vemos as costas do PP, cunhas contas do Estado para Ourense que se inflan artificiosamente con investimentos para o AVE que non executan”.

Seara pide no Congreso actuacións de protección do xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova

12/11/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, rexistrou nesa Cámara unha Proposición non de Lei coa que insta ao Goberno central a que “en coordenación coa Xunta de Galicia e o Concello de Parada de Sil, leve a cabo as actuacións necesarias de protección do xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova, en Parada de Sil, coas características apropiadas á contorna paisaxística e natural na que se atopa”.

A iniciativa socialista contempla que, entre outras accións, se acometa a adecuación do camiño dende San Lourenzo de Barxacova, unha pasarela perimetral de madeira e unha cubrición de vidro sobre as tumbas. Ademais, pide que estas actuacións de protección se complementen con medidas de promoción e posta en valor desta necrópole.

O xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova consiste nunha necrópole ao aire libre escavada na roca, que, aínda que datada entre os séculos IX e XI, pode remontarse a épocas anteriores dada a presenza de materiais máis antigos, como unha tégula romana. A compañeira lembra que “tódolos datos que se foron aportando ao longo dos traballos de escavación, revelan a importancia do xacemento e, polo tanto, a necesidade de protexelo e poñelo en valor”.

Na súa iniciativa, Seara sinala que, nestes intres, e dado o interese de expertos e visitantes, o Concello de Parada de Sil xa comezou a organizar visitas guiadas para divulgar este tesouro patrimonial, potenciando, ao mesmo tempo, os singulares valores paisaxísticos da contorna, especialmente os que xera o Canón do río Mao.

Así mesmo, a compañeira lembra que o Concello de Parada de Sil, co apoio da Deputación Provincial, xa levou a cabo unha intervención de urxencia, executada pola Escola de Restauración de Pontevedra e a Universidade de Cádiz. Porén, considera que “a protección deste xacemento require dunha intervención especial, que evite a deterioración que se detectou, debida aos condicionantes meteorolóxicos, que van erosionando as tumbas” que ata hai pouco “permaneceran baixo terra”.

Reiteramos no Parlamento a nosa censura á supresión das gardas de cirurxía pediátrica no CHUO, decidida pola Xunta

02/11/2013
By

A voceira socialista de Sanidade no Parlamento galego, a deputada ourensá Carmen Acuña, ven de censurar que o Goberno galego suprima o servizo de garda de Cirurxía Pediátrica no Complexo Hospitalario da cidade, por non repoñer dúas vacantes (unha pola solicitude dun traslado e outra por unha xubilación forzosa).

A resposta a pregunta parlamentaria, a Conselleira confirmou a supresión deste servizo, que pasa a “compartirse” co Hospital de Vigo, que ten saturado o seu.

Esta situación provoca que nenos e nenas da provincia teñan que seren desprazados a Vigo para ser operados. Unha unha apendicite, por exemplo, provocarán un periplo da familia do centro de saúde de orixe (incluídos de lugares tan afastados de Vigo como O Barco ou A Mezquita) ata a capital provincial, e logo ata Vigo, para un recoñecemento axeitado ou para unha operación, que, no caso dun traumatismo, pode necesitar que sexa inmediata.

“¿Que pasará o día que á familia dun neno con torsión testicular, logo dese percorrido, haxa que comunicarlle que o testículo é inviábel porque chegaron tarde?” cuestionou Acuña á Conselleira.

A deputada salientou que esta medida é rexeitada de forma unánime pola cidadanía ourensá, criticada polos profesionais, e mesmo pola Asociación Española de Cirurxía Pediátrica, condenada polos grupos políticos, e incluso ten servido para “evidenciar de novo o PP bipartito de Ourense, pola discrepancia de Baltar coa decisión da prima de Feijóo”, responsábel do Sergas na provincia.

Ademáis, a decisión priva do servizo de Cirurxía Pediátrica a Ourense e, polo tanto, impide impartir esta especialidade no Hospital, que é Universitario.

Tamén se cuestionou compañeira en que medida abundará na sobrecarga de Vigo a decisión de engadirlle toda a nosa provincia á súa área de Cirurxía Pediátrica, que xa é “líder en listas de espera”.

A apelación á escaseza de operacións por parte da Conselleira, foi rexeitada pola deputada socialista. Acuña lembroulle que, mentres a ratio no Complexo Hospitalario d’A Coruña é de un cirurxián por cada 4100 nenos, cun total de 16, en Ourense quedan 2, cunha ratio dun profesional para cada 15 700, e sen servizo nas urxencias pediátricas.

Acuña esixiu á Conselleira que volten deixar as urxencias pediátricas de Ourense “como estaban”, e que os nenos de 0 a 14 anos se operen na capital provincial, como ata o de agora.