Monthly Archives: October 2013

Seara denuncia que o Goberno tivo paralizado o financiamento estatal ao ‘un por cento cultural’

24/10/2013
By

Nunha resposta parlamentaria á nosa deputada no Congreso, Laura Seara, o Goberno central recoñece literalmente que “entre as actuacións aprobadas pola Comisión Mixta Fomento-Cultura para o seu financiamento con cargo ao ‘1% cultural’, non constan actuacións que conten con anualidade para 2013, e para exercicios posteriores, na provincia de Ourense”.

O Goberno fala na súa resposta do acordo entre os Ministerios de Fomento e de Educación para subscribir un acordo de colaboración entrambos, para a actuación conxunta no Patrimonio Histórico a través do 1,5%, e di que “as solicitudes de financiamento con cargo aos fondos do 1,5% cultural que se reciban no período de transición, permanecerán en suspenso ata a sinatura do citado acordo e a publicación dos novos requisitos para a selección das futuras actuacións a financiar, sempre dacordo ás dispoñibilidades orzamentarias”.

Seara denuncia, xa que logo, que “o Goberno do PP tivo paralizado o financiamento do Estado ao 1% cultural para 2013 e para sucesivos exercicios”, e pregúntase “qué pasará agora“ que se asinou ese acordo entre Fomento e Educación hai uns días, “coas solicitudes de financiamento para proxectos da provincia de Ourense que estiveron paralizadas, e que o Goberno cualifica como de transitorias”.

Fronte á ausencia de financiamento con cargo ao 1% cultural por parte do Goberno do PP, a compañeira destaca que, segundo se recolle noutra resposta parlamentaria, o Estado destinou, nos dous últimos anos de Goberno socialista, máis de 700.000€ á provincia de Ourense con cargo ao 1% cultural, e que investiu máis dun millón de euros en bens de interese cultural na provincia. Respecto a Galicia, o investimento da última etapa de Goberno socialista en bens de interese cultural ascendeu a 3,1 millóns de euros, e a máis de 8,5 millóns de euros con cargo ao 1% cultural.

“A diferenza entre o investido co Goberno socialista, só nos seus dous últimos anos, por este concepto, e a paralización absoluta do Goberno do PP do financiamento ao 1% cultural durante todo un ano, é notoria; as cifras non enganan” destaca a deputada.

Por iso, recomenda á ministra Pastor e ao ministro Wert “que non presuman tanto de asinar hai uns días o esperado convenio para o 1,5% cultural; primeiro porque, efectivamente, houbo que esperar moito para ese convenio, e segundo, porque a realidade é que o financiamento estivo paralizado durante todo o 2013”.

Respecto das solicitudes de financiamento que estiveron paralizadas durante o que o Goberno do PP chama “período de transición”, Seara anuncia que presentará no Congreso unha batería de iniciativas parlamentarias para que se inclúan automaticamente entre as do novo 1,5% cultural. Así mesmo, advirte de que “veremos cantas solicitudes son aprobadas, cos novos requisitos que establece o acordo recentemente asinado, para aceptar o financiamento dunha actuación con cargo ao 1,5% cultural”.

Propoñemos a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión de axudas europeas

19/10/2013
By

Velaquí o contido da moción do Grupo Provincial Socialista propoñendo a creación dunha comisión de investigación na Deputación, sobre a xestión feita no ente provincial das axudas de varios programas da U.E.:

A Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas comunicoulle a Deputación Provincial o inicio dun procedemento de reintegro das subvencións do FEDER recibidas a través dos proxectos “Daredo” e “Deputrans”, do programa de iniciativa comunitaria “INTERREG-III-A”. Nesa mesma documentación aparecía un documento (Anexo 2) no que se mandaban descertificar ao redor de 2.600.000€ nos proxectos “PEDECE”, “PROFOREST”, “ILUMINA LIMA”, “VIA NOVA” E “SONS E ACORDES”, ademais de 150.000€ referentes ó programa “DAREDO”.

A incoación do dito procedemento baséase nun informe de investigación realizado pola   Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas no ano 2006, do que nunca foi informada a oposición.

En todos estes anos, o Grupo Socialista ven denunciando publicamente a mala xestión, por parte da Deputación e do INORDE, dos programas europeos que leva a cabo; non cumprindo os seus obxectivos finais, dando tumbos e titubeos, e poñendo en marcha iniciativas cun resultado nulo e que non serven para nada.

Servan como exemplo os proxectos “Sons e Acordes” ou o “Vía Nova”, nos que non hai absolutamente ningún resultado. Moitas veces, como está a ocorrer agora co Proxecto “Estaciones Vivas”, estes programas son un mero resumo da imputación de nóminas e Seguridade Social de traballadores e da creación de campañas de publicidade ou programas ambiguos que pasan totalmente desapercibidos.

Esto se traduce nunha nefasta xestión de fondos públicos, que son de todos. E nós consideramos que esta mala xestión é responsabilidade non só dalgúns técnicos, senón dos políticos que lles dan cobertura.

Compre lembrar que no seu día xa solicitamos a creación dunha comisión de investigación sobre os programas “DAREDO” e “DEPUTRANS” que foi rexeitada polo Grupo Popular porque, segundo eles, non había ren que investigar; e o tempo danos a razón en que si que había, moito, que investigar. Pero agora que este tema está en mans da OLAF e da Xustiza, o Grupo Popular crea unha comisión a modo de pantomima para pechala en falso.

Está nas mans do PP crear unha comisión de investigación sobre algo que si que hai que investigar, que é a xestión dos Programas “PEDECE”, “PROFOREST”, “ILUMINA LIMA”, “VIA NOVA” E “SONS E ACORDES”, que figuran no informe de investigación realizado pola   Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, e dos programas “ESTACIONES” e “ESTACIONES VIVAS”, sobre os que vimos denunciando dende hai moito tempo que incumpren os seus obxectivos, e nos que vemos cómo estacións que ían ser albergues e museos, se lle acaban alugando ás empresas concesionarias da obra do AVE.

É evidente que, ante as conclusións alcadadas polos investigadores da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, resulta procedente a apertura dunha investigación interna que permita o total esclarecemento dos feitos relativos á xestión dos ditos proxectos.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Provincial Socialista somete a consideración do Pleno a seguinte PROPOSTA DE ACORDO:

Crear unha comisión de investigación de carácter especial, cuxo obxecto será o estudo da xestión dos proxectos “PEDECE”, “PROFOREST”, “ILUMINA LIMA”, “VIA NOVA”, “SONS E ACORDES”, “ESTACIONES” e “ESTACIONES VIVAS”, levada a cabo pola Deputación Provincial.

Dita comisión informativa especial axustarase ás seguintes regras:

a) estará integrada polo Presidente, e membros dos tres Grupos políticos que forman o Pleno da Corporación, de xeito proporcional á súa representación
b) a designación dos representantes da comisión corresponderalle a cada Grupo político, mediante escrito dirixido á Presidencia polo portavoz de cada grupo, no que se poderán incluír os suplentes que se consideren necesarios
c) a primeira sesión da comisión será convocada á semana seguinte da toma deste acordo.
d) a comisión levará a cabo o seu traballo conforme co calendario de sesións que ela mesma estableza
e) a comisión poderá solicita-los informes e asesoramentos que considere oportunos, así como acorda-la práctica das probas que se estimen pertinentes para o esclarecemento dos feitos
f) os empregados públicos ao servizo da Deputación Provincial estarán obrigados a comparecer ante esta comisión, co obxecto de prestar declaración se así se lles require.

“A ruptura da paz ingüística” en Galicia, a debate

17/10/2013
By

A Secretaría Provincial de Cidadanía e Interculturalidade da Executiva Provincial do PSdeG, e XX.SS. de Ourense, organizan un Café-Debate aberto para analizaren a ruptura da paz ingüística producida en Galicia coa chegada de Núñez Feijóo á Xunta.

A cita será hoxe, xoves 17, ás 19:45h., no Café Isaac (R/Samuel Eiján 1 da cidade)

Noticia orixinal: http://xuventudesourense.blogspot.com.es/2013/10/a-ruptura-da-paz-linguistica-cafe.html

Evento en Facebook: https://www.facebook.com/events/223204514510021/?hc_location=stream

Cartel: https://scontent-a-ams.xx.fbcdn.net/hphotos-ash3/1016784_10200497017088562_963609312_n.jpg

Censuramos o apoio de Baltar Blanco á reforma local de Rajoy, no que desoiu aos seus propios alcaldes

15/10/2013
By

O voceiro do PSdeG na Deputación, Ignacio Gómez, vén de censura-lo apoio manifestado polo presidente desta institución supramunicipal, Baltar Blanco, á reforma local que está a prepara-lo Goberno central, e que xa suscitou o consenso da FeGaMP e da FEMP en contra de tal proxecto lexislativo, por tratarse dun ataque sen precedentes á autonomía local.

O compañeiro recrimina a Baltar este pronunciamento, feito dende unha provincia que, de prospera-la reforma, “perdería a autonomía local de tódolos seus municipios, agás o da cidade”, xa que unha das pretensións do Executivo de Rajoy, a través da lei, é a de “eliminar competencias aos concellos de menos de 20.000 habitantes, sen que isto supoña unha mellor eficiencia económica, ou unha mellora na prestación de servizos ós cidadáns”, segundo explicou.

Os socialistas atribuimos o posicionamento de Baltar Blanco á “ausencia de coñecemento do que supón a xestión dun municipio pequeno” por parte do “herdeiro da cadeira provincial”; e esperamos que os alcaldes populares, “que velada ou expresamente se opoñen a esta reforma” cambien o parecer do presidente da Deputación, xa que o texto “dobrega a institución aos intereses privatizadores dos servizos públicos”, subxacentes ao mesmo, que acaba convertendo ás institucións provinciais en meros intermediarios necesarios para acabar poñendo os servizos municipais en mans de empresas, que finalmente decidirán a prestación ou a frecuencia de determinados servizos privatizados, segundo a súa conveniencia económica.

O compañeiro lembra que hai menos dunha semana, na asemblea da FeGaMP, presidida polo conservador José Manuel Rey Varela, os alcaldes do PP de todo Galicia expresaron o seu rexeitamento á reforma local proposta polo Goberno de Rajoy. Xa que logo, Gómez esixe aos dirixentes do PP que “aclaren a súa posición diante deste desafío do presidente da Deputación de Ourense”, perante a decisión tomada polo conxunto do municipalismo. E require tamén do PP en Galicia que “aclare” cal vai se-la postura dos conservadores galegos no que queda de tramitación do proxecto.

Lembra Gómez que o mundo local é “o que mellor resposta está a dar en canto á prestación de servizos en tempos de crise”, e afirma, en contra dos argumentos dos promotores da reforma, que os concellos non son os responsables da débeda pública, pois só lles corresponde o 4% da mesma. E dentro desa pequena porcentaxe, o 40% se reparte entre dez grandes cidades.

O noso voceiro na Deputación esixe a rectificación de Baltar Blanco sobre este asunto, advertindo que o Grupo Provincial Socialista estará “en fronte daqueles a quen atraia máis a idea de xestionar privatizacións que a de asenta-los concellos rurais como pedra angular da cohesión territorial, nunha provincia cun máis que preocupante envellecemento poboacional”.

Os deputados socialistas galegos esixen un AVE a Galicia con plenas características de Alta Velocidade na integridade da liña e no prazo comprometido e con vía dobre en todo o trazado

15/10/2013
By

Os seis membros socialistas galegos do Congreso dos Deputados, rexistraron hoxe na cámara baixa unha Proposición Non de Lei coa que instan ao Goberno central a “garanti-la construción e posta en servizo da LAV Madrid-Galicia con plenas características de Alta Velocidade na súa integridade, tal e como foi planificada e contratada, blindando a súa construción e posta en servizo en plataforma de vía dobre en todo o seu trazado, e no prazo comprometido do 2018”

Os deputados consideran que “a Alta Velocidade a Galicia é un proxecto vital para Galicia e para o Noroeste peninsular” e advirten da “intención do Goberno do PP de constuir unha liña devaluada en prestacións, provisional e ineficaz”.

Os compañeiros denuncian tamén “a permanente política de ocultación do Goberno do PP respecto de as características coas que pretenden constui-la liña de Alta Velocidade a Galicia, así como respecto ao grado de execución real do orzamento para o proxecto”. Así, sinalan “as continuas contradicións das súas respostas parlamentarias respecto ao grado de execución dos Orzamentos do Estado dos últimos exercicios económicos” no tocante a este proxecto e indican que os Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano 2014 constatan “que o Goberno non ten intención de executa-lo 30% do orzamento previsto para este ano”.

Como exemplo desta “política de ocultación” aluden ao documento elaborado por ADIF no que se propón a construción da liña cunha plataforma de vía única, e abandona-la variante de Ourense e o acceso directo a Vigo por Cerdedo; documento que, malia que ADIF alegou que era provisional coincidiu co cambio, en plena obra, do método de construción dos túneles de acceso da liña entre Lubián e Ourense.

Os deputados destacan que “o Presidente de ADIF, na súa comparecencia no Congreso o pasado 3 de outubro, evitou garanti-la dobre vía, e deu a entender que a vontade do Goberno de construí-la liña de Alta Velocidade a Galicia con vía única, tal e como recollía o documento de ADIF, é firme”. De feito, o Presidente de ADIF limitouse a afirmar que se reducirán os tempos de viaxe e que as características “afinaranse despois en función das posibilidades orzamentarias”

Para os deputados socialistas galegos, “sería un erro de transcendencia histórica, pois quedando garantida a construción da LAV Madrid-Galicia na pasada lexislatura, Galicia non podería tolerar que se tomasen decisións na actual que a condenasen a contar cunha liña devaluada nas súas prestacións, provisional e ineficaz”. Lembran que o Goberno socialista modificou os trazados para dotar ao tramo Lubian-Ourense de características homologables ao resto de liñas de AV, con velocidades superiores a 300 km/h, que adoptou para a integración ferroviaria en Ourense unha solución acorde aos tempos previstos, e que “ese compromiso coa modernización das comunicacións ferroviarias en Galicia reflectiuse nun volume de investimento executado de 4.100 millóns de euros en 8 anos de goberno do PSOE”

Os compañeiros destacan que, pola contra, o PP e a Xunta de Galicia provocaron meses de atraso da execución da Alta Velocidade a Galicia, con negativos informes medioambientais e “o seu empeño” no soterramento da liña na súa entrada na cidade.

Mobilizámonos para para-lo Decreto de copagamento dos medicamentos de enfermidades crónicas

15/10/2013
By

O PSdeG de Ourense porá en marcha unha mobilización en toda a provincia para intentar para-la aplicación do Decreto do Goberno que impón o copagamento das menciñas en enfermidades crónicas e cancro, entre outras, así como na farmacia hospitalaria.

Nun acto desenvolvido na cidade, coa asistencia de representantes de colectivos sanitarios e sociais, o deputado no Parlamento galego Pachi Vázquez anunciou a presentación dunha moción en tódolos Concellos da provincia, para que as corporacións municipais esixan o rexeitamento desta medida.

O compañeiro tamén anunciou que buscaremos a movilización de tódolos colectivos sanitarios e sociais, co fin de eleva-la intensidade da demanda a Feijóo.

O deputado asegurou que “este Decreto é innecesario, dende o punto de vista económico; inxusto, dende o punto de vista social, e cruel dende o punto de vista humano”.

Pachi Vázquez destacou que resulta incomprensíbel que haxa cartos para a banca, pero non os haxa para o sistema público de saúde. “Mentres ao Banco Gallego se lle inxectaron 35 millóns de euros, e a Novagalicia Banco 11.000 millóns, non hai 5 millóns, que é o máximo que poden costa-las menciñas contempladas neste Decreto”.

O ex-Secretario Xeral Nacional insistiu en que a Sanidade pública non é a cusante da crise, senón una vítima, e que con este novo copagament injustificado, se está a desmontar un ladrillo máis do edificio do sistema sanitario público, que é o obxectivo do PP.

Relacionada: http://socialistasdeourense.org/?p=660

Denunciamos que a falta de cirurxiáns pediátricos provoca que se deriven a Vigo menores para o seu diagnóstico

12/10/2013
By

A deputada no Parlamento galego Carmen Acuña, vén de denuncia-la falta de especialistas en cirurxía pediátrica na área integrada de Ourense, o que está a ocasiona-la derivación en Urxencias dos nenos con doenzas que precisan de diagnóstico desta especialidade, ata o Hospital de Vigo.

A orixe desta deficiencia de facultativos provén da política de recortes da Xunta e da decisión da Consellería de Sanidade de non cubri-las vacantes na especialidade por baixas, xubilación ou outros motivos.

A ausencia dun cirurxián pediátrico en Urxencias provoca, por exemplo, que un neno que precise de diagnóstico por dor abdominal, para descartar unha posíbel apendicite, precise dun traslado ata Vigo.

A parlamentaria socialista abunda no trastorno para as familias deste traslado, tanto maior canto máis alonxado estea de Vigo o domicilio familiar.

Acto informativo sobre Sanidade

08/10/2013
By

O Grupo Sectorial de Sanidade da Agrupación Provincial celebrará este xoves, día 10, un acto aberto á sociedade, para informar da situación actual neste eido.

Na cita intervirán Raúl Fernández (Sº Xeral Provincial), Cándida Pérez (Coordenadora do Grupo), Carmen Acuña e Pachi Vázquez (deputados no Parlamento de Galicia).

O evento terá lugar na sede provincial do Partido, ás 19:00h.

A Consellería de Benestar lávase as mans sobre a construción da residencia da terceira idade de Vilariño de Conso

03/10/2013
By

A deputada no Parlamento galego pola nosa provincia Carmen Acuña vén de preguntar no mesmo sobre os problemas que rodean á construción da residencia da terceira idade no en Vilariño de Conso. A postura da responsábel da Xunta comparecente fai valorar á compañeira que Benestar “lávase as mans” respecto deste asunto.

E é que a Secretaria Xeral de Política Social da Xunta, Coro Piñeiro, non foi quen de clarexar á nosa deputada os motivos polos que dita obra está paralizada, nin de confirmar que este proxecto vaia a recibir axudas tanto da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como da propia Consellería de Traballo e Benestar. Tan só recoñeceu que a área de Verín, á que pertence Vilariño de Conso, ten recoñecido un déficit deste tipo de infraestruturas no Plan de Necesidades da Consellería ata 2020.

Acuña lembrou o investimento do Concello neste proxecto, en marcha dende o 2002, e esixiu explicacións respecto á dúbida sobre a súa ilegalidade. Neste senso, a Secretaria Xeral recoñeceu que Benestar coñece que o pleno do Concello aprobou a súa recualificación para uso público, e que elo habilitaría á devandita construción.

Acuña preguntou ao Goberno galego se se interesara pola posición da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, xa que resultaría importante saber, antes de seguir cun investimento cuantificado polo Concello en medio millón de euros, se as instalacións se atopan en zona inundábel. Sobre este asunto non houbo resposta.

A deputada recriminou á Secretaria Xeral de Política Social a inconcreción do Executivo respecto á viabilidade do proxecto, censurándolle a súa falta precisión sobre as iniciativas previstas pola Xunta para atende-la demanda dunha residencia para a terceira idade en Vilariño de Conso, xa que Piñeiro se limitou a confirma-la necesidade da mesma.