Monthly Archives: September 2013

Laura Seara advirte de que o Goberno central non descarta a desaparición dos Xulgados de Paz

28/09/2013
By

O Secretario de Estado de Xustiza, comparecendo na Comisión homónima do Congreso dos Deputados, evitou respostar de xeito claro ás preguntas orais da deputada pola nosa provincia sobre as previsións do Goberno en relación á desaparición dos Xulgados de Paz en Galicia, así como aos que serán encargados, na nova lexislación ao respecto, de leva-los Rexistros Civís.

De xeito concreto, a deputada inquiriu ao Secretario de Estado a respostar “alto e claro” se estaba “en condicións de asegurar que o Goberno descarta a supresión dos Xulgados de Paz”. A tal requerimiento, o Secretario de Estado respostou que “non pode aseguralo”, polo que Seara denunciou o “engano que leva a cabo o Ministerio de Xustiza respecto dun informe elaborado por expertos, e do que todo apunta que o Goberno levará a cabo moitas das súas recomendacións”, aínda que, en verbas da compañeira, “Gallardón presentou un informe do que utiliza o que lle interesa e do que renega cando non lle interesa”.

Seara reprochou ao Goberno que “coas súas reformas, afastan cada vez máis do acceso á Xustiza a miles de persoas”, e indicoulle que “a desaparición dos Xulgados de Paz é especialmente grave en lugares como Galicia, cunha grande dispersión poboacional e cun grande déficit no sistema de transporte”.

“O seu modelo xudicial” –dixo a compañeira ao Secretario de Estado– “só viría a eliminar sedes e a concentra-la administración de xustiza nas capitais de provincia, afastándoa aínda máis dos cidadáns, e provocando un maior colapso nos xulgados”.

Así mesmo, Seara alertou do perigo de “antepoñe-lo privado ao público no ámbito da Xustiza”, e pediulle resposta sobre se serán ou non os rexistradores da propiedade os que se encarguen de leva-los Rexistros Civís coa nova Lei. Sobre este punto, a deputada avanzou que esa idea conlevaría o incremento do 1.500% nos ingresos dos 800 rexistradores que hai en España.

Ademais, recomendou ao Goberno que “a tensa apertura do Ano Xudicial debe facer reflexionar a Gallardón, pois semella que o Ministerio de Xustiza vai en dirección contraria a tódolos axentes relacionados coa Xustiza e á sociedade”.

Ante a falla de concreción do Secretario de Estado, Seara pediulle “que non faga mutis polo foro”e que dixese “con claridade aos cidadáns se os Xulgados de Paz han desaparecer ou non en Galicia”.

Laura Seara reprocha a Báñez a “profunda ingratitude” do PP ao “castigar aos emigrantes retornados, mentres amnistían a delincuentes fiscais e tapan aos que frecuentaron Suíza por outras razóns”

26/09/2013
By

 

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara pediulle á ministra Báñez, nunha sesión de control “que se comporte, pida perdón e arranxe dunha vez” a desfeita das sancións fiscais aos emigrantes retornados. “Minte vostede reiteradamente nesta Cámara, ao igual que mentiu Rajoy” afirmou a compañeira.

Seara acusou así a Báñez e ao Goberno do PP de “profunda ingratitude” e de te-la “desmemoria de quen quizáis se avergoña da súa historia” , xa que, segundo sostivo a deputada, “se alguén merece xustiza e sensibilidade, son os nosos emigrantes retornados”, xa que axudaron a construí-lo noso Estado do Benestar, se foron coas maletas baleiras, por un exilio económico ou político, e voltaron con elas cheas do froito do seu traballo”.

Malia iso, Seara reprobou que “á súa volta a España, o Goberno envíalles cartas intimidatorias, cando a realidade é que no seu momento non lles informou adecuadamente das súas obrigas fiscais”. “Compórtese, regularice a súa situación, peche os expedientes sancionadores abertos e pida perdón” díxolle Seara á Ministra antes de engadir que o Goberno do PP “amnistiou a miles de delincuentes fiscais, os tesoureiros do PP frecuentaron durante anos Suíza, e vostedes castigan aos emigrantes que retornaron a España mentres tapan e animan a este selecto clube”.

Ao finaliza-la sesión de control, Seara acudiu á reunión que o Sº Xeral Federal, Alfredo Pérez Rubalcaba e a voceira socialista no Congreso, Soraya Rodríguez mantiveron coa Presidenta da Federación de Asociacións de Emigrantes para mostra-lo apoio do PSOE a este colectivo e, en palabras de Seara, “evitar que o Goberno leve a cabo os seus plans recadatorios cos emigrantes”.

 

Vídeo coa intervención de Seara:  https://www.youtube.com/watch?v=8LC2KvYhL10

 

Laura Seara: “o PP apoia ao Goberno na súa intención de ‘facer caixa’ co edificio da Subdelegación de Defensa de Ourense”

19/09/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta que o PP mostrase “o seu apoio á intención do Goberno de facer caixa co patrimonio público de Ourense, de Galicia e de España”, ao rexeitar dito partido, na Comisión de Defensa do Congreso, unha Proposición Non de Lei -asinada por Seara e outros deputados socialistas-, coa que o PSOE pedía a paralización do Plan de Racionalización do patrimonio do Ministerio de Defensa “que abriría a porta á especulación inmobiliaria con patrimonio público”.

No caso de Ourense, Seara vén alertando da posible pretensión do Goberno central de “malvender ao mellor postor” o edificio da Subdelegación de Defensa, de patrimonio público e protexido, aclarando que “os socialistas non nos opoñemos á racionalización do patrimonio de Defensa; opoñémonos á venda de patrimonio público”.

A compañeira destaca que se trata dun Plan que “se debe realizarse de xeito consensuado con Concellos e CC.AA. para que as instalacións desafectadas por parte de Defensa se destinen a fins sociais e públicos acordes coas necesidades da cidadanía”. De feito, lembra que “así se facía ata agora, pero o Goberno de Rajoy cambia con este Plan a política de xestión das propiedades de Defensa que se viña realizando dende hai anos por parte do Goberno central”.

Por iso, a deputada coida que estamos ante un Plan cunha “cara escura”, e que esa é a razón de que Ministro de Defensa non comparecese no Congreso para explicalo, “malia telo solicitado o Grupo Socialista”, e de que o Secretario de Estado de Defensa, en comparecencia no Senado, tampouco aportara o oportuno informe.

Respecto ao edificio da Subdelegación de Ourense, Seara defende que o Goberno realice unha cesión ao Concello, para que sexa destinado a fins públicos para os ourensáns.

Por último, a compañeira advertiu: “o PP rexeitou a Proposición Non de Lei coa que os socialistas pedimos, de xeito fundado, que se paralice este Plan, pero continuaremos defendendo con máis iniciativas que o patrimonio público continúe sendo de todos”.

Seara defende que “os emigrantes galegos retornados non son defraudores fiscais” e pide ao Goberno central “que peche os expedientes sancionadores e non inicie ningún máis”

19/09/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, xunto a outros deputados socialistas de CC.AA. afectadas, reuniuse naquel, esta mañá, coa presidenta da Federación de Asociacións de Emigrantes Retornados.

Durante a reunión, os deputados socialistas presentáronlle á presidenta da Federación a Proposición Non de Lei que o PSOE rexistrou no Congreso con medidas tributarias para as rendas non declaradas de emigrantes retornados.

Seara incidiu en que “os emigrantes galegos retornados non actuaron de mala fe, e non son defraudadores fiscais”, e que “mentres o Goberno si perdoa a grandes defraudadores fiscais, actúa cos emigrantes retornados de xeito absolutamente violento nas formas”.

A compañeira destacou que “este é un asunto de gran importancia en Galicia”, onde a nosa “quinta provincia” é a emigración, e na que, tanto a nivel comarcal como provincial, se está constituíndo unha grande plataforma de afectados”.

Así, explicou que a Proposición Non de Lei pide ao Goberno “colaborar cos emigrantes retornados para que poidan regulariza-la súa situación fiscal, prevalecendo a mesura e consideración sobre un colectivo que non ten intención de defraudar á Facenda Pública”.

Deste xeito, solicita “non iniciar ningún expediente sancionador sobre as pensións dos emigrantes residentes non declaradas no IRPF, pechar de oficio” os xa abertos, “abrir, a través do ICO, unha liña de crédito a medio e longo prazo, sen interese remuneratorio, para que os emigrantes retornados poidan regulariza-la súa situación fiscal”, e “desenvolver unha campaña informativa sobre as obrigas tributarias dos emigrantes retornados e o tratamento fiscal das rendas e pensións que perciben”.

A Proposición Non de Lei do PSOE contempla ademais “promove-los cambios normativos necesarios para dar maiores facilidades de pago, mediante a ampliación do período de adiamento, e que non se devenguen intereses de demora nas liquidacións do IRPF que se practiquen por exercicios anteriores”.

Pola súa importancia en Galicia, Seara anunciou tamén que os deputados socialistas galegos presentaron, ademais, outra Proposición Non de Lei centrada nos pensionistas emigrantes, coa que solicitan para este colectivo períodos de pago máis longos e a exención do pago de sancións e intereses de demora.

Ademais, o vindeiro mércores a compañeira preguntará sobre este asunto á Ministra Báñez na sesión de control do Congreso.

Seara denuncia que Fomento “volta a escurri-lo vulto” no proxecto do boulevard termal de Ourense

19/09/2013
By

Tras recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central, a deputada no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, denuncia que o Ministerio de Fomento ten paralizado un acordo co Concello de Ourense polo que a Administración Central cedería ao Concello a titularidade de diversos tramos urbanos da N-120 para facer posible a execución do proxecto do boulevard termal da cidade.

Seara lembra que “en novembro de 2011 se asinou un protocolo entre ambas administracións, cun acordo para o cambio de titularidade de diversos tramos urbanos da N-120”. Porén, “o Ministerio de Fomento ten paralizada a firma do convenio para desenvolver devandito acordo e que o Boulevard Termal de Ourense poida ser por fin unha realidade”.

Así mesmo, a compañeira sinala que hai un acordo de todos os grupos parlamentarios do Concello para levar a cabo esta actuación e que, con todo, o PP rexeitou no Congreso a enmenda que a propia Seara presentou aos Orzamentos Xerais do Estado para dotar económicamente o proxecto.

Na súa resposta parlamentaria “o Ministerio de Fomento volta a escurri-lo vulto e falsea a realidade, negando a súa responsabilidade na execución das obras do proxecto do boulevard termal”. Explica Seara que “a cidade de Ourense conta cun Plan Estratéxico Termal e de Promoción Internacional do Termalismo, asinado polo anterior Goberno socialista en xullo do 2011, polo que o Estado aportou 1 millón de euros, que se executou durante o 2012 e que contemplaba a actuación do boulevard termal, que agora o Goberno do PP paraliza”. Para levar a cabo as actuacións previstas nese Plan Estratéxico Termal, é necesario realizar antes o cambio de titularidade dos tramos urbanos acordado entre Fomento e Concello.

“Xa se asinou un Propocolo de actuación entre o Ministerio e o Concello, con acordo dos cambios de titularidade necesarios para executa-lo Boulevard Termal, e agora Fomento rectifica e incide na necesidade de asinar un convenio, pero ademais faino apuntando que non lle corresponde executar o proxecto; iso si, sostén Fomento cínicamente a súa intención de colaborar co Concello” reproba Seara.

Para a deputada, “esta resposta, que acaba de enviarnos o Goberno, coincide tristemente co que o pasado mes de xuño se lle escapou á Secretaria de Estado de Turismo nunha comparecencia no Congreso, na que afirmou que o Goberno non executaría o proxecto porque non hai dispoñibilidade orzamentaria”.

Lembra Seara que “os socialistas xa denunciamos entón as verdadeiras intencións do Goberno e rexistramos no Congreso unha Proposición non de Lei instándolle a executa-lo proxecto do boulevard termal, que é o gran proxecto pendente para a cidade termal de Ourense, que foi declarada capital termal de Galicia polo Parlamento de Galicia, e que é unha das zonas con maior potencial balneario de España”. En definitiva, a compañeira reclama que “o Goberno debe cumprir as súas promesas cos ourensáns”.

Condenamos o asasinato dunha veciña de Verín, vítima de violencia machista, e manifestamos o noso apoio á súa familia

14/09/2013
By

O PSdeG-PSOE ven de manifestar a súa máis enérxica condena do asasinato de María Fátima Machado Santos, veciña de Verín que pasa a engrosa-la lista de vítimas mortais da violencia de xénero do noso País.

Os socialistas galegos expresamos a nosa máxima repulsa cara os que cometen violentas agresións como a que acabou coa vida de María Fátima, e trasladamos tamén a nosa condolencia aos familiares e achegados desta vítima dunha lacra social que non se pode perder de vista nin un só momento, e cuxa prevención, e tamén vixilancia e persecución dos agresores, non debera verse afectada en ningún caso pola conxuntura económica.
Así o expresou a deputada no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, que salientou o proceder valente e correcto desta muller ao denuncia-la agresión da súa exparella o pasado 21 de agosto. Tratábase, pois, dunha vítima que contaba coa orde de afastamento do seu asasino, e, como consecuencia da mesma, cun plan de seguridade.

A compañeira insistiu na necesidade de redobra-los esforzos das Administracións nas labores de prevención da violencia machista, e de reforza-los mecanismos de seguridade das vítimas. Tamén salientou a importancia da coordinación entre os corpos de seguridade e as distintas Administracións implicadas na prevención e persecución deste delito, e recalcou a necesidade do consenso xeral para que non falten recursos para evitar sucesos como o que hoxe lamentamos.

Pachi Vázquez salienta o compromiso socialista coa liberdade, a igualdade e a xustiza social de García Ferrera

01/09/2013
By

O Secretario Xeral Nacional, Pachi Vázquez, considerou onte unha “auténtica honra” participar na homenaxe ao exalcalde de A Mezquita, o socialista Sergio García Ferrera, e trasladarlle en nome do PSdeG “o noso cariño e recoñecemento a toda unha vida dedicada ao servizo aos demais”.

En Cádavos, a parroquia natal de García Ferrera, Vázquez salientou a súa coherencia e compromiso ético e a súa figura “como médico, como alcalde, como impulsor de iniciativas de desenvolvemento para A Mezquita e a comarca de Conso-Frieiras, e, sobre todo, como socialista, como persoa comprometida coa liberdade, coa igualdade e coa xustiza social”.

Vázquez dirixiuse a continuación a Sergio García para cualificalo como un exemplo a seguir. “Un modelo no que mirarnos constantemente para non esquecer nunca o verdadeiro valor das nosas ideas: compromiso, sacrificio e servizo á nosa terra e  aos máis necesitados”.

Don Sergio García, que fora médico e alcalde polo PSdeG, d’A Mezquita, recibiu onte a homenaxe dos seus veciños, amigos e compañeiros, a través da imposición do seu nome á praza do seu pobo, e dun xantar.