Monthly Archives: August 2013

Comunicado sobre a contratación pola Deputación dun concelleiro do PP

21/08/2013
By

En base á información recollida a semana pasada en varios Medios de Comunicación, relativa á contratación dun concelleiro do PP en Pereiro de Aguiar como peón dun Punto Limpo, o PSdeG de Ourense manifesta o que segue.

Entendemos que a noticia contribúe a clarifica-las prácticas existentes na Deputación, na medida en que non o estivesen xa de abondo coas múltiples denuncias que levamos facendo ao longo dos anos, e despois de coñecerse o enxuizamento ao que se ha ser sometido o ex-Presidente da institución, por comportamentos caciquís e nepotistas semellantes.

Co actual Presidente, lonxe da rectificación, este tipo de conductas aumentan. Sen ir máis lonxe, no devandito proceso, a persoa seleccionada non só é concelleiro do PP, senón tamén familiar dun deputado provincial (o alcalde de Pereiro).

Ante estes feitos, o PSdeG de Ourense manifesta o seu firme propósito de seguir insistindo, como ata agora, na denuncia pública e fiscalización de tódolos procesos semellantes. Así, pediremos nestes días toda a documentación relativa a este expediente  concreto.

O PSdeG de Ourense tamén quere manifesta-la súa satisfacción polo feito de que unha persoa que participou nun proceso selectivo na Deputación, se atreva a denuncia-las irregularidades producidas no mesmo, o que vai na liña do que xa manifestamos no seu día, no senso de que denunciar este tipo de comportamentos non só constitúe unha tarefa da oposición, senón tamén daquelas persoas que participen en calquera daqueles, e, en xeral, de tódolos posibles aspirantes a cubrir prazas convocadas pola Deputación Provincial.