Monthly Archives: April 2013

Pedimos a Feijóo que esixa a dimisión de José Manuel Baltar como Presidente da Deputación de Ourense, logo da imputación do seu pai por prevaricación

13/04/2013
By

O Secretario Xeral Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e parlamentario autonómico, Raúl Fernández, manifestou hoxe en rolda de prensa a súa satisfacción e a dos socialistas de Ourense polo auto do xuíz Leonardo Álvarez, que imputa a José Luis Baltar un delito de prevaricación. Do mesmo se infire, segundo Fernández, que “actuou en beneficio de Baltar fillo para gañar un congreso e, consecuentemente, achandarlle o camiño para ser Presidente da Deputación de Ourense”.

Lembrou o noso Sº Xeral Provincial que o auto xudicial atende unha querella interposta polo fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, en relación a 104 contratacións realizadas en 2010 pola Deputación de Ourense e denunciadas, “esgotadas todas as vías políticas” polo Grupo Socialista, do que formaba parte o propio Fernández.

Este feitos son o “suficientemente graves”, continúa Fernández, como para que o PSdeG-PSOE “pida formalmente a dimisión de José Manuel Baltar como Presidente da Deputación de Ourense”.

O Voceiro do Grupo Socialista na Deputación, Ignacio Gómez, insistiu en que “o que está a dicir o Xuíz no auto é moi grave, porque vincula as contratacións a que José Manuel Baltar gañe o Congreso que lle permitiu ser logo Presidente da Deputación”. Para o edil socialista o propio Baltar fillo debera presentar voluntariamente a súa dimisión en coherencia coa demanda de transparencia e honorabilidade que esixe a outros compañeiros do seu propio partido “e aos que pide que se afasten do PP”. Agora “é el o que está en entredito”, afirmou.

Para nós a imputación do expresidente da deputación pode facerse extensiva a todo o grupo que apoiou esas prácticas e das que, na actual corporación “é responsábel o actual Presidente, José Manuel Baltar”, en verbas do compañeiro Gómez.

Os socialistas tamén esiximos responsabilidades ao Presidente da Xunta. “Feijóo sabía o que ocorría” afirmou Raúl Fernández. Culpamos ao Presidente galego e máximo responsábel do PPdeG de tolerar as prácticas caciquís de Baltar durante anos.

Pola súa banda, María Quintas, Sª de Organización Provincial, lembrou que o xefe do Executivo galego dixera que Baltar era o PP, polo que “Feijóo, aparte de explicar por qué veranea con narcotraficantes, ten que dar explicacións e debera esixi-la dimisión de Baltar”.

Ademais do asunto que centrou a comparecencia ante os Medios dos dirixentes socialistas, Fernández adiantou o interese de seguir a evolución doutros asuntos que ten o Partido Popular de Ourense, como o caso do alcalde de Baltar, “ás portas de acudir ao xulgado”, o do delegado da Xunta, Rogelio Martínez, ou o do alcalde de Carballiño, tamén imputado.

Pachi Vázquez pide a dimisión de Feijóo polas mentiras sobre a súa relación co narco Marcial Dorado

10/04/2013
By

O Sª Xeral Nacional, Pachi Vázquez, reclamou hoxe a dimisión de Feijóo como presidente da Xunta polas mentiras sobre a súa relación co narco Marcial Dorado. Durante a comparecencia do presidente da Xunta, o líder dos socialistas galegos dixo que “para ser presidente da Xunta e representar aos galegos e galegas hai que demostrar un comportamento ético intachábel antes e durante a ocupación do cargo”.

Vázquez desacreditou os “argumentos completamente inverosímiles” sobre a súa relación de dez anos co coñecido narcotraficante. Advertiulle ao presidente da Xunta que “estes feitos que vostede intenta ocultar e que formaban parte do seu pasado estarán presentes no seu futuro e aféctanlle gravemente como presidente da Xunta de Galicia”.

O compañeiro criticou as “catro grandes mentiras” de Feijóo con relación a este caso, como é que non soubese quén era Marcial Dorado no ano 95, que cortase toda a relación en canto o soubo, que “só son fotos” e que “acabou a infamia”. O líder socialista lembroulle que Dorado fora detido por contrabando en 1983, foi investigado por blanqueo de diñeiro en 1989 ou foi detido na Operación Nécora en 1990.

Sinalou que mentres o actual presidente da Xunta ocupaba altos cargos na Consellería e no Ministerio de Sanidade, entre 1991 e o 2000, Marcial Dorado era sinalado por toda a prensa da época como un dos capos do contrabando en Galicia. Puntualizou que ademais de mentir sobre o seu coñecemento acerca do narcotraficante “seguramente é vostede quen mais sabe del pola súa longa e intensa relación”.

Pachi Vázquez apuntou ademais que as intervencións telefónicas dos anos 2001 e 2003 acreditan que Feijóo non cortou toda relación no ano 1997, en contra do que asegurou publicamente. Ademais, desbotou a afirmación de Feijóo de que “só son fotos”, xa que “é a súa vida durante unha década” e evidencian “unha relación intensa á que vostede chega da man de Manuel Cruz”, amigo de Beccaría e testaferro do narcotraficante.

Finalmente, negou que se trate dun caso de “infamia”, tal e como ten criticado o Presidente da Xunta, xa que, lembrou, o propio Feijóo presentoulle ao entón presidente Manuel Fraga a súa dimisión “por esta relación e a existencia das fotos”. Preguntou se “daquela era causa do seu cese e agora son unha infamia?”.

Vázquez espetoulle a Feijóo que “vostede é unha mentira” logo de “levar quince anos con mentiras” nunha traxectoria na que “demostrou que vostede só está preocupado polo seu futuro, non o está pola imaxe de Galicia, o único importante para vostede é si afecta á súa carreira política”.

O líder socialista criticou o concepto de ética esgrimido por Feijóo, que no 2009 decía que “o Goberno non se pode fotografar en malas compañas, e se o fai ten que dimitir”, facendo alusión a unhas fotos tomadas polo entón vicepresidente Anxo Quintana cando nin sequera era candidato do BNG.

Lamentou que a ética de Feijóo lle permitira, sendo alto cargo da Consellería de Sanidade, “pasearse en iate pola ría” ou ir de viaxe e a pasa-la Fin de Ano cun coñecido narcotraficante, mentres toda Galicia percorría as rúas en contra da droga.

Dixo que “non é só mentir, é que todo isto aconteceu nun momento de drama social, con centros de mozos e mozas vítimas da droga, centos de familias destrozadas por esta causa e milleiros de persoas loitando nas rúas contra os autores desta lacra: os narcotraficantes como Marcial Dorado”.

 

ANEXO: primeira intervención de Pachi Vázquez

 

Sra. Presidenta., Sras. e Sres. Deputados., Sr. Feijóo:

Solicitamos a súa comparecencia no Parlamento de Galicia, para explicar algo que vostede ocultou durante moitos anos: a súa relación cun narcotraficante, Marcial Dorado, que hoxe cumpre condena de catorce anos de cárcere por ser detido cun alixo de 6 500 quilogramos de cocaína.

Intentou vostede, e sigue intentando, negar unha serie de evidencias, que non só o descualifican a vostede, senón que fan un dano inmenso á imaxe de Galicia e do seu goberno.

Non estamos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, estamos no Parlamento para analizar o seu comportamento ético e político.

Cando saiu á luz esta relación, pedímoslle, pola súa gravidade, explicacións, pero vostede cada vez que fala, en vez de dar explicacións, da argumentos completamente inverosímiles que non cre ninguén.

Estes feitos, que vostede intenta ocultar e que formaban parte do seu pasado, non teña dúbida que estarán presentes no seu futuro, e aféctanlle gravemente como Presidente da Xunta de Galicia.

“Non hai caso nin causa”: parece que non opinan o mesmo os xornais europeos e nacionais:
- Le Monde
- Il Corriere de la Sera

Sr. Feijóo:

O dixo vostede no ano 2009: “O Goberno non se pode fotografar en malas compañías, e se o fai ten que dimitir”. Cando o dixo non lle importaba:
•    Nin que as fotos ás que se refería foran de cinco anos atrás.
•    E ¡que sangue frío! ten vostede cando xa sabía que existían as fotos das que estamos falando.

Sr. Feijóo:

Dende que se soubo isto, vostede está intentando ocultar moitas cousas:

Vostede mantivo una relación persoal con Marcial Dorado dende 1995 ata 2003. Unha relación que non foi ocasional, foi intensa, mantida durante case unha década.

Para explicala, o fai con CATRO MENTIRAS:

1ª MENTIRA:
Que non sabía quen era Marcial Dorado no ano 95.  Un home que:
•    No ano 1983: foi detido por contrabando.
•    No ano 1989: foi obxecto dunha investigación internacional por blanqueo de diñeiro.
•    No ano 1990: foi detido na Operación Nécora, a maior acción xudicial e policial contra o narcotráfico en Galicia.
•    No ano 1992: foi incluído nun informe do Goberno Civil de Pontevedra sobre capos galegos, que circulou por toda Galicia.

COMO RESUMO:
Ensínolle as páxinas de catro xornais do ano 1990:
- ABC
- El Mundo
- El País
- La Voz de Galicia

¿QUEN ERA VOSTEDE DAQUELA?:

1991: Secretario Xeral Técnico da Consellería de Sanidade
1996 Secretario Xeral de Asistencia Sanitaria do Ministerio de Sanidade
2000: Presidente de Correos

¿QUE ESTABA SUCENDENDO EN GALICIA NAQUELES ANOS?

•    En 1994, a droga e a Sida eran a primeira causa de norte da mocidade entre 25 e 34 anos.
•    As asociacións contra a droga denunciaban aos responsables, entre eles, Marcial Dorado.
•    En 1993, máis de 15.000 persoas se manifestaron en Vilagarcía contra o narcotráfico, e mentres miles de galegos e galegas recorrían as rúas de Galicia, vostede recorría as rías no iate deste narcotraficante, sendo o número dous da Consellería de Sanidade.

É MENTIRA QUE VOSTEDE NON SOUBESE QUEN ERA MARCIAL DORADO.

SEGURAMENTE É VOSTEDE QUEN MÁIS SABE DE MARCIAL DORADO, POLA SÚA LONGA E INTENSA RELACIÓN.

2ª MENTIRA:

“Cando o souben no ano 97, cortei toda relación”. As intervencións telefónicas mostran que vostede seguiu falando con el nos anos 2001-2003.

¿Seguía sen saber quen era Dorado?

3ª MENTIRA:

“Sólo son fotos”. Non Sr. Feijóo: non son só fotos.

É a súa vida durante unha década: viaxando en iate, comendo na súa mansión, acompañándoo a Portugal, Andorra, Picos de Europa, Ibiza, Cascais, pasando a noite de fin de ano con el, ¿con quen se pasa a noite de fin de ano?

Sendo un alto cargo, ¿Quen pagou esas viaxes e festas? ¿Por qué? ¿Cal era o motivo desa amizade íntima?
¿Cantas viaxes máis hai?

Austeridade: ¿Non era vostede o austero?: iates, hoteis de luxo, viaxes, festas.
Non son só fotos, é una relación intensa á que vostede chega da man de Manuel Cruz, un bo amigo, chofer do señor Romay Becaría e testaferro de Marcial Dorado, que no ano 96-97, en plena relación súa,  compra gasolineiras para venderllas a persoas vinculadas con Marcial Dorado. Di Romay Beccaría que todo está ben, ¡menudo aval!, tería que explicar el que relación tiña co seu chofer.

4ª MENTIRA:

“Acabou a infamia”, ¿que infamia?

Cando vostede lle presenta a súa dimisión ao Sr. Fraga por esta relación e fotos, non era unha infamia?

¿Daquela era causa do seu cese, e agora son una infamia?

Sr. Feijóo:

Vostede é unha mentira.

Leva 15 anos con mentiras.

Vostede só está preocupado polo seu futuro:

•    Non o está pola imaxe de Galicia
•    O importante é se afecta á súa carreira política

Sr. Feijóo:

Vostede ocultou a Galicia o seu pasado cun narcotraficante, e cando se descubriu lle mentiu a Galicia e a España.

Mentiu dicíndolle que non sabía quen era Marcial Dorado; que só eran unhas fotos como outras moitas.

Mentiu dicíndolle que acabara a súa relación en 1998, e agora sabemos que falaba con el entre 2001 e 2003.

Sr. Feijóo:

Vostede sigue ocultando moitas cousas.
Vostede mentiu reiteradamente.
Eu lle pregunto e conteste. É fácil: si ou non.

•    Segue mantendo vostede que un cargo público non debe fotografarse con malas compañías e debe dimitir? ¿Era vostede un cargo público cando andaba de iates con Dorado? ¿Era Dorado unha mala compañía?
•    ¿Segue mantendo vostede aquí, no Parlamento, diante de toda Galicia, que non sabía quen era Marcial Dorado nin a qué se dedicaba?
•    ¿Segue mantendo vostede que cortou toda relación con Dorado no ano 1997? ¿Minte  a Xustiza ao afirmar que hai conversas gravadas entre vostede e Dorado no 2001, 2002 e 2003? ¿Minte a Xustiza ou minte vostede? ¿No 2003 seguía sen saber quén era Dorado? ¿Por qué falaba con el?
•    Di vostede que o amedrentaron cos estas fotos, que é un ataque persoal e que é una infamia. ¿Cre vostede que as galegas e os galegos teñen dereito a saber se o seu presidente está sendo ameazado e quén o ameaza? ¿Quen o ameazou? ¿Ségueno ameazando? ¿Con qué?
•    Aínda non lle escoitamos pedir perdón nin desculparse por este episodio que vostede cualifica de infamia. ¿Vaise desculpar ou cree vostede que debemos pedirlle perdón aos galegos por pedirlle explicacións e transparencia? ¿Temos que desculparnos os galegos por pedirlle que nos diga a verdade?

 

ANEXO: segunda intervención de Pachi Vázquez

 

Sr. Feijóo:

Está vostede inmerso no gran dilema: ser ou non ser.

•    Ser ético ou non selo.
•    Ser transparente ou non selo.
•    Ser responsábel ou non selo.
•    Asumir o seu comportamento ou non asumilo.
•    Actuar como pide vostede que actúen os demáis, ou non facelo.

Mentir é o peor que se pode facer cando está en xogo a credibilidade das institucións, a credibilidade do seu Goberno, e a súa propia credibilidade.

Vostede cre que negando a evidencia pode borrar  o acontecido, pero nada máis lonxe da realidade.

Vostede, señor Feijóo, é una mentira.

Sr. Feijóo:

Descubrimos que leva vostede máis de quince anos vivindo na mentira, ocultando as súas amistades perigrosas, ocultando os motivos polos que tiña unha estreita relación con Marcial Dorado, polos que viaxaba con el, que celebraba o fin de ano con el.

Quince anos ocultando a súa amizade con Manuel Cruz, o chófer de Romay Beccaría, que compraba empresas e as poñía a nome de Marcial Dorado nas mesmas datas nas que vostede compartía iate, hoteis e viaxes (1996, 97 e 98).

Sr. Feijóo:

Por moito que intente ocultalo, a súa relación de máis dunha década con Marcial Dorado e as súas mentiras, inhabilítano para seguir sendo presidente de Galicia.

Vostede, que esixía ao anterior presidente facturas das súas vacacións, non recorda agora quen lle pagaba as viaxes, os hoteis, as festas, os luxos.

Infamia é mentirlle a Galicia para ocultar que vostede, sendo un alto cargo, viviu dez anos relacionándose cun dos maiores narcotraficantes de Galicia.

Sr. Feijóo:

A ética comeza por un mesmo.
Ninguén cun lastre como este pode continuar dirixindo os designios de todos os galegos e galegas.

Para ser Presidente da Xunta e representar a todos os galegos e galegas, hai que demostrar un comportamento ético intachábel antes e durante a ocupación dese cargo.

Vostede, a día de hoxe, non conta con este aval:

•    Xa non é só o significado destas fotografías e de todos os feitos graves que se coñecen.
•    Xa non é só a súa fráxil memoria e a insuficiencia das súas explicacións.
•    Xa non é só mentir.
•    É que todo isto aconteceu nun momento de auténtico drama social, con centos de mozos e mozas vítimas da droga, centos de familias destrozadas por esta causa, e milleiros de persoas loitando nas rúas contra os autores desta lacra, os narcotraficantes como Marcial Dorado.

Señor Feijóo:

Vostede non veu aquí a dar explicacións, senón a autoexculparse.

Vostede non veu aquí a pedir desculpas, senón a facer de vítima.

Vostede non veu aquí a aclara-lo sucedido, senón a insidiar aos demáis.

Vostede, señor Feijóo, quere pasar polo adaíl da democracia, da ética, da transparencia e da austeridade, pero o seu comportamento demostra que é todo o contrario.

Se isto que lle está pasando a vostede lle ocurrise a calquera dos que estamos nesta Cámara, a calquera deputado ou deputada da oposición, vostede non tería tardado un minuto en pedi-la súa dimisión inmediata.

Diría que é intolerábel e amoral que seguise representando á cidadanía no seu cargo.

Aplíquese vostede a mesma regra que lle reclama aos demáis e dimita.

Vostede non pode seguir sendo o Presidente da Xunta.

Non pode seguir gobernando como se non tivese pasado nada.

O que pasou é o máis grave que nunca lle sucedeu a un Presidente da Xunta de Galicia, e isto só pode resarcirse coa súa dimisión.

Pachi Vázquez afirma que a Feijóo se lle está a cae-lo castelo de naipes de adaíl da transparencia e da austeridade, e cre que aínda se coñecerá máis a fondo a súa relación con Dorado

06/04/2013
By

IMG-20130406-WA0004

O Secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con cargos institucionais e orgánicos socialistas da provincia de Ourense e militantes e simpatizantes de Ribadavia. Unha xornada sobre os problemas da xente que contrasta coa parálise e a mentira na que está inmerso o goberno galego e o PP, a xuízo do compañeiro.

Nunha pausa para a atención aos Medios de Comunicación, Vázquez referiuse á publicación das fotos de Marcial Dorado co Presidente Feijóo, para salienta-lo “inmenso dano que lle fan a este país”, porque, explicou, “retrotráennos a unha época na que se vinculaba a Galicia cunha actividade denostada pola sociedade; e, sobre todo, porque cada día que fala el ou alguén do seu entorno, se comproba que está mentindo, ocultando, tratando de tapar algo sobre o que xa ninguén o cre”.

A este Presidente, que era “o adaíl da transparencia e a austeridade”, todo lle está a caer coma se fose un castelo de naipes, afirma o noso compañeiro, quen afirmou que, coma calquera galego ou galega, el pasa o fin de ano en familia e coas persoas que mais estima, mentres que “Feijóo pasaba o Fin de Ano con Marcial Dorado, e non hai ningún galego que non pase o fin de ano con alguén con quen teña moita relación”, sinala o dirixente socialista.

Preguntado polas declaracións do Valedor do Pobo nas que afirmaba que as fotos publicadas non tiñan interese xornalísitico, Pachi Vázquez replicoulle que o pobo ao que ten que defender é ao pobo galego, “o que se manifestaba polas rúas nos anos 90 contra os narcotraficantes, cando o actual Presidente da Xunta paseaba en iate cun dos maiores” deles; e pediulle ao Valedor que defenda “aos que sofren, ás familias que tiveron vítimas do narcotráfico, aos que seguen cunha vinculación co mundo da drogadición”, lémbrándolle que Marcial Dorado está na cadea por estar relacionado cun alixo de 6 500 quilos de cocaína. Vázquez advertiu: “xa está ben de dobre moral: o Valedor ten bastante que facer sen meterse en charcos”.

O Secretario Xeral Nacional anunciou que os socialistas preguntaremos ao Ministro de Xustiza polo feito de que a Policía lle pedira ao xuíz que saíse a defender a Feijóo. “No sistema xudicial que coñezo, nunca a Policía manda ao xuíz, senón ao revés”, lembrou o compañeiro, quen tamén se preguntou acerca de que pintan nesta relación de nove anos de Feijóo con Dorado a Policía e o xuíz. “¿Qué houbo para dicir que non hai nada?; ¿cómo pode absolve-lo xuiz Taín, como di o PP, se non houbo investigación?”, plantexou Vázquez, quen en todo caso, dixo non compartir a visión dese xuíz verbo da relevancia da fotografías atopadas no rexistro ao ‘narco’, e se puxo no caso confesando: “se vexo que o número dous da Consellería de Sanidade está en moitas fotos con este señor non se me ocorrería pensar que non teñen importancia”.

O compañeiro insistiu na diferente acción política de socialistas e populares: “nós estamos a traballar noutra cousa diferente, como, por exemplo, en por qué han ter que paga-lo autobús escolar os rapaces de Ribadavia; porque, aínda que a lei di que os habitantes do rural estarán exentos de paga-lo transporte e o comedor escolar”, a Xunta lles aplica unha taxa, concluindo que Galicia ten “un Goberno que se adica a enganar”.

Pachi Vázquez instou á Xunta de Feijóo a que invite “a ve-los floteis a Vigo, os coches eléctricos de Melón e o dique flotante de Ferrol”, denunciando que o goberno galego “está agochado e agocha ao seu Presidente”, quen pronto, como en Madrid, “fará segui-las rodas de prensa por unha televisión de plasma”.

Preguntado acerca da postura do PP sobre o AVE a Galicia e a estación de Ourense, o compañeiro Vázquez afirmou que “os mesmos empresarios que non lles chegaba co AVE, a estación soterrada, Norman Foster e dous ovos fritidos, agora din que non precisan nada, que non queren líos”, concluindo que existe unha dobre moral da dereita empresarial e política de Ourense que leva a votar unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid, á que contrapuxo o feito de que “os socialistas só temos unha postura, o xogamos todo a unha soa carta: a estación central do AVE galego en Ourense”; e advertiu de que traballar contra iso “é alta traizón”, lembrando que “o PP pasou de esixir no pacto do Obradoiro datas e máis cada quince días, a dicir que carece de importancia”.

Nese senso, o Secretario Xeral laiouse de que aos de Ourense “nos toca outra vez apandar e que nos saquen o pouco que temos”, e insistiu en que, sendo realistas, “tócanos á terceira cidade de Galicia se-la estación central” do país, advertindo: “xa está ben de traizoar a esta provincia e a esta cidade”.