Xustiza

O PSdeG-PSOE de Ourense apoia a folga indefinida na xustiza galega ante a bochornosa desvergoña da Xunta cos empregados e empregadas públicas

Membros da executiva provincial acudiron á concentración celebrada hoxe nos xulgados de Ourense, en solidariedade coas reivindicacións dun colectivo discriminado con respecto ao resto do Estado

Os socialistas din que: “é un paro nacido da dignidade dun sector que ve como se pisotean os seus dereitos e non se atenden as demandas de aumento de persoal que redundaría en beneficio de todas e todos”

WhatsApp Image 2018-02-09 at 13.14.35 (1)

 

Ourense, 9 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense apoia  e secunda a folga indefinida dos e das empregados e empregadas públicas da xustiza galega na súa loita contra os recortes que leva practicando o goberno de Núñez Feijóo desde hai 5 anos. Membros da executiva provincial do PSOE acudiron á concentración celebrada hoxe nos xulgados de Ourense, en solidariedade coas xustas reivindicacións dun colectivo discriminado con respecto ao resto do Estado. Os socialistas reclaman, ademais, que o goberno autonómico se sente a negociar e acabe coa folga para evitar que se produzan máis atrasos nos procedementos xudiciais.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que esta folga iniciada o pasado mércores 7 de febreiro “é un paro nacido da dignidade duns traballadores e traballadoras que ven como se conculcan os seus dereitos salariais e como non se atenden as súas demandas de aumento de persoal que redundaría en beneficio de todas e todos”. O malestar do colectivo de empregados e empregadas públicos da xustiza que xa provocara xornadas de protesta anteriores ven xustificado polo maltrato continuo que exerce o goberno da Xunta de Galicia sobre uns 2.500 funcionarios e funcionarias xudiciais, aplicando desde hai anos recortes que levaron a unha redución de salario dun 20%.

Os e as socialistas consideran que esta folga vai provocar aínda máis lentitude nuns xulgados ateigados de traballo e non entenden que provoca a pasividade da Xunta ante unhas reivindicacións que están sendo secundadas por unha media do 95% do persoal. Desde o PSOE consideran que o goberno de Feijóo, asemade, está sendo contraditorio coas propias consignas do Partido Popular posto que “se eles andan pregoando que xa chegou a recuperación económica non se entende que non se lles devolva o equivalente á redución que lles foi aplicada entre os anos 2013 e 2016”. “Ademais falamos da única comunidade do Estado español na que se aplicou este recorte salarial sobre o colectivo de traballadores/as xudiciais cuxo salario depende en parte do goberno autonómico”, destacan.

Por outra banda, os socialistas indican que os sindicatos falan de reclamacións de subas salariais do 16% co obxectivo de recuperar parte dos cartos perdidos cando se lles aplicaron as reducións. É dicir, están a reclamar unha suba que está 4 puntos por baixo da porcentaxe que se lles aplicou no seu momento. Ademais, coidan que sendo os e as empregados e empregadas da xustiza galega, os e as únicos en sufrir estes retallos que oscilaron entre os 10.000 e 3.500 euros por traballador, están a padecer unha clara discriminación e desvantaxe comparativa. Porén, este colectivo tamén reclama a actualización dos seus salarios, toda vez que levan desde 2010 sen facelo.

De todos xeitos, segundo denuncian os propios sindicatos dos e das traballadores e traballadoras, o presidente da Xunta non só fai caso omiso das reivindicacións senón que ata parece usar a prepotencia ante colectivo agraviado. No día de onte retou ás organizacións sindicais a que cuestionaran a súa oferta de suba salarial cando, coas cifras na man, o goberno autonómico oferta un aumento para aplicar aínda no ano 2021 que deixaría aos e ás empregados públicos xudiciais por debaixo da media do que se cobra no resto dos territorios estatais na actualidade, sen contar coas subas que se lles efectúen no resto do Estado. Desde o PSdeG-PSOE ourensán conclúen que Feijóo falta á súa responsabilidade como máximo gobernante deste país ao permitir que continúe unha folga que vai prexudicar ao conxunto de toda a sociedade, mentres el non atende as xustas reclamacións laborais e de mellora do servizo dun colectivo especialmente castigado polo goberno galego.